Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 17 de outubro de 2000 Páx. 14.147

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se declara a utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV Monseivane-Vilalba II do parque eólico Monseivane á subestación de Vilalba II, en termo municipal de Vilalba. (Expediente 14/1999 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Desarrollos Eólicos, S.A. con enderezo para efectos de notificación en avda. de Buhaira, 2-Sevilla 41018 resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O día 26 de xaneiro de 1999, a empresa Desarrollos Eólicos, S.A. solicita a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV Moseivane-Vilalba II.

Acompañan a dita solicitude o preceptivo anteproxecto a que fan referencia os artigos 8 e 10 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente segundo o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 28 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Tensión nominal: 132 kV.

Nº de circuítos: 1.

Lonxitude: 13,219 km.

Potencia nominal: 74 MVA.

Potencia de deseño: 80 MVA.

Conductores: tipo aluminio-aceiro LA 280 de sección 281,1 mm e 10.870 kg de carga de rotura.

Segundo.-O 25 de marzo de 1999 presentou a empresa peticionaria Desarrollos Eólicos, S.A. escrito de desestimento da declaración de utilidade pública e ínstase a continua-lo procedemento para a autorización administrativa da dita instalación eléctrica.

Terceiro.-O citado proxecto someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 9-4-1999, publicándose no DOG do 19-4-1999 e no BOP de Lugo do 19-4-1999.

Cuarto.-O 17 de setembro de 1999, a empresa promotora presenta unha nova solicitude de declaración de utilidade pública.

Quinto.-O 8 de novembro de 1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar administrativamente e aproba-lo proxecto de execución da citada liña.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 1 de decembro de 1999, publicada no DOG do 21-12-1999, BOP de Lugo do 11-12-1999 e O Progreso do 8-12-1999, no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba, na Delegación Provincial de Lugo; así mesmo a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación e, no caso de titulares descoñecidos ou de enderezo ignorado, deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Sétimo.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Encarnación Rego Bermúdez, respecto do predio finca nº 120, manifesta non estar de acordo coa cualificación adxudicada de monte baixo e monte alto

do citado predio dado que en realidade ten un arboredo composto por carballos, bidueiros, castiñeiros e piñeiros en cantidade superior a 300 árbores.

2. María Naseiro Díaz, respecto do predio nº 248, manifesta non estar de acordo coa cualificación adxudicada de monte alto do citado predio por estar anexo ó polígono industrial de Vilalba e entender que se trata, polo tanto, de solo industrial.

3. Generosa Díaz Pereira, respecto dos predios nº 246 e 249, manifesta non estar de acordo coa cualificación adxudicada de monte alto do citado predio por estar anexo ó polígono industrial de Vilalba e entender que se trata, polo tanto, de solo industrial.

4. M. Jovita Fernández López, respecto do predio nº 243, manifesta non estar de acordo con:

a) O trazado da liña, propoñendo que esta sexa paralela ó camiño real.

b) A información que se lles proporciona ós afectados e que se aclare qué parte do predio se lle afecta.

c) A cualificación de monte baixo dada ó predio, afirma que estar está ou vai entrar en cualificación de solo industrial.

5. Antonio Ramil Basanta, respecto dos predios nº 183, 186 e 187, solicita que coloquen varas nos citados predios para poder comproba-la superficie e as árbores afectadas, e que no predio 183 figura como monte baixo cando en realidade o que hai son eucaliptos e piñeiros.

6. Eladio Cordal Gaute, respecto dos predios nº 170 e 179, manifesta que a titular dos citados predios é a súa esposa María Escelina Ares Gaute e esta solicita que se coloquen varas nos citados predios para poder comproba-la superficie e as árbores afectadas.

7. José Santome Carballeira solicita que a liña se desvíe cara ó oeste do predio nº 3, sendo así menor o prexuízo na propiedade.

8. Francisco Rego Bermúdez solicita unha mellor oferta económica polos predios 164 e 166.

9. Dorinda González Vizoso manifesta non se-la titular dos predios 128 e 134, tal e como se lle atribúe na notificación e que o titular delas é Alvaro Coira González.

10. Julian Martín Castañeda, en representación de Cosme Santomé Insua e 10 máis manifestan que:

a) Non existe unha relación concreta e individualizada de persoas afectadas e non se lles notificou ós interesados.

b) Non existe plano parcelario completo que permita identifica-las parcelas afectadas polo expediente.

c) En canto non se presente a documentación anteriormente citada suspéndese o procedemento.

d) A Administración atribúelle ó ben afectado parcelas 577 e 580 o carácter de litixioso de maneira

non veraz e a Pilar Chao Palmeiro a condición de presidenta dunha ficticia e inexistente xunta rectora veciñal cando, en realidade, forma parte da comisión xestora ou da administración nomeada polos titulares do monte.

Oitavo.-A solicitude obxecto deste expediente conta co informe favorable pola Delegación Provincial de Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se toman en consideración as alegacións formuladas polos seguintes interesados: Encarnación Rego Bermúdez, María Naseiro Díaz, Generosa Díaz Pereira, M. Jovita Fernández López, Eladio Cordal Gaute e Francisco Rego Bermúdez; referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente, correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

2. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes, así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

3. En relación ós cambios de titularidade nas parcelas, a empresa beneficiaria tomará razón deles e procederase á tramitación do expediente cos alegantes. Non obstante durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

4. Non se pode acepta-la variación proposta por Francisco Rego Bermúdez e por M. Jovita Fernández López, xa que en ámbolos dous casos, non se cumpren conxuntamente as condicións do artigo 26 do Decreto 2619//1996, sendo, ademais, o custo desta variación moi superior ó 10% do orzamento correspondente ós citados predios en cuestión, segundo establece o número 3 do dito artigo. O citado proxecto estivo exposto na Delegación Provincial de Industria e someteuse a información pública tal como se indica no punto sexto de fundamento de feito.

5. En relación coa alegación presentada por Julián Martín Castañeda, en representación de Cosme Santomé Insua e 10 máis, cabe dicir que:

a) A relación de bens e dereitos foi publicada e realizadas as notificacións tal como se indica no punto sexto de antecedentes de feito.

b) Durante o período de información pública o citado proxecto estivo exposto, como é preceptivo, na Delegación Provincial de Industria.

c) O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo clasificou o denominado Monte Toxo, sito na Parroquia de San Simón da Costa, como monte veciñal en man común e propiedade dos veciños da parroquia da Costa, considerando vixente a dita cualificación.

d) No presente expediente estase resolvendo sobre a declaración de utilidade pública, que levará implícita a posibilidade de urxente ocupación por parte da beneficiaria polo que o procedemento non está incurso ou é causa ningunha de nulidade.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os tramites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública, en concreto, da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV Monseivane-Vilalba II do parque eólico Monseivane á subestación de Vilalba II, no termo municipal de Vilalba (Lugo), o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria