Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.059

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 240/2000, do 13 de setembro, polo que se regula a declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Directiva 76/160/CE, do 8 de decembro, relativa á calidade das augas de baño, incorporouse ó ordenamento xurídico español mediante o Real decreto 734/1988, do 1 de xullo, polo que se establecen normas de calidade das augas de baño. En ámbalas dúas disposicións normativas defínense as zonas de baño como os lugares onde se atopan as augas de baño, continentais, correntes ou estancadas, e marítimas. A consideración de auga de baño pode establecerse baixo dous aspectos: que o baño estea expresamente autorizado ou que, non estando prohibido, sexa practicado habitualmente por un número importante de bañistas.

A responsabilidade de velar por que as zonas de baño habilitadas especialmente para tal fin cumpran cos criterios de calidade que se fixan nestas normativas recae sobre os estados membros, que deberán designa-la autoridade ou autoridades competentes en materia do dito control.

O artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, establece que o municipio exercerá, en todo caso, competencias, nos termos

da lexislación do Estado e das comunidades autónomas, entre outras, en materia seguridade en lugares públicos; protección da salubridade pública e actividades ou instalacións culturais e deportivas e ocupación do tempo libre.

A Lei 14/1986, do 26 de abril, xeral de Sanidade, no seu artigo 42 establece que os concellos, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas, terán, entre outras, a responsabilidade mínima, en relación co obrigado cumprimento das normas e plans sanitarios, do control sanitario de áreas de actividade físico-deportivas e de recreo. Para o desenvolvemento destas funcións, os concellos deberán solicita-lo apoio técnico do persoal e medios da área de saúde na que estean comprendidos.

O artigo 10º do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, da Xunta de Galicia, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, establece que a Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da protección e promoción colectiva da saúde da poboación de Galicia. Correspóndelle, entre outras, as competencias de promoción colectiva e protección da saúde na Comunidade Autónoma galega e o desenvolvemento de actividades como autoridade sanitaria en materia de saúde pública.

Para estes efectos, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, está a desenvolver un programa anual de control de zonas de baño asignado á Dirección Xeral de Saúde Pública encargada de velar pola súa execución e de transmiti-los resultados á Unión Europea. Desde o seu comezo o programa inclúe desde a definición dos puntos de mostraxe, ata a recolla de mostras para a súa análise e a comunicación ós concellos de calquera anomalía na calidade ou da perda de aptitude para o baño da auga dunha determinada zona de baño. Será o concello finalmente o que se encargue de informa-los usuarios desta perda de aptitude, podendo chegar á prohibición do baño se as condicións das augas entrañan risco para a saúde dos usuarios.

Ó longo de máis dunha década de experiencia, e no marco da evolución das esixencias da Unión Europea e para acadar unha maior efectividade nas actuacións das diferentes administracións implicadas, faise necesario que se delimiten claramente as responsabilidades no marco do mantemento da calidade das augas de baño. Posto que as augas continentais e marítimas susceptibles de seren utilizadas para o baño se atopan circunscritas á demarcación dos municipios, son as autoridades locais as que, en último termo, deben mostra-lo seu interese por que sexan habilitadas como zonas de baño.

A efectividade do seu control pasa pola definición clara das zonas, da súa demarcación territorial, das

características de calidade das súas augas e das medidas que se deben tomar en caso de perda de calidade e cal é a autoridade que debe informa-los usuarios desta perda.

Por outra banda, o segundo criterio de definición de zona de baño baseado na utilización desta por un número importante de usuarios, ten falla de concreción, podendo restrinxi-lo dereito á protección da saúde de calquera individuo. Estímase, pois, conveniente considera-la posibilidade de que colectivos ou asociacións de usuarios, independentemente do seu número, poidan solicitar que o programa de control abranga a zona de baño que habitualmente utilizan, adquirindo os compromisos que diso se deriven.

Por todo o anterior, faise necesario establecer un procedemento de declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia e determina-las consecuencias e obrigas que supón e as condicións nas que procedería a súa revogación.

Tendo en conta o anterior, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto do presente decreto é establece-lo procedemento anual de declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos de desenvolvemento dos controis sanitarios anuais executados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no marco do preceptuado pola Unión Europea, así como determina-las consecuencias da dita declaración, as obrigas das partes interesadas e as condicións que determinasen a perda desta declaración.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do presente decreto entenderase por:

-«Zona de baño habilitada»: o lugar natural ou artificial no que se atopen augas continentais, correntes ou estancadas, ou marítimas e que conta con declaración expresa, obtida de acordo co procedemento estipulado nesta norma.

-«Autoridade sanitaria competente»: a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-«Asociación ou colectividade de usuarios»: aquela que se constitúan conforme a Lei de asociacións e as entidades constituídas por consumidores consonte a lexislación cooperativa.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

O preceptuado no presente decreto será de aplicación ás zonas de baño que contemplen augas con

tinentais ou marítimas que estean baixo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ás augas das zonas de baño que resulten habilitadas seralles de aplicación as esixencias de calidade definidas pola lexislación vixente na materia e estarán sometidas ós programas de control periódico deseñados pola autoridade sanitaria competente.

Artigo 4º.-Declaración de zona de baño habilitada.

Poderanse declarar zonas de baño habilitadas:

a) Os lugares naturais ou artificiais nos que se atopen augas continentais, estancadas o correntes que, no marco do programa de control sanitario de zonas de baño de Galicia:

a.1. Teñan sido declaradas aptas para o baño nos tres anos previos á solicitude de declaración,

a.2. De non cumpriren a condición anterior, teñan sido declaradas aptas para o baño en dous dos tres anos previos á solicitude,

a.3. De non cumpriren a condición anterior, teñan sido declaradas aptas para o baño no último ano previo á solicitude,

a.4. En ausencia de resultados, aquelas que ó inicio de tempada ou durante ela non dean máis de dous resultados analíticos que as fagan non aptas para o baño. Neste último caso, a declaración de zona de baño habilitada farase con carácter provisional, podendo revogarse ó longo da tempada de non cumpriren as condicións de calidade das augas estipuladas pola lexislación vixente na materia.

b) Os lugares naturais ou artificiais nos que se atopen augas marítimas que, no marco do programa de control sanitario de zonas de baño de Galicia:

b.1. Teñan sido declaradas aptas para o baño nos tres anos previos á solicitude de declaración,

b.2. De non cumpriren a condición anterior, teñan sido declaradas aptas para o baño en dous dos tres anos previos á solicitude,

b.3. De non cumpriren a condición anterior, teñan sido declaradas aptas para o baño no último ano previo á solicitude,

b.4. En ausencia de resultados, aquelas que ó inicio de tempada ou durante ela non dean máis de dous resultados analíticos que as fagan non aptas para o baño. Neste último caso a declaración de zona de baño habilitada farase con carácter provisional podendo revogarse ó longo da tempada de non cumpriren as condicións de calidade das augas estipuladas pola lexislación vixente na materia.

O prazo de validez da declaración será o correspondente á tempada oficial de baño, que en Galicia

é do 15 de maio ó 30 de setembro do ano correspondente á solicitude.

Artigo 5º.-Requisitos para a declaración de zona de baño habilitada.

Para a declaración de zona de baño habilitada teranse en conta as actuacións propostas polos solicitantes destinadas a garanti-la prestación dos seguintes servicios:

-Información ós usuarios sobre:

Delimitación da zona de baño habilitada.

Nº de declaración de zona de baño habilitada.

Resultados periódicos de control da calidade das augas de baño no marco do programa de control sanitario de zonas de baño de Galicia.

Revogación da declaración de zona de baño habilitada.

Recomendacións de non utilización de zonas de baño na que as augas non reúnan a aptitude para o baño.

Situacións de risco sobrevidas.

-Mantemento das condicións hixiénicas das áreas peripraieiras, tales como recolla de lixo, recipientes para residuos, mantemento doutras instalacións, etc.

Artigo 6º.-Iniciación do procedemento de declaración.

O procedemento para a declaración de zona de baño habilitada farase sempre por instancia de parte e poderán solicitala tanto os concellos como asociacións ou colectividades de usuarios.

No caso dos concellos será preceptiva a presentación da certificación emitida polo órgano que legalmente teña atribuída a competencia conforme a lexislación propia de réxime local.

No caso das asociacións ou colectividades de usuarios será preceptiva a presentación da documentación que as acredite como tales.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Saúde Pública e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes de declaración de zona de baño habilitada faranse segundo o modelo do anexo I e deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

1. Certificación do órgano que legalmente teña atribuída a competencia conforme a lexislación pro

pia de réxime local ou, se é o caso, acreditación como asociación ou colectividade de usuarios.

2. Delimitación xeográfica da zona de baño.

3. Documentación de propostas sobre os servicios que se van prestar de acordo co recollido no artigo 5 deste decreto.

O prazo de presentación de solicitudes comezará tres meses antes do inicio da tempada oficial e, como moi tarde, rematará un mes antes do inicio. Non se terán en conta as solicitudes que se efectúen fóra destes prazos.

Nas solicitudes que se fagan en anos posteriores á primeira non será preciso presentar nada máis que o modelo de solicitude e a documentación recollida no punto 1 deste artigo, agás que se producisen unha revogación da declaración na tempada anterior. Neste caso haberá que inicia-lo procedemento de solicitude como se se tratase da primeira vez. Isto mesmo seralles de aplicación ás declaracións provisionais.

Artigo 8º.-Tramitación do procedemento.

Recibidas as solicitudes, a Dirección Xeral de Saúde Pública procederá á asignación dun número, que será o que, no caso de proceder, figurará na declaración de zona de baño habilitada.

Nos dez días seguintes á recepción da solicitude poderanse emenda-las deficiencias da solicitude por instancia de parte ou de oficio.

Unha vez comprobado polos servicios da Dirección Xeral de Saúde Pública que a documentación está completa e cumpre co recollido neste decreto, o titular da dirección procederá a emiti-la declaración de zona de baño habilitada, a cal será comunicada, de xeito que quede constancia, ó solicitante.

No caso de se tratar de zonas de baño das recollidas no punto a.4 ou b.4 do artigo 4º, o titular da Dirección Xeral de Saúde Pública, unha vez realizados tódolos trámites anteriores, procederá a emiti-la declaración provisional de zona de baño habilitada. Esta declaración provisional poderá ser revogada nos termos previstos neste decreto ou confirmada no ano seguinte sempre que haxa unha petición por instancia de parte.

De estimar que non procede a declaración enviarase comunicación ó solicitante, de xeito que quede constancia, con motivación expresa da denegación.

Artigo 9º.-Revogación da declaración.

A declaración de zona de baño habilitada poderá ser revogada nos seguintes supostos:

-Que deixen de concorre-los requisitos e condicións nas que se baseou o outorgamento, tanto en materia de calidade das augas de baño como de prestación de servicios e mantemento das áreas peripraieiras.

-Que, en caso de declaración provisional de zona de baño habilitada, ó longo da tempada non se cumpran as condicións de calidade das augas estipuladas pola lexislación vixente na materia.

A revogación da declaración será comunicada, de xeito que quede constancia, ó solicitante, quen deberá cumpri-las obrigas que en materia de información ós usuarios están recollidas no presente decreto.

Artigo 10º.-Responsabilidades da autoridade sanitaria competente.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en materia de zonas de baño habilitadas, terá as seguintes responsabilidades:

-Recibir, tramita-las solicitudes e declara-las zonas de baño habilitadas.

-Comunicar ós solicitantes tanto as declaracións como as denegacións, revogacións ou calquera outra circunstancia que concorra no procedemento de declaración de zona de baño habilitada.

-Comunicar ós solicitantes os resultados do programa de control sanitario de zonas de baño de Galicia.

-Comunicar ó Ministerio de Sanidade e Consumo as zonas de baño habilitadas e os resultados dos controis da calidade das súas augas.

-Facer públicos tódolos datos relativos ás zonas de baño habilitadas e os resultados dos controis efectuados.

Disposicións transitorias

Durante o desenvolvemento do ano 2000, por unha vez e de xeito excepcional, farase a declaración de zona de baño habilitada de oficio a todas aquelas zonas de baño que cumpran cos puntos a.1; a.2; b.1 e b.2 do artigo 4º do presente decreto, someténdose a esta todo o preceptuado neste decreto en materia de revogación, prazos e de declaración á Unión Europea.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais