Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 19 de outubro de 2000 Páx. 14.248

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 248/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba a creación do Consello Galego de Procuradores.

Os colexios de procuradores con ámbito de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia solicitaron conxunta e unanimemente a constitución dun Consello Galego de Procuradores, con ámbito autonó

mico e que terá por obxecto, basicamente, agrupar e coordina-los distintos colexios integrados e asumi-la súa representación en cuestións de interese común profesional ante os poderes autonómicos.

Para os efectos da súa constitución, os colexios de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo achegaron certificacións das actas das respectivas xuntas xerais extraordinarias a través das que se acredita a vontade de constituí-lo Consello Galego de Procuradores e se aproban os estatutos que rexerán o dito consello, apartándose do dito proceso o colexio da Coruña.

A aprobación da creación e dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo dispón o artigo 5 do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego de Procuradores, que terá a súa sede no Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Igualmente, apróbanse os estatutos do referido consello, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO PRIMEIRO

Disposicións xerais

Capítulo I

Constitución, natureza, personalidade xurídica

e domicilio

Artigo 1º

Constitúese con carácter oficial o Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Gali

cia, integrado polos colexios de Procuradores de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Artigo 2º

1. O Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os colexios que o integran, son corporacións de dereito público recoñecidas e amparadas pola Constitución, a Lei de colexios profesionais e demais disposicións complementarias.

No seu respectivo ámbito de actuación cada colexio de procuradores dos tribunais é totalmente autónomo e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para cumpri-los seus fins e obxectivos, podendo a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos: contraer obrigas e, en xeral, ser titulares de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en tódalas vías e xurisdiccións, incluída a constitucional, sempre no marco da súa competencia.

2. A representación legal do Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se atopa lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores dos tribunais.

3. O Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia adoptará un emblema expresivo da súa significación e unha medalla corporativa que terán dereito a utiliza-los membros do Consello. A composición do emblema consistirá no cáliz extraído do escudo galego, bordeado polos actuais escudos dos seis colexios de Procuradores de Galicia.

Artigo 3º

O consello terá o seu enderezo na sede do Colexio de Procuradores da cidade de Santiago de Compostela.

Capítulo II

Finalidades e funcións

Artigo 4º

O Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia terá por finalidade agrupar e coordina-los colexios integrados nel e asumi-la súa representación nas cuestións de interese común perante a Xunta de Galicia e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, pública ou privada, que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.

Artigo 5º

No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:

1. As atribuídas pola Lei de colexios profesionais e cantas outras lle foran encomendadas, por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e nas competencias propias de cada colexio.

2. Aprobar e modifica-lo seu propio estatuto e redactar regulamentos de réxime interior.

3. Formar e mante-lo Censo dos Procuradores dos Tribunais incorporados a tódolos colexios de Procuradores dos Tribunais de Galicia.

4. Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades, con relación á profesión de procurador dos tribunais, que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Establecer para tales fins os concertos e acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades públicas ou privadas que correspondan.

5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares.

6. Editar libros e traballos de carácter xurídico e informativo sobre a lexislación e xurisprudencia para consulta e publica-las normas e disposicións de interese para os procuradores dos tribunais da comunidade galega.

7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.

8. Defende-los dereitos dos colexios de Procuradores dos Tribunais de Galicia, así como os dos seus colexiados, perante os organismos autonómicos cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido.

9. O exercicio e a xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba dela.

10. Designar representantes nos consellos e organismos consultivos da Administración pública do ámbito de Galicia.

11. Coñecer e resolve-los recursos que poidan interpoñe-los colexiados de Galicia contra os acordos dos seus respectivos colexios. Así mesmo, coñecer e resolve-los recursos de reposición que se interpoñan contra o propio Consello.

12. Levar un rexistro de sancións que afecten os procuradores dos colexios de Galicia.

13. Elabora-lo seu propio orzamento de ingresos e gastos e contas deste.

14. Fixar equitativamente a cooperación dos colexios ós gastos do consello, por achegas fixas, eventuais ou derramas extraordinarias.

15. Establece-los ingresos propios, segundo as súas necesidades.

16. Realizar, respecto ó patrimonio propio do consello, toda clase de actos de disposición e gravame.

17. Calquera outra función similar ás contidas nos puntos anteriores, non expresamente determinada neles, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral dos Colexios de Procuradores dos Tribunais de España.

18. Con carácter anual convocarase unha Xunta Xeral onde o Consello dará conta de tódalas súas actuacións que, podendo ser, se fará coincidir coa celebración do congreso de procuradores.

TÍTULO SEGUNDO

Organización do Consello

Artigo 6º

O Consello terá a seguinte composición:

1. A Xunta de Goberno.

2. A Presidencia.

3. A Secretaría.

A Xunta de Goberno estará constituída por tódolos decanos dos colexios de Procuradores dos Tribunais de Galicia, un membro de cada unha das xuntas de goberno e os ex-decanos inmediatamente anteriores de cada colexio, coas funcións que se establecen nos artigos 4º e 5º. Os decanos serán elixidos por votación de cada colexio. O membro da Xunta de Goberno será elixido por votación dos membros das xuntas de goberno de cada colexio.

Artigo 7º

A Xunta de Goberno designará o seu presidente.

A Presidencia será desempeñada anualmente e con carácter rotatorio, polo decano que corresponda, conforme a seguinte orde resultante da elección efectuada no presente acto constitutivo: Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Será vicepresidente, en cada exercicio anual, o decano do Colexio de Procuradores dos Tribunais a quen corresponda a Presidencia no seguinte exercicio.

No suposto de que os decanos que tivesen os cargos de presidente ou vicepresidente cesaren neles durante o seu mandato anual, serán automaticamente subs

tituídos para os efectos do Consello polo respectivo decano que lles sucedese no cargo.

Seguirá desempeñando as funcións de secretario o colexiado que o veña realizando de forma provisional. O cargo de secretario será elixido cada ano pola Xunta de Goberno, entre tódolos colexiados de Galicia.

Artigo 8º

1. Reunirase como mínimo cada catro meses e tantas cantas veces o convoque o seu presidente, por decisión propia ou por petición dunha terceira parte dos conselleiros.

2. Cada conselleiro poderá estar representado por un membro da Xunta de Goberno do colexio respectivo. A representación conferirase por escrito e para cada sesión.

3. A convocatoria do Consello será por fax, ou por calquera outro medio técnico que acredite a súa recepción, acompañada da orde do día e será cursada pola Secretaría Xeral, logo de mandato da Presidencia, polo menos con oito días de antelación, salvo casos de urxencia excepcional en que será convocado sen prazo especial de antelación.

4. As reunións do Consello quedarán validamente constituídas cando asistan máis da metade dos seus compoñentes.

Artigo 9º

Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes. Cada un deles terá un só voto, dirimindo o presidente os empates que resulten das votacións con voto de calidade.

TÍTULO TERCEIRO

Dos cargos do Consello

Capítulo I

Do presidente e vicepresidente

Artigo 10º

Correspóndelle ó presidente:

1. A representación do Consello, estando asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúan o presente estatuto e as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión, dentro do ámbito do Consello e sexan da competencia dos organismos autonómicos.

2. A representación do Consello perante o Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España.

3. Exerce-las accións que correspondan en defensa de tódolos colexios integrados no Consello Galego e dos seus colexiados, perante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para tódolos colexios da comunidade, sen prexuízo da auto

nomía e competencia que corresponda a cada colexio.

4. Convocar, fixa-la orde do día e presidir tódalas reunións do Pleno do Consello. Ordena-las deliberacións e abrir, suspender ou levanta-las sesións.

5. Presidir e dirixi-las deliberacións, abrir, suspender e pecha-las sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello.

6. Visa-los documentos e certificacións que expida o secretario.

7. Dirimir con voto de calidade os empates que resulten nas votacións.

Artigo 11º

O vicepresidente substituirá o presidente no caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o presidente.

Capítulo II

Do secretario

Artigo 12º

Seguirá desempeñando as funcións de secretario o colexiado que o veña realizando de forma provisional. O cargo de secretario será elixido cada ano pola Xunta de Goberno, entre tódolos colexiados de Galicia.

Correspóndelle ó secretario:

1. Redactar e autoriza-las actas das sesións do Consello. Dar conta das inmediatas anteriores, para a súa aprobación, se é o caso. Emitir informe, se procede, sobre os asuntos que en tales reunións deban tratarse e lle encomende o presidente.

2. Executa-los acordos do Consello, así como as resolucións que, conforme os estatutos, dicte a Presidencia.

3. Informa-lo consello e os seus membros, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Realizar todas aquelas actividades tendentes a alcanza-los fins sinalados nos puntos anteriores.

5. Auxiliar na súa misión o presidente e orientar e promocionar cantas iniciativas de orde técnica, profesional e corporativa deban de adoptarse.

6. Leva-los libros de actas necesarios, redactar e autoriza-las certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que fosen, se é o caso, autorizadas polo Consello ou polo seu presidente.

7. Forma-lo Censo de Colexiados de Galicia inscritos en cada un dos colexios, levando un arquivo rexistro dos datos que procedan.

8. Leva-lo rexistro de sancións.

9. Redacta-la memoria anual das actividades e proxectos do Consello.

10. Exerce-la alta dirección dos servicios que se poidan crear no consello e calquera outros que lle encomende o mesmo Consello.

11. Asumi-la xefatura do persoal administrativo e das dependencias do consello. Solicita-los informes precisos segundo a natureza dos asuntos que hai que resolver, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.

12. Propoñer e xestionar cantos extremos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

13. Asistir ás reunións da Xunta de Goberno con voz pero sen voto.

Artigo 13º

Tamén lle corresponderán ó secretario as seguintes funcións de Tesourería:

1. Expedir co visto e prace do presidente os libramentos para os pagamentos que teñan de verificarse e subscribi-los mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Leva-los libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten a caixa do consello e, en xeral, o movemento patrimonial del.

3. Cobrar tódalas cantidades que por calquera concepto deban ingresarse nas contas do consello, autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes e dar conta ó presidente e ó Pleno do Consello da situación da Tesourería e do desenvolvemento das previsións orzamentarias.

4. Propoñer e xestionar cantos extremos sexan conducentes á boa marcha contable e do investimento dos fondos do consello.

5. Formula-la memoria económica anual das contas xerais de Tesourería.

6. Elabora-lo proxecto anual de orzamentos.

Artigo 14º

En caso de ausencia, enfermidade ou vacante do secretario, o presidente nomeará un substituto entre algún membro da Xunta de Goberno.

TÍTULO CUARTO

Do réxime económico

Artigo 15º

O réxime económico do Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia é independente do dos respectivos colexios de procuradores dos tribunais integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus

bens, aínda que contribuirán ó orzamento do consello na forma que de seguido se sinala.

Artigo 16º

Para cubri-los gastos do Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, este disporá dos seguintes recursos:

1. Das cotas que estableza ós colexios de Procuradores dos Tribunais de Galicia, que serán fixadas en proporción ó número de colexiados residentes, exercentes e non exercentes, neles inscritos.

2. As subvencións oficiais e particulares, donativos e legados que o consello poida recibir.

3. As derramas extraordinarias que o Consello poida determinar por circunstancias excepcionais.

Artigo 17º

O Consello pechará o exercicio económico cada fin de ano natural e formulará o proxecto de orzamento para o ano seguinte, e un balance xeral e a liquidación do orzamento do ano anterior, someténdoos ó estudio e aprobación do Pleno.

TÍTULO QUINTO

Relacións coa Xunta de Galicia e cos colexios

Artigo 18º

O Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia terá que comunicar á consellería correspondente da Xunta de Galicia:

1. O texto do seu estatuto e as súas modificacións para que, logo de cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no DOG (Diario Oficial de Galicia-Xunta de Galicia).

2. As persoas que integran o Consello con indicación dos cargos que ocupan.

Artigo 19º

Os colexios de Procuradores dos Tribunais de Galicia notificarán á Secretaría do Consello:

1. Os seus respectivos estatutos e modificacións.

2. Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de goberno.

3. A relación de colexiados exercentes e non exercentes, o 31 de decembro de cada ano, e as altas e baixas que se produzan, con indicación da causa destas últimas, co obxecto de poder leva-lo correspondente Censo de Procuradores dos Tribunais.

4. As sancións disciplinarias que impoñan.

TÍTULO SEXTO

Xurisdicción disciplinaria

Artigo 20º

O Consello Galego de Procuradores ten xurisdicción disciplinaria para sanciona-las faltas cometidas

polos profesionais no exercicio da actividade profesional ou colexial, cando a persoa afectada desempeñe un cargo de goberno no colexio.

Artigo 21º

Tamén, cando a persoa afectada teña un cargo de representación ou de goberno no Consello Galego de Procuradores, pero neste caso non poderá tomar parte nas deliberacións nin votar nas xuntas.

Artigo 22º

Tamén ten xurisdicción disciplinaria sobre as xuntas de goberno dos colexios que vulneren os preceptos do estatuto xeral da profesión, os do Consello Galego de Procuradores ou os privativos do colexio respectivo.

Artigo 23º

O Consello Galego de Procuradores poderá impulsa-lo inicio dos expedientes disciplinarios a competencia dos cales corresponda ós colexios, e solicitar información sobre o seu trámite.

Artigo 24º

Non se poderá impoñer ningunha sanción sen previa instrucción dun expediente disciplinario. Tamén será necesaria a preexistencia de normas sobre conductas punibles e tipos de sancións que correspondan.

Artigo 25º

Son infraccións por incumprimento de deberes profesionais ou colexiais as conductas así previstas no Estatuto xeral da profesión de procurador dos tribunais, e a súa graduación.

Artigo 26º

As sancións aplicables quedan indicadas no devandito estatuto xeral.

Artigo 27º

O presidente do Consello Galego de Procuradores principiará as actuacións nomeando un ponente de entre os seus membros, quen practicará as dilixencias informativas previas que considere adecuadas. Se de isto resultaran indicios suficientes, o Pleno do Consello decidirá a apertura de expediente disciplinario e nomeará un instructor e un secretario, notificando o acordo ó expedientado, así como tamén as sucesivas resolucións que recaian salvo as de puro trámite.

O expediente tramitarase de acordo coas normas reguladoras do procedemento administrativo.

O acordo resolutorio do expediente terá que adoptarse por maioría simple. A votación será secreta.

Artigo 28º

A execución das sancións disciplinarias realizaraa, nos seus mesmos termos, o órgano que teña tramitado o expediente disciplinario en primeira instancia. O Consello poderá compelelo a facelo e solicitar información sobre os seus trámites.

Artigo 29º

O sancionado por resolución do Consello poderá solicita-la rehabilitación por causa fundamentada se unha vez completa a sanción transcorresen: dous meses se a falta fose leve; dous anos se fose grave; catro anos se fose moi grave e cinco se fose sancionada con expulsión. O acordo resolutorio terá que tomarse por maioría simple en votación secreta.

Artigo 30º

O Consello coñecerá en alzada dos recursos que se interpoñan contra os actos e resolución dos colexios. Este recurso esgota a vía corporativa.

O recurso de alzada terá que interpoñerse no prazo de quince días desde a súa notificación ó interesado, e terá que resolverse no prazo de tres meses.

Artigo 31º

Contra os demais acordos do Consello poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, e terá que resolverse no prazo de tres meses. Este recurso será preceptivo xa que se considera esgotada a vía corporativa.

Artigo 32º

Unha vez esgotada a vía corporativa por resolución expresa ou por silencio, os actos e as resolucións serán obxecto de recurso perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 33º

Para tramita-los recursos ós que se refiren os tres artigos anteriores, o Consello designará un ponente de entre os seus membros e tomará as decisións por maioría simple. A votación será secreta.

Disposicións adicionais

Primera.-Correspóndenlle ó Consello Galego de Procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia a regulamentación, desenvolvemento e interpretación deste estatuto e velar polo seu cumprimento.

Segunda.-Con carácter supletorio será de aplicación o Estatuto xeral dos colexios de procuradores dos tribunais, en todos aqueles aspectos que non estean recollidos neste estatuto.