Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 18 de outubro de 2000 Páx. 14.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do Consorcio Conso-Frieiras.

Visto o texto dos estatutos que rexerán o Consorcio Conso-Frieiras, observándose que a súa aprobación se realizou conforme o disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 150 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola Comisión Xestora e aprobado pola Asemblea de Concelleiros dos Concellos da Mezquita, Riós e Vilariño de Conso.

Segundo.-Con data 28 de abril de 2000 a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe sobre o mencionado proxecto.

Terceiro.-O proxecto foi sometido ó trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no BOP de Ourense de data 30 de marzo de 2000.

Cuarto.-Así mesmo, con data 5 de maio de 2000, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local emitiu informe sobre o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da Comisión Xestora remitiu certificación dos acordos adoptados polos concellos da Mezquita, Riós e Vilariño de Conso de aprobación definitiva dos estatutos do Consorcio Conso-Frieiras para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos do Consorcio Conso-Frieiras no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recolleu como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2000.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración local

ANEXO

ESTATUTOS DO CONSORCIO CONSO-FRIEIRAS

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1º

Ó amparo do establecido no artigo 110 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que aproba o texto refundido de réxime local, así como

tamén o establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, constitúese o Consorcio Conso-Frieiras, que se rexerá pola Lei de bases de réxime local, o texto refundido de réxime local, a Lei de facendas locais, o Regulamento de servicios das corporacións locais e as demais disposicións aplicables vixentes e polos presentes estatutos.

O Consorcio Conso-Frieiras ten personalidade xurídica propia e plena capacidade sen máis limitacións cás establecidas polas leis, os estatutos e Lei da Administración local de Galicia.

Artigo 2º

O Consorcio Conso-Frieiras terá o seu domicilio social na dependencias municipais do Concello da Mezquita.

TÍTULO PRIMEIRO

Obxectivos e funcións

Artigo 3º

O consorcio denominado Consorcio Conso-Frieiras, terá como obxectivo fundamental, entre outros, a recuperación ambiental e edificios sinalados sitos nos concellos integrantes deste consorcio.

Artigo 4º

Para a consecución dos seus obxectivos o consorcio realizará as seguintes funcións:

-Creación dunha escola obradoiro, ou taller de emprego, que poida contribuír á formación da poboación desempregada e á recuperación ambiental e edificios.

-A xestión, dirección e representación desa nova entidade (Obradoiro de Emprego).

-A consecución dos medios económicos necesarios para o desenvolvemento das súas finalidades.

-Calquera outra finalidade que, ligada á recuperación ambiental, á formación da poboación e á promoción económica, social e turística, poida ser aprobado como tal polo Consello Rector do Consorcio.

-E calquera outra finalidade que previamente fora acordada pola maioría dos plenos dos concellos integrantes.

TÍTULO SEGUNDO

Integrantes do consorcio

Artigo 5º

Constitúen o Consorcio Conso-Frieiras e intégrano, as entidades que se relacionan:

-Concello da Mezquita.

-Concello de Riós.

-Concello de Vilariño de Conso.

Artigo 6º

A separación de calquera dos integrantes do Consorcio Conso-Frieiras (en diante C.C.F.), poderá levarse a efecto en todo momento mediante a comunicación dirixida ó presidente do C.C.F., acompañada de certificación do acordo adoptado en tal sentido polo seu órgano de goberno competente, na que se expresen a causa e a vontade de separación.

A separación producirá efectos desde a data na que o C.C.F., resolva a solicitude de separación e substuirán non obstante os compromisos económicos previamente contraídos.

En calquera caso haberase que ater ó preceptuado para o efecto no artigo 143.3º da Lei de Administración local de Galicia.

Tamén poderá decidirse a separación polo C.C.F., logo de instrucción de expediente e con audiencia da entidade afectada, no caso de incumprimento notorio e reiterado das súas obrigas sempre que existira requirimento previo para o efecto.

Artigo 7º

Os integrantes do C.C.F. terán as obrigas e dereitos de:

a) Confeccionar, cumprir e modifica-los estatutos, normas e acordos que os desenvolvan e validamente se adopten.

b) Asistir, por medio dos seus representantes, con voz e voto ás sesións dos órganos rectores do C.C.F.

c) Garanti-las achegas ordinarias e extraordinarias que se establezan.

d) Calquera outra que estableza a lexislación aplicable, ós estatutos ou normas que os desenvolvan.

TÍTULO TERCEIRO

Órganos de goberno, representación

e administración

Artigo 8º

Son órganos decisorios básicos do C.C.F, o presidente e o Consello Rector.

Son órganos de xestión o secretario-interventor e o xerente.

Artigo 9º

O Consello Rector do C.C.F. está integrado polos seguintes membros:

-Alcalde do Concello da Mezquita e representante elixido polo Plenario municipal.

-Alcalde do Concello de Riós e representante elixido polo Plenario municipal.

-Alcalde do Concello de Vilariño de Conso e representante elixido polo Plenario municipal.

Formarán parte del o secretario-interventor e xerente, con voz pero sen voto.

Será presidente o elixido polo Consello Rector.

Artigo 10º

O Consello Rector exerce o goberno e administración do C.C.F., así como a súa alta dirección e impulsión, sen máis limitacións que as establecidas polas leis.

Correspóndelle as seguintes funcións:

a) Exerce-las tarefas de administración como órgano superior do goberno do C.C.F.

b) Defini-las directrices de funcionamento do C.C.F. e examinar e aproba-los programas de actuación.

c) Estudiar e aproba-los orzamentos anuais, o control da xestión económica e aprobación das contas xerais de cada exercicio económico.

d) Aproba-las novas admisións de membros do C.C.F., mediante voto favorable das dúas terceiras partes do número legal.

e) A modificación total ou parcial dos presentes estatutos.

f) A disolución do consorcio.

Artigo 11º

O presidente do C.C.F., ostenta as seguintes atribucións:

a) Representar legalmente o C.C.F. e exerce-las accións xudiciais e administrativas, podendo conferir poderes para tal fin, logo de acordo do Consello Rector, ou adoptando persoalmente resolucións ó respecto en caso de urxencia, dando conta a aquel órgano colexiado para a súa ratificación, se procedera.

b) Dirixi-lo goberno e administración do C.C.F.

c) Convocar, determina-la orde do día, presidir, dirixi-las deliberacións e votacións, suspender e levanta-las sesións de consorcio e dirimi-los empates con voto de calidade.

d) Autorizar co seu visto e prace os documentos do C.C.F., nos que así o requira.

e) Dispoñer do gasto conforme os orzamentos, ordenar pagamentos e render contas e aproba-la liquidación do orzamento.

f) Executar, cumprir e facer cumpri-las decisións propias e as do consorcio.

g) Conferir delegacións xerais ou específicas ós integrantes do C.C.F. nos termos e o alcance que se determine.

g) Cantas facultades de goberno e administración lle correspondan conforme as disposicións legais e regulamentarias, a estes estatutos e normas que os desenvolvan, así como calquera outra facultade que lle delegue o C.C.F., ou que non estean atribuídas a outro órgano.

Artigo 12º

Os órganos de xestión administrativa, baixo a supervisión e dirección do presidente do C.C.F. aseguran o bo funcionamento administrativo, económico e financeiro da entidade e ó seu cargo estará o despacho ordinario dos asuntos da entidade.

Artigo 13º

O xerente do C.C.F. será designado polo Consello Rector e exerce en virtude de acordos do consorcio, as funcións de supervisión e control do despacho ordinario dos asuntos da entidade, así coma a execución das resolución ou acordos que lle sexan encomandadas polos órganos competentes.

O seu réxime xurídico será o fixado pola lexislación laboral.

Artigo 14º

O secretario-interventor do consorcio será o do concello que determine o Consello Rector, ou o funcionario en quen delegue. Terá como funcións a fe pública, o asesoramento legal, o control interno da xestión orzamentaria e a dirección da contabilidade.

TÍTULO CUARTO

Funcionamento dos órganos colexiados

Artigo 15º

O Consello Rector xuntarase en sesións ordinarias coa perioricidade preestablecida, e en sesións extraordinarias que ademais poderán ser urxentes.

Artigo 16º

O réxime de sesións, así como a convocatoria de extraordinarias e urxentes e a adopción de acordos axustaranse ó disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e demais leis que poida dicta-lo Estado ou Comunidade Autónoma en materia de réxime local.

Artigo 17º

A convocatoria comprenderá os asuntos que se vaian tratar que se inclúan na orde do día dela. Cursarase cunha antelación mínima de dous días hábiles.

TÍTULO QUINTO

Recursos patrimoniais e réxime económico

Artigo 18º

O consorcio posuirá os seguintes recursos económicos:

a) A achega inicial que fixará o Consello Rector no seu orzamento ordinario, para cada concello, e que se rexerá por criterios de proporcionalidade referidos á poboación, superficie, orzamento ou beneficio, ou custo derivable para cada concello.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público que se poidan recibir de entes públicos.

c) Achegas ordinarias extrordinarias que estableza o consorcio.

d) Auxilios, doazóns, herdanzas e legados.

e) Rendementos de actividades e servicios.

f) O producto de operacións de crédito.

g) Calquera outra que se axuste á estricta legalidade.

Artigo 19º

O patrimonio do C.C.F. estará integrado polos bens que os integrantes lle adscriban para o cumprimento dos seus fins e os que o consorcio adquira con cargo ós seus propios fondos.

Artigo 20º

O orzamento anual do C.C.F. será confeccionado polo presidente e aprobado polo Consello Rector.

TÍTULO SEXTO

Modificación dos estatutos

Artigo 21º

Para a modificación dos presentes estatutos haberase que ater ó disposto na lexislación aplicable.

TÍTULO SÉTIMO

Disolución do consorcio

Artigo 22º

1. O acordo de disolución do C.C.F. regularase polo establecido na lexislación aplicable e polos motivos que se relacionan:

a) Cando pola insuficiencia de medios de que dispón o consorcio ou por calquera outra circunstancia, resul

tase imposible o cumprimento do fin fundacional, salvo que o Consello Rector acordase por maioría de 2/3 dos seus membros, a modificación dos estatutos.

b) Por terse realizado o fin para o que se constituíu.

c) Cando os entes consorciados o consideren conveniente.

d) Calquera outra debidamente ponderada e acreditada.

2. Prazo de duración: o consello terá vixencia mentres teña operatividade nalgún dos fins para os que foi creado; disolverase transcorrido un ano sen que se dea funcionamento operativo ningún.

3. Forma de disolución. Producida a disolución do consorcio, ó haber patrimonio resultante distribuirase entre os concellos integrantes, de maneira proporcional ás súas achegas, debéndose aproba-la súa forma de liquidación mediante acordo expreso do seu Consello Rector.

TÍTULO OITAVO

Dereito supletorio

Artigo 23º

Para o non previsto nos presentes estatutos haberase que ater ó disposto na lexislación de réxime local de aplicación e á lexislación da Comunidade Autónoma ou do Estado.