Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 22 de agosto de 2000 Páx. 12.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Teydesa Conectores, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Teydesa Conectores, S.A. de Ourense (código do convenio 3200412), con entrada nesta delegación provincial o día 26-6-2000, subscrito pola parte económica pola empresa e, pola parte social polo delegado de persoal, todos con lexitimidade suficiente para asinalo o día 25-5-2000, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981 do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 3 de xullo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Acta única de constitución e sinatura

do convenio colectivo de Teydesa Conectores, S.A.

para o ano 2000

Ás 17 horas do día 25 de maio de 2000 e no domicilio social da empresa, reúnense por unha parte José María Sargatal Raskonit como representante legal da empresa, e, por outra banda, Avelino Banguenses Bande como delegado de persoal e Xan Losada González como asesor pola CIG.

Pola parte social preséntase a plataforma reivindicativa demandada pola asemblea de traballadores.

A continuación establécese un debate, facéndolle constar á empresa as dificultades que nestes momentos aínda arrastran de etapas anteriores; pola parte social insístese na necesidade de negociar un convenio que hai 4 anos que non se negocia.

Discútese punto por punto da plataforma da parte social chegando ós seguintes acordos:

Duración: desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2000.

Ámbito de aplicación: elimina-los puntos A e B.

Xornada: establécese unha xornada anual de 1.784 horas. Para axusta-lo calendario anual fíxanse como días libres de traballo os seguintes: 7 de xaneiro, 6 de marzo e 7 de decembro. Estes non computarán como días de vacacións; así mesmo, poderán ser cambiados por acordo entre empresa e traballador.

Incremento salarial: o incremento salarial para o ano 2000 será do 3,5% sobre os conceptos salariais reflectidos nas nóminas de 1999.

IT: no caso de se producir unha baixa por enfermidade común, de se-la primeira do ano, o traballador percibirá o 60% da base reguladora os tres primeiros días do ano.

Póliza de seguros: mantendo o texto actual fíxanse as cantidades seguintes: 4.500.000 ptas. por morte e 4.500.000 ptas. por invalidez.

Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral: o contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos, regulado polo artigo 15.1.b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses. Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade, asinados a partir da entrada en vigor deste convenio, como ás

prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

E ás 20 horas dáse por rematada a reunión.

Convenio colectivo para a empresa

Teydesa Conectores, S.A. para o ano 2000

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

De acordo co establecido no título III do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, este convenio afectará á totalidade dos empregados e asalariados da empresa.

Sen prexuízo do anteriormente exposto, e tendo en conta as especiais circunstancias e características do persoal que a continuación se enumeran, quedará fóra do ámbito de aplicación deste convenio:

O persoal que realiza traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio aplicarase unha vez que sexa homologado pola autoridade laboral; agora ben, os seus efectos económicos retrotraeranse ó día 1 de xaneiro de 2000, independentemente da data da súa publicación no BOP. A súa duración será desde o día 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000.

Non obstante, entenderase automaticamente prorrogado de ano en ano, ata que unha das partes o denuncie expresamente, de conformidade coa lexislación vixente, e cunha antelación mínima de dous meses ó termo da vixencia deste convenio ou da prórroga en curso.

Na denucia deberase facer constar:

Ámbito de aplicación do novo texto do convenio.

Materias de negociación debidamente analizadas.

Representación que exerce o denunciante.

Igualmente, sinálase que durante o tempo que medie entre a data do remate dos efectos do convenio e a entrada en vigor dun novo convenio que o substitúa, se entende prorrogado para tódolos efectos este.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes de aplicación deste convenio poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcance o cómputo anual con aqueloutras condicións de índole superior que estean establecidas pola empresa, agás pacto expreso en contrario. Todo isto de conformidade co preceptuado no decreto de ordenación do salario e disposicións concorrentes.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, de luns a venres, e en ningún caso a devandita xornada poderá superar un cómputo anual de 1.784 horas.

Dentro do cómputo de traballo efectivo entenderanse por comprendidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas como descanso e outras interrupcións, cando por normativa legal o acordo entre as dúas partes ou pola propia organización do traballo se entendan integradas na xornada diaria de traballo. A este respecto establécese un período mínimo de descanso de 15 minutos.

O horario establécese de luns a venres, agás o personal a quendas, que teña necesidade de compensación de horas, que se é o caso, poderá traballa-lo sábado ata compesa-la xornada.

Artigo 5º.-Vacacións.

O período de vacacións será de 30 días naturais, sendo o salario que percibirán durante estas igual ó dunha nómina normal de mes.

O período de disfrute das vacacións será preferentemente nos meses de verán, debendo coñece-lo traballador, cunha antelación mínima de dous meses, a data de inicio de desfrute. Fixaranse de común acordo entre a empresa e o traballador, e salvo acordo entre as dúas partes, serán rotativas, e sempre que non afecten ós programas de produción da empresa.

Artigo 6º.-Salario e outros conceptos retributivos.

Os salarios base establecidos para cada categoría profesional son os que se fixan no anexo que se achega, primeira columna.

A gratificación de carencia de incentivos aboarase pola segunda columna do anexo salarial e por día efectivo de traballo, entendendo o sábado como día efectivamente traballado.

Artigo 7º.-Permisos retribuídos e non retribuídos.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indican ou polo período que a continuación se reseña:

-Por matrimonio do traballador: 15 días naturais.

-Por matrimonio de fillos: dous días naturais.

-Por nacemento de fillos: segundo a lexislación vixente.

-Por morte ou efermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos: o tempo necesario, como mínimo dous días hábiles.

-Pola morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos: 2 días naturais.

-Pola morte de tíos políticos: un día natural.

-Por consulta médica: o tempo necesario con xustificación.

A asistencia a exames, entregando xustificación, será sen dereito a retribución, e concedida polo tempo necesario para a súa realización.

Artigo 8º.-Desprazamentos e axudas de custo.

Se por razóns técnicas e organizativas a empresa ten que traslada-los seus productores a prestar servicios a outros centros de traballo, aboaralles por

axuda de custo completa a cantidade de 3.605 pesetas e, por media axuda de custo, 1.805 pesetas.

Artigo 9º.-Traballos especiais.

Aplicarase o preceptuado no artigo 77 da ordenanza laboral para a industria siderometalúrxica, sendo as porcentaxes do 25, 30, e 35%, en lugar das sinaladas na mencionada norma.

Artigo 10º.-Comité de seguridade e hixiene.

A empresa está obrigada ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo, en materia de aseos, vestiario, dotacións sanitarias de urxencia, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza de seguridade e hixiene vixente. Para tal efecto, designaranse dous membros como vixilantes de seguridade e hixiene, que serán elixidos polos traballadores fixos do cadro de persoal.

As funcións do comité de seguridade e hixiene serán asegura-los dereitos dos traballadores en canto ás cuestións relacionadas coa seguridade e hixiene no traballo fixadas pola lei ou convenio entre ámbalas partes. Os membros do comité non terán dereito a horas retribuídas.

Artigo 11º.-Período de proba.

O período de proba será de 15 días para os seguintes traballadores: peón, especialista, oficial de 3ª, ofial de 2ª e oficial de 1ª. Para as demais categorías aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

Ó persoal afectado por este convenio entregaralle a empresa unha peza de roupa de traballo ou funda cada seis meses, sendo obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As devanditas pezas de roupa serán en todo momento propiedade da empresa, e o traballador está obrigado á boa conservación e uso, podendo a empresa facer constar nas devanditas pezas o anagrama ou actividade dela.

Así mesmo, segundo o posto de traballo, a empresa daralle os elementos e medios necesarios esixidos legalmente para protección, debendo utilizalos o traballador na realización das súas tarefas.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afecto a este convenio percibirá dúas pagas extraordinarias que se farán efectivas o 15 de xullo e 22 de decembro.

A súa contía será dunha mensualidade de salario real.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Este complemento salarial de carácter persoal consistirá en quinquenios, da contía do 6% do salario base.

Artigo 15º.-Gratificacións de toxicidade e penosidade, penosidade e nocturnidade.

Aboaranse de acordo co disposto na ordenanza laboral siderometalúrxica e disposicións concordantes.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

O persoal que se atope en situación de IT derivada de efermidade común, a partir do primeiro día do segundo mes percibirá o 100% do seu salario; no caso de hospitalización, desde o primeiro día percibirá o 100%; no caso de se-la primeira baixa do ano por efermidade común, o traballador percibirá o 60% os tres primeiros días da baixa.

Cando esta situación se derive de accidente de traballo ou accidente in itínere, desde o primeiro día aboaráselle o 100% do salario.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Axustaranse ó disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

A empresa concertará unha póliza de seguros que cubra as seguintes idemnizacións:

-Accidente laboral ou común do que se derive a morte do traballador: 4.500.000 pesetas.

-Ídem ó anterior, do que se derive a situación de incapacidade permanente, total ou absoluta ou grande invalidez: 4.500.000 pesetas.

-Ó persoal de nova de nova incorporación non lle será de aplicación a póliza antes sinalada ata transcorridos trinta días desde a contratación.

Artigo 19º.-Premios de xubilación.

-Xubilación ós 60 anos: 6 mensualidades.

-Xubilación ós 61 anos: 5 mensualidades.

-Xubilación ós 62 anos: 4 mensualidades.

-Xubilación ós 63 anos: 3 mensualidades.

Ós devanditos premios só terán dereito aqueles traballadores que teñan na data do feito máis de dez anos de antigüidade na empresa.

Artigo 20º.-Gratificación de carencia de incentivos.

Establécese o aboamento desta gratificación como prima de productividade e asistencia, ó non te-la empresa regulamentada a retribución en función de rendemento. O dereito á percepción desta gratificación perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:

a) O 25% da gratificación de carencia de incentivos correspondente ó salario do día por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia deste tipo de falta gravarase co 50%.

b) O 75% da gratificación de carencia de incentivos correspondente ó salario do día por falta de puntualidade superior a 5 minutos e ata media hora.

c) O 100% por máis de media hora sen chegar a un día completo.

d) O correspondente a 2 días por cada falta de asistencia.

e) O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta de comezalo e as interrupcións inxustificadas consideraranse como faltas de puntualidade para estes efectos.

Artigo 21º.-Productividade.

O sistema de traballo que se vaia empregar será de libre iniciativa da empresa, debendo axustarse ó previsto neste convenio e alexislación concordante, sen prexuízo da posterior aprobación da autoridade laboral competente.

A actividade normal de traballo é a desenvolvida polo operario medio que actúa baixo unha dirección competente, pero sen estímulo dun sistema de renumeración por rendemento e sen coación ningunha, isto é, a cantidade de traballo desenvolvida efectivamente por un obreiro capacitado realizando unha actividade mínima normal equivalente a 4,800 km/hora e que se determinará por unha correcta cronometraxe.

A actividade normal vén determinada por 100 unidades centesimais ou 60 puntos Bedaux ou o seu equivalente noutros sistemas de medición que sexan aceptados internacionalmente.

A actividade óptima é a que pode desenvolver un traballador activo adestrado no traballo e que logre nel con seguridade un nivel de calidade e precisión fixados pola tarefa. Esta actividade está valorada en 140 unidades centesimais ou 80 Bedaux ou o seu equivalente. Será sancionable todo traballador que non alcance a actividade normal durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período de 30 días. En cada caso a empresa, para os efectos de sanción, apreciará a gravidade da falta á vista dos feitos producidos. Así mesmo, será obxeto de sanción o productor que de maneira reiterada manteña unha actividade inferior á normal.

Establécese especificamente que a facultade de organización práctica do traballo lle corresponde á dirección da empresa; trala ausencia sinálanse, entre outras, as seguintes funcións:

a) Esixencia da actividade normal fixada polo convenio.

b) Adxudicación do número de máquinas ó traballador a rendemento normal.

c) Mobilidade e cambio de persoal nas empresas de acordo coas necesidades de organización da producción na forma sinalada regulamentariamente.

De establece-la empresa un sistema de traballo incentivado, á actividade normal comprenderá a gratificación de carencia de incentivos fixada no anexo. Unha vez aprobado o sistema de traballo incentivado, non poderán aplicarse penalizacións ata trascorridos tres meses desde a data de implantación do sistema, considerándose o devandito espacio de tempo como período de proba.

En ningún caso poderá penalizarse a falta de productividade e a falta de puntualidade e asistencia á vez.

Artigo 22º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circustancias da producción, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos, regulado polo artigo 15.1.b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor deste convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 23º.-Gratificación de xefe de equipo.

De acordo co establecido no artigo 79 da ordenanza laboral de siderometalúrxica, o xefe de equipo percibirá unha gratificación consistente nun 20% sobre o salario base da súa categoría.

Artigo 24º.-Excedencias.

Poderán solicitala tódolos traballadores que leven un mínimo dun ano ó servicio da empresa. A duración da excencia poderá ser dun ano a cinco anos. A petición de excedencia farase por escrito cun mes de antelación e será resolta pola empresa afirmativamente cando non se cubrise con contrato de interino; nos demais casos observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 25º.-Traballo da muller.

Se a realización das tarefas consideradas tóxicas, penosas, molestas ou insalubres afectase á situación de embarazo ou maternidade, terán que ser excluídas para a muller.

Artigo 26º.-Servicio militar.

Durante o tempo que se preste servicio militar ou social voluntario e obrigatorio, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo, que se entenderá 20 días despois de licenciado, e á percepción das pagas extras, na mesma contía que se estivese traballando.

Artigo 27º.-Reserva do posto de traballo no caso de invalidez provisional.

Os traballadores que cesasen na empresa por causas de invalidez provisional teñen dereito a ser declarados aptos para o traballo e ser reintegrados no posto de traballo que con carácter normal ocupaban na empresa na data na que causaron baixa ou no posto adecuado ás súas condicións. Será preciso que o traballador o solicite da empresa dentro do mes seguinte á data da súa declaración de aptitude.

Artigo 28º.-Revisión médica do persoal.

A empresa efectuará unha revisión médica anual a tódolos traballadores do cadro de persoal. Estas revisións serán por conta da mutualidade correspondente ou da propia Seguridade Social.

Disposicións transitorias

Primeira.-O aumento deste convenio cifrarase nun 12,10% sobre os conceptos retributivos da táboa salarial (salario base e gratificación de carencia de incentivos) tomada como base para esta negociación.

A devandita táboa corresponde ó convenio asinado en 1996 e prorrogado nos anos sucesivos pola situación económica da empresa.

Segunda.-Os efectos económicos deste convenio retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2000, e aboaranse na nómina do mes seguinte á súa publicación no BOP.

Terceira.-En todo o non previsto no texto deste convenio será norma supletoria a ordenanza laboral das industrias siderometalúrxicas e a lei pola que se aproba o Estatuto dos traballadores, e disposicións concordantes.

ANEXO

Táboa salarial

Grupos e categorías profesionais

Salario base

Gratificación

por carencia

de incentivos

* Persoal obreiro
Peón3.198838
Lavador3.198838
Especialista3.203878
Oficial 3ª3.211910
Oficial 2ª3.212968
Oficial 1ª32151.111
Oficial 1ª montador3.2151.188
Traballador menor de 18 anos1.912482

* Persoal subalterno
Almaceneiro3.198838
Probador3.217968
Listeiro3.211910
Recepcionista3.198838
Pesador de báscula3.198838
Vixilante3.198838
Ordenanza3.198838
Porteiro3.198838
Conserxe3.198838
Chofer turismo3.212968
Chofer camión3.2151.114
Dependente Aux. maior 25 anos3.211910
Dependente principal maior 25 anos3.211910
Telefonista3.218910

* Persoal técnico
Mestre taller4.0141.200
Xefe taller4.0151.407
Contramestre4.0151.200
Encargado4.0151.200
Titulado medio4.0151.407
Titulado superior4.2011.481
Delineante proxectista3.6471.407
Delineante 1ª3.6391.106
Delineante 2ª3.2151.111
Calcador reproductor3.211910
Técnico de laboratorio3.6471.200
Analista3.6471.200

* Persoal administrativo
Auxiliar administrativo3.211910
Oficial administrativo 1ª3.2151.111
Oficial administrativo 2ª3.212968
Xefe administrativo 1ª3.2151.188
Xefe administrativo 2ª3.2151.115
Caixeiro3.212968
Xefe de almacén3.2151.114
Xefe de contabilidade3.2151.188
Viaxante e vendedor3.211910
Xefe de laboratorio4.0151.407
ATS4.0151.407