Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 23 de outubro de 2000 Páx. 14.378

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se regula a fase de prácticas establecida na Orde do 16 de marzo de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 22 de marzo), pola que se convocaba concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a adquisición de novas especialidades.

A Orde do 16 de marzo de 2000 (DOG do 22) establece no punto 60 a necesidade de realiza-las prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las súas aptitudes para a docencia, quedando dispensados da fase de prácticas os que prestasen servicios docentes como funcionarios de carreira en centros públicos durante un tempo mínimo dun curso escolar, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Ministerio de Educación e Ciencia ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de número de rexistro persoal.

En virtude do establecido na citada orde, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Nomear en cada provincia as comisións encargadas da valoración da fase de prácticas.

Segundo.-Cada comisión estará integrada por:

-Un inspector técnico de educación que será o presidente.

-Dous funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.

Terceiro.-Os compoñentes das comisións serán designados pola Dirección Xeral de Persoal, por proposta das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-A Inspección Educativa poderá visita-los mestres en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.

Quinto.-Cada mestre en prácticas elaborará unha programación correspondente á área ou especialidade pola que opositou. De non imparti-la docencia nesa área ou especialidade, realizará a programación da que imparte maior número de horas, indicando brevemente obxectivos, contidos básicos, actividades, metodoloxía e criterios de avaliación.

Esta programación debe estar acorde co proxecto curricular do centro. O mestre en prácticas poderá solicitar do coordinador do departamento didáctico respectivo orientación e información para a súa realización.

A programación elaborada levará o visto e prace do coordinador do departamento didáctico ou, no seu defecto, do director do centro e remitirase ó Servicio Provincial de Inspección entre o 5 e o 17 do mes de marzo de 2001.

O mestre aplicará a programación ó longo do curso 2000/2001 coas modificacións máis oportunas, se é o caso, para o mellor aproveitamento dos seus alumnos.

Entre o 5 e o 17 de marzo, cada mestre presentará ante o presidente da comisión avaliadora da fase de prácticas unha breve memoria da súa actividade docente, referida á aplicación da programación citada, coordinación co departamento didáctico e co equipo docente, desenvolvemento da función titorial e avaliación.

Sexto.-Na segunda quincena do mes de marzo de 2001 reuniranse as comisións avaliadoras e cualificarán as programacións e memorias presentadas.

As comisións avaliadoras poderán pedir información dos directores, xefes de estudio e coordinadores de departamento didáctico. A avaliación final da fase de prácticas reflectirase nunha acta coa cualificación de «apto» ou «non apto».

Os aspirantes declarados «non apto» perderán tódolos dereitos ó seu nomeamento como funcionarios de carreira, segundo o establecido no punto 61 da orde de convocatoria do 16 de marzo de 2000 (DOG do 22 de marzo).

Sétimo.-No suposto de que unha vez recibida pola comisión cualificadora toda a información pertinente

e, como consecuencia dela, se considere procedente formular un xuízo negativo sobre o candidato, polo menos dous membros da comisión deberán establecer contacto persoal con él e observar directamente o desenvolvemento da súa función docente e da súa función como membro do departamento didáctico correspondente, e informarán o outro membro da comisión das conclusións ás que cheguen na súa tarefa avaliadora.

As comisións avaliadoras non poderán redactar acta definitiva con «apto» ou «non apto» sen a presencia, cando menos, de dous dos seus membros.

Oitavo.-Para efectos do establecido no punto 60 da Orde do 16 de marzo de 2000 (DOG do 22), establécese como duración da fase de prácticas ata o 31 de marzo de 2001.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2000.

Jaime García y García

Director xeral de Persoal