Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 19 de outubro de 2000 Páx. 14.244

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de capacitación agraria.

A achega do sector agrario á actividade económica e á dinámica social en Galicia é dunha magnitude e importancia que transcende o feito sectorial para afectar a toda a sociedade, polo que é preciso atende-las súas demandas sociais, en canto á mellora das condicións de traballo, sobre todo nunha época de profundas transformacións na estructura da agricultura.

Estas melloras das condicións de traballo supoñen, ademais dun comportamento empresarial axeitado, a modernización das explotacións agrarias, a incorporación de novas técnicas e métodos e unha revisión e mellora da formación profesional, tanto dos agricultores en activo como das novas xeracións que desexen incorporarse ó sector, co obxecto de poder desempeña-lo traballo coa autonomía e a capacidade técnica precisas.

Para dar resposta satisfactora ás necesidades do sector atopámonos coas ensinanzas de capacitación agraria, orientadas basicamente á actualización permanente do agricultor e á incorporación de mozos á empresa agraria que, de acordo co R.D. 3318/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servicios en materia de agricultura e gandería, ten asumidas a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

A profusión da normativa existente e a complexidade das ensinanzas agrarias fan necesaria non só a coordinación coas administracións públicas competentes na materia e entre os propios centros formativos desta Comunidade Autónoma, que actuarán no marco das competencias transferidas polo citado decreto, senón tamén a súa revisión, co fin de facilita-la normal aplicación da devandita normativa ás unidades que realizan actividades en materia de formación e capacitación agraria no sector.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto deste decreto é a regulación, para todo o territorio da Comunidade Autónoma, da capaci-

tación dos profesionais da agricultura e mozos, que teñan cumpridos os dezaoito anos e non cheguen ós corenta, que queiran incorporarse ás explotacións e que os cualifique para o exercicio da actividade agraria, entendida esta como un proceso de formación agraria que se estende ó longo da vida profesional do agricultor.

Artigo 2º.-Fins.

Considéranse fins específicos das ensinanzas reguladas por este decreto:

a) Proporcionarlles e facilitarlles ós profesionais da agricultura a formación suficiente que lles permita o coñecemento de métodos, tecnoloxías e cambios de actitude, necesaria para a desexable evolución e modernización do sector.

b) Proporcionarlles ós mozos a formación suficiente que lles permita acceder a outros niveis de educación ou ó desenvolvemento da actividade profesional para a que se formaron, fóra da súa explotación e co grao de autonomía que ela lles proporcione.

c) Capacita-los mozos no exercicio da profesión de agricultores, de forma que lles permita tomar unha decisión consciente sobre o seu futuro profesional e poidan afronta-la súa incorporación á empresa agraria coa garantía e a adecuada cualificación.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán participar nas ensinanzas que se regulan neste decreto:

a) Os titulares e colaboradores de explotacións agrarias.

b) Os traballadores agrícolas por conta allea e os dirixentes e socios de asociacións e sociedades agrarias con personalidade xurídica.

c) Os mozos que desexen incorporarse ó sector como agricultores autónomos ou continua-la súa formación nas ensinanzas agrarias.

Para o acceso ás actividades formativas organizadas ou financiadas polas distintas administracións públicas, co obxecto de mellora-la cualificación profesional dos agricultores, terán preferencia os titulares de explotacións prioritarias, entendéndose estas segundo o disposto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Artigo 4º.-Obxectivos específicos.

Os obxectivos das ensinanzas reguladas por este decreto oriéntanse á consecución das seguintes finalidades:

a) Á adquisición e ó desenvolvemento de aptitudes básicas para o exercicio da profesión agraria.

b) Ó dominio da especialidade técnico-profesional cursada en tódolos seus contidos teóricos e prácticos.

c) Ó coñecemento do contorno físico, económico e sociocomunitario do sector e ó desenvolvemento de actitudes favorables cara ás novas tecnoloxías, á formación cultural e á súa integración social no medio agrario.

d) A logra-la capacitación profesional suficiente para o exercicio da actividade agraria.

Artigo 5º.-Ensinanzas de capacitación agraria.

1. Para os efectos da consecución dos obxectivos previstos no artigo anterior, as ensinanzas que se impartirán serán as seguintes:

a) Ensinanzas de capataces agrícolas nas súas especialidades de:

-Xefe de explotación agropecuaria.

-Horticultura.

-Gandería.

-Forestal.

A duración destas ensinanzas variará, segundo as especialidades, de mil a dúas mil horas lectivas.

b) Ensinanza de formación básica agraria.

Dirixida ós fillos de agricultores e asalariados do sector que, esgotada a idade de escolarización obrigatoria, non superaron a etapa formativa; o seu destino profesional vai estar ligado ó sector agrario.

A duración lectiva deste tipo de ensinanzas virá imposta polos contidos dos programas que se van desenvolver, e estes elaboraranse en función dos coñecementos iniciais dos alumnos no seu nivel de partida e os obxectivos que hai que conseguir.

c) Esinanzas para a incorporación á empresa agraria.

Dirixidas a mozos co obxectivo de capacitalos e facilitarlles a súa incorporación ás empresas agrarias. A súa duración mínima establécese en duascentas horas lectivas, revisables en función dos contidos da acción.

d) Ensinanzas de actualización e perfeccionamento profesional.

Dirixidas a agricultores en activo ou asalariados agrarios, para que poidan actualiza-los seus coñecementos en novas tecnoloxías, asumir cambios nas orientacións productivas das explotacións e emprender outras actividades orientadas á modernización do sector.

A súa duración poderá variar de acordo cos contidos, fixándose nun mínimo de trinta horas por acción.

e) Actividades de experimentación, ensaio e transferencia tecnolóxica.

Son aquelas que teñen por obxecto a comprobación e demostración de resultados para realiza-la transferencia de tecnoloxía desde os centros de investigación e desenvolvemento ós agricultores, último elo nos que recae a responsabilidade de incorpo

ra-las novas tecnoloxías ós procesos de producción e, se é o caso, ós de transformación e comercialización dos productos obtidos nas súas explotacións.

A duración destas ensinanzas estará en función do tipo de actividade que se vai desenvolver.

f) Actividades formativas dirixidas á actualización de técnicos agrarios nas tarefas de divulgación, transferencia tecnolóxica e xestión de empresas agrarias.

A duración destas actividades formativas estará en función do tipo de acción que se vai desenvolver.

g) Actividades formativas para a cualificación en profesións específicas necesarias para o cumprimento da normativa comunitaria vixente en materia de modernización de explotacións agrarias.

A duración para cada unha destas actividades será, como mínimo, a fixada pola normativa comunitaria ó respecto.

2. O contido, a duración concreta, os programas, o profesorado e as demais cuestións relativas ás ensinanzas de capacitación agraria serán regulados en cada caso pola consellería competente en materia de agricultura.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá amplia-las especialidades correspondentes ás ensinanzas de capataces agrícolas a todas aquelas contidas nas ordes do Ministerio de Agricultura do 23 de abril de 1971 e do 10 de novembro de 1972, baixo as condicións contidas no R.D. 3318/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma en materia de agricultura.

Artigo 6º.-Centros de ensino.

1. Os centros oficiais de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou da competente en cada momento en materia de agricultura, poderán impartir, de conformidade co disposto na normativa vixente, ensinanzas de capacitación agraria.

2. Os centros de capacitación utilizarán as explotacións agrarias, gando e maquinaria de que dispoñen, como recurso didáctico e banco de prácticas para que os participantes nas ensinanzas alcancen nelas o grao de destreza necesario para o desempeño do seu traballo con plena autonomía.

3. As unidades de extensión agraria das oficinas agrarias comarcais impartirán ensinanzas de capacitación agraria orientadas á capacitación, ó perfeccionamento e á formación continua dos mozos, agricultores e participantes en actividades dirixidas ó desenvolvemento rural e á mellora do ambiente natural das súas respectivas comarcas.

Artigo 7º.-Profesorado.

Os integrantes das escalas de profesores de capacitación agraria e monitores de extensión agraria, así como os integrantes das escalas correspondentes ás especialidades agrarias dentro dos corpos facul

tativos superior e de grao medio da Xunta de Galicia, serán os encargados de imparti-los programas establecidos nos centros de capacitación e as unidades de extensión agraria das oficinas agrarias comarcais para as ensinanzas de capacitación agraria.

En supostos debidamente xustificados, respecto ás ensinanzas, poderase utilizar expertos de acreditado prestixio, alleos ás anteditas escalas.

Artigo 8º.-Programas.

Os programas correspondentes ás ensinanzas recollidas no artigo 5º serán aprobados pola consellería competente en materia de agricultura, por proposta da dirección xeral responsable da formación agraria que xustificará a súa necesidade e proporá o conxunto de contidos teórico-prácticos correspondentes a cada acción formativa.

Artigo 9º.-Títulos e certificacións.

As ensinanzas reguladas neste decreto poderán culminar:

a) Coa expedición do diploma correspondente á formación de capataces nas súas distintas especialidades.

b) Coa expedición dun certificado polo propio centro.

c) Coa expedición dun certificado pola consellería competente en materia de agricultura que acredite a capacitación profesional agraria suficiente, válido no ámbito da Comunidade Autónoma para os efectos de acceder á concesión de axudas públicas para o financiamento dos proxectos de mellora de explotacións ou/e para a primeira instalación de mozos, segundo se recolle no artigo 4º 2b do R.D. 204/1996.

d) Coa expedición por parte da consellería competente en materia de agricultura do carné que acredite a capacitación profesional requirida en cada caso.

Artigo 10º.-Financiamento das ensinanzas.

1. As ensinanzas reguladas neste decreto impartidas nos centros de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou da competente en cada momento en materia de agricultura serán gratuítas, habilitándose anualmente para o efecto as correspondentes partidas orzamentarias.

2. Poderanse establecer axudas con carácter anual para facilita-la participación en cursos de formación de capacitación agraria, seminarios e estadías de formación de aprendizaxe agraria, que poderán consistir en:

a) Bolsas ós asistentes a cursos e estadías de formación para dirixentes traballadores e socios de agrupacións e cooperativas de agricultores, para a mellora da súa organización societaria e eficacia empresarial agraria.

b) Bolsas a titulares de explotacións, colaboradores familiares e traballadores agrícolas por conta allea,

para cursos de formación e perfeccionamento profesional agrario.

c) Bolsas para asistencia a cursos orientados á primeira instalación de mozos agricultores.

3. A contía correspondente ás axudas que se convoquen será fixada pola consellería competente en materia de agricultura anualmente, en función das dispoñibilidades orzamentarias e o seu obxectivo será cubri-los gastos orixinados na preparación e o desenvolvemento dos cursos.

Artigo 11º.-Convenios.

1. A consellería competente en materia de agricultura poderá adoptar convenios con entidades públicas ou privadas que presten servicio en materia de formación e capacitación dos agricultores e as súas familias, sempre que dispoñan dos medios adecuados para realiza-lo labor dunha maneira estable e que os programas de ensino se axusten ó establecido neste decreto e normativa que os regule. Tamén se establecerán convenios de colaboración con aquelas entidades públicas ou privadas na que o fin sexa a transferencia de tecnoloxía ó sector agrario.

2. Para tal fin crearase na consellería competente en materia de agricultura o rexistro de entidades colaboradoras en materia de capacitación agraria e transferencia tecnolóxica, dependente da dirección xeral responsable da formación agraria.

Artigo 12º.-Entidades colaboradoras.

1. Para o recoñecemento como entidade colaboradora requirirase previamente a solicitude á consellería competente en materia de agricultura, xuntándolle a esta unha memoria na que se sinale as ensinanzas que se van impartir, instalacións, medios didácticos e profesorado do que se dispón para o desenvolvemento da acción, co fin de valorar e resolve-la dita solicitude.

2. A homologación dos cursos impartidos polas entidades colaboradoras realizaraa a consellería competente en materia de agricultura sempre que previamente as ditas entidades fosen autorizadas para impartilos. Para consegui-la devandita autorización, ó comezo de cada ano académico a entidade presentará a relación dos cursos que se van impartir, cos programas, horarios, cualificación do profesorado e todos aqueles datos que lle sexan solicitados para poder valorar e garantir que os cursos que se van impartir se axustarán ó establecido neste decreto.

Disposición adicional

Única.

1. As ensinanzas profesionais específicas, competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tamén se integrarán dentro das ensinanzas de contido agrario necesarias para acada-los obxectivos previstos neste decreto, podendo ser impartidas nos centros oficiais de capacitación agra-

ria da consellería competente en materia de agricultura polo profesorado previsto no artigo 7º, logo de autorización outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen autorizará os programas correspondentes ás devanditas ensinanzas.

2. As ensinanzas profesionais específicas culminarán coa expedición do título correspondente expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade coa normativa vixente.

3. As ensinanzas profesionais de formación ocupacional e de formación continua referentes ó sector agroalimentario consideraranse cualificantes para o exercicio da actividade agraria cos efectos previstos neste decreto.

4. Poderán establecerse bolsas para mozos que asistan a cursos específicos de capacitación profesional agraria, fixándose a súa contía con criterios análogos ós establecidos na convocatoria do réxime xeral de axudas ó estudio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dictar cantas disposicións e normas considere necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria