Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 18 de outubro de 2000 Páx. 14.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 246/2000, do 29 de setembro, polo que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais de Covelo e Mondariz.

O Concello de Covelo, en sesión plenaria do 25 de marzo de 1994, iniciou expediente de deslinde do seu termo municipal co do Concello de Mondariz, no tramo comprendido entre os marcos 1º a 15º, por existir diverxencia en canto á maneira de aprecia-lo sitio por onde debe pasa-la liña divisoria, remitindo ambos concellos a documentación do expediente á Xunta de Galicia.

Tramitado o expediente de acordo co procedemento establecido nas leis 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe con data 16 de decembro de 1998 e complementario de data 19 de xuño de 2000, presentando alegacións ó primeiro o Concello de Mondariz.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, segundo os cales os conflictos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial e da Comisión

Galega de Delimitación Territorial, e previo dictame do Consello Consultivo de Galicia.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolve-la cuestión suscitada entre os concellos de Covelo e Mondariz, ámbolos dous da provincia de Pontevedra, sobre o deslinde dos seus termos municipais no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdiccional que se describe na acta de deslinde de 1890 e na de deslinde e encalamento de 1954, tal e como se representa no mapa topográfico a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional segundo figura no anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais