Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 17 de outubro de 2000 Páx. 14.101

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 241/2000, do 29 de setembro, polo que se regula o procedemento sancionador aplicable ás caixas de aforros de Galicia.

A Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, no seu título V, baixo a rúbrica de réxime sancionador clasifica e tipifica as infraccións administrativas que poden comete-las caixas de aforros e as persoas que teñan cargos de administración ou dirección nelas; fixa os prazos de prescrición; establece as sancións correspondentes a cada clase de infracción cos criterios de graduación destas; delimita a responsabilidade dos membros dos órganos de administración e dirección; distribúe a competencia sancionadora, segundo a clase de infracción, entre a Consellería de Economía e Facenda e o Consello da Xunta de Galicia; e, no seu artigo 71, prevé a regulación dun procedemento sancionador específico por vía regulamentaria. Ó cumprimento deste mandado legal obedece o presente decreto.

O procedemento que se desenvolve neste decreto axústase, como é obrigado, ós principios inspiradores do réxime sancionador contidos nos artigos 134 a 138 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: separación das fases instructora e sancionadora, presunción de inocencia, garantías dos dereitos do presunto responsable, motivación da resolución, etc. É de destacar, ademais, que este procedemento presenta algunhas singularidades con respecto ó procedemento sancionador xeral, que veñen en gran medida impostas pola maior complexidade que pode revesti-la súa instrucción, dada a natureza dos suxeitos responsables -caixas de aforros e os seus órganos de dirección ou administración- e das infraccións que sanciona -vulneración de normas de ordenación e disciplina das entidades financeiras-. Entre estas singularidades cabe sinala-las seguintes:

1. Mantense o prego de cargos, demorando así ata a súa formulación a tipificación da infracción e da sanción correspondente, que poden resultar de difícil especificación no acordo de iniciación do expediente.

2. Refórzanse as garantías dos presuntos responsables ó non admitir en ningún suposto a omisión do trámite de audiencia.

3. Simultaneamente ó trámite de audiencia, por imperativo do artigo 69.3º da Lei 4/1996, sométese ó informe do Banco de España a proposta de resolución dos expedientes que teñan por obxecto infraccións cualificadas de graves ou moi graves.

Polo demais, o decreto articúlase en cinco capítulos relativos ás disposicións xerais (capítulo I), ás tres clásicas fases procedementais: de iniciación, instrucción e resolución (capítulos II, III e IV), e a un procedemento simplificado para as infraccións leves e graves nas que concorren determinadas circunstancias (capítulo V). Finalmente, para evitar reiteracións innecesarias dos principios inspiradores do procedemento sancionador e de normas xa contidas no procedemento sancionador común e no aplicable ós suxeitos que actúan nos mercados financeiros a disposición adicional declara a supletoriedade da regulación dos citados procedementos contida nos reais decretos 1398/1993 e 2119/1993 respectivamente.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora atribuída á Xunta de Galicia polo artigo 69 da Lei 4/1996, de caixas de aforros de Galicia, respecto das infraccións tipificadas nos arts.61 a 63 da precitada Lei 4/1996 que fosen cometidas por caixas de aforros no territorio desta Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Órganos competentes.

1. O órgano competente para inicia-lo procedemento sancionador será a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

2. As persoas designadas como instructor e secretario, se é o caso, deberán te-la condición de funcionarios da Consellería de Economía e Facenda.

3. A competencia para impoñe-las sancións previstas nos arts.65 e 66 da Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, correspóndelle ós órganos a que se refire o artigo 69.2º da dita lei.

Artigo 3º.-Prazos de tramitación.

1. O prazo total para tramitar, resolve-lo procedemento sancionador e notifica-la resolución será de seis meses contados desde a adopción do acordo de iniciación. No caso de seguirse o procedemento simplificado, o prazo será de catro meses.

2. Tanto o prazo total como os parciais, previstos neste decreto para os distintos trámites, poderán ser ampliados segundo o previsto nos artigos 42.6º e 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Capítulo II

Actuacións previas e iniciación do procedemento

Artigo 4º.-Forma de iniciación e actuacións previas.

O procedemento sancionador iniciarase sempre de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia.

Con anterioridade á iniciación do procedemento, poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren as circunstancias que xustifiquen a iniciación. En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motiva-la incoación do procedemento, a identificación dos suxeitos que puideran resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

Artigo 5º.-Contido do acordo de iniciación.

O acordo de iniciación conterá, como mínimo, as seguintes especificacións:

a) Identificación dos suxeitos presuntamente responsables.

b) Exposición sucinta dos feitos que motivan a incoación do procedemento.

c) Nomeamento do instructor e, se é o caso, do secretario, con expresa indicación do réxime de recusación destes.

d) Medidas provisionais que se propoña ó órgano competente para a súa adopción, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante a tramitación do procedemento.

e) Indicación do dereito a formular alegacións e a audiencia no procedemento, así como dos prazos para o seu exercicio.

Artigo 6º.-Medidas provisionais.

O órgano competente para resolver poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegura-la eficacia da resolución que puidera recaer.

Poderán adoptarse as medidas provisionais previstas no artigo 70 da Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, así como as establecidas con carácter xeral no artigo 15 do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

As medidas de intervención e suspensión publicaranse no DOG e no BOE, e inscribiranse nos rexistros correspondentes. Para as restantes, o órgano que as decretase poderá dispoñer, se a súa natureza e as circunstancias do caso o aconsellan, a súa publicación, segundo o previsto no artigo 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a súa inscrición nos rexistros públicos que corresponda.

Capítulo III

Instrucción

Artigo 7º.-Prego de cargos.

O instructor practicará cantas dilixencias sexan adecuadas para a comprobación dos feitos e a determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Á vista do resultado das dilixencias practicadas, formulará o prego de cargos co seguinte contido específico:

1. Dilixencias practicadas ata o momento da súa formulación.

2. Concreción dos feitos imputados ós suxeitos presuntamente responsables.

3. Tipificación da infracción.

4. Sanción que podería corresponder á infracción imputada.

5. Órgano competente para impoñe-la sanción e a norma que atribúa tal competencia.

Artigo 8º.-Contestación ó prego de cargos.

No prazo de vinte días, contados desde a notificación do prego de cargos, poderán os interesados contestalo, achegando tódolos documentos e alegacións que estimen convenientes e, se é o caso, propoñer proba, concretando os medios de que pretendan valerse.

Artigo 9º.-Proba.

Contestado o prego ou transcorrido o prazo sen facelo, o instructor poderá acorda-la práctica das probas solicitadas que sexan adecuadas para a determinación dos feitos e posibles responsabilidades.

A práctica das probas, entendéndose por tales aquelas distintas dos documentos que os interesados poidan achegar en calquera momento do procedemento, realizarase nun prazo non superior a 30 días nin inferior a 10 días e de conformidade co establecido no artigo 81 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O instructor tan só poderá rexeita-las probas propostas polos inculpados cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada.

Artigo 10º.-Proposta de resolución.

Concluída, de se-lo caso, a proba, o instructor do procedemento formulará proposta de resolución na que se fixarán de forma motivada os feitos, especificándose os que se consideren probados e a súa exacta cualificación xurídica, determinarase a infracción que, se é o caso, aqueles constitúan e os suxeitos que resulten responsables, así como a sanción que lle corresponda; ou ben proporase a

declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade.

Artigo 11º.-Trámite de audiencia.

1. A proposta de resolución notificaráselles ós interesados, indicándolle-la posta de manifesto do expediente, co fin de que poidan obte-las copias dos documentos que estimen convenientes, agás daqueles que teñan carácter reservado en virtude do previsto na lexislación específica.

2. O prazo da audiencia será de vinte días, durante os cales os interesados poderán formular alegacións e presenta-los documentos e informacións que estimen pertinentes. En ningún caso poderá prescindirse do trámite de audiencia.

3. Cando na proposta de resolución se cualifiquen os feitos como constitutivos dunha infracción moi grave ou grave, remitirase esta proposta ó Banco de España para que, no prazo de 20 días, emita o informe a que se refire o artigo 69.3º da Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

4. Transcorrido o prazo da audiencia e recibido o informe do Banco de España, se é o caso, o instructor remitirá a proposta, xunto co expediente, ó órgano que acordou a iniciación, para que o resolva ou o eleve ó que lle competa a decisión.

Capítulo IV

Resolución

Artigo 12º.-Resolución.

Cando sexa imprescindible para a correcta determinación dos feitos ou para a adecuada resolución do procedemento, o órgano que acordou a súa iniciación, e tamén o órgano competente para dicta-la resolución, poderá, de forma motivada, encomendarlle ó instructor que practique, como actuacións complementarias, as que aquel órgano estime necesarias, dando audiencia do seu resultado por sete días ós interesados.

A resolución, que se dictará no prazo dun mes desde a recepción da proposta ou, se é o caso, desde a práctica das actuacións complementarias, será motivada, resolverá tódalas cuestións formuladas no expediente e non poderá aceptar feitos distintos dos determinados na fase de instrucción do procedemento ou, de se-lo caso, dos que resulten de actuacións complementarias, con independencia da súa diferente valoración xurídica.

Capítulo V

Procedemento simplificado

Artigo 13º.-Procedemento simplificado.

Cando se trate de infraccións leves, ou aínda sendo graves sempre que os feitos estean claramente determinados, porque foran probados noutras actuacións sancionadoras ou consignados en actas de inspección, foran recoñecidos ou declarados polos propios

interesados ou consten en rexistros administrativos, seguirase o seguinte procedemento:

a) No acordo de iniciación, ademais das mencións do artigo 5º, especificaranse a tipificación da infracción coa sanción que podería corresponderlle e o carácter abreviado do procedemento.

b) Notificado o acordo de iniciación, o instructor terá un prazo dun mes para practicar cantas actuacións e probas sexan necesarias para o esclarecemento dos feitos e para determina-las responsabilidades susceptibles de sanción. No citado prazo os interesados poderán formula-las alegacións e achega-los documentos e propoñe-la proba que estimen conveniente.

c) Se á vista das actuacións practicadas o instructor aprecia que os feitos puideran ser constitutivos de infracción moi grave, ou pola complexidade da infracción estimase necesaria a práctica de novas probas e información complementaria, acordará que se siga o procedemento ordinario, poñéndoo en coñecemento dos interesados. En caso contrario, formulará unha proposta de resolución. Esta proposta notificarase ós interesados, que disporán dun prazo de dez días para examina-lo expediente, así como para formular alegacións e presenta-los documentos que estimen convenientes.

Cando se trate de infraccións graves, remitirase simultaneamente ó Banco de España para a emisión do informe ó que se refire o artigo 69.3º da Lei 4/1996, de caixas de aforros de Galicia. Recibidas as alegacións e o informe, ou transcorrido o prazo conferido para o efecto, elevarase a proposta xunto con todo o expediente ó órgano competente para resolver. A resolución deberá dictarse no prazo dun mes contado desde a recepción das alegacións ou desde a conclusión do prazo para formulalas.

Disposición adicional

Dereito supletorio. No non previsto expresamente neste decreto aplicaranse, supletoriamente, as disposicións do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e do procedemento sancionador aplicable ós suxeitos que actúan nos mercados financeiros, regulado polo Real decreto 2119/1993, do 3 de decembro.

Disposición derradeira

Entrada en vigor. O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda