A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito a asistencia xurídica gratuíta, e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados e procuradores para a implantación e o funcionamento dos servicios de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza, incluíndo no seu anexo letra B), nº 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado e representación por procurador dos tribunais en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, e a asistencia letrada ó detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia dictou o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece, no seu artigo 45, que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais determinará anualmente as cantidades que deberán percibi-los colexios para atende-los gastos derivados do funcionamento e a infraestructura colexial que requiren os servicios de asistencia xurídica gratuíta.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único.
A cantidade destinada para atende-los gastos derivados do funcionamento operativo dos servicios colexiais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2000 fíxase nun oito por cento do importe total devengado durante o ano 1999 polos colexios de avogados e procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada, defensa e representación gratuítas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a directora xeral de Xustiza para dicta-las disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2000.
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais