Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 24 de outubro de 2000 Páx. 14.402

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de octubre de 2000 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas no sector das forraxes desecadas.

O Regulamento (CE) 603/1995, do Consello, do 21 de febreiro, que establece a organización común de mercado (OCM) no sector das forraxes desecadas,

modificado, por última vez, polo Regulamento (CE) 1347/1995, do Consello, do 9 de xuño, prevé un réxime de axudas para os productos incluídos na dita OCM.

As disposicións de aplicación do Regulamento 603/1995 veñen establecidas no Regulamento (CE) 785/1995, da Comisión, do 6 de abril, modificado, por última vez, polo Regulamento (CE) 676/1999, da Comisión, do 26 de marzo.

A normativa básica estatal relativa ó réxime de axudas no sector das desecadas vén establecida no Real decreto 283/1999, do 22 de febreiro.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, modificado posteriormente polo Decreto 180/2000, do 22 de xuño, correspóndelle ó dito instituto, entre outras funcións, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados, na Comunidade Autónoma de Galicia, como, neste caso, a concesión das axudas para o sector das forraxes desecadas.

Con base no anterior, esta orde establece o procedemento para a tramitación e concesión das ditas axudas nesta Comunidade Autónoma.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento para a concesión das axudas ós productos incluídos na OCM das forraxes desecadas, que se relacionan no artigo 1 do Regulamento (CE) 603/1995, do Consello, e conforme se definen no punto 1º) do artigo 2 do Regulamento (CE) 785/1995, da Comisión.

Artigo 2º.-Condicións dos productos obxecto de axuda.

As axudas concederanse para as forraxes desecadas sinaladas no artigo anterior que tiveran saída das empresas transformadoras e que cumpran as condicións de calidade, humidade e proteína bruta previstas nos artigos 8 do Regulamento 603/1995 e 3 do Regulamento 785/1995.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As axudas reguladas nesta orde concederanse, unicamente, ás empresas de transformación, conforme se definen no punto 2º do artigo 2 do Regulamento 785/1995, debidamente autorizadas polo Ilgga, que cumpran os requisitos sinalados no artigo 8º desta orde, e transformen os productos mencionados no artigo 1º, coa seguinte procedencia:

-Empresas que celebren contratos cos productores de forraxes para desecar.

-Empresas que transformen a súa propia producción ou, no caso de agrupacións, da dos seus membros, obtida en parcelas que foran obxecto dunha declaración de superficies forraxeiras.

-Empresas que obteñan as subministracións de compradores de forraxes autorizadas polo Ilgga, que celebren, pola súa vez, contratos cos productores das forraxes que hai que a transformar.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización das empresas de transformación.

1. Para poder percibi-las axudas previstas nesta orde, as empresas de transformación interesadas terán que estar previamente autorizadas polo Ilgga.

2. Para a súa autorización, as ditas empresas presentarán unha solicitude de autorización, conforme o modelo do anexo I, xuntando a ela unha memoria técnica que inclúa, alomenos, as seguintes indicacións:

a) Descrición do recinto da empresa de transformación e, en particular, dos lugares que sirvan para a entrada e almacenamento das forraxes e, no seu caso, outros productos que foran transformarse; dos destinados ó almacenamento e saída de productos acabados; e da situación das instalacións de transformación.

b) Descrición das instalacións técnicas e, en particular, dos fornos de deshidratación, con indicación da capacidade de evaporación por hora e da temperatura de funcionamento; das instalacións de trituración e de pesaxe, que sirvan para realiza-las operacións de deshidratación de forraxes frescas, de molturación das secadas ó sol, de fabricación de concentrados de proteínas a partir de zume de alfalfa e herba, ou de obtención de productos deshidratados a partir das anteriores.

c) Lista dos productos denominados como «engadidos», de acordo co disposto no artigo 2, punto 5º, do Regulamento (CE) 785/1995, utilizados antes ou durante o proceso de transformación; así como outra lista indicativa dos demais productos utilizados na fabricación e dos productos acabados.

d) Os rexistros da contabilidade material, conforme os modelos que se xuntan como anexo IV desta orde, que permita un seguimento diario das cantidades de productos que entren para seren procesados, indicando a especie e a porcentaxe de humidade; das cantidades producidas; das cantidades e calidade das forraxes que saian; e das cantidades de aglutinantes ou de calquera outro engadido que se utilice na fabricación. En todo caso, deberán conte-los datos esixidos no artigo 9 do Regulamento 603/1995 e no artigo 12 do Regulamento 785/1995.

Artigo 5º.-Solicitudes de autorización dos compradores de forraxes.

As persoas físicas ou xurídicas que compren mercadorías ós productores de forraxes frescas para entregalas ás empresas de transformación, conforme se indica no terceiro guión do artigo 3º desta orde, para obteren a autorización como comprador de forraxes para desecar e triturar, deberán presentar unha solicitude, conforme o modelo do anexo II, comprometéndose ó cumprimento das condicións previstas no artigo 9º desta orde.

Artigo 6º.-Prazo e forma de presentación das solicitudes de autorización.

1. As solicitudes de autorización previstas nos artigos 4º e 5º desta orde presentaranse con anterioridade ó quince de marzo de cada ano.

2. Non obstante o anterior, e con carácter excepcional, poderán admitirse as solicitudes de autorización que se presenten ata o trinta de abril.

Neste caso, entenderase que a empresa está provisionalmente autorizada mentres non se conceda a autorización definitiva.

Transcorrido o dito prazo, entenderase que as solicitudes son para a campaña de comercialización seguinte.

3. As solicitudes de autorización dirixiranse ó director do Ilgga e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga ou por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Resolución de autorización.

1. Efectuada a comprobación de que os interesados en obte-las autorizacións a que se refiren os artigos 4º e 5º desta orde cumpren os requisitos establecidos nos regulamentos (CE) 603/1995 e 785/1995, o respectivo servicio provincial do Ilgga elevará proposta, a través do delegado provincial do instituto, ó director do Ilgga, para que dicte a correspondente resolución, con anterioridade ó inicio da campaña de comercialización (un de abril de cada ano) ou, no suposto previsto no punto 2º do artigo anterior, antes do transcurso dos dous meses seguintes ó inicio da campaña. Na falta de resolución expresa neses prazos, entenderanse concedidas as autorizacións por silencio administrativo.

2. No suposto de modificación, durante a campaña de comercialización, dalgunha das indicacións previstas na memoria técnica a que se refire o punto 1 do artigo 4º, as empresas de transformación autorizadas deberán comunica-la dita circunstancia ó Ilgga, no prazo dos dez días naturais seguintes á dita modificación, co obxecto de confirmar, se procede, a súa autorización.

3. As autorizacións concedidas terán validez mentres non se retiren expresamente. Non obstante, as empresas de transformación e os compradores de forraxes que dispoñan de autorización de anteriores campañas, deberán comunicar por escrito ó director do Ilgga a súa intención de mante-la autorización para actuar na nova campaña. A dita comunicación terá que presentarse no mesmo prazo previsto no punto 1 do artigo 6º.

Artigo 8º.-Obrigas das empresas de transformación.

As empresas de transformación autorizadas deberán cumpri-las seguintes obrigas:

a) Procesa-la forraxe adquirida, exclusivamente, segundo algunha das modalidades previstas no artigo 3º desta orde.

b) Destinar unicamente á deshidratación a forraxe que chegue á planta de transformación picada, non empacada, con máis do 30 por cento de humidade, cun período de retención máximo, desde a entrada

cedente de parcelas situadas a unha distancia máxima de 100 km daquela planta.

Non obstante o anterior, nos casos en que a forraxe proceda de parcelas situadas a unha distancia superior, as entradas comunicaranse, previamente, alomenos, cunha antelación dunha hora e trinta minutos, debendo realizarse en días laborables, agás sábados, entre as 9 e as 19 horas, así como xustificarse a utilización dun medio de transporte especializado.

c) Nos supostos en que se simultaneen os procesos, efectua-la fabricación e almacenamento dos productos obtidos a partir de forraxes secadas ó sol en locais ou lugares distintos a aqueles onde se realice a fabricación de forraxes deshidratadas ou concentrados de proteínas. En todo caso, prohíbese a mestura, na empresa de transformación dos productos pertencentes a ámbolos grupos de forraxes.

Ademais, cando se pretenda efectuar algunha das operacións previstas no punto 2º do artigo 3 do Regulamento 785/1995, deberá solicitarse auotrización previa do correspondente servicio provincial do Ilgga, que determinará as condicións da súa realización e supervisará as ditas operacións.

d) Levar unha contabilidade de existencias diaria, de acordo co contido dos modelos do anexo IV desta orde, coas indicacións establecidas na alínea a) do artigo 9 do Regulamento 603/1995, así como no artigo 12.1º do Regulamento 785/1995.

A dita contabilidade establecerase por separado para as forraxes deshidratadas, para as forraxes secadas ó sol, para os concentrados de proteínas, e para productos deshidratados, como se definen no punto 1º do artigo 2 do Regulamento 785/1995. Ademais, nos casos en que se deshidraten ou elaboren productos distintos ós anteriores, levarase unha contabilidade específica relativa ás outras actividades de deshidratación ou elaboración.

e) Comunicar por escrito ó servicio provincial do Ilgga, nos dez primeiros días hábiles de cada mes, as porcentaxes medias ponderadas de humidade das forraxes para deshidratar utilizadas polas empresas de transformación, desagregando a información en tres epígrafes, correspondentes ós días 1 ó 10, 11 ó 20 e 21 ó final do mes.

f) Presenta-las copias dos contratos das declaracións de superficie e de entrega, e a listaxe ou soporte magnético coas parcelas agrícolas incluídas nos contratos e declaracións, nos prazos establecidos no artigo 14º.

g) Efectua-las tomas de mostras e a determinación do peso das forraxes desecadas, no momento en que saian da empresa.

h) Comunicar ó servicio provincial do Ilgga o programa de saídas de forraxes desecadas subvencionable, que fora saír da empresa, cunha antelación mínima de dous días hábiles.

i) Utilizar un secadoiro que cumpra as condicións de temperatura do aire, tempo de paso das forraxes e espesor de camada, que se prevén na alínea a) do punto 2º do artigo 2 do Regulamento 785/1995. En todo caso, a detección de que a temperatura do aire, no momento da entrada da forraxe no secadoiro, non é inferior a 350º C, realizarase mediante unha sonda instalada na dita entrada.

j) Presenta-los xustificantes necesarios para a correcta comprobación do seu dereito ás axudas e, en particular, aqueles a que se refire o artigo 13 do Regulamento 785/1995, que lle foran solicitados polo Ilgga.

k) As restantes condicións previstas nos regulamentos 603/1995 e 785/1995.

Artigo 9º.-Obrigas dos compradores de forraxes.

Os compradores de forraxes autorizados deberán cumpri-las seguintes obrigas:

a) Presentar ante o servicio provincial do Ilgga unha copia dos contratos e unha listaxe ou soporte magnético que conteña tódalas parcelas agrícolas incluídas nos ditos contratos, nos prazos que se indican no artigo 11º.

b) Levar un rexistro dos productos de que se trate, conforme o contido do modelo que se xunta como anexo 5 á esta orde.

c) Poñer ó dispor do Ilgga a súa contabilidade financeira.

d) Facilita-las operacións de control.

Artigo 10º.-Suspensión temporal das autorizacións.

As autorizacións concedidas conforme o disposto no artigo 7º desta orde poderán ser suspendidas temporalmente polo director do Ilgga, por un período comprendido entre tres meses e dúas campañas, en función da gravidade da infracción, cando as empresas de transformación ou os compradores de forraxes deixen de cumprir algún dos requisitos previstos na normativa comunitaria ou das obrigas previstas nos artigos 8º e 9º desta orde.

Artigo 11º.-Contratos de subministración de forraxes.

1. Os contratos de subministración de forraxes que foran transformarse, celebrados por escrito entre as empresas de transformación e compradores de forraxes cos productores, nos supostos do primeiro e terceiro guión, inciso final, do artigo 3º desta orde, incluirán, alomenos, as seguintes especificacións:

a) Nome e apelidos e enderezo das partes contratantes.

b) Data da sinatura do contrato.

c) Período de validez.

d) Especie ou especies de forraxes que foran transformarse, así como a cantidade previsible.

e) Identificación das parcelas agrícolas nas que se cultiven as forraxes que foran a transformarse, conforme o sistema alfanumérico de identificación previsto no sistema integrado de xestión e control, establecido no Regulamento (CEE) 3508/1992, do Consello, do 27 de novembro.

f) Prezo que se pagará ós productores pola forraxe verde e, se é o caso, pola forraxe secada ó sol.

g) As condicións de entrega e pagamento.

2. Nos contratos previstos no primeiro guión do artigo 3º desta orde que teñan por obxecto un pedido especial para a transformación de forraxes subministradas polos productores, deberase precisar, ademais do sinalado no número anterior, o seguinte:

a) Superficie da cal a colleita se destine á entrega.

b) A obriga da empresa transformadora de aboar ós productores a axuda establecida nesta orde, que as ditas empresas reciban polas cantidades transformadas en virtude do contrato.

3. Os contratos de compravenda de forraxes con destino á súa transformación axustaranse ó modelo de contrato-tipo homologado previsto na Orde do MAPA, de 5 de abril de 2000 (BOE nº 92, do 17).

Artigo 12º.-Declaracións de superficie e de entrega de forraxes para a súa transformación.

1. As declaracións de superficie que deberán realizar, por escrito, as empresas de transformación que elaboren a súa producción ou a dos seus asociados, nos supostos do segundo guión do artigo 3º desta orde, incluirán, alomenos, as especificacións previstas no modelo do anexo VI.

2. A identificación das parcelas agrícolas realizarase conforme o sinalado na alínea e) do punto 1 do artigo anterior.

Tódalas parcelas incluídas nos contratos a que se refire o artigo anterior e nas declaracións de superficie do número 1 deste artigo deberán figurar nas declaracións da campaña de comercialización correspondente, efectuadas conforme o Regulamento (CE) 1251/1999, do Consello, do 17 de maio, polo que se establece un réxime de apoio ós productores de determinados cultivos herbáceos.

3. As declaracións de entrega expedidas, por escrito, nos supostos en que a empresa se abasteza de compradores de forraxes autorizados (primeiro inciso do terceiro guión do artigo 3º desta orde), incluirán, alomenos, os datos sinalados no modelo do anexo VII.

Artigo 13º.-Rendementos previsibles.

1. Para os efectos de formaliza-los contratos e declaracións a que se refiren os dous artigos anteriores, consideraranse os seguintes rendementos previsibles, referidos ó 12% de humidade:

a) Alfalfa: rendemento de 12.000 kg/hectárea.

b) Pradería leguminosas-gramíneas: rendemento de 13.500 kg/hectárea.

2. Cando as entregas de forraxe con cargo a un contrato ou declaración superen en máis dun 10% a cantidade sinalada no número anterior, a empresa de transformación ou comprador deberá proceder á súa ampliación, comunicándolle por escrito a dita circunstancia ó servicio provincial do Ilgga, previamente a que se produza, coa correspondente aceptación do productor, se é o caso.

Artigo 14º.-Prazo de celebración e presentación dos contratos e declaracións.

1. Os contratos e declaracións de superficie e de entrega celebraranse cunha antelación, alomenos, de dous días hábiles á data da primeira entrega e coa data límite do 14 de setembro seguinte ó inicio da campaña de que se trate.

2. Unha copia dos contratos e das declaracións de superficie e de entrega, xunto cunha listaxe ou soporte magnético que conteña tódalas parcelas agrícolas que se inclúan naqueles, serán presentadas pola empresa de transformación, no servicio pro-

vincial do Ilgga, con data máxima do 15 de setembro seguinte ó inicio da campaña.

3. Os compradores de forraxes autorizados deberán presentar, con data máxima do día 15 de cada mes, unha copia dos contratos formalizados durante o mes anterior.

4. Non obstante o previsto nos dous números anteriores, nos cultivos de especies anuais, en tódalas modalidades de contratación ou producción propia, a copia dos contratos ou declaracións presentaranse, como máximo, quince días hábiles antes de proceder á sega.

5. Sen prexuízo do sinalado nos catro números anteriores, os contratos e as declaracións poderán establecerse ata o 28 de novembro e presentarse ata o 30 de novembro seguinte ó inicio da campaña. Neste caso, a execución dos contratos e declaracións para a transformación das materias primas soamente poderá efectuarse precedendo confirmación expresa da dirección do Ilgga, logo de que os servicios provinciais efectúen as comprobacións a que se refire o punto 6º do artigo 8 do Regulamento 785/1995.

Artigo 15º.-Solicitudes de axuda.

1. As empresas de transformación autorizadas que estean interesadas en obte-las axudas previstas nesta orde deberán presentar unha solicitude conforme o modelo do anexo III desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ó director do Ilgga e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga ou por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo de presentación será de corenta e cinco días naturais, contados a partir do seguinte á finalización do mes no que saíran as forraxes da empresa de transformación, pola cantidade de forraxes desecadas que tiveran saído durante o dito mes.

Non poderá presentarse ningunha solicitude de axuda para unha campaña determinada despois do quince de abril seguinte á finalización dela.

4. Non obstante o disposto no punto anterior, admitiranse as solicitudes presentadas ata vinte días naturais seguintes ós ditos prazos, aplicándose, agás supostos de forza maior, unha reducción do 1% do importe da axuda por cada día hábil, agás sábados, de atraso.

5. As solicitudes presentadas transcorridos eses vinte días non serán admitidas.

Artigo 16º.-Documentación complementaria á solicitude.

1. Sen prexuízo da documentación que teña que achega-la empresa de transformación, nos prazos indicados nos artigos desta orde, coa solicitude xuntarase a seguinte:

a) Copia da contabilidade de existencias referida ó mes precedente.

b) Copia dos contratos ou declaracións formalizados no mes á que se refire a solicitude.

c) Se é o caso, as garantías necesarias para percibi-los anticipos a que se refire o artigo 18º desta orde.

d) Unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo fin polas distintas administracións públicas competentes.

2. Ademais, os solicitantes deberán acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Tramitación e resolución das solicitudes.

1. Os servicios provinciais do Ilgga, logo de efectua-los controis pertinentes e, en todo caso, logo de comprobación do dereito á axuda, elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do instituto sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

2. Nos supostos en que a empresa solicitante percibira anticipos con anterioridade á resolución, de acordo co previsto no artigo seguinte, o pagamento da axuda consistirá, de se-lo caso, no aboamento do saldo resultante da eventual diferencia entre a coantía do anticipo e o importe total da axuda que corresponda.

3. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de dous meses desde a finalización dos controis polo servicio provincial do Ilgga a que se refire o artigo 20º desta orde.

4. Na falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 18º.-Anticipos e garantías.

1. Non obstante o disposto no artigo anterior, puntos 1º e 3º, desta orde, e logo de que a forraxe desecada abandonara a empresa transformadora, esta poderá solicita-lo anticipo previsto no artigo 6 do Regulamento 603/1995, por uns importes de 55,06 euros/tonelada, para as forraxes deshidratadas, concentrados de proteínas e productos deshidratados, e de 30,91 euros/tonelada, para as forraxes desecadas ó sol.

O dito anticipo solicitarase mediante indicación expresa na propia solicitude da axuda, xuntándolle unha garantía, a favor do Ilgga, polos importes, respectivamente, de 13,76 e 7,73 euros/tonelada.

2. Logo de comprobación do dereito á axuda, o servicio provincial do Ilgga elevará a oportuna proposta, a través da súa delegación provincial do Ilgga, ó director do instituto, sobre os anticipos solicitados, para que este efectúe o pagamento do anticipo.

3. Non obstante, poderase proceder ó pagamento do anticipo con anterioridade á comprobación do dereito á axuda, se a empresa acompaña, coa solicitude, unha garantía igual ó 110 por cento do importe do anticipo.

A dita garantía cubrirá calquera outra fianza que puidera terse constituído conforme o disposto no número 1 do presente artigo.

4. O prazo para resolver sobre o anticipo solicitado será dun mes contado a partir do seguinte á presentación da solicitude. Transcorrido este, poderase

entender desestimada a solicitude de anticipo por silencio administrativo.

Artigo 19º.-Liberación de garantías.

1. Por instancia do interesado, o delegado provincial do Ilgga procederá á devolución das garantías presentadas, cando se recoñeza o dereito á percepción da axuda, alomenos, pola cantidade anticipada.

2. No suposto en que a axuda se conceda por cantidade inferior á anticipada, poderá executarse a garantía pola diferencia entre ámbalas dúas cantidades, de non ingresa-la empresa interesada a dita cantidade, logo de requerimento do Ilgga.

Artigo 20º.-Controis administrativos.

Tódolos controis administrativos e, se é o caso, materiais, serán efectuados polos servicios provinciais do Ilgga, nun prazo de noventa días desde a presentación da solicitude de axuda.

Sen prexuízo do anterior, efectuaranse controis periódicos conforme o disposto nos artigos 12 do Regulamento 603/1995 e 14 do Regulamento 785/1995.

Artigo 21º.-Penalizacións.

1. Sen prexuízo do previsto no artigo 23, e de conformidade co disposto no artigo 16 do Regulamento 785/1995, nos supostos en que se constate que a cantidade de forraxes desecadas indicadas nunha ou varias solicitudes de axuda, por unha empresa de transformación, sexa superior á que, efectivamente, saíu dela, o importe da axuda calcularase sobre a base da cantidade que efectivamente saíu, minorándose o dobre do excedente constatado.

No caso de que o dito excedente sexa superior nun 20 por cento á cantidade que realmente saíu, non se concederá axuda ningunha.

2. Non obstante o anterior, no suposto de falsa indicación das cantidades nunha ou varias solicitudes, a empresa quedará excluída da axuda correspondente á solicitude ou solicitudes de que se trate, se a dita falsidade se efectuou por neglixencia grave.

Ademais da dita exclusión, se a falsidade se efectuou deliberadamente, a empresa quedará excluída do beneficio da axuda durante a seguinte campaña de comercialización, por unha cantidade igual a aquela pola que se denegou a solicitude ou solicitudes en cuestión.

Artigo 22º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 23º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislati

vo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 24º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións que, en aplicación desta orde, dicte o director do Ilgga, poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 25º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, en calquera momento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, a empresa beneficiaria das axudas ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Para a concesión das axudas previstas nesta orde existe crédito axeitado e abondo con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 0950.614A.779, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de quince millóns de pesetas.

2. A aplicación financeira e contía das axudas para os anos seguintes determinarase de acordo coa lei orzamentaria da cada exercicio.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto nos artigos 21º e 23º desta orde, seralle de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e do Ilgga para dictar cantas disposicións estime oportunas en desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de octubre de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria