Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 09 de outubro de 2000 Páx. 13.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2000 pola que se convoca un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2000 e de acordo coas funcións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia, que se desenvolverá conforme ás seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Profundar nos coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial referencia ás pecualiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal das corporacións locais integrado nos grupos C e D ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duracion: 40 horas (35 de autoestudio con titorías telefónicas e 5 horas presenciais).

2. Horario das titorias telefónicas: das 9 ás 11 e das 16 ás 20 horas.

3. Datas: novembro e decembro do ano 2000.

4. Sesión presencial: durante a primeira semana de decembro realizarase unha xornada presencial de 5 horas. Esta sesión celebrarase de forma descentralizada, en cinco localidades que fixará a EGAP en atención ó domicilio dos participantes.

5. Prazas: 100.

Cuarta.-Acto de presentación.

O acto de presentación terá lugar en Santiago de Compostela, na sede da EGAP, rúa Madrid, 2-4, o día 9 de novembro ás 17 horas, no que se distribuirá a documentación e se impartirán as instruccións de desenvolvemento do curso.

Quinta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 25 de outubro de 2000.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Inscricións fora de prazo: poderán admitirse, de quedaren prazas valeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais.

Sexta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sétima.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Oitava.-Probas e certificados.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa calificación de apto.

Novena.-Contido básico.

Principios xerais e ámbito de aplicación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento. Características e fases do procedemento administrativo. Principais rasgos do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral e do procedemento sancionador. Procedementos de reclamacións previas ó exercicio das accións civis e laborais, procedementos especiais á marxe da Lei 30/1992.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública