Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 01 de setembro de 2000 Páx. 12.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de xullo de 2000 pola que se modifica a do 7 de xullo de 1997 pola que se establece un programa de axudas ós proxectos empresariais de investimento que contribúan á creación e mantemento de emprego estable.

A creación de emprego é un dos obxectivos fundamentais en calquera política de desenvolvemento, sendo, polo tanto, preciso deseñar programas de apoio públicos que contribúan ó logro de tal obxectivo. Con tal finalidade, por Orde do 7 de xullo de 1997 estableceuse un programa de axudas ós proxectos empresariais de investimento que contribúan á creación e mantemento de emprego estable, que en definitiva pretende estimular a aqueles empresarios creadores de emprego, así como fomentar novas iniciativas que favorezan a aparición de empresas e empresarios.

A Orde do 7 de xullo de 1997 xa introduciu con carácter innovador a condición de que polo menos o 25% dos empregos netos creados polos proxectos de investimento subvencionados ó seu abeiro debían ter duración indefinida. Na actualidade, considérase conveniente dar novo impulso á estabilidade laboral, elevando ata o 35% sobre o emprego neto que se

vai crear, o volume de contratación indefinida necesario para considerar subvencionables os proxectos empresariais de investimento, así como primar para a determinación da contía total da axuda, aqueles proxectos dos que o seu compromiso de estabilidade laboral se eleve ata o 45%.

Así mesmo, pretendeuse aclara-lo sentido de determinados aspectos procedementais que a experiencia demostrou pouco claros, co fin de que reflictan o seu verdadeiro sentido e noutros casos, adaptándose, ó mesmo tempo, ós cambios normativos operados.

Por outra parte, establécese a preceptiva autorización do Consello da Xunta de Galicia para a concesión de subvencións que superen os cincocentos millóns de pesetas, así como a obrigatoria publicación no Diario Oficial de Galicia daquelas axudas concedidas a proxectos de investimento que superen os cincuenta millóns de investimento subvencionable.

A tramitación ante Bruxelas do novo Decreto-Marco de Incentivos motivou que o Consello da Xunta de Galicia tomase un acordo o pasado 14 de abril de 2000 no sentido de manter vixente o Decreto 309/1995, pero adaptado ó novo marco de axudas rexionais para Galicia xa aprobado.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o primeiro parágrafo da letra d) do punto 1 do artigo 6º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«d) Proxectos de relanzamento da actividade: considéranse tales os proxectos xurdidos como consecuencia do cesamento da actividade ou de procesos concursais de sociedades nos que se recolla o relanzamento da actividade por un novo ou novos empresarios de recoñecida solvencia, que adquiran a maioría accionarial e que reempreguen polo menos o 25% dos traballadores procedentes do cadro de persoal existente antes do cesamento da actividade ou proceso concursal».

Artigo 2º

Modifícase o punto 2 do artigo 7 da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«2

a) Que as empresas solicitantes que se encontren en actividade, conten, no momento de presenta-la súa solicitude, con, polo menos, un 35% de empregados con contrato indefinido nos seus centros de traballo radicados en Galicia. A dita porcentaxe mínima reducirase ó 33% para empresas cun cadro de persoal inferior a 10 traballadores. O beneficiario estará obrigado a non modificar á baixa a porcentaxe de emprego indefinido existente no momento da solicitude durante o período de vixencia da axuda e ata a acreditación do efectivo cumprimento de condicións. Para o cumprimento deste requisito computarase o emprego de tódolos centros de traballo que a empresa teña en Galicia.

b) Excepcionalmente e coa motivación suficiente, nos casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda ou o non cumprimento da porcentaxe de emprego indefinido que está obrigado a manter durante o período de vixencia da axuda, do que se dará coñecemento á Comisión de Seguimento dos Acordos dos Apoios á Promoción Económica e Fomento Empresarial.

c) Polo menos o 35% do emprego neto que se vai crear deberá ser con contratos indefinidos, salvo en empresas de menos de 10 traballadores nas que a dita porcentaxe deberá acadar polo menos o 33%. Estas porcentaxes de emprego estable de nova creación deberán ser mantidas ata a acreditación do efectivo cumprimento de condicións.

Artigo 3º

Modifícase o primeiro parágrafo do punto 1 do artigo 8º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. Contía.

O importe máximo da subvención que se vaia conceder, en termos de subvención neta equivalente, non poderá supera-lo 40% do custo do proxecto».

Artigo 4º

Engádese un punto 2.4 ó artigo 8º da Orde do 7 de xullo de 1997 nos seguintes termos:

«2.4. Cando a porcentaxe de contratación indefinida sexa igual ou superior ó 45% do emprego neto que se vai crear, incrementarase nun punto porcentual a porcentaxe de subvención resultante de aplica-los criterios de valoración anteriores».

Artigo 5º

Modifícase o punto 5 do artigo 10º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«5. Só serán subvencionables os investimentos realizados e pagados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda. Para efectos de acreditar estes extremos, será necesario o levantamento de acta nota

rial de presencia despois da data de presentación da solicitude, onde quede constancia fidedigna da non iniciación do proxecto ou do seu estado de execución, agás a adquisición de edificios e outras construccións usadas».

Artigo 6º

Modifícase o parágrafo segundo do punto 1 do artigo 11º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«En canto á creación de emprego, computarase a partir da cifra de emprego que se vaia manter e comprobarase no momento da finalización do prazo de vixencia, ou antes se estivesen cumpridas tódalas condicións da resolución individual, debéndose acredita-la creación de postos de traballo indefinidos e/ou coa acreditación do efectivo mantemento dos postos de traballo durante ó menos tres anos».

Artigo 7º

Modifícase o punto 4 do artigo 11º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«4. En todo caso, polo menos o 35% do emprego creado deberá formalizarse mediante contratos de duración indefinida».

Artigo 8º

Modifícanse os seguintes puntos do artigo 12º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedarán redactados nos seguintes termos:

«1.7. Fotocopia do TC1 e TC2 dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de tódolos centros de traballo da empresa en Galicia. Así mesmo, deberán xuntar un compromiso debidamente asinado polo representante legal no que indique o número de postos que se van crear e o número deles que se efectuarán por contrato indefinido».

4. Parágrafo primeiro: «correspóndelle ó Consello de Dirección do Igape resolver sobre as solicitudes de axudas previstas nesta orde, debendo contar co previo informe favorable da Comisión Delegada para Asuntos Económicos da Xunta de Galicia para aqueles proxectos cun investimento subvencionable superior a 5.000 millóns de pesetas. Para a concesión de subvencións por importe superior a 500 millóns de pesetas, será necesaria a autorización do Consello da Xunta de Galicia».

4. Parágrafo cuarto: «o Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de seis meses desde a data na que a solicitude se atope debidamente cuberta. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo consideraranse desestimadas».

Artigo 9º

Modifícase a letra c) do punto 2 do artigo 14º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«c) Nivel de autofinanciamento ou recursos propios. O nivel de autofinanciamento quedará concretado nos fondos propios do beneficiario, conforme as definicións establecidas no Plan Xeral de Contabilidade aprobado mediante R.D. 1643/1990, do 20 de decembro, e a súa existencia deberá xustificarse, sen prexuízo das

prórrogas que puideran acordarse, antes de terse cumprido a metade do período de vixencia da axuda establecido na resolución de concesión».

Artigo 10º

Modifícase o parágrafo segundo da letra b) do punto 2 do artigo 16º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«As liquidacións parciais estarán suxeitas ós límites e condicións, se é o caso, establecidas pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixente no momento da liquidación».

Artigo 11º

Engádeselle un último inciso ó punto 1 do artigo 17º da Orde do 7 de xullo de 1997 co seguinte texto:

«En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto».

Artigo 12º

Modifícase o parágrafo sexto da letra b) do punto 3 do artigo 20º da Orde do 7 de xullo de 1997, que quedará redactado nos seguintes termos:

«Non se acredite a creación e mantemento en cadro de persoal do emprego comprometido nos termos do artigo 7º.2 da presente orde».

Artigo 13º

Engádeselle o seguinte texto á disposición adicional da Orde do 7 de xullo de 1997:

«As axudas concedidas ó abeiro da presente orde a aqueles proxectos que superen os cincuenta millóns de pesetas de investimento subvencionable, serán obxecto de publicación do Diario Oficial de Galicia».

Artigo 14º

Engádeselle unha disposición transitoria á Orde do 7 de xullo de 1997 co seguinte texto:

«As axudas previstas na presente orde adaptaranse automaticamente ás modificacións impostas pola normativa comunitaria».

Artigo 15º

Engádeselle unha disposición derradeira á Orde do 7 de xullo de 1997 co seguinte texto:

«As referencias normativas contidas nesta orde ó Decreto 309/1995, do 23 de novembro, deberanse entender no sentido establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000».

Disposición transitoria

As solicitudes de axuda presentadas ó abeiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 7 de xullo de 1997 e con anterioridade á entrada en vigor da presente orde tramitaranse de conformidade coa normativa anterior.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte, ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda