Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 30 de agosto de 2000 Páx. 12.415

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. de Ourense (código convenio nº 3200232), con entrada nesta delegación provincial o día 27-6-2000, subscrito pola parte económica pola empresa, e, pola parte social, polos delegados de persoal, todos con lexitimidade suficiente para asinalo o día 23-6-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 11 de xullo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Texto do convenio colectivo para a empresa

Hispanomoción, S.A. no seu centro de traballo

de Ourense para o ano 2000

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos traballadores da empresa, no seu centro de traballo de Ourense, calquera que sexa a súa condición, agás o xerente e o xefe de administración, que, por seren cargos de confianza, acordarán as súas condicións laborais e económicas co consello de administración.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e denuncia.

O presente convenio colectivo entrará en vigor a partir do dia 1 de xaneiro de 2000, para tódolos efectos.

A súa duración será dun ano contado a partir do día 1 de xaneiro de 2000 e finaliza o 31-12-2000.

O convenio quedará denunciado automaticamente ó termo da súa vixencia. Ata que se negocie outro

convenio que o substitúa, manterans vixentes tódolos artigos do actual.

Artigo 3º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais de traballo efectivo, de acordo coa vixente lei.

O horario de traballo será:

Mañá: de 8.30 a 13.30

Tarde: de 15.30 a 18.30

O persoal de vendas rexerase polo horario que teña establecido o comercio.

En cómputo anual e global acórdase para o presente ano un total de 1.800 horas efectivas de traballo.

Serán aboables e non recuperables os días 24 e 31 de decembro, que se declaran festivos no presente convenio colectivo.

Artigo 4º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días ó ano para todos aqueles productores que leven un ano na empresa. Os que non teñan a mencionada antigüidade desfrutarán da parte proporcional que lles corresponda, segundo o artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

As vacacións desfrutaranse preferentemente nos meses de verán (xullo e agosto), para o cal se dividirá o cadro de persoal en dúas quendas, de xeito que poidan ser atendidas tódalas seccións de traballo; non obstante, se algún traballador preferise desfrutalas noutra época do ano, poderá facelo avisando con quince días de antelación á data de publicación da lista de vacacións no taboleiro de anuncios da empresa.

A lista de vacacións confeccionarase e exporase no taboleiro de anuncios da empresa antes do día 30 de maio.

Acórdase conceder 2 días máis a quen as desfrute no primeiro e cuarto trimestre, e un día máis para os que as desfruten no segundo trimestre. Tódolos traballadores da empresa terán dereito a coñece-lo período das súas vacacións cunha antelación de alomenos dous meses á data de inicio.

A empresa reserva para si o dereito de poder negociar individualmente o desfrute das vacacións en dous ou máis períodos.

No caso de que o traballador se atope nalgunha situación de ILT antes de comeza-lo desfrute das vacacións, estas posporanse, fixándose un novo período de desfrute.

Artigo 5º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas, coa duración que a continuación se relaciona:

-No caso de falecemento do cónxuxe: 4 días.

-No caso de falecemento de pais, fillos, irmáns consanguíneos ou políticos e cónxuxe: 3 días.

-No caso de enfermidade grave e hospitalización dos pais, fillos, irmáns consanguíneos ou políticos e eónxuxe: 3 días.

-No caso de nacemento dun fillo: 3 días.

-E se fora necesaria unha intervención cirúrxica: 1 día máis.

-No caso de matrimonio de fillos ou irmáns consaguíneos ou políticos: 1 día.

-E se a voda é nunha cidade distinta á que vive: 3 días.

-No caso de matrimonio do empregado: 15 días.

-Por traslado de domicilio do empregado: 1 día máis.

Artigo 6º.-Permisos non retribuídos.

Todo aquel productor cunha antigüidade de alomenos dous anos terá dereito a un permiso de ata 15 días ó ano, que non serán retribuíbles, sendo condición indispensable para ter dereito a iso, solicitalo cunha semana de antelación á data do permiso.

Artigo 7º.-Excedencias.

O traballador cunha antigüidade de alomenos un ano terá dereito a que se lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria, por un período de dous anos como mínimo e cinco como máximo.

Cando o traballador se atope na citada situación, será condición indispensable para se reincorporar ó seu posto, que llo comunique á empresa por escrito, cun mes de antelación á data de remate da excedencia.

A empresa estará abrigada a concede-lo ingreso na mesma categoría, exista ou non vacante, de maneira inmediata.

O traballador terá un prazo de quince días, contados desde a data de terminación da excedencia, para volver a incorporarse ó traballo. A dita incorporación farase con tódolos dereitos de antigüidade, categoría, posto de traballo e demais que tiña no momento de causa-la excedencia voluntaria.

O salario será o mesmo que tería no caso de que estivese traballando durante todo o tempo de excedencia. O dito período de excedencia voluntaria non se computará para efectos de antigüidade.

Artigo 8º.-Permiso de estudios.

No referente ós mencionados permisos, haberá que se ater ó disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Acción sindical.

Os traballadores terán dereito a poder realizar asembleas no seo da empresa, fóra das horas de traballo, sendo condición necesaria comunicarllo á dirección con 24 horas de antelación á data da súa realización.

A empresa autorizará que ás ditas asembleas asistan representantes das centrais sindicais ás que estivesen afiliados os traballadores.

En canto ás competencias e funcións dos delegados de empresa, haberá que se ater ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará a cada traballador das seecións de mecánica, chapa e pintura dúas fundas ó ano, nos meses de xuño e decembro.

Ó persoal de recambios, xefes e mestres de taller e recepcionistas, dúas batas ó ano nas mesmas datas.

Artigo 11º.-Axuda escolar.

A empresa aboaralle a cada traballador a cantidade de 551 pesetas (cincocentas cincuenta e unha pesetas) mensuais por cada fillo que teña en idade escolar (de 4 a 18 anos), durante os meses en que dura o curso académico; a empresa poderá esixi-lo certificado de atoparse matriculado no correspondente curso.

Artigo 12º.-Protección da familia.

A empresa aboaralles ós seus traballadores no mes en que contraian matrimonio, a cantidade de 10.341 pesetas.

Aqueles traballadores que tivesen un fillo deficiente mental ou incapacitado permanentemente para o traballo, percibirán a cantidade de 7.574 pesetas mensuais por cada fillo que teñan nesa situación.

Polo nacemento de cada fillo, a empresa aboará a cantidade de 10.341 pesetas.

Artigo 13º.-Complemento de transporte.

Durante a vixencia do presente convenio, a empresa aboaralle a cada traballador en concepto de complemento de transporte a cantidade de 9.850 pesetas, por cada mes de presencia efectiva no traballo.

Para efectos da percepción deste complemento, considéranse como día de presencia efectiva no traballo, as licencias retribuídas, os accidentes de traballo e a asistencia a cursos convocados pola empresa.

A empresa reserva para si o dereito a descontar desta cifra as faltas de asistencia que non sexan polos conceptos anteriormente citados.

Artigo 14º.-Aumentos periódicos por antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, incluído o período de aprendizaxe, consistentes no aboamento de trienios na contía do 5 por cento do salario convenio correspondente á categoría na que está clasificado.

Este dereito conservarase como dereito de tódolos traballadores que estean no cadro de persoal no día da sinatura do convenio de 1999. Polo tanto as novas contratacións non devengarán dereito de antigüidade.

Artigo 15º.-Complemento de prestacións de ILT.

Cando por motivos de enfermidade ou accidente, o persoal pase á situación de incapacidade laboral transitoria, a empresa completará as prestacións obrigatorias ata o importe íntegro das súas retribacións, e iso durante o tempo en que permaneza na dita situación, sendo sempre de aplicación o artigo 131 da Lei xeral da Seguridade Social, reformada polo Real decreto ley do 21-7-1992 ou normas que a substitúan.

Artigo 16º.-Gratificacións periódicas fixas.

Tódolos traballadores da empresa teñen dereito a percibi-las seguintes pagas extra:

No mes de marzo: 1 paga.

No mes de xullo: 1 paga.

No mes de decembro: 1 paga.

As ditas pagas serán equivalentes a unha mensualidade integrada polos seguintes conceptos: salario, antigüidade e mellora voluntaria.

Artigo 17º.-Axuda por xubilación.

Ó producirse a xubilación dun traballador da empresa, mesmo se esta é voluntaria, recibirá dela o importe de trece mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador perciba, menos os incentivos.

Artigo 18º.-Axuda por defunción.

No caso de falecemento dun traballador, a empresa queda obrigada a lles satisfacer ós seus habentes-dereito o importe de doce mensualidades, iguais cada unha delas á derradeira que o traballador tivese percibido, menos os incentivos.

Artigo 19º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que, por necesidades da empresa e por orde dela, teñan que efectuar desprazamentos ou viaxes a zonas distintas a aquela en que radique o centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

AxudasDentro daFóra da

de custoprovinciaprovincia

Almorzo 309 309

Xantar2.5752.575

Cea2.5752.575

Pernoita1.340

Cando o horario de traballo pase das 22 horas considerarase axuda de custos completa.

Nos casos en que o traballador teña que pernoitar fóra do seu enderezo, a empresa pagará o importe da habitación, debendo o productor xustifica-lo seu importe, mediante a correspondente factura emitida polo hotel.

No caso de desprazamentos prolongados por necesidades da empresa, como asistencia a cursos de formación, fóra da provincia, establécese unha compensación de 1.340 pesetas por cada pernoita.

Artigo 20º.-Fondo social.

A empresa concederá anualmente a fondo perdido a cantidade de 96.358 pesetas, destinadas a atende-los casos de caráter social relativos ós productores dela.

Co fin de administrar eses fondos, pódese crear unha comisión e, no seu defecto, farao o comité de empresa, pero sendo presidida polo director ou apoderado. O sobrante de cada ano acumularase as cantidades de anos sucesivos.

Artigo 21º.-Caixa de anticipos.

Creáse un fondo de anticipos de 1.720.720 pesetas destinadas a atende-las necesidades dos traballadores da empresa. Cada traballador poderá solicitar con cargo a este fondo, ata un máximo de catro mensualidades do seu salario fixo. A dirección da empresa e os delegados de persoal concederán ou rexeitarán estes anticipos, que terán que ser solicitados por escrito e debidamente xustificados, de acordo coas necesidades urxentes e reais dos traballadores.

Os préstamos non serán gravados por xuros de ningún tipo, e serán reintegrados mes a mes, nun tempo máximo de 12 meses, e poderá excepcionalmente ser prorrogado a 6 meses máis.

Non se pode conceder un anticipo sen ter cancelado totalmente outro anterior.

Artigo 22º.-Traballadores con capacidade diminuída.

Cando un traballador quedase diminuído das súas facultades físicas a consecuencia dunha enfermidade ou accidente, a empresa queda obrigada a buscarlle un posto nela, de acordo coas súas posibilidades, respectándoselle-lo salario que tivese no momento de pasar á dita situación, e conservando o dereito ós aumentos que afectan a categoría que tivese no momento de se produci-lo feito determinante da diminución da súa capacidade.

Para o persoal de vendas, dadas as especiais características do seu salario, computaranse tódolos ingresos percibidos nos últimos doce meses e dividiranse por doce, sendo a cantidade resultante o salario mensual.

Artigo 23º.-Seguro de vida.

A empresa obrígase a mante-lo seguro de vida xa estipulado e actualmente en vigor, en beneficio dos seus empregados, para os casos de morte ou invalidez. A empresa informará tódolos anos do persoal asegurado e do capital das pólizas.

Artigo 24º.-Ascensos.

Cando se produza unha vacante en calquera das categorías que nese momento existan, as ditas vacantes serán cubertas por un traballador da empresa, da categoría inmediatamente inferior, tralo informe de cada xefe de departamento. Para este fin créase

unha comisión constituída a partes iguais pola empresa e a representación social, para determina-los merecementos de cada traballador.

Os auxiliares administrativos que leven máis de cinco anos na súa respectiva categoría deberán ser ascendidos a oficiais administrativos, se existen tales vacantes; de non ser así asignaráselle-lo soldo correspondente á dita categoría.

Artigo 25º.-Cláusula de non absorción.

Convense expresamente na non absorción da cantidade que perciban os traballadores actualmente en concepto de mellora voluntaria.

Artigo 26º.-Táboas salariais.

As táboas salariais que rexerán durante a vixencia do presente convenio serán, para cada categoría laboral as que se achegan no anexo adxunto.

Artigo 27º.-Salario convenio.

O salario convenio das distintas categorías que figuran nas táboas salariais do anexo adxunto foron incrementadas nun 3% sobre o salario do ano anterior.

Artigo 28º.-Cursos de capacitación.

O tempo empregado polo persoal de taller en cursos de capacitación recomendados pola empresa será considerado para efectos de incentivos como tempo real traballado, aplicándoselle-la media de productividade conseguida no resto do mes.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

As horas que excedan do cómputo global determinado no artigo 3º deste convenio terán a consideración de extraordinarias, pagándose conforme o valor actual.

Artigo 30º.-Sistema de incentivos.

Establecerase un sistema de incentivos que a empresa dará a coñecer á representación social, reservándose para si o dereito á súa modificación cando as condicións do mercado o aconsellen, e sempre segundo o estipulado nos artigos 64 e 41 do Real decreto do 24 de marzo de 1995, que publica o Estatuto dos traballadores.

En vacacións aboaranse os incentivos como se estivera traballando. Para determina-lo importe que vai cobra-lo persoal de servicio, calcularase a media dos tres meses anteriores.

Quedan exentos desta cláusula o persoal do departamento de vehículos novos e de ocasión.

Artigo 31º.-Cesamento por matrimonio.

O persoal que preste servicios na empresa e que con motivo de contraer matrimonio cese nese momento nela, terá dereito a un dote equivalente ó importe de tantas mensualidades de soldo convenio máis antigüidade como anos de servicio teña na empresa, sen que o dito importe poida exceder de oito mensualidades.

Artigo 32º.-Xubilación.

Acórdase a xubilación obrigatoria sempre que se cumpran os seguintes requisitos e compensacións:

a) Que o traballador teña 65 anos.

b) Se ó cumpri-los 65 anos non lle correspondese como pensión o 100% da base reguladora estipulada, poderá continuar traballando o tempo necesario ata acadar esa porcentaxe.

Artigo 33º.-Cláusula final.

Para todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación complementaria sobre esta materia.

Artigo 34º.-Comisión paritaria.

Para estes efectos queda constituída a comisión paritaria, formada polos delegados de persoal e igual número de representación empresarial.

Artigo 35º.-Empresa de traballo temporal.

A empresa, cando contrate traballadores por medio dunha empresa de traballo temporal, garantiralles ós traballadores postos á súa disposición as melloras económicas recollidas no convenio.

Por parte da representación social:

María del Carmen Feijóo Merino.

Eladio Prada Novoa.

José López Figueiras.

Por parte da empresa:

Octavio Almendros Sánchez.

Antonio Dávila Núñez.

Enrique Martín Villanueva.

Táboas salariais

Ano 2000

CategoríasSalario

Director130.991

Xefe de administración119.893

Xefe de vendas110.504

Xefe de servicio110.504

Xefe de recambios108.895

Xefe se sección104.841

Mestre de taller102.476

Oficial de lª xefe de equipo100.741

Oficial de 1ª taller97.662

Oficial de 2ª taller96.066

Oficial de 3ª taller94.377

Oficial administrativo100.882

Caixeiro100.882

Auxiliar administrativo94.377

Delegado de vendas97.662

Dependente maior de almacén97.662

Axudante dependente almacén94.377