Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 19 de setembro de 2000 Páx. 13.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 1 de setembro de 2000 pola que se abre unha segunda convocatoria de solicitudes para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade.

O pasado 27 de xuño de 2000 (DOG número 124) publicouse a Orde do 19 de xuño de 2000 pola que se regulan axudas para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro de calidade, establecéndose determinadas actividades subvencionables encamiñadas á adopción de medidas que incidan naquelas fases da producción que máis influencia teñan na calidade da planta de viveiro.

Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes e estudiados os expedientes subvencionables, apréciase que o volume orzamentario do conxunto das solicitudes non cumpriu as expectativas consideradas no seu día en comparación cos orzamentos dedicados para esta liña de auxilio.

O descoñecemento, por parte da maior parte dos viveiristas, da existencia destas axudas, debido a que se trata da primeira convocatoria e á brevidade do período de solicitudes, fai necesario reabri-lo prazo de solicitudes desta liña de subvencións, de vital importancia para a reestructuración e ordenación do sector viveirístico na nosa comunidade.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en

uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Nova convocatoria.

Establécese a apertura dun novo prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes das actividades subvencionables ó abeiro da Orde do 19 de xuño de 2000 pola que se regulan axudas para mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro.

Artigo 2º.-Obxecto e regulación das axudas.

As axudas reguladas pola presente orde teñen por obxecto o fomento da producción de sementes e plantas de viveiro de calidade, como condicionante principal dunha producción agraria diferenciada e adaptada ás esixencias do mercado.

Ademais, con este programa preténdese incentiva-lo desenvolvemento deste sector naquelas especies de especial transcendencia para Galicia e que non teñen suficientemente establecido un control directo ou sistema de certificación que garanta un material vexetal de partida coa calidade contrastada e coa adaptación ás nosas peculiaridades que se require.

Os beneficiarios, actividades subvencionables, criterios de adxudicación, contía das subvencións e demais disposicións reguladoras, quedan establecidas pola Orde do 19 de xuño de 2000 para a mellora estructural e adaptación dos procesos productivos de sementes e plantas de viveiro.

Artigo 3º.-Financiamento.

O pagamento das solicitudes efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 776.0 Reestructuración dos sistemas productivos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, dotado con 19.619.984 pesetas, así como con cargo ós remanentes adicionais que puideran existir no mesmo concepto.

Poderán comprometerse subvencións con carácter plurianual, para o ano 2001, pola contía máxima de 3.854.578 pesetas ó ano, na aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.0.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte, ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria