Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 29 de agosto de 2000 Páx. 12.368

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Materiales Cerámicos, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Materiales Cerámicos, S.A. (código 2700382), da provincia de Lugo, asinado o día 28 de xuño de 2000, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 10 de xullo de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa Materiales

Cerámicos, S.A. 1999

Capítulo I

Determinación das partes que concertan

o presente convenio

Artigo 1º

O presente convenio colectivo concértase entre a empresa Materiales Cerámicos S.A., representada polas persoas expresamente facultadas para iso. e os representantes dos traballadores que prestan os seus servicios na súa fábrica de Burela (Lugo).

Capítulo II

Ámbito de aplicación

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre a empresa Materiales Cerámicos, S.A. e o persoal, incluído no artigo 3º, que nela presta os seus servicios.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Regúlanse por este convenio as relacións laborais entre a empresa Materiales Cerámicos, S.A. e as persoas que actualmente prestan os seus servicios na dita empresa coas categorías que se reflicten no anexo I.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación ó persoal do cadro de persoal da empresa, sita na localidade de Burela, provincia de Lugo, a excepción do que recolle o artigo 3º.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha vixencia de tres anos a partir da súa publicación no BOP de Lugo.

Establécese un período de aviso previo dun mes, anterior á data de expiración do convenio, para proceder á súa denuncia por calquera das partes.

Se non se denunciara na forma prevista no parágrafo anterior, considerarase prorrogado durante outro ano e así sucesivamente ata a súa denuncia.

Os conceptos retributivos serán de aplicación desde o 1 de xaneiro de 1999.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 6º.-Facultades da dirección.

Sería facultade exclusiva da dirección da empresa:

1. A organización administrativa, técnica e industrial das súas actividades; así como a introducción das variacións e supresións que considere convenientes en seccións, instalacións ou métodos de fabricación para aumentar rendementos, mellora-la calidade ou diminuí-los custos.

2. O establecemento e a esixencia de rendementos mínimos, de acordo cos representantes do persoal.

3. A fixación da tarefa necesaria para a saturación do traballador ó rendemento acordado.

4. A fixación do nivel de calidade e das porcentaxes de defectos dentro do proceso de fabricación e a aplicación das sancións para o culpable do incumprimento.

5. Esixi-la vixilancia, atención, engraxamento e limpeza da maquinaria encomendada, así como do seu lugar de traballo.

6. A mobilidade e redistribución do persoal da empresa de acordo coas necesidades de organización e de producción.

7. Estudiar, revisar e implantar sistemas de incentivos que teñan como resultado un beneficio económico para os productores e un beneficio na producción para a empresa. Nas modificacións contidas neste punto poderase establecer, para o seu estudio, un período de proba, sendo necesaria, para a súa implantación definitiva, a aprobación dos representantes dos traballadores.

8. No caso de que as modificacións anteriores puidesen considerarse modificacións substanciais das condicións de traballo, haberá que aterse ó disposto no artigo 41 do Estatuto dos traballadores.

Os traballadores afectados por estas modificacións poderán ser dedicados pola empresa a tarefas dis

tintas das habituais, sempre que estas se adecúen ás capacidades dos ditos traballadores.

Artigo 7º.-Rendementos.

O persoal comprométese a cumprir cos rendementos fixados para cada posto como contraprestación ás condicións fixadas.

Artigo 8º.-Descrición do posto de traballo.

Realizáronse as follas de descrición de tarefas e controis en cada posto de traballo, tendo en conta a opinión dos delegados de persoal. Para todo cambio importante non transitorio nos cometidos fixados en cada posto deberase confeccionar unha nova folla coa colaboración dos delegados de persoal.

Artigo 9º.-Productividade.

Co fin de eleva-la competitividade e rendibilidade da empresa, continuarase o estudio de cada posto de traballo, coa colaboración dos delegados de persoal, analizando en cada caso as melloras que se poidan conseguir e marcando os novos rendementos normais, procurando elimina-la posible discriminación duns postos de traballo sobre outros.

Estes novos niveis normais, ó igual que os que se fixan neste convenio, son esixibles a todo o persoal, xa que se remuneran a través do salario pactado. Analizaranse os casos nos que non se alcancen por circunstancias non imputables ó traballador.

Capítulo IV

Condicións de traballo

Artigo 10º.-Xornada laboral.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán unha xornada laboral de 40 horas semanais de traballo efectivo, con equivalencia no cómputo anual a unha xornada máxima de 1.808 horas, igualmente de traballo efectivo.

A diferencia de horas de traballo entre o calendario laboral de cada posto e o cómputo anual regularase fóra da xornada ou horario establecido. Durante as horas de traballo non se pode abandona-lo correspondente posto.

Ó acaba-lo ano non debe haber diferencia entre o cómputo e as horas realmente traballadas, agás persoal de baixa durante o mes de decembro. Se existise diferencia a favor ou en contra, consideraranse traballadas ou percibidas, agás acordos individuais noutro sentido.

Artigo 11º.-Horario de traballo.

Este horario poderase variar por causas técnicas, como pode ser: cortes de enerxía, reparacións, cambios de molde, etc.

1. Xornada normal: de 8 a 13 horas e de 15 a 18 horas, de luns a venres, excepto días festivos.

2. Persoal a dúas quendas: de 6 a 14 horas e de 14 a 22 horas. Exceptúase a preparación de pastas, que por necesidades de fabricación a quenda de tarde será de 16 a 24 horas. A xornada será

de luns a sábados, incluíndo os festivos, imprescindibles para mante-la producción.

3. Persoal a tres quendas: de 6 a 14, de 14 a 22 e de 22 a 6 horas respectivamente.

3.1. Tres quendas ininterrompidas: a xornada axustarase ó sistema de correquendas que se fixa no anexo III.

3.2. Tres quendas de luns a venres: a xornada será de luns a venres incluídos os festivos, imprescindibles para mante-la producción.

3.3. Cambio de quendas entre operarios: con carácter eventual, e motivado por algunha necesidade, o persoal de quendas poderá solicitar, cunha antelación mínima de 48 horas (en días e horas de oficina), o cambio de quenda con outro operario do mesmo posto ou ben doutro posto que coñeza perfectamente tódolos traballos e obrigas. O cambio non poderá facerse sen a correspondente autorización da dirección. O solicitante percibirá o soldo e complementos como se traballase e nada o substituto.

Artigo 12º.-Descanso de quendas.

Todo o persoal que traballa a quendas ten dereito a un descanso de vintetrés minutos, entre as 24 horas e as 4 horas; as 8 e as 12; as 16 e as 20 horas, de acordo coa súa correspondente xornada e segundo o horario que se lles marque no posto de traballo. Estas horas poderán variar por necesidades de producción ou horas punta.

Este período de descanso ten a consideración de traballo efectivo e durante este non se poderá abandona-la empresa.

Artigo 13º.-Vacacións.

O período de vacacións establécese en 30 días naturais e desfrutarase preferentemente durante os meses de xuño a setembro, ambos inclusive. O persoal de mantemento ou o necesario para reparacións terase que adaptar ás necesidades do servicio; por necesidade da empresa poderase chegar entre esta e o traballador, con coñecemento dos delegados de persoal, a un acordo para fracciona-las vacacións.

Para efectos da reintegración do persoal a quendas, despois de desfrutar do período de vacacións, a quenda seguirá correndo como se estivese traballando, de forma que entre sempre na quenda que lle corresponda.

O cadro de vacacións terá que estar en coñecemento dos traballadores con dous meses de antelación.

En canto á retribución, ademais do soldo base e do complemento por antigüidade, aboarase un complemento de asistencia e un complemento de vacacións de 400 pesetas, ámbolos dous por día natural. Ó persoal que se lle esixa desfruta-las vacacións fóra do período de xuño a setembro aplicáraselle o dobre deste complemento nos días non comprendidos entre estas datas.

Artigo 14º.-Licencias e excedencias.

En canto ás licencias e excedencias, teranse en conta os artigos 37.3º e 46, respectivamente, do Estatuto dos traballadores, coas aclaracións e correccións que se indican:

1. Dous días, nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, pais, fillos, avós, sogros, netos e irmáns. Cando con tales motivos o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o permiso será de catro días.

2. O día de celebración do matrimonio de fillos ou pais condicionado a que coincida con día de traballo segundo a súa xornada laboral.

Artigo 15º.-Permisos.

O traballador poderá solicitar, con dous días de antelación, sen dereito a retribución ningunha, permiso para faltar ó traballo. A empresa, tendo en conta as necesidades do servicio, resolverá, no prazo máximo deses dous días, a menos que a perentoriedade do asunto requira a autorización inmediata e sen prexuízo das sancións que puideran impoñerse se se alegan causas falsas.

Capítulo V

Retribucións salariais

Artigo 16º.-Sistema retributivo.

Estará integrado polos conceptos que a continuación se indican:

1. Salario base.

Os salarios base das distintas categorías afectadas polo presente convenio serán os indicados na correspondente táboa salarial do anexo I.

Co fin de que o persoal que ten fixado o seu salario por días perciba tódolos meses a mesma cantidade de pesetas por este concepto, calcularase a cantidade que recibirá por mes segundo a fórmula seguinte:

Salario mes: salario diario basex425 días/14 meses.

O incremento do salario base para os anos 2000 e 2001 será de 2.000 pesetas ó mes cada ano.

2. Antigüidade.

O premio de antigüidade non se modificará ata o vencemento dos bienios ou quinquenios, momento no cal o incremento que resulta de acordo co salario base se acumulará ó premio por antigüidade existente; de acordo co informe da Dirección Xeral de Traballo do 25 de marzo 1980, expediente 1019/1980.

A contía deste premio é de 2 bienios ó 5% e quinquenios ó 7% ata un máximo do 50%.

3. Gratificacións extraordinarias.

A empresa aboará a cada productor unha paga extraordinaria no mes de xullo e outra no Nadal. O importe destas pagas será para cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade.

As ditas gratificacións aboaranse o día laborable inmediatamente anterior ó 25 de xullo e ó 22 de decembro ou o laborable inmediato anterior se este fose festivo.

4. Beneficios.

Aboaráselle ó persoal do cadro de persoal, dentro dos tres primeiros meses do ano, unha gratificación que corresponderá ó 6% do percibido no ano anterior en concepto do soldo base máis antigüidade.

5. Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22 e as 6 terán un incremento do 25% calculado sobre o salario base, excepto cando o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.

Artigo 17º.-Complementos xerais.

1. Complemento de asistencia.

Fíxase un complemento de asistencia de 725 pesetas por día realmente traballado, sempre que como mínimo se traballe catro horas.

2. Complemento de transporte.

Establécese un complemento de trasporte para tódolos traballadores da empresa calquera que sexa a distancia do seu domicilio. Este complemento percibirase por día de asistencia ó traballo e fíxase en 430 pesetas; non será cotizable para efectos de Seguridade Social nin de accidentes de traballo.

3. Complemento de actividade.

O complemento de actividade aplicarase a todo o persoal e cobrarase por horas traballadas. Na súa valoración tivéronse en conta os complementos de calquera índole que puidesen corresponder.

Este complemento fíxase, para o ano 1999, en 70 pesetas por hora e nos dous anos seguintes incrementarase de acordo co seguinte criterio:

O resultado de dividir por 1.808 e o número de persoas a cantidade resultante de aplica-lo IPC previsto cada ano, incrementado en 0,5 puntos, ós conceptos correspondentes ós artigos 16º.1, 13º, 17º e 18º, restando a cifra resultante para o mesmo ano do incremento do salario base (concepto do artigo 16º.1).

Artigo 18º.-Complemento por posto.

O complemento por posto será o resultado de suma-los valores parciais do anexo II, segundo as características dos postos indicados, e cobrarase por horas traballadas en cada un. Este complemento poderase modificar se desaparecen as causas polas que se fixou en cada caso.

O complemento por quenda ininterrompida corresponde ó persoal coa xornada indicada no artigo 1º.3.1 e no sistema correquendas do anexo III correspóndenlle as letras A, B, C, D.

O complemento de polivalencia correspóndelle á persoa que se asigne e estea preparada para desempeñar calquera outro posto de fábrica. A substitución

poderase facer en calquera día e xornada que se requira. Este complemento só se recibirá cando a fábrica estea en producción e non é acumulable a ningún outro complemento de posto. Ó face-la substitución á que fai referencia percibirase o complemento que corresponda ó posto que desempeña.

O complemento de bocadillo págase cando é imposible o descanso dentro das oito horas continuadas.

Estes complementos non teñen carácter persoal, polo que só se cobrarán polas horas traballadas en cada posto.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Con relación á realización de horas extraordinarias acórdase actuar co seguinte criterio:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan esixidas polas reparacións urxentes ou de sinistro ou outros danos extraordinarios ou urxentes, así como no caso de riscos de perda de producción ou materias primas: realización.

Estas horas corresponden ó artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores e as partes asinantes manifestan que se consideran como tales:

-As avarías no forno.

-As avarías que se producisen noutras seccións e que, de non repararse, impedirían o normal desenvolvemento da producción.

-As avarías causadas por incendios, catástrofes ou similares.

3. Horas extraordinarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción como fabricación de pezas especiais ou tacos, ausencias imprevistas, reclasificación de material, completa-la producción por días festivos, reparacións ou ampliacións, ou calquera outra circunstancia que tamén sexa de carácter estructural: realización.

4. A dirección da empresa informará periodicamente os delegados de persoal sobre o número de horas extraordinarias realizadas especificando as súas causas.

Así mesmo, en función desta información e dos criterios antes sinalados, a empresa e os delegados de persoal determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias.

5. Acórdase fixa-lo valor da hora extraordinaria en 1.200 pesetas a hora, calquera que sexa o día traballado (incluídos domingos e festivos), a categoría ou as circunstancias persoais ou de posto.

Estas cifras inclúen tódolos conceptos retributivos excepto o complemento de asistencia, que se percibirá de acordo co artigo 17º.1, o complemento de transporte conforme o artigo 17º.2 e o complemento de nocturnidade de acordo co artigo 16º.5.

Artigo 20º.-Liquidación do salario.

A liquidación dos salarios devengados polos traballadores farase mensualmente, aboándose como máximo o día 5 do mes seguinte ó que corresponda mediante talón nominativo ou ingreso en conta bancaria.

Artigo 21º.-Compensación e absorbibilidade.

As condicións de traballo e melloras económicas consideradas no seu conxunto, que polo presente convenio se implantan, son compensables e absorbibles cos aumentos e melloras concedidas voluntariamente pola empresa, sexa calquera a causa ou razón da súa concesión e nome co que se designe e con calquera que emane de disposición legal ou que se promulgue no futuro e que comporte alteración na alza do salario, complementos deste ou devengos doutra clase. A comparación farase como resultante anual tendo en conta toda clase de percepcións.

As persoas que no momento de entrar en vixencia o presente convenio teñan unha condición máis beneficiosa, nos conceptos dos artigos 16º e 17º, no seu cómputo anual, manteráselles.

Capítulo VI

Aspectos asistenciais

Artigo 22º.-Axuda escolar.

Os traballadores con fillos en idades comprendidas entre os catro e os dezaseis anos percibirán unha axuda de 1.000 pesetas por fillo e mes.

Artigo 23º.-Premios por anos de servicios.

O persoal da empresa que leve traballando nesta 25 anos terá dereito, durante os doce meses seguintes a partir da dita data, a percibir cinco mensualidades de salario base máis antigüidade, sempre que no seu expediente non figuren faltas moi graves.

O traballador que se xubile a partir dos sesenta anos, e sempre que leve na empresa vintecinco anos ininterrompidos, poderá solicitar que se lle aboe a cantidade complementaria para que o xubilado perciba exactamente a mesma cantidade que viña cobrando en activo. Este complemento irá reducíndose de acordo coas subidas que teña a pensión, deixándose de percibir na data na que a pensión recibida iguale a cantidade que percibía ó estar en activo. Para o seu cobramento do complemento é imprescindible a presentación do xustificante da pensión recibida, indicando o seu importe.

Capítulo VII

Acción sindical na empresa

Artigo 24º.-Cotas sindicais.

A empresa poderá deducir, a través das nóminas, as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos entregaranse á persoa que designe a central sindical correspondente.

Capítulo VIII

Disposicións complementarias

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene no traballo.

En todo o relativo a seguridade e hixiene no traballo serán de aplicación as disposicións contidas na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais do 8 de novembro, así como o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará anualmente a todo o persoal dous xogos de roupa de traballo, despois da recepción da usada. Un xogo en abril (camisa, pantalón ou bata e toalla) e outro en outubro (cazadora, camisa e pantalón ou bata). Nos postos de traballo nos que se produza un desgaste extraordinario, a roupa repoñerase a medida que se vaia deteriorando.

Dotarase a todo o persoal dos elementos de protección individual segundo o posto de traballo. Para a súa reposición será necesaria a devolución do elemento usado ou deteriorado.

Cando se realicen traballos fóra do posto habitual, a empresa proporcionaralle ó traballador os elementos de protección necesarios.

O traballador farase responsable da conservación dos elementos de protección e roupa que a empresa entregue e serán de uso exclusivo para o traballo que vai desempeñar na empresa.

Artigo 27º.-Faltas e sancións dos traballadores.

1. Todo traballador que por causa xustificada non poida asistir ó traballo deberá comunicalo á dirección da empresa coa máxima antelación. A non notificación será considerada como falta grave.

2. Ó comezo e ó final da xornada, ou dos descansos, o traballador encontrarase no seu posto de traballo coa instalación funcionando. O seu incumprimento considerarase como falta grave.

3. Non se poderá sancionar a ningún traballador sen información previa ós delegados de persoal.

Artigo 28º.-Absentismo.

Co fin de diminuí-lo absentismo laboral, as partes asinantes acordan:

1. Lembra-los efectos negativos que o absentismo ten, tanto para a empresa como para os traballadores.

2. Cuantificar e cataloga-las causas de absentismo, entendendo como tal a non presencia do traballador no seu posto de traballo.

3. Controla-las causas inxustificadas e fraudulentas. Para diminuí-lo absentismo os delegados de persoal e a empresa actuarán conxuntamente na aplicación de calquera tipo de medida. As medidas que se apliquen, así como as posibles sancións que deriven dela, terán validez legal para tódolos efectos.

Capítulo X

Disposicións finais

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria estará integrada por: Carlos Martín Llorente, José Seijas Eijo, Ángel Vigo Díaz, José Henares Martos, Rafael Iglesias Sacristán e Atilano Vázquez González.

O citado órgano cumprirá as funcións de interpreta-lo contido deste convenio colectivo, vixia-lo cumprimento e exercer funcións de arbitraxe nos problemas ou cuestións suscitadas como consecuencia da aplicación deste. No caso de non acordo nas cuestións suscitadas, someteranse as discrepancias ó procedemento de mediación recollido no AGA e de persistir no desacordo seguidamente someterase ó procedemento de arbitraxe previsto neste.

Artigo 30º.-Normas subsidiarias e vinculación á totalidade.

En todo o non previsto nos artigos anteriores serán de aplicación os artigos: 5, 45, 47, 49, 52, 56, 57, 59, 61, 79, 80, 81, 82, 83, 84, 85, 86, 89, 90, 106, 107, 108, 109, 110, 111, 112, 113, e 114 do convenio colectivo para as industrias extractivas, industrias do vidro, industrias cerámicas e para as do comercio exclusivista dos mesmos materiais, xa que no resto de materias están consideradas no convenio de empresa ou nas disposicións legais.

As condicións pactadas forman un todo orgánico indivisible e para efectos da súa aplicación serán consideradas en cómputo anual e globalmente; polo que no suposto de que se declarara a non validez total ou parcial, por calquera motivo, considerarase nulo na súa totalidade e quedará sen efecto o presente convenio.

ANEXO I

CategoríasSalario base díaSalario base mesSalario base ano

Analista de 2ª-107.8501.294.200

Viaxante-105.6401.267.680

Oficial 1ª de oficio3.576108.5801.302.960

Oficial 2ª de oficio3.475105.4901.265.880

Oficial 3ª de oficio3.430104.1401.249.680

Peón especialista3.360102.0001.224.000

Esta táboa só reflicte as categorías do persoal incluído en convenio.

ANEXO II

Complementos por postosPtas./hora

Preparación pasta30

Atomizador30

Prensa e esmaltadores40

Forno de rolos30

Clasificación forno de rolos30

Responsable fabricación de esmaltes65

Responsable pezas especiais20

Expedicións30

Laboratorio30

Complementos por postosPtas./hora

Mantemento30

Administrativos25

Quendas ininterrompidas70

Quenda preparación de pastas (luns a sábado)35

Quenda normal15

Bocadillo25

Polivalencia55

ANEXO III

Sistema de correquendas para postos de 24 horas

Sete días á semana

Cada letra (A, B, C, D) corresponde ó operario que ten que realiza-la xornada correspondente.

L M M X V S DL M M X V S DL M M X V S DL M M X V S D

MAÑÁ

D D D D C C C

C C C C B B B

B B B B A A A

A A A A D D D
TARDE

C C B B B B B

B B A A A A A

A A D D D D D

D D C C C C C
NOITE

A A A A A A A

D D D D D D D

C C C C C C C

B B B B B B B

Unha vez rematada a cuarta semana volverase a empezar pola primeira.

Se o acorda a comisión paritaria, poderase aplica-lo novo sistema que se indica a continuación polo tempo que consideren.

OPERARIO

L M M X V S DL M M X V S DL M M X V S DL M M X V S D

A

M M T T N N N

X X M M T T T

N N X X M M M

T T N N X X X
B

X X M M T T T

N N X X M M M

T T N N X X X

M M T T N N N
C

T T N N X X X

M M T T N N N

X X M M T T T

N N X X M M M
D

N N X X M M M

T T N N X X X

M M T T N N N

X X M M T T T

Claves: M: mañá; T: tarde; N: noite; X: descanso.

Unha vez rematada a cuarta semana volverase a empezar pola primeira.