Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 07 de novembro de 2000 Páx. 14.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de setembro de 2000 pola que se traslada a oferta de ensinanzas de centros de educación permanente de adultos e aulas de educación permanente de adultos a institutos de educación secundaria.

Segundo a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 52, prevé que as persoas adultas que queiran adquirir coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades, co propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, e que aquelas persoas que teñan o título de graduado escolar poidan acceder a programas ou a centros docentes que lles axuden a alcanza-la formación básica prevista na mencionada Lei para a educación básica obrigatoria.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no seu artigo 11 que as ensinanzas de adultos poderán impartirse en centros ordinarios de ensino non universitario que autorice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por outra parte, mediante a Orde do 4 de setembro de 2000 autorizouse impartir ensinanzas de educación de adultos en certos institutos de educación secundaria.

Coa finalidade de ofertar coas necesarias garantías de calidade o novo deseño das ensinanzas de adultos de acordo coas previsións da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e co ánimo de facilitar que se cursen ensinanzas de adultos alí onde se demandan, e que estas se poidan ofertar con apoio de medios e espacios axeitados, trasládase a oferta de ensinanzas de educación de adultos que ata o de agora se viñan impartindo en centros específicos e aulas en centros ordinarios a institutos de educación secundaria adaptados para imparti-las novas ensinanzas. En

definitiva, trátase de mellora-la calidade e potencia-la oferta das ensinanzas das persoas adultas, á vez que se rendibilizan os recursos educativos existentes.

Na súa virtude, e no uso das competencias que ten atribuídas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo traslado da oferta educativa que se viña impartindo nos centros e aulas de educación de adultos ós institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo.

Segundo.-O profesorado afectado polo punto primeiro que estea adscrito de forma definitiva ós centros e aulas de educación de adultos incorporarase nas mesmas condicións ós institutos de educación secundaria que lle corresponda, impartindo as ensinanzas para as que estaba autorizado nos centros de procedencia, e así mesmo, sempre que posúa a especialidade, poderá imparti-los módulos un e dous do nivel III de educación secundaria para adultos establecido na orde do 26 de maio de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

A oferta educativa dos centros e aulas de educación da adultos relacionados na primeira columna trasládase ós institutos de educación secundaria que se correspondan na segunda columna.

A Coruña

Centros de educación de adultos Institutos de educación secundaria

Centro EPA de Noia15026731IES Campo de San Alberto. Noia.

Lugo

Aulas EPA en centros públicosInstitutos de educación secundaria

Aula EPA no CEIP Ramón Falcón. Castro de Rei.27015891IES da Terra Chá. Castro de Rei.

Pontevedra

Centros e aulas EPAInstitutos de educación secundaria

Centro EPA de Marín36015159IES Chan do Monte. Marín.
Aula EPA no CPI Cova Terreña. Baiona.36019657IES Primeiro de Marzo. Baiona.