Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 23 de outubro de 2000 Páx. 14.372

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do Consorcio do Río Barbantiño.

Visto o texto dos estatutos que rexerán o Consorcio do Río Barbantiño, observándose que a súa aprobación se realizou conforme o disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 150 e seguintes, así como os 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola Comisión Xestora e aprobado pola Asemblea de Concelleiros dos concellos de Amoeiro, Maside, Punxín, San Cristovo de Cea e Vilamarín.

Segundo.-Con data do 31 de marzo de 2000 a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe sobre o dito proxecto.

Terceiro.-O proxecto foi sometido ó trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no BOP de Ourense, de data 1 de marzo de 2000.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 8 de maio de 2000, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local

emitiu informe sobre o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da comisión xestora remitiu con datas de entrada nesta consellería, do 12 de xullo e 4 de agosto de 2000, certificacións dos acordos dos concellos de Amoeiro, Maside, San Cristovo de Cea, Vilamarín e Punxín de aprobación definitiva dos estatutos do Consorcio do Río Barbantiño para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos do Consorcio do Río Barbantiño no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2000.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Estatutos do consorcio

TÍTULO PRELIMINAR

Artículo 1º

Ó abeiro do establecido no artigo 110 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido de réxime local, así como tamén o establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia, constitúese o Consorcio do Río Barbantiño, que se rexerá pola Lei de bases de réxime local, o texto refundido de réxime local, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Lei de facendas locais, o Regulamento de servicios das corporacións locais e as demais disposicións aplicables vixentes e polos presentes estatutos.

O Consorcio do Río Barbantiño ten personalidade xurídica propia e plena capacidade sen máis limitacións que as establecidas polas leis, os estatutos, e a Lei da Administración local de Galicia.

Artigo 2º

O consorcio terá o seu domicilio social nas dependencias municipais do Concello de Vilamarín, no lugar da Pena-Reádegos.

TÍTULO PRIMEIRO

Obxectivos e funcións

Artigo 3º

O consorcio denominado Barbantiño terá como obxectivo fundamental, entre outros, a recuperación ambiental da zona delimitada polo río Barbantiño, ó seu paso polos concellos integrantes deste consorcio.

Artigo 4º

Para a consecución dos seus obxectivos o consorcio realizará as seguintes funcións:

-Creación dunha escola obradoiro ou taller de emprego, que poida contribuír á formación da poboación desempregada e á recuperación ambiental do río Barbantiño e as súas zonas de influencia.

-A xestión, dirección e representación desa nova entidade (obradoiro de emprego).

-A consecución dos medios económicos necesarios para o desenvolvemento das súas finalidades.

-Calquera outra finalidade que, ligada á recuperación ambiental, á formación da poboación e á promoción económica, social e turística, poida ser aprobada como tal polo Consello Rector do Consorcio.

TÍTULO SEGUNDO

Integrantes do consorcio

Artigo 5º

Constitúen o Consorcio do Río Barbantiño e intégrano as entidades que se relacionan:

-Concello de Amoeiro.

-Concello de Maside.

-Concello de Punxín.

-Concello de San Cristovo de Cea.

-Concello de Vilamarín.

Artigo 6º

A separación de calquera dos integrantes do Consorcio do Río Barbantiño (en diante C.R.B.), poderá levarse a efecto en todo momento mediante a comunicación dirixida ó presidente do C.R.B., acompañada de certificación do acordo adoptado en tal sentido polo seu órgano de goberno competente, na que se expresen a causa e a vontade de separación.

A separación producirá efectos desde a data na que o C.R.B. resolva a solicitude de separación e subsistirán, non obstante, os compromisos económicos previamente contraídos, para a anualidade en vigor.

Tamén poderá decidirse a separación polo C.R.B., logo de instrucción de expediente e con audiencia da entidade afectada, no caso de incumprimento notorio e reiterado das súas obrigas sempre que existira requirimento previo para o efecto.

En calquera caso haberase que ater ó preceptuado para os efectos no artigo 143.3º da Lei de Administración local de Galicia.

Artigo 7º

Os integrantes do C.R.B. terán as obrigas e dereitos de:

a) Confeccionar, cumprir e modifica-los estatutos, normas e acordos que os desenvolvan e validamente se adopten.

b) Asistir, por medio dos seus representantes, con voz e voto ás sesións dos órganos rectores do C.R.B.

c) Garanti-las achegas ordinarias e extraordinarias que se establezan.

d) Calquera outra que estableza a lexislación aplicable, os estatutos ou normas que os desenvolvan.

TÍTULO TERCEIRO

Órganos de goberno, representación

e administración

Artigo 8º

Son órganos decisorios básicos do C.R.B., o presidente e o Consello Rector.

Son órganos de xestión o secretario-interventor e o xerente.

Artigo 9º

O Consello Rector do C.R.B. está integrado polos seguintes membros:

-O alcalde e un representante do Concello de Amoeiro designado polo Pleno.

-O alcalde e un representante do Concello de Maside designado polo Pleno.

-O alcalde e un representante do Concello de Punxín designado polo Pleno.

-O alcalde e un representante do Concello de San Cristovo de Cea designado polo Pleno.

-O alcalde e un representante do Concello de Vilamarín designado polo Pleno.

Formarán parte del o secretario-interventor e xerente, con voz pero sen voto.

Será presidente o elixido polo Consello Rector.

Artigo 10º

O Consello Rector exerce o goberno e administración do C.R.B., así como a súa alta dirección e impulsión, sen máis limitacións que as establecidas polas leis.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exerce-las tarefas de administración como órgano superior do goberno do C.R.B.

b) Defini-las directrices de funcionamento do C.R.B. e examinar e aproba-los programas de actuación.

c) Estudiar e aproba-los orzamentos anuais, o control da xestión económica e aprobación das contas xerais de cada exercicio económico

d) Aproba-las novas admisións de membros do C.R.B., mediante voto favorable das dúas terceiras partes do número legal.

e) A modificación total ou parcial dos presentes estatutos.

f) A disolución do consorcio.

Artigo 11º

O presidente do C.R.B. ten as seguintes atribucións:

a) Representar legalmente o C.R.B. e exerce-las accións xudiciais e administrativas, podendo conferir poderes para tal fin, logo de acordo do Consello Rector, ou adoptando persoalmente resolucións ó

respecto en caso de urxencia, dando conta a aquel órgano colexiado para a súa ratificación, se procedera.

b) Dirixi-lo goberno e administración do C.R.B.

c) Convocar, determina-la orde do día, presidir, dirixi-las deliberacións e votacións, suspender e levanta-las sesións do consorcio e dirimi-los empates con voto de calidade.

d) Autorizar co seu visto e prace os documentos do C.R.B. nos que así o requira.

e) Dispoñer do gasto conforme o orzamento, ordenar pagamentos e render contas e aproba-la liquidación do orzamento.

f) Executar, cumprir e facer cumpri-las decisións propias e as do consorcio.

g) Conferir delegacións xerais ou específicas ós integrantes do C.R.B. nos termos e co alcance que se determine.

h) Cantas facultades de goberno e administración lles correspondan conforme as disposicións legais e regulamentarias a estes estatutos e normas que os desenvolvan, así como calquera outra facultade que lle delegue o C.R.B. ou que non estean atribuídas a outro órgano.

Artigo 12º

Os órganos de xestión administrativa, baixo a supervisión e dirección do presidente do C.R.B. aseguran o bo funcionamento administrativo, económico e financeiro da entidade e ó seu cargo estará o despacho ordinario dos asuntos da entidade.

Artigo 13º

O xerente do C.R.B. será designado mediante o sistema de concurso convocado e resolto polo Consello Rector e exerce en virtude de acordos do consorcio, as funcións de supervisión e control do despacho ordinario dos asuntos da entidade, así como a execución das resolucións ou acordos que lle sexan encomendados polos órganos competentes.

O seu réxime xurídico será o fixado pola lexislación laboral.

Artigo 14º

O secretario-interventor do consorcio será o do concello que determine o Consello Rector, ou o funcionario en quen delegue. Terá como funcións a fe pública, o asesoramento legal, o control interno da xestión orzamentaria e a dirección da contabilidade.

TÍTULO CUARTO

Funcionamento dos organos colexiados

Artigo 15º

O Consello Rector xuntarase en sesións ordinarias coa periodicidade preestablecida, e en sesións extraordinarias que, ademais, poderán ser urxentes.

Artigo 16º

O réxime de sesións, así como a convocatoria de extraordinarias e urxentes, e a adopción de acordos

axustaranse ó disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e demais leis que poida dicta-lo Estado ou a Comunidade Autónoma en materia de réxime local.

Artigo 17º

A convocatoria comprenderá os asuntos que se vaian tratar que se inclúan na orde do día dela. Cursarase cunha antelación mínima de dous días hábiles.

TÍTULO QUINTO

Recursos patrimoniais e réxime económico

Artigo 18º

O Consorcio do Río Barbantiño posuirá os seguintes recursos económicos:

a) A achega inicial que fixará o Consello Rector no seu orzamento ordinario de cada exercicio económico, para cada concello, e que se rexerá por criterios de proporcionalidade referidos á pobación, superficie, orzamento ou beneficio, ou custe derivable para cada concello.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público que se poidan recibir de entes públicos.

c) Achegas ordinarias e extraordinarias que estableza o consorcio.

d) Auxilios, doazóns, herdanzas e legados.

e) Rendementos de actividades e servicios.

f) O producto de operacións de crédito.

g) Calquera outra que se axuste á estricta legalidade.

Artigo 19º

O patrimonio do C.R.B. estará integrado polos bens que os integrantes lle adscriban para o cumprimento dos seus fins e os que o consorcio adquira con cargo ós seus propios fondos.

Artigo 20º

O orzamento anual do C.R.B. será confeccionado polo presidente e aprobado polo Consello Rector.

TÍTULO SEXTO

Modificación dos estatutos

Artigo 21º

Para a modificación dos presentes estatutos haberase que ater ó disposto na lexislación aplicable.

TÍTULO SÉTIMO

Disolución do consorcio

Artigo 22º

1. O acordo de disolución do C.R.B. regularase polo establecido na lexislación aplicable e polos motivos que se relacionan:

a) Cando pola insuficiencia de medios de que dispón o consorcio ou por calquera outra circunstancia resultase imposible o cumprimento do fin fundacional, salvo que o Consello Rector acordase por maioría de 2/3 dos seus membros, a modificación dos estatutos.

b) Por terse realizado o fin para o que se constituíu.

c) Cando os entes consorciados o consideren conveniente.

d) Calquera outra debidamente ponderada e acreditada.

2. Prazo de duración: o consorcio terá vixencia mentres teña operatividade nalgún dos fins para os que foi creado, dislovéndose transcurrido un ano sen que se dea funcionamento operativo ningún.

3. Forma de disolución: producida a disolución do consorcio, ó haber patrimonio resultante, distribuirase entre os concellos integrantes, de maneira proporcional ás súas achegas, debéndose aproba-la súa forma de liquidación mediante acordo expreso do seu Consello Rector.

TÍTULO OITAVO

Dereito supletorio

Artigo 23º

Para o non previsto nos presentes estatutos seguirase o disposto na lexislación de réxime local de aplicación e á lexislación da Comunidade Autónoma ou do Estado.