Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 21 de setembro de 2000 Páx. 13.224

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2000, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 89/1997, do 10 de abril, correspondentes ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de arquitectos (lista B).

Nas listas para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo elaboradas de conformidade co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, non existe na actualidade, persoal que reúna os requisitos que son necesarios para o desempeño dos correspondentes postos de traballo, polo que ante a urxente necesidade de cubrir vacantes do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de arquitectos, ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión nas listas de novas persoas, con independencia de que a anterior continúe en vigor.

Por isto, en aplicación do previsto no Decreto 89/1997, do 10 de abril, co informe previo da comisión de persoal, esta dirección xeral acorda realiza-la convocatoria para a elaboración da devandita lista, de conformidade coas seguintes bases:

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de arquitectos, nos que a súa cobertura se considera de urxente necesidade, mentres non sexan ocupados polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

As listas correspondentes á especialidade obxecto desta convocatoria e que foron elaboradas de acordo

co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, continuará en vigor e a súa utilización terá carácter preferente.

Base 2ª.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

En canto ós puntos ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:

-Lista B:

A lista que se confecccione será para o corpo que a continuación se sinala:

Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de arquitectos.

Incluiranse nesta lista os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribrirse nela e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitudes nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Base 3ª.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde a publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de incrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de arquitectos: 7.525 ptas.

Os que así non o fixeran no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.1, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo III, que se publica con esta convocatoria.

Base 4ª.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito: licenciatura en arquitectura. O citado requisito deberá posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Base 5ª.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria, e, de se-lo caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta,

así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo, escala que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos a que se refire o punto B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo e escala, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá emitirse polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polo punto B.1, (ter superados algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado os xustifique.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do servicio de información e atención ó cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

6.3. As listas correspondentes á especialidade obxecto desta convocatoria e que foron elaboradas de acordo co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, continuarán en vigor e a súa utilización terá carácter preferente, polo que os integrantes das mesmas non poderán presentar de novo solicitude ó respecto, excepto para aqueles ámbitos territoriais nos que non se atopen incluídos.

Polo tanto, unha vez que se esgoten ou non poidan empregarse as mencionadas listas, os chamamentos realizaranse en cada ámbito territorial a través das listas que se elaboren con base na presente convocatoria.

Base 7ª.-Recursos.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán os interesados formular recurso de alzada perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2000.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública