Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 20 de setembro de 2000 Páx. 13.173

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 1 de setembro de 2000 pola que se regula o procedemento de elección dos vocais da Comisión Galega de Artesanía que representan ós artesáns inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, crea no seu artigo 5 a Comisión Galega de Artesanía, adscrita á Consellería de Industria e Comercio, e establece que a representación das administracións e dos artesáns será paritaria e que os representantes dos artesáns serano a partes iguais por designación das asociacións artesanais legalmente constituídas e por elección democrática de tódolos artesáns inscritos na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O Decreto 94/1992, do 11 de abril, regula os membros da comisión e establece no seu artigo 4 que os artesáns de cada provincia, inscritos na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, designarán por elección democrática un vocal da comisión, regulándose transitoriamente a elección dos devanditos vocais ó seren preceptivos os seus informes para a inscrición no dito rexistro.

Posteriormente, coa entrada en vigor do Decreto 145/1993, do 24 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención da carta de artesán e mestre artesán e o Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, iníciase o proceso de organización e inscrición no devandito rexistro no que figuran o número suficiente de artesáns inscritos para seren electores e candidatos por cada provincia.

Procede, pois, regula-lo procedemento de elección dos vocais da Comisión Galega de Artesanía que representen ós artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento para a elección democrática dos vocais da Comisión Galega de Artesanía que representan ós artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-O dereito de sufraxio activo.

Para renova-los 4 vocais da Comisión Galega de Artesanía, en representación do sector artesanal, establécese o seguinte procedemento:

1. Os artesáns de cada provincia inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, designarán por elección democrática un vocal que os represente na Comisión Galega de Artesanía.

2. Os electores exercerán o dereito de sufraxio pola provincia na que se encontren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 3º.-O censo electoral.

1. A Dirección Xeral da Consellería de Industria e Comercio elaborará o censo electoral, que agrupará os artesáns por provincia, ordenados alfabeticamente e deberá indica-lo domicilio e número de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

2. O censo estará exposto, durante un prazo de 10 días, nos servicios centrais da consellería e na correspondente delegación provincial.

3. A exposición do censo electoral anunciarase previamente mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

4. Desde o momento en que se inicie a exposición do censo e ata 5 días despois do vencemento do prazo sinalado para a súa exposición, os interesados poderán presentar reclamacións ante a Dirección Xeral de Programas Industriais da Consellería de Industria e Comercio, por calquera das formas sinaladas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A Dirección Xeral de Programas Industriais resolverá as reclamacións formuladas nun prazo máximo de dez días, contados a partir da data de vencemento do período aberto para a presentación das ditas reclamacións.

6. Contra os acordos da dirección xeral porá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio.

Artigo 4º.-Requisitos para ser elixible.

As persoas que desexen presentar candidatura, á finalización do prazo para a súa presentación, deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Levar inscritos un mínimo dun ano como artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

b) Figurar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia na provincia pola que presenten a candidatura.

Artigo 5º.-Presentación de candidaturas.

1. As candidaturas deberán presentarse no prazo de quince días naturais desde a publicación desta orde. Presentaranse en sobre pechado e certificado e no que debe figura-lo seguinte enderezo:

Consellería de Industria e Comercio.

Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas.

«Presentación de candidaturas para vocais da Comisión Galega de Artesanía».

Edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 5-15771-Santiago de Compostela.

2. A presentación de candidaturas deberán remitirse nun sobre e conforme o modelo oficial que se publica como anexo I, coa que se deberá achegar unha fotocopia do documento nacional de identidade do candidato.

3. As candidaturas que se presenten fóra de prazo e as presentadas por persoas que non figuren inscritas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia quedarán excluídas automaticamente, e non poderán optar á elección.

Artigo 6º.-Proclamación de candidatos.

Transcorridos 15 días naturais desde que finalice o prazo de presentación de candidaturas, a Consellería de Industria e Comercio procederá a examina-las candidaturas presentadas, excluíndo aquelas que non reúnan os requisitos esixidos e a proclama-los candidatos que se publicarán no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Procedemento para emiti-lo voto.

No prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación de candidaturas no Diario Oficial de Galicia, os artesáns emitirán o seu voto por correo, conforme o modelo que se publica como anexo II á presente orde, co que se achegará unha fotocopia do documento nacional de identidade do votante, en sobre pechado no que debe figura-lo seguinte enderezo:

Consellería de Industria e Comercio.

Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas.

«Elección de vocais para a Comisión Galega de Artesanía».

Edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 5-15771-Santiago de Compostela.

Artigo 8º.-Escrutinio.

1. Resultarán elixidos vocais os candidatos que alcancen a maioría de votos validamente emitidos dentro de cada unha das provincias.

En caso de empate, será designado o candidato de maior antigüidade no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e se esta fora igual, o de maior idade.

2. Transcorridos dez días naturais desde o remate do prazo para votar, efectuarase a apertura dos sobres que conteñan o voto, en acto público, no que estarán presentes dous funcionarios da Consellería de Industria e Comercio e un representante da Comisión Galega de Artesanía que será designado polo seu Pleno de entre os vocais en representación do sector artesanal.

3. Consideraranse nulos tódolos votos que non se emitan en modelo oficial ou aqueles que conteñan marcas, raspaduras ou emendas.

Artigo 9º.-Proclamación dos vocais electos.

1. Unha vez finalizado o escrutinio dos votos, a Consellería de Industria e Comercio fará públicos os resultados definitivos das eleccións, proclamando os vocais electos no Diario Oficial de Galicia.

2. Os vocais serán nomeados polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas na súa calidade de presidente da Comisión Galega de Artesanía, que lle entregará a cada un dos elixidos a credencial que xustifique a súa condición de membro electo.

3. A condición de vocal terá una vixencia de catro anos e poderán presentarse á reelección.

Artigo 10º.-Reclamacións.

As reclamacións sobre o transcurso do proceso electoral e as controversias que podan xurdir sobre o seu desenvolvemento presentaranse perante a Dirección Xeral de Programas Industriais da Consellería de Industria e Comercio e serán resoltas por ela.

Contra os acordos da dirección xeral poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio.

Disposición adicional

Única.-Para o non previsto nesta orde atenderase ó regulado ó respecto na Lei orgánica do 19 de xuño de 1985, do réxime electoral xeral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

Modelo para a presentación de candidaturas para a elección de vocais provinciais representantes dos artesáns de cada provincia inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia creado na Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

ELECCIÓNS DE VOCAIS DA COMISIÓN GALEGA DE ARTESANÍA ANO 2000

Presentación de candidatos.

Don/Dona

Enderezo

Inscrito/a no Rexistro Xeral de Atesanía de Galicia coa carta de artesán/artesá nº

Data de inscrición

Actividade artesanal que exerce

Presenta a súa candidatura como vocal da Comisión Galega de Artesanía pola provincia de

Asdo.:

ANEXO II

Modelo de voto para a elección dos vocais provinciais representantes dos artesáns inscritos no Rexistro de Artesanía de Galicia.

Asdo.:

ELECCIÓNS DE VOCAIS DA COMISIÓN GALEGA DE ARTESANÍA

ANO 2000

Don/Dona

Enderezo

Inscrito/a no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia coa carta de artesán/artesá nº

Voto ó/á candidato/a.

Don/Dona

Que se presenta pola provincia de

Asdo.: