Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 19 de outubro de 2000 Páx. 14.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 249/2000, do 29 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Outes, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental do contorno da praia de Broña.

O Concello de Outes, en sesión que tivo lugar o día 28 de novembro de 1998, aprobou o proxecto de recuperación ambiental do contorno da praia de Broña, e na sesión do 30 de decembro de 1999, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello de Outes remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de agosto de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data 31 de maio de 2000.

Así mesmo, o proxecto tamén foi informado favorablemente pola Consellería de Medio Ambiente con data do 19 de setembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello: «O proxecto pretende a recuperación dunha zona degradada por vivendas incontroladas ou ocupacións ilegais, existindo un perigo potencial como consecuencia da existencia de filtrantes de augas fecais que proceden de construccións existentes que pode ocasionar prexuízos á saúde pública».

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Outes para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para

o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental do contorno da praia de Broña.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais