Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 13 de setembro de 2000 Páx. 12.908

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 18 de agosto de 2000 que modifica a do 23 de xullo de 1999 pola que se regulan os establecementos de ortopedia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 23 de xullo de 1999 pola que se regulan os establecementos de ortopedia da Comunidade Autónoma de Galicia establece a regulación da autorización sanitaria dos establecementos de ortopedia, entendidos como tales aqueles que, nun local determinado, dispensan ó público próteses externas e órteses que requiren unha adaptación individualizada e/ou unha fabricación á medida destinada a un paciente determinado, con independencia de que ademais dispensen axudas técnicas e outros productos seriados que non precisen adaptación.

O artigo 3º desta orde esixe que tales establecementos sexan atendidos directa e persoalmente por un técnico ortopédico ou técnico superior en ortoprotésica, que será o responsable da actividade técnico-sanitaria do establecemento.

Así pois, esta orde non recolle a existencia doutro tipo de profesionais cualificados como serían os licenciados en farmacia que realizaron o curso de posgrao de especialización en ortopedia ou outros titulados que conten cunha formación especializada en ortopedia, especialidade que xa se está a impartir en varias universidades do territorio nacional, incluída a Universidade de Santiago de Compostela.

O propio Ministerio de Sanidade e Consumo recoñece a estes titulados a súa cualificación para actuar como responsables técnicos en establecementos nos que se realizan actividades de fabricación de productos de ortopedia á medida. Tendo en conta este feito, aqueles tamén estarían cualificados para a adaptación individualizada destes productos nos mesmos establecementos, evitando así unha situación paradoxal.

Polo exposto, faise necesaria a modificación da Orde do 23 de xullo de 1999 pola que se regulan os establecementos de ortopedia da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, tendo en conta as previsións contidas no artigo 4 do Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, en virtude do cal esta consellería é competente para establece-los procedementos e criterios que tendan a mellorar progresivamente a calidade destes, así como as súas prestacións sanitarias e, en uso das facultades que me confire o artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación do artigo 3º.

Modíficase o artigo 3º, punto 1, da Orde do 23 de xullo de 1999 pola que se regulan os establecementos de ortopedia da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado da forma seguinte:

Os establecementos de ortopedia estarán atendidos directa e persoalmente por un técnico ortopédico ou técnico superior en ortoprotésica ou outro profesional en posesión da titulación que acredite unha cualificación adecuada para o exercicio de tales funcións, que será o responsable da actividade técnico-sanitaria do establecemento.

Artigo segundo.-Modificación do punto 1.a do anexo I.

Modifícase a letra a) do punto 1 do anexo I da Orde do 23 de xullo de 1999, que queda redactado da forma seguinte:

Un técnico ortopédico ou técnico superior en ortoprotésica ou outro profesional en posesión da titulación que acredite unha cualificación adecuada para o exercicio de tales funcións, que será o responsable das actividades técnico-sanitarias do centro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais