Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 06 de outubro de 2000 Páx. 13.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 227/2000, do 5 de outubro, polo que se modifica o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

Publicado o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, (DOG nº 118, do martes 19 de xuño) e á vista da experiencia obtida durante os anos transcorridos desde a entrada en vigor do antedito decreto, parece aconsellable a súa modificación co fin de axiliza-lo funcionamento da Comisión Permanente de Publicacións procedendo á súa adecuación ás necesidades que a práctica ven presentando. Deste xeito, engádese como membro fixo da Comisión Permanente de Publicacións, regulada no artigo 5, o vicesecretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do que depende o Servicio do Diario Oficial de Galicia, encargado da xestión das publicacións da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 5 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, que queda redactado da forma seguinte:

Serán membros fixos da Comisión Permanente de Publicacións o secretario xeral da Presidencia, que a presidirá, o secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que será o seu vicepresidente; o vicesecretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o subdirector xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas, da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; o xefe do Servicio de Traducción, e o xefe do Servicio do Diario Oficial de Galicia, ámbolos dous da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o último dos cales actuará como secretario. Formarán parte desta Comisión Permanente de Publicacións, como membros variables, un funcionario de cada consellería, con nivel mínimo de xefe de servicio, que será convocado nos casos que se especifican máis adiante.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública