Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 02 de outubro de 2000 Páx. 13.649

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Naviera Mar de Ons, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Naviera Mar de Ons, S.L., con nº de código 3603322, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-7-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 19-7-200. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de setembro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para o persoal da empresa

Naviera Mar de Ons, S.L.

Título I

Condicións preliminares e xerais de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio é de aplicación á empresa Naviera Mar de Ons S.L., ó seu persoal de flota e terra nas rías de Vigo e Pontevedra e nos servicios que este persoal preste nas demais rías galegas nos supostos recollidos no artigo 22º.

Artigo 2º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos este convenio constitúe unha unidade indivisible, polo que non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias das súas cláusulas, rexeitando o resto, senon que sempre terá que ser observado e aplicado na súa totalidade.

No suposto de que a xurisdicción laboral, facendo uso das súas facultades, non dera a súa aprobación a algún dos pactos deste convenio, este quedaría sen efecto, debendo procederse á reconsideración deste artigo.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade a este convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas das que se establezan, deberá conservalas.

Artigo 4º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor no momento da súa sinatura, con efectos retroactivos ó 1 de xullo de 2000, e a súa duración será ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 5º.-Prórroga.

De non mediar denuncia por calquera das partes cos requisitos expresados no artigo seguinte, o convenio entenderase prorrogado de ano en ano a partir do 1 de xaneiro de 2002 nos seus propios termos.

Artigo 5º.-Denuncia.

A denuncia do convenio poderá efectuala calquera das partes, debendo formularse cunha antelación mínima de dous meses ó remate da súa vixencia ou da de calquera das prórrogas, de forma escrita, con entrega da denuncia á outra parte, e remitindo copia á autoridade laboral.

Denunciado o convenio e vencido o termo da súa vixencia, seguirá aplicándose mentres non se logre acordo expreso, de conformidade co estipulado na Lei do Estatuto dos traballadores.

As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora no mes de xaneiro.

Artigo 7º.-Cláusula de compensación e absorción.

O conxunto de condicións salariais pactadas neste convenio absorberá e compensará en cómputo anual calquera mellora parcial que, por disposición legal de carácter xeral ou específica para o sector pactada ou por calquera orixe que fose, no futuro puideran establecerse.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a publicación e entrada en vigor de calquera disposición de carácter xeral ou específico para o sector que mellore calquera dos temas pactados non salariais, será de aplicación no contido e regulación sobre o establecido neste convenio.

Artigo 8º.-Concorrencia de normas.

En todo o non recollido neste convenio haberá que aterse á aplicación aplicable no sector. No caso de contradicción entre dúas ou máis normas, prevalecerá a de maior rango normativo.

Título II

Réxime económico

Artigo 9º.-Salario e gratificacións extraordinarias.

Os salarios dos traballadores serán os indicados na táboa que figura no anexo.

Tódolos traballadores terán dereito a percibir en concepto de gratificación extraordinaria dúas pagas, que se farán efectivas, a primeira o día 15 de xullo e a segunda o día 15 de decembro. A cantidade que se vai percibir, en función da categoría profesional, será a sinalada no anexo.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

A elección do traballador, a realización de horas extras remunerarase economicamente ou en tempo de descanso, a razón dunha hora por cada hora extraordinaria realizada; esta elección comunicaráselle á empresa con antelación.

Artigo 11º.-Complemento de transporte.

Cada traballador percibirá un complemento de transporte segundo o establecido no anexo.

Artigo 12º.-Desprazamento.

Para os desprazamentos á ría de Pontevedra e Baiona, a empresa facilitará o transporte ó persoal. Cando haxa unha mobilidade xeográfica fóra da liña Vigo-Cangas e Vigo-Moaña, a empresa facilitará o transporte.

Artigo 13º.-Quebranto de moeda.

Para o persoal que realice tarefas de cobrador establecerase un quebranto de moeda de 100 ptas. por cada día que efectúen os ditos labores.

Para o persoal de despachos establécese un quebranto de moeda de 1.700 ptas./mes. Para o persoal de despacho de billetes ás illas Cíes quedará establecido en 6.000 ptas./mes na temporada de verán.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Se os traballadores tiveran que realizar comidas ou ceas por orde de servicio ou pasa-la noite fóra do seu domicilio, percibirán as seguintes axudas de custo:

Comida: 1.550 ptas.

Cea: 1.550 ptas.

Aloxamento: 3.600 ptas.

Estas cantidades aboaranse de forma anticipada.

En caso de que se orixinen gastos maiores de contía razoable, deberanse xustificar previamente á empresa. Estes gastos aboaranse no momento da presentación das correspondentes facturas.

Artigo 15º.-Baixa médica (IT).

Se por accidente de traballo, enfermidade común ou profesional tivera lugar a hospitalización, a empresa completará as prestacións da Seguridade Social ata o 100% do salario real mentres dure a situación de hospitalización.

En caso de baixa por accidente de traballo sen hospitalización superior a unha semana, e co límite de dous meses, aplicarase a este suposto o previsto no parágrafo anterior.

En caso de baixa por accidente laboral que supere os dous meses, a empresa e o comité de empresa poderán acorda-la prórroga da prestación do 100% do salario real, de acordo coa situación persoal do traballador de baixa.

Título III

Cuestións laborais e sociais

Capítulo I

Artigo 16º.-Xornada laboral.

Salvo razóns non imputables ó traballador, o persoal asume o compromiso de operatividade na primeira saída do día e na chegada do buque.

* Persoal de oficina.

-Luns a venres:

Mañá: 9 h a 14 h.

Tarde: 17 h a 20 h.

* Despacho de billetes Vigo-Cangas.

-Luns a sábados:

Cangas.

Mañá: 5.40 a 14 h.

Tarde: 14 a 22 h.

Vigo.

Mañá: 6.15 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 22.30 h.

-Domingos e festivos:

Cangas.

Mañá: 7.45 h a 14 h.

Tarde 14 h a 22 h.

Vigo.

Mañá: 8.15 h a 14.30 h.

* Despacho de billetes Moaña.

-Luns a venres: de 7 h a 10 h.

* Vixilantes.

-Luns a sábado:

Vigo-Cangas: 10 h a 6 h.

-Domingos:

Vigo-Cangas: 10 h a 8 h.

* Persoal de terra (tripulación retén).

-Luns a venres:

Mañá: 8 h a 13 h.

Tarde: 15 h a 18 h.

* Liña Vigo-Cangas.

-Luns a venres:

1º barco:

Mañá: 5.30 h a 14 h.

Tarde: 14 h a 23 h.

2º barco:

Mañá: 6.30 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 22.30 h.

-Sábados (temporada de inverno):

1º barco:

Mañá: 5.30 h a 14 h.

Tarde: 14 h a 23 h.

-Sábados (temporada de verán):

1º barco:

Mañá: 5.30 h a 14 h.

Tarde: 14 h a 23 h.

2º barco:

Mañá: 8 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 22.30 h.

-Domingos e festivos:

1º barco:

Mañá: 7.30 a 14 h.

Tarde: 14 h a 23 h.

2º barco:

Mañá: 8 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 22.30 h.

* Liña Vigo-Moaña.

Mañá: 5.30 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 23 h.

-Domingos e festivos:

Mañá: 7.30 h a 14.30 h.

Tarde: 14.30 h a 23 h.

A xornada laboral será de 40 horas semanais en cómputo de 28 días.

O servicio prestará en réxime de xornada partida para o persoal de oficina e tripulación de retén e continuada para o persoal adscrito ás liñas de Vigo-Cangas e Vigo-Moaña, tanto en despachos como tripulacións.

En calquera caso, no persoal de xornada continua, respectaranse dous descansos por quenda, de 10 minutos cada un, sen que estes trastornen os servicios prestados pola empresa.

Para o persoal embarcado, polo menos un dos dous días de descanso semanal coincidirá en sábado ou domingo.

Para o persoal de despacho de billetes, o reparto de días de descanso realizarase de forma equitativa en tres quendas, de forma que, en ciclos de tres semanas, nunha semana os días de descanso coincidan en sábado e domingo e nas dúas semanas restantes o descanso se desfrute de luns a venres.

Artigo 17º.-Vacantes en postos de terra.

Cando se produzan vacantes nos postos de terra daráselles preferencia para ocupar estes ós traballadores da empresa, sempre que teñan a cualificación axeitada, e nas condicións económicas da nova categoría.

Artigo 18º.-Traballos de categoría superior.

A realización de traballos de categoría superior dá dereito ó soldo e demais condicións de traballo do persoal da dita categoría.

A realización destes traballos durante un período de 5 meses nun ano ou 7 en dous anos dá dereito á consolidación na categoría superior e en tódalas condicións de traballo.

Para a consolidación da categoría, o soldo e demais condicións de traballo necesitarase o título correspondente.

En caso de que en futuros embarques non existira posto similar ó xa consolidado, ocupará o seu posto primitivo pero coas condicións económicas da categoría superior xa consolidada.

Artigo 19º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 30 días naturais para todo o persoal da empresa.

Na confección do calendario de vacacións participarán a empresa e a representación dos traballadores co fin de que exista un reparto equitativo. Farase público con dous meses de anterioridade ó desfrute das vacacións.

As vacacións non se poderán permutar salvo xustificación.

Artigo 20º.-Licencias.

O traballador, avisándoo con antelación e xustificándoo adecuadamente, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos e o tempo que a continuación se expón.

-Matrimonio: 18 días.

-Nacemento de fillos: 4 días.

-Enfermidade grave, hospitalización ou morte de familiares ata 2º grao: 2 días (4 días se fose preciso desprazamento).

-Enfermidade grave esposa e fillos: 4 días.

-Morte de cónxuxe e fillos: 10 días.

-Morte de pais, incluso políticos: 4 días.

-Morte de irmáns: 4 días.

-Cambio de domicilio: 2 días.

En caso de urxencia poderá presenta-lo xustificante no prazo de 48 horas despois de regresar ó posto de traballo.

Artigo 21º.-Permutas.

Cando os traballadores soliciten a permuta no seu posto de traballo, da súa mesma categoría profesional, xuntaranlle á solicitude un prego razoado das causas que motiven tal petición. A empresa, se iso é posible, accederá ó solicitado.

Artigo 22º.-Traslados.

Non haberá mobilidade xeográfica fóra das rías de Vigo e Pontevedra, salvo que o traballador o acepte voluntariamente.

Nos supostos de xiras ou servicios que se prestasen nas demais rías galegas, se non houbese voluntarios para atende-las ditas xiras ou servicios, acéptase unha mobilidade xeográfica non superior a 7 días por traballador e ano. Os gastos de locomoción e axudas de custo serían por conta da empresa.

Artigo 23º.-Excedencias.

Tódolos traballadores terán dereito a que lles sexa concedida a excedencia nos seguintes supostos:

Todo traballador con máis dun ano de antigüidade na empresa poderá solicitar unha excedencia por un prazo non inferior a 1 ano, nin superior a 5 anos.

Así mesmo, o traballador poderá solicitar licencia para atender asuntos persoais, xustificándoo adecuadamente ante a empresa, por un período máximo de 6 meses ou por calquera outra causa razoada, polo mesmo período, co visto e prace do comité da empresa. Estas licencias, sen prexuízo do recollido no artigo 20º, non terán dereito a retribución de ningunha clase.

Artigo 24º.-Período de proba.

O período de proba, que se concederá sempre por escrito, non poderá ser superior a:

-Titulados: 2 meses.

-Non titulados: 1 mes.

Artigo 25º.-Promoción e formación profesional no traballo.

O traballador terá dereito:

1. Desfrute dos permisos necesarios para acudir a exames cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional. Daráselle preferencia a elixir quenda de traballo se ese réxime é o establecido.

2. Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional, con reserva do posto de traballo. O traballador avisará cun mes de antelación. Estes permisos só serán retribuídos no caso de cursos de formación ou perfeccionamento profesional obrigatorios para o desempeño do seu cargo na empresa. En caso de non aproveitamento académico, os permisos para a repetición do curso serán por conta do traballador.

3. Unha vez feita a debida solicitude polo traballador, e sempre e cando a necesidade do servicio e a empresa o considere conveniente, tódalas solicitudes de permiso se atenderán tendo en conta as necesidades profesionais e antigüidade do peticionario seguindo a orde de recepción das peticións, ata completar un tope, establecido nun traballador por categoría ou tres en total do cadro de persoal de forma simultánea.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá os traballadores do vestiario preciso para verán e inverno, consistente en:

-2 pantalóns verán.

-2 pantalóns inverno.

-2 camisas verán.

-2 camisas inverno.

-1 xersei inverno.

-1 xersei verán.

-1 par de guantes de manobra.

-1 roupa de augas.

-1 par de botas de auga no caso dos mariñeiros.

-1 peza de roupa de abrigo.

Todo o vestiario será entregado anualmente ó principio de temporada, excepto os guantes, as botas, as roupas de augas e a roupa de abrigo, que serán repostas logo da entrega dos anteriores deteriorados.

Artigo 27º.-Perda de equipaxe.

En caso de perda de equipaxe da dotación do buque por naufraxio, incendio ou calquera outra causa, e que supoña perda total, a empresa aboará como compensación a cantidade de 25.000 ptas. en porto interior e 100.000 ptas. en saídas ó mar.

Artigo 28º.-Seguro de accidentes.

A empresa comprométese a subscribir un seguro de accidentes para os traballadores por accidente laboral coas seguintes condicións:

a) Invalidez permanente total para a profesión habitual, invalidez permanente absoluta e/ou gran invalidez: 6.000.000 de ptas.

b) Morte por accidente laboral (incluído in itinere) 6.000.000 de ptas.

Artigo 29º.-Seguro de responsabilidade civil.

A empresa subscribirá unha póliza de responsabilidade civil que cubra calquera reclamación civil derivada das accións dos seus empregados no desenvolvemento da súa actividade. Igualmente dispoñerá de asesoría xurídica para a defensa de calquera empregado por eventuais responsabilidades xurdidas do norma desempeño do seu cargo.

Capítulo II

Comisión paritaria-comité de seguridade e hixiene

Artigo 30º.-Cláusula de interpretación-comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la interpretación deste convenio colectivo crearase unha comisión de seis membros, dos cales tres serán designados pola representación da empresa e os outros tres en representación dos traballadores, nomeados polo comité de empresa de entre os membros da comisión negociadora do convenio por ambas partes.

As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puideran derivar da interpretación ou aplicación do convenio, a esta comisión, que resolverá o que proceda no prazo máximo de dez días, debendo reunirse non máis tarde de 72 horas despois de cada requirimento polas partes.

Artigo 31º.-Seguridade e hixiene.

Haberá que aterse a todo o referente ás leis ou normativa vixente, especialmente no nomeamento dos delegados de seguridade e na obriga de cumpri-las súas recomendacións.

Capítulo III

Acción representativa e sindical

Artigo 32º.-Dereitos e funcións do comité de empresa.

a) Cando o comité de empresa actúe en representación dos traballadores ante a empresa considerarase que se encontran en comisión de servicio, percibindo as axudas de custo establecidas e salario como se estivese traballando, para negociación de convenios ou calquera outro motivo que afecte ós traballadores da empresa.

b) Asegura-lo cumprimento das normas laborais e de seguridade e hixiene no traballo.

c) Exercerán o control sobre as horas extraordinarias solicitadas pola empresa, así como a distribución equitativa destas.

d) Vixiarán que se cumpran os períodos de vacacións e períodos de embarque previstos na empresa.

e) A utilización de servicios da empresa, tales como fotocopiadora, máquina de escribir, teléfono, télex, fonía, etc., será por conta da empresa sempre que a dita utilización afecte a intereses de ambas partes. As que sexan de carácter sindical serán por conta dos traballadores.

f) Ser informados de cantas medidas afecten directamente ós traballadores, especialmente aquelas que puideran adoptarse sobre:

-Reestructuración de novos sistemas de traballo e incentivos.

g) As medidas disciplinarias que lle impoñerá a empresa ou os seus representantes a calquera traballador, se se consideran moi graves, deberán ser postas en coñecemento do comité de empresa, que deberá emiti-la súa opinión por escrito dentro das 48 horas hábiles seguintes á comunicación da empresa ó comité.

h) A empresa facilitará información sobre a súa situación e a súa marcha xeral.

i) Propoñerlle á empresa cantas medidas considere axeitadas en materia de organización da producción ou melloras técnicas.

Artigo 33º.-Exercicio do cargo.

A designación para un cargo sindical faculta o seu titular para exercelo libremente por toda a duración do seu mandato.

Artigo 34º.-Reserva de horas para asuntos sindicais.

Cada membro do comité de empresa disporá dunha reserva de horas de ata 15 horas mensuais, que poderán ser empregadas nos seguintes casos:

a) Asistencia a congresos, asembleas, consellos e, en xeral, a calquera clase de reunións que foran convocadas polo seu sindicato.

b) Participación a seminarios, cursos de actividades de carácter informativo pola central sindical á que pertenzan.

c) Actos de xestión que deban realizar por razón das súas obrigas como membros do comité de empresa.

Non se incluirá no cómputo das horas o tempo empregado en actuacións ou reunións levadas a cabo por iniciativa do empresario e participación en órganos de colaboración, convenios e outros de análoga natureza.

Artigo 35º.-Dereito de asemblea.

O comité de empresa, ou os traballadores, coa sinatura de polo menos o 33% do cadro de persoal, poderán convoca-la asemblea, logo do aviso á empresa con dous días de antelación, acordando con ela as medidas oportunas para que a dita reunión se produza de maneira que cause os menores prexuízos á empresa.

Artigo 36º.-Lugar de reunión.

A empresa dotará ós seus traballadores dun lugar adecuado para exerce-lo seu dereito a reunións e asembleas, podendo usar para o dito efecto os buques da empresa.

A empresa facilitará, se iso é posible, un local e os medios adecuados para permitir desenvolve-lo labor dos membros do comité de empresa.

Disposicións adicionais

-Cobertura de imprevistos.

Se durante a xornada de descanso regulamentado dalgún traballador este é chamado a cubrir algún imprevisto e este, de forma voluntaria, aceptase, aboaráselle da seguinte forma:

De 1 a 4 horas de traballo: 4 horas.

De 4 horas en diante: as que correspondese.

-Quendas de traballo e rotación.

A distribución das quendas de traballo farase de forma mensual entre as tripulacións do servicio regular, retén en porto e empregados do despacho de billetes. A empresa fará unha distribución equitativa

das quendas, entre tódolos traballadores, especialmente sábados e domingos, entregando copia deles así como das posibles modificacións ó comité de empresa cunha semana de antelación.

-Desfrute de vacacións.

As vacacións fixadas no calendario correspóndense co ano natural para o que se confeccionou aquel.

Disposicións transitorias

-Revisión salarial.

Por excede-la vixencia deste convenio do exercicio en curso, establécese unha revisión de tódolos conceptos retributivos na contía do incremento do IPC (segundo datos INE) no ano 2000, con efectos do 1 de xaneiro de 2001.

En caso de que a data do 31 de decembro de 2001 o IPC do ano 2001 rexistrara un aumento superior ó do ano 2000, aboarase a diferencia. Esta cantidade resultante (correspondente ó ano completo) aboaráselle nunha soa paga durante o primeiro trimestre do ano 2002.

No ano 2001 as pagas extras incrementaranse en 13.000 ptas. cada paga para tódolos traballadores.

ANEXO

Táboas salariais

Categoría profesionalS. baseCompl. Tr.Paga Extr.

Piloto182.20013.800122.610

Patrón maior de cabotaxe175.10013.800118.000

Patrón de cabotaxe162.20013.800111.220

Mecánico de 1ª165.67413.800114.750

Mecánico de 2ª153.20013.800107.870

Patrón polivalente153.20013.800107.870

Mariñeiro119.04813.80085.922

Vixilante98.08113.80073.750

Oficial de 1ª administrativo153.20013.800107.870

Empregado de despacho de billetes98.09113.80073.750

Auxiliar administrativo98.08113.80073.750

* Para os efectos do artigo 36.2º do Estatuto dos traballadores, faise constar que o salario dos vixilantes se establecen atendendo a que o seu traballo é nocturno por natureza.

En Vigo o dezanove de xullo de dous mil, aproban e subscriben o texto que antecede.

-Pola representación da empresa:

José Nacimiento Soto.

Rafael Bedia Ocejo.

-Pola representación dos traballadores:

Manuel González González.

Mª Ángeles García-Fernández.

Amadeo Cuíñas Fontao.

Juan Balado Gómez.