Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 19 de setembro de 2000 Páx. 13.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 31 de agosto de 2000 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de campamentos públicos de turismo.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa que demandan os mercados. Os cámpings, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Galicia ademais ten unha moi boa demanda dos servicios turísticos dos cámpings, feito que determina a necesidade de que as súas instalacións estean en consonancia coas esixencias actuais en orde á relación calidade/prezo. De aí, entendemos, existe a necesidade de incentiva-los empresarios do sector para que melloren, amplíen ou reformen as súas instalacións para os efectos de que a oferta galega en materia de campamentos públicos de turismo sexa cada día dun máis alto nivel de servicio e calidade.

En consecuencia, e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006 e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita Lei, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora de campamentos públicos de turismo. É polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 10.05.751A.771.0, dos seus créditos orzamentarios para 2000, ás persoas físicas e xurídicas titulares de campamentos públicos de turismo, en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ás ditas concesións destínase un crédito de 10.397.925 ptas., distribuídos en 3 anualidades, a saber, no ano 2000, 1.297.925 ptas., no 2001, 4.900.000 ptas. e no 2002, 4.200.000 ptas. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, rexerá o que dispón o artigo 37.Dous) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 2000 e se é o caso a de 2001 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para

o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos cámpings.

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á modernización e remodelación das instalacións, á creación ou mellora da oferta complementaria así como á substitución dos equipamentos obsoletos das instalacións existentes.

Non formará parte do investimento subvencionable a adquisición de terreos, os honorarios técnicos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2. Os cámpings para os que se solicita subvención deberán de estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

3. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a dous millóns de pesetas.

4. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

5. Os investimentos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 2000 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Crea-los postos de traballo a que se comprometen na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 3 anos contados dende a data de autorización de reapertura expedida pola administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se xustificase correctamente o investimento subvencionado.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

d) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Non acadar, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

-Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento mínimo subvencionable.

e) Executa-lo proxecto de total conformidade co presentado ó concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollan nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiráselle 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se creará con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá superar, en ningún caso, o 40% do custo do proxecto en termos de subvención neta.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes dirixidas ó delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspondente á provincia de localización do investimento e a documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo da respectiva delegación provincial, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes

contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico competente, do investimento proxectado. Á dita memoria achegaráselle orzamento pormenorizado por conceptos do investimento e planos a escala 1:50 cando este afecte á distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique especificamente que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Anexo II asinado e debidamente cuberto.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia así como se cumpre os demais requisitos administrativos esixibles para ser obxecto de subvención, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de turismo e os xefes de servicio, de Fomento e Promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio

de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-As melloras que se realizarán na instalación co investimento proxectado.

-A creación de postos de traballo.

-A creación ou mellora da oferta complementaria.

-O aumento da categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. No ámbito territorial da súa competencia e vistos os acordos adoptados pola referida comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictarán, ó abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provincias ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que non esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso de alzada diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes desde a recepción da notificación da correspondente resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, 2001 e 2002, segundo corresponda, en función das disposicións económicas e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados dende a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á correspondente Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo III. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela

se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

-Fase de 2000: 1 de novembro de 2000.

-Fase de 2001: 30 de xuño de 2001, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2001.

-Fase do 2002: 30 de xuño de 2002.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2000, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2000.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado. No caso de que o investimento xustificado fose menor do investimento mínimo subvencionable (2.000.000 de ptas.) a correspondente Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo valorará as circunstancias que motivaron esta minoración e non fosen previsibles coa solicitude, e poderá, se é o caso, logo de audiencia ó interesado, revoga-la subvención concedida.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á correspondente Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado. Nas ditas facturas o interesado deberá especificar, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificación bancaria actualizada onde se debe aboa-la subvención.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3º.6 e no anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documen

tación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 5.000.000 de ptas, e cando se solicite o pagamento da anualidade dos anos 2000 ou se é o caso de 2001, ademais da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 37.Dous,2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando polo menos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non-esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde, entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2002. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado na disposición adicional sexta desta orde.

Sétima.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-O director xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Terceira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo