Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 09 de outubro de 2000 Páx. 13.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre urbanismo e vivenda.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas Xornadas sobre urbanismo e vivenda, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Unha das principais preocupacións do ser humano e ó mesmo tempo un dereito inalienable del, foi sempre atopar un acubillo onde habitar. Malia grandes esforzos desenvolvidos polas diferentes administracións públicas para remediar este problema, a tarefa non é tan fácil. A escaseza do solo a súa carestía, as dificultades de financiamento, tanto da construcción como do acceso a estas, e unha chea doutros pequenos e grandes obstáculos fan que a vivenda se considere un gran reto no que o urbanismo ten moito que dicir e achegar. Con estas xornadas preténdese expo-lo panorama actual neste terreo e efectuar unha análise dos instrumentos e medios para afrontar este problema.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

-O dereito a unha vivenda digna e adecuada como dereito constitucional.

-Incidencia das técnicas urbanísticas na protección pública á vivenda: aproveitamento tipo, reserva de solo para a construcción de VPO, patrimonios públicos de solo...

-Réxime xurídico básico das Vivendas de Protección Oficial, das Vivendas de Precio Taxado e das Vivendas de Protección Autonómica.

-Réxime xurídico do financiamento da protección pública á vivenda: préstamos cualificados, subsidiacións e subvencións. Características propias da lexislación galega.

-Propietarios e urbanizadores no proceso de execución urbanística.

-O dereito de acceso á vivenda: a necesidade dunha Lei de vivenda de Galicia.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería de Presidencia en Lugo (Ronda da Muralla, s/n, da citada cidade), os días 6 e 7 de novembro de 2000.

Quinta.-Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 2 de novembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 3 de novembro, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública