Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 30 de agosto de 2000 Páx. 12.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. para os traballadores/as adscritos ó servicio de limpeza e recollida de residuos urbanos do concello de Ferrol. (Código 1502942).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. para os traballadores/as adscritos ó servicio de limpeza e recollida de residuos urbanos do concello de Ferrol (código 1502942) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-6-2000 e posteriormente rectificado con data 5-7-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social polo comité de empresa, o día 5-6-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 7 de xullo de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. para os seus traballadores/as adscritos ó servicio de limpeza e recollida de residuos urbáns do concello de Ferrol

Ano 2000 e 2001

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación para tódolos traballadores da empresa Urbaser, S.A., que presten os seus servicios no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do concello de Ferrol.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio, entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia; non obstante, os efectos económicos deste retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2000.

Terá unha duración de 2 anos, con vixencia do 1-1-2000 ó 31-12-2001.

A denuncia do presente convenio, será de carácter automático.

Este convenio considerarase provisionalmente prorrogado durante o tempo que medie entre a súa data de remate e a aprobación dun novo convenio ou norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que, con anterioridade ó presente convenio viñan desfrutando de mellores condicións, consideraraas no seu conxunto e no cómputo anual, que as aquí pactadas, conservaranas.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe destas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afectar ás condicións pactadas no presente convenio, cando consideradas as novas retribucións en cómputo anual, superen as aquí pactadas.

No caso contrario, serán absorbidas e compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen modificacións ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de garantía.

Estará formada por catro representantes da parte económica e catro da parte social pertencentes ó comité de empresa. Ámbalas partes poderán contar con asesores e reuniranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa necesario, debendo ter lugar a reunión dentro dos cinco días seguintes á convocatoria.

As súas funcións serán:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio.

b) Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio que puidese afectar ó seu contido.

c) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio, someteranse á comisión mixta paritaria, antes de presenta-la reclamación pertinente, ante a xurisdicción competente.

A dita comisión deberá emitir un informe e a súa resolución nun prazo máximo de 5 días a partir do día no que foi solicitada.

As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstaculizarán en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa, prevista na lei.

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da empresa.

A empresa facilitará o exercicio do traballo de forma que o persoal non sufra atrasos no desenvolvemento do seu cometido debido a persoas ou feitos alleos á empresa.

Cada traballador ou traballadora realizará o traballo propio da súa categoría. Se por necesidades do servicio, un traballador/a viñera desempeñando funcións dunha categoría superior, cobraría desde o primeiro día o salario desta categoría.

Artigo 8º.-Promoción.

No caso de existir prazas de superior categoría, terá preferencia para acceder a elas o persoal en activo na empresa ou centro de traballo, polo que se promocionará ás ditas categorías o persoal que demostrase a súa capacidade, logo de superación das probas selectivas. As bases e requisitos necesarios marcaraos a empresa, para o cal esta se compromete a dar formación adecuada ós traballadores que pretendan acceder ás ditas prazas e que reúnan os requisitos necesarios. No caso de que as prazas quedasen vacantes, a empresa podería solicita-los distintos profesionais na oficina do Inem.

Artigo 9º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais definidas neste convenio, no relativo ás retribucións económicas, son as que figuran nas táboas salariais que se xuntan como anexos do presente convenio.

Condicións de traballo

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 38 horas semanais, que se distribuirán da seguinte forma, xornada diaria de 6 horas e 30 minutos de luns a venres e de 5 horas e 30 minutos os sábados, que inclúen 30 minutos para o bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Artigo 11º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas conforme á seguinte fórmula: 30 días de salario base + antigüidade + importe do complemento de vacacións que figura para cada categoría nas táboas salariais que se xuntan.

O persoal que se incorpore á empresa durante o ano gozará da parte proporcional das vacacións que lle correspondan. Se a dita contratación se efectuara despois do 30 de outubro, gozará a parte proporcional dentro do mesmo ano na data que acordara a empresa.

As vacacións desfrutaranse nos meses de xullo e agosto de acordo co seguinte calendario de rotación.

O persoal que no ano anterior desfrutou as vacacións en xullo, desfrutaraas en agosto o ano seguinte.

O persoal que no ano anterior desfrutou as vacacións en agosto, desfrutaraas en xullo o ano seguinte.

Tódolos traballadores que logo de solicitude desfruten as súas vacacións fóra dos meses de xullo e agosto, terán como compensación dous días máis de vacacións, quedando excluído desta consideración o mes de decembro.

Artigo 12º.-Permisos e licencias.

O persoal terá dereito a desfrutar de permisos ou licencias nos seguintes supostos:

a) 15 días no caso de contraer matrimonio.

b) 3 días no caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao. Se se producise fóra da localidade, o permiso será de 5 días.

c) 3 días no caso de morte dalgún familiar en primeiro grao; 2 días se é de segundo grao. Se o falecemento se producise fóra da localidade, o permiso será de 2 días máis.

d) 3 días no caso de nacemento de fillos ou fillas. Se o feito se produce fóra da localidade, o permiso será de 5 días.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) 1 día por matrimonio de fillos ou fillas, se é fóra da localidade 2 días.

g) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dalgún título tanto académico como profesional; acreditarase sempre a concorrencia ós ditos exames.

h) O tempo necesario para recibir asistencia médica ou sanitaria debendo xustificala adecuadamente.

i) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

j) Polo tempo necesario para a renovación do carné de conducir, a aqueles traballadores/as que teñan a categoría de conductor.

k) O traballador ou traballadora por lactación dun fillo e filla menor de 9 meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderá dividir en 2 fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal de traballo en media hora, coa mesma finalidade.

Este permiso poderán desfrutalo o pai ou a nai no caso de que ambos traballen.

As licencias e permisos empezarán a contra na data na que se produza o feito que os motiva, ou no día seguinte se o traballador ou traballadora rematase a súa quenda de traballo.

Os días que correspondan para cada suposto descrito neste artigo enténdese que son naturais.

Artigo 13º.-Días libres por asuntos propios.

Durante a vixencia deste convenio, cada traballador terá á súa disposición 5 días de licencia retribuída sen xustificar, para desfrutar antes do 31 de decembro do ano en curso, non terán carácter acumulativo dun ano para outro, non se remunerarán no caso de renunciar ó seu desfrute, e segundo a clasificación seguinte:

Asuntos propios tipo A - libre disposición (AP-A):

2 días ó ano, para os cales o único requisito será o de solicitalos ó seu encargado con polo menos 7 días de antelación ó día escollido para o descanso.

Asuntos propios tipo B - condicionados (AP+B):

3 días ó ano, para os cales, aínda non establecéndose prazo de solicitude, serán comunicados ó seu encargado correspondente, e a empresa reservarase o dereito a non concede-las ditas licencias, cando estas causen unha grave deterioración na prestación do servicio, dado o carácter público deste.

Neste sentido consideraranse laborables aqueles festivos nos que, por seren consecutivos, sexa necesaria a realización do servicio de recollida de residuos sólidos urbáns.

Artigo 14º.-Sábados libres.

Durante o ano 2000 cada traballador terá á súa disposición 10 sábados libres retribuídos, 13 para o 2001 sen xustificar, que non terán carácter acumulativo dun ano para outro, non serán remunerados no caso de renunciar ó seu desfrute, e para desfrutar antes do 31 de decembro do mesmo ano, e segundo a clasificación seguinte:

Sábado de convenio tipo A - libre disposición (SC-A):

7 sábados ó ano, para os cales o único requisito será o de solicitalos ó seu encargado con polo menos 7 días de antelación ó día escollido para o descanso.

Sábado de convenio tipo B - condicionados (SC+B):

3 sábados durante o ano 2000, 6 a partir do ano 2001, nos que a súa autorización será regulada segundo porcentaxes por categorías.

Artigo 15º.-Incapacidade laboral transitoria.

No caso de baixa por incapacidade transitoria derivada de calquera tipo de continxencia, ben sexa por accidente laboral ou enfermidade profesional, ou ben por enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará ata o 100% do salario real.

No caso de maternidade tamén se terá dereito ó dito complemento, que será aboado da forma que dispoña a lexislación vixente en cada momento.

Non terán estes complementos aqueles traballadores/as que non teñan dereito ó cobro dos subsidios oficiais que outorga a Seguridade Social ou a mutua correspondente.

Artigo 16º.-Preaviso de cesamento.

Aplicarase o que dispoña a lexislación vixente nesta materia en cada momento.

Artigo 17º.-Pezas de roupa de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada 2 anos as seguintes pezas de roupa:

Conductores:

Inverno:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-2 xerseis.

-1 cazadora.

-1 anorak.

-1 par de botas de seguridade.

-Luvas anticortes.

Verán:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-1 par de botíns.

Peóns:

Inverno:

-3 pantalóns.

-3 camisas.

-2 xerseis.

-1 cazadora.

-1 anorak.

-1 par de botas de seguridade.

-1 par de botas de auga.

-1 traxe de augas.

-Luvas anticortes.

Verán:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-1 par de botíns.

Persoal de taller:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-3 fundas.

-2 pares de botas de seguridade.

A roupa de verán entregarase do 1 ó 15 de maio, a roupa de inverno do 15 ó 30 de setembro.

Será de obrigado cumprimento por parte da empresa o cambio dalgunha peza de roupa deteriorada por desgaste, rotura, etc. por outra nova, dentro do período de dous anos para o que se solicitan as pezas de roupa de traballo, logo de entrega da peza deteriorada, e que a dita deterioración ou rotura sexa consecuencia do desenvolvemento normal do traballo.

Condicións sociais

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional como consecuencia da actividade desenvolta para a empresa, da que se derive morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou gran invalidez para calquera actividade laboral, o traballador/a ou os seus beneficiarios percibirán, en concepto de indemnización a cantidade de 2.400.000 pesetas, independentemente das prestacións que puidesen corresponderlle por este motivo.

A dita póliza entrará en vigor o día da súa sinatura, quedando o persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación deste convenio, mentres non se subscriba a nova póliza, cuberto pola do ano anterior.

Artigo 19º.-Excedencias.

Terá dereito a solicitar excedencia todo traballador/a que teña unha antigüidade mínima dun ano na empresa, concedéndose esta por un período comprendido entre 1 e 5 anos.

A petición de excedencia terá que facerse con 1 mes de antelación.

A incorporación ó posto de traballo debe solicitarse 1 mes antes da data de remate da dita excedencia.

Poderá solicitar excedencia, todo traballador/a en activo que desempeñe un cargo sindical, tanto sexa nunha estructura de dirección da central sindical á cal pertenza, como a institución galega ou estatal en calquera das súas modalidades. Esta excedencia será con dereito á reserva do posto de traballo, debéndose avisar con alomenos 1 mes de antelación a súa reincorporación á empresa. Non se terá en conta ós efectos do cálculo do complemento de antigüidade, o tempo transcorrido en situación de excedencia polas causas sindicais expostas.

No caso de excedencia voluntaria, descontarase o tempo no que se permaneza nesta situación para os efectos do complemento de antigüidade.

Artigo 20º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

Estarase ó disposto na lexislación que poida ser de aplicación nesta materia e se atope vixente en cada momento.

Non se terán en conta o período de suspensión temporal do contrato de traballo motivado pola situación do servicio militar ou civil substitutorio, para os efectos do cálculo do complemento de antigüidade.

Artigo 21º.-Cobertura por retirada do carné de conducir.

Nos casos de retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o conductor afectado noutro posto de traballo, conservándose a súa categoría e soldo durante un período máximo de 3 meses. Transcorrido o dito prazo, se lle adaptará tanto o salario como a categoría o seu novo posto de traballo. O traballador/a reintegrarase á súa categoría e posto de traballo no prazo de tres meses a partir da devolución do mencionado carné.

Este artigo será de aplicación no suposto de que a infracción que deriva na retirada do mencionado carné se produza dentro da xornada laboral do traballador/a, no desempeño das súas funcións normais de conductor/a, e sempre e cando non derive de conducción temeraria, conducir baixo os efectos do alcohol ou calquera outra substancia psicotrópica, así como calquera infracción prevista na Lei de prevención de riscos laborais, imputable ó traballador/a.

Se a retirada do permiso de conducir se producise fóra da xornada laboral, atribuiráselle un posto de peón ou similar no que non se necesite o citado permiso, mentres dure a sanción que motivou a retirada deste, sexa cal fose a causa de suspensión do permiso de conducir.

Neste último suposto mentres dure a retirada de permiso de conducción e o operario non poida desenvolver traballos propios da categoría de conductor, cobrará o salario correspondente á categoría de peón.

Artigo 22º.-Axuda escolar.

A empresa achegará un fondo de axuda para estudios oficiais dos fillos dos traballadores/as que terá un importe de 530.000 pesetas.

O reparto do dito fondo farase anualmente entre a empresa e o comité de empresa, creando a este respecto un regulamento de normas.

Artigo 23º.-Comité de seguridade e hixiene.

Observarase o disposto na lexislación vixente nesta materia.

Artigo 24º.-Revisións médicas.

Tódolos traballadores/as afectados polo presente convenio terán o dereito e a obriga de pasar unha revisión médica anual que será por conta da empresa e en horas de traballo. Así mesmo, todo traballador que o solicite vacinarase contra a gripe e a hepatite B.

Dereitos sindicais

Artigo 25º.-Garantías sindicais.

Cada membro do comité de empresa disporá dun crédito de horas sindicais mensuais retribuídas a salario real (como se estivese traballando), para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais. Estas horas poderán acumularse mensualmente, así como un ou máis membros do comité poderán ceder horas sindicais a outro.

As reunións para a negociación do convenio colectivo, así como as que convoque a representación empresarial, non se computarán para os efectos de consumo de crédito de horas sindicais.

A empresa manterá en bo estado os taboleiros de anuncios en cada cuartelillo, ademais de velar pola conservación do local do comité. Así mesmo, facilitará o acceso do comité ós medios de reproducción desta, sempre que os escritos ou documentos teñan relación coa actividade do comité dentro da empresa.

Durante o período de vacacións o IT dos representantes sindicais dos traballadores (comité de empresa), poderase cede-lo crédito mensual de horas sindicais entre un ou varios dos membros do comité de empresa, logo de presentación do correspondente documento de cesión de horas.

Artigo 26º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores/as a cota sindical, logo de solicitude escrita de cada un deles.

Condicións salariais

Artigo 27º.-Retribucións salariais.

A estructura salarial está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Complemento de transporte.

-Complemento de convenio.

-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

-Complemento nocturno.

-Pagas extraordinarias.

-Complemento productividade.

Artigo 28º.-Salario base.

É o que está recollido para cada categoría nas táboas salariais correspondentes ó ano 2000 e 2001, figurando as primeiras como anexo I neste convenio colectivo. Devengaranse por día natural.

Artigo 29º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido en dous bienios ó 5% e posteriores quinquenios ó 7% do salario base de cada categoría, respectando o tope máximo establecido no artigo 25 do Estatuto dos traballadores. Este complemento devengarase os mesmos días que o salario base.

Artigo 30º.-Complemento de transporte.

O complemento de transporte é aquela percepción de carácter extrasalarial percibida polos traballadores/as, como compensación polo traslado do seu domicilio ó centro de traballo, sendo unha cantidade fixa para tódolos traballadores e categorías, na contía recollida nas táboas salariais correspondentes a cada ano.

Así, durante o ano 2000 un 30% do complemento de transporte pasará a formar parte do salario base, e outro 30% do complemento de transporte restante pasará tamén ó salario base do ano 2001.

Artigo 31º.-Complemento de convenio.

Por cantidade e calidade de traballo e por día efectivo de traballo, cada traballador/a percibirá un complemento denominado de complemento de convenio, que estará recollido para cada categoría profesional nas táboas salariais correspondentes a cada ano.

Artigo 32º.-Complemento de productividade.

Todo o persoal que cumpra co horario da súa xornada laboral percibirá por día efectivo de traballo un complemento de productividade, que está recollido para cada categoría profesional nas táboas salariais correspondentes a cada ano.

Artigo 33º.-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

O persoal afecto a este convenio que desenvolva funcións nos servicios de varrido, recollida e taller mecánico, percibirá un complemento denominado tóxico, penoso e perigoso que consistirá no 20% do salario base e aboarase por día efectivo de traballo.

Artigo 34º.-Complemento de nocturnidade.

Todo o persoal afecto a este convenio que realice máis da metade da súa xornada laboral diaria entre as 22 e as 6 horas, percibirá un complemento denominado de nocturnidade por cada día efectivo de traballo, consistente no 25% do salario base diario.

Artigo 35º.-Pagas extraordinarias.

Durante o transcurso do ano percibiranse tres pagas extraordinarias que serán as seguintes:

-Paga extraordinaria de verán. Esta paga aboarase coa mensualidade de xuño e devengarase semestralmente e día a día, desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño.

-Paga extraordinaria de Nadal. Esta paga aboarase coa mensualidade de decembro e devengarase semestralmente e día a día, desde o 1 de xullo ó 31 de decembro.

-Paga extraordinaria de beneficios. Esta paga aboarase entre o día 1 e 15 de outubro, e devengarase anualmente, desde o 1 de outubro do ano anterior ó 30 de setembro do ano do seu aboamento.

As ditas pagas non se verán afectadas no seu importe polas situacións de IT que sufrise o traballador durante os períodos de devengo de cada unha delas.

A contía das pagas de verán, Nadal e beneficios serán de 30 días de salario base e antigüidade.

Artigo 36º.-Horas extraordinarias.

A realización das horas extraordinarias será de forma voluntaria; salvo nos casos de forza maior ou urxencia, acórdase reducir ó mínimo as horas extraordinarias.

1º Voluntariedade.

As horas extras que por razón das especiais circunstancias do traballo sexa imprescindible realizar no servicio de recollida de residuos sólidos urbanos, cando coincidan dous festivos consecutivos, serán estrictamente voluntarias.

Co obxecto de organiza-lo servicio coa suficiente antelación e concreta-lo persoal dispoñible, habilitaranse nos taboleiros de anuncios con 15 días de antelación unhas follas para que procedan a apuntarse aqueles traballadores dispostos a realiza-lo dito servicio. Sete días naturais antes do día efectivo de traballo, cerrarase o prazo de inscrición, considerándose persoal dispoñible aquel que se anotase.

Se o número de traballadores apuntado superase o número estrictamente necesario, para a realización do servicio, daráselles prioridade ós comunmente asignados á quenda de noite, respecto dos da quenda de día que se inscribisen.

2º Compensación.

Os traballadores que teñan realizado horas extras terán dereito a optar por seren compensados: a) economicamente, b) con tempo de descanso. En ámbolos casos terá que consignarse a opción elixida na folla de inscrición.

a) Compensación económica.

A xornada de traballo correspondente a calquera segundo día festivo consecutivo que coincida durante o ano, compensarase con 16.000 ptas. durante o ano 2000 e 2001.

b) Compensación con tempo de descanso.

O persoal que pertenza á quenda de noite gozará de 2 días de descanso por día traballado.

O persoal que pertenza á quenda de día gozará de 10 horas de descanso.

Tanto os días como as horas de descanso poderán acumularse na ficha correspondente a cada traballador, podendo este ter acceso a calquera comprobación que considere conveniente.

c) Desfrute de tempo de descanso.

O tempo de descanso acumulado non terá caducidade. O traballador poderá desfruta-lo dito descanso cando o considere oportuno, cumprindo o requisito que a continuación se detalla.

Para facer efectivo o desfrute do tempo de descanso, será necesario que o traballador llo solicite ó seu encargado correspondente con alomenos 7 días de antelación ó día escollido para o descanso.

Artigo 37º.-Anticipos.

O persoal que o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo á conta do traballo realizado durante a mensualidade na que se solicita, por un importe máximo de ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos concederanse o día 18 de cada mes, debendo solicitarse con 24 horas de antelación.

Artigo 38º.-Anticipos de cancelación diferida.

A empresa comprométese á creación dun fondo de 2.000.000 de pesetas, para que aqueles traballadores/as que o necesiten poidan solicitar anticipos de cancelación diferida nas seguintes condicións:

-A cantidade máxima que se poderá conceder por traballador/a será de 150.000 ptas.

-Os ditos anticipos deberán solicitarse durante os 5 primeiros días hábiles de cada mes, facéndose efectiva a concesión, unha vez aprobada, o día 15 do mes no que se solicita.

-O anticipo cancelarase nun prazo máximo de 15 meses reténdose dos haberes mensuais de cada traballador/a os importes dos distintos vencementos.

-A primeira retención farase efectiva no mes seguinte a aquel no que se solicita o anticipo.

-Se o traballador/a antes da total cancelación do anticipo cesara por calquera causa no servicio activo da empresa, descontarase a cantidade pendente de aboar, do importe da liquidación dos devengos ata onde esta alcance. Se non alcanzase, o traballador/a comprométese a liquida-la parte pendente de devolución nun prazo de dous meses, a partir da data de baixa na empresa.

-O anticipo devengará un xuro anual do 0%.

Artigo 39º.-Pagamento de salarios.

O aboamento dos salarios será mensual e o pagamento realizarase mediante transferencia bancaria. Para isto, a empresa, ordenará as ditas transferencias o penúltimo día hábil do mes ó que corresponda o pagamento.

Artigo 40º.-Cláusula de revisión. Incremento salarial.

O incremento salarial para o ano 2000 será do 3,5% segundo a táboa do anexo I adxunta sobre as táboas do ano 1999.

No caso de que o IPC publicado polo INE ou organismo que o substitúa superase o 31 de decembro de 2000 o 2,9% con respecto ó 31 de decembro de 1999, efectuarase unha revisión anual automática sobre tódolos conceptos económicos polo exceso da mencionada cifra.

Para o ano 2001 o incremento salarial será do IPC previsto máis 0,5% con cláusula de revisión axustada ó IPC real publicado polo INE.

Adxúntase táboa salarial para o ano 2000 como anexo I.

Outras condicións

Artigo 41º.-Subrogación do persoal.

Punto 1º.-Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción do persoal entre quen se suceda, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional do presente convenio, levarase a cabo nos termos indicados no presente punto e nos seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

A) En tódolos supostos de remate, perda, rescisión, cesión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que fose realiza-lo servicio, respectando os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo do servicio, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento do remate efectivo da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nesta e se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permisos, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan algún dos traballadores mencionados no suposto 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencia do cliente se incorporasen á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores ó remate daquela.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen, cumprindo sesenta e catro anos dentro dos catro

últimos meses anteriores ó remate efectivo da contrata e teñan unha antigüidade mínima nesta dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

B) Tódolos supostos anteriormente recollidos deberán acreditarllos fidedigna e documentalmente a empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no punto 5 do presente artigo e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante ou a saínte, comunique fidedignamente á outra empresa o cambio da adxudicación do servicio.

C) Os traballadores que non desfrutasen das súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, que terá que efectualo na correspondente liquidación.

D) A ampliación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria e traballador.

Punto 2º.-División de contratas.

No suposto de que unha ou varias contratas nas que a súa actividade veña sendo desempeñada por unha ou distintas empresas ou entidades públicas se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo, todo isto aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do punto 1 do presente artigo e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións ou servicios resultantes.

Punto 3º.-Agrupacións de contratas.

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou divisións daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación de persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses anteriores, e todo isto aínda cando con anterioridade prestasen servicios en distintas contratas, zonas ou servicios distintos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do punto 1 do presente artigo e que prestasen os seus servicios nas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.

Punto 4º.-Obrigatoriedade.

A subrogación de persoal, así como os documentos que deben facilitar, operarán en tódolos supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división delas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas e entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e iso aínda cando a relación xurídica se estableza só ante quen adxudica o servicio por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de persoal, nos termos indicados e iso con independencia tanto da aplicación, no seu caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas á que é obxecto de sucesión.

Apartado 5º.-Documentos que lle deberá facilita-la empresa saínte á entrante.

A empresa saínte deberalle facilitar á entrante os seguintes documentos:

Certificado do organismo competente de estar ó día do pagamento na Seguridade Social.

Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

Relación de persoal, especificando: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das súas vacacións.

Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o período de mandato deste.

Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, nos que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Artigo 42º.-Dereito supletorio.

Nas materias non reguladas no presente convenio, aplicarase o disposto pola lexislación vixente.

Disposición transitoria

Pasarán a tela condición de fixos, os traballadores do cadro de persoal con contrato temporal, Enrique Leal Teijeiro e Javier González Ramos, mediante a sinatura dun novo contrato indefinido.

ANEXO I

Táboa ano 2000

Táboa salarial (parciais anuais) para o ano 2000 - Urbaser, S.A. (limpeza e recollida - Ferrol)

CategoríaSalario baseComplemento

transporte

Complemento

convenio

Complemento

tóxico

Complemento

productividade

Complemento

nocturno

Paga veránComplemento

vacacións

Paga NadalPaga convenioTotal bruto ano 1999

Capataz día1.219.830112.476129.129182.36497.734100.26054.089100.260100.2602.096.402

Capataz noite1.219.830112.476129.129182.36497.734228.228100.26080.526100.260100.2602.351.067

Conductor día1.100.840112.476129.129164.61949.14090.48042.20090.48090.4801.869.844

Conductor noite1.100.840112.476129.129164.61949.140205.84290.48066.09790.48090.4802.099.583

Peón día1.044.265112.47699.372156.15649.14085.83035.46785.83085.8301.754.366

Peón noite1.044.265112.47699.372156.15649.140195.19585.83057.92385.83085.8301.972.017

Mecánico día1.100.840112.476129.129164.61949.14090.48042.20090.48090.4801.869.844

Mecánico noite1.100.840112.476129.129164.61949.140205.84290.48066.09790.48090.4802.099.583

A multiplicar por días365273273273273273Xuño30 díasDecembroOutubro

Táboa salarial (prorrateo diario) para o ano 2000 - Urbaser, S.A. (limpeza e recollida - Ferrol)

CategoríaSalario baseComplemento

transporte

Complemento

convenio

Complemento

tóxico

Complemento

productividade

Complemento

nocturno

Paga veránComplemento

vacacións

Paga NadalPaga convenioTotal bruto ano 1999

Capataz día3.342412473668358100.26054.089100.260100.2602.096.402

Capataz noite3.342412473668358836100.26080.526100.260100.2602.351.067

Conductor día3.01641247360318090.48042.20090.48090.4801.869.844

Conductor noite3.01641247360318075490.48066.09790.48090.4802.099.583

Peón día2.86141236457218085.83035.46785.83085.8301.754.366

Peón noite2.86141236457218071585.83057.92385.83085.8301.972.017

Mecánico día3.01641247360318090.48042.20090.48090.4801.869.844

Mecánico noite3.01641247360318075490.48066.09790.48090.4802.099.583

A multiplicar por días365273273273273273Xuño30 díasDecembroOutubro

Antigüidade: 2 bienios ó 5% e posteriores quinquenios ó 7% (sobre salario base e para incluír tamén en pagas extras).

Cláusula de revisión: revisarase de acordo co exceso entre o IPC real publicado polo INE para o ano 2000, e o 2,9%.