Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 18 de agosto de 2000 Páx. 12.033

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de xullo de 2000 pola que se crea o Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos e o Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado en virtude da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, non recoñecía inicialmente a esta Comunidade Autónoma competencia en materia de seguros.

Sen embargo, a través da Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, transfírelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros, coa finalidade de equiparar nesta materia as competencias desta Comunidade Autónoma coas doutras.

En aplicación da citada lei orgánica, mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transfírense á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración xeral do Estado en materia de mediadores de seguros. En virtude da dita norma correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución, dentro do seu territorio, das bases de ordenación dos seguros privados contidas na Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación de seguros privados, modificada pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, respecto ós mediadores de seguros no que o domicilio social e ámbito de operacións se limitán ó territorio da comunidade.

Pola súa parte, o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, asígnalle as funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia á Consellería de Economía e Facenda. E a Orde do 12 de xaneiro do 2000, da Consellería de Economía e Facenda, adscríbelle as competencias á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Baseándose en todo o anterior, cómpre a creación dun rexistro específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se rexistren as persoas físicas e xurídicas que obtiveran autorización para exerce-la actividade de corredoría de seguros e se anoten os feitos máis significativos que as afecten, así como todas aquelas cuestións que deban ser rexistradas de acordo coa normativa vixente. Así mesmo, pola presente orde, créase o Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado, na medida en que o dito diploma vén establecido pola nor

mativa para o efecto como un dos requisitos para obte-la mencionada autorización.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Capítulo I

Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos.

Artigo 1º.-Creación do rexistro.

1. Créase o Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos, coa finalidade de que a Administración autonómica teña en todo momento coñecemento fidedigno da situación das persoas e entidades inscritas nel.

2. O rexistro estará adscrito á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 2º.-Ámbito do rexistro.

No rexistro inscribiranse os corredores de seguros e sociedades de corredoría de seguros no que o domicilio social ou profesional e ámbito de operacións quede circunscrito ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Funcións.

O Rexistro terá as funcións de cualificar, inscribir e certifica-los actos que así o requiran que se refiran a corredores de seguros e sociedades de corredoría de seguros inscritos nel.

Artigo 4º.-Carácter e efectos do rexistro.

1. O rexistro ten carácter administrativo e a súa eficacia baséase nos principios de publicidade formal e de legalidade, ten carácter público e non se poderá invoca-la súa ignorancia.

2. Os actos suxeitos a inscrición non inscritos non producirán efectos respecto a terceiros de boa fe.

Artigo 5º.-Libros de rexistros.

1. No rexistro levaranse, coa desagregación que resulte necesaria, os seguintes libros:

a) Libro diario de presentación.

b) Libros de inscricións de corredores de seguros, de sociedades de corredoría de seguros e dos seus altos cargos.

2. No libro de altos cargos de sociedades de corredoría inscribiranse os administradores ou conselleiros, os directores xerais ou asimilados, os apoderados e os que baixo calquera outro título leven a dirección efectiva da entidade correspondente.

3. Os asentos practicaranse por orde cronolóxica e a súa redacción farase de forma sucinta con remisión ó arquivo correspondente onde conste o documento.

Artigo 6º .-Actos inscribibles.

1. Son actos inscribibles no rexistro:

a) A autorización administrativa previa.

b) Os cambios de denominación ou domicilio social así como outras modificacións estatutarias.

c) As participacións significativas.

d) As agrupacións de interese económico e as unións temporais de empresas.

e) A situación de inactividade.

f) A revogación da autorización administrativa.

g) A inhabilitación para o desempeño da actividade de corredoría.

h) As sancións que, se é o caso, se impuxeran, salvo a de amoestación privada.

i) Os demais actos que deban inscribirse en virtude da normativa vixente.

2. Respecto ós altos cargos inscribiranse:

a) O nomeamento.

b) A suspensión, revogación ou cesamento destes por calquera causa.

c) A inhabilitación.

d) As sancións que, se é o caso, se lles impuxeran, salvo a de amoestación privada.

e) Os demais actos que deban inscribirse en virtude da normativa vixente.

Consignaranse o nome e apelidos ou denominación social, o domicilio, a nacionalidade, a profesión, o número do documento nacional de identidade e, se se trata de estranxeiros, se é o caso, o do permiso de residencia ou pasaporte.

Artigo 7º.-Presentación de documentación.

Os documentos que conteñan actos do administrado que deban ser inscritos conforme o establecido no artigo anterior deberán presentarse, acompañados de escrito asinado polo interesado ou polo representante legal da sociedade, dentro dos dez días seguintes ó de adopción dos acordos, presentando, se é o caso, a escritura pública correspondente no prazo dun mes desde a súa inscrición no Rexistro Mercantil.

Artigo 8º.- Inscrición de oficio.

Cando a inscrición no rexistro teña por causa acordos da Administración, o asento practicarase de oficio con fundamento no acto administrativo correspondente.

Artigo 9º.-Inscrición das medidas de control especial.

As medidas de control especial que, se fose o caso, se impuxeran serán inscribibles no rexistro, logo de audiencia do interesado, cando a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro acorde darlles publicidade.

Artigo 10º.-Cancelación das inscricións das sancións impostas.

As inscricións relativas ás sancións impostas cancelaranse de oficio ou por instancia do interesado.

A cancelación de oficio procederá cando recaera resolución ou sentencia firme estimatoria do recurso interposto contra a sanción.

O interesado terá dereito a solicitar da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a cancelación de inscrición da sanción que lle fora imposta, sempre que non incorrese en ningunha nova infracción, dentro dos dous anos seguintes á data da firmeza da sanción para o caso das infraccións leves, cinco anos no caso das graves e oito anos no caso das moi graves.

A iniciación dun expediente administrativo sancionador interromperá os prazos previstos no parágrafo anterior. Se o procedemento concluíse coa imposición dunha nova sanción, as anotacións pendentes cancelaranse cando transcorra o prazo de cancelación aplicable a ela, salvo que o que restase por correr da anterior fose superior, de se-lo caso atenderase á data do seu vencemento.

Artigo 11º.-Obriga das persoas e entidades inscritas no rexistro.

As persoas e entidades inscritas no rexistro deberán facilita-la documentación e información necesarias para permiti-lo seu mantemento actualizado, remitindo á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro os documentos correspondentes na forma establecida no artigo 7. Todo iso sen prexuízo da obriga de atender tamén ós requirimentos individualizados de información que se lles formulen.

Artigo 12º.-Publicidade do rexistro.

1. Mediante solicitude por escrito na que se exprese a identidade do solicitante e o motivo, poderán acceder ós datos do rexistro non soamente os titulares, senón tamén os que acrediten un interese lexítimo e directo.

2. A publicidade formal poderá realizarse mediante certificación ou nota simple informativa expedida pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Capítulo II

Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado

Artigo 13º.-Creación do rexistro

Créase o Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado, adscrito á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 14º.-Ámbito do rexistro.

No rexistro inscribiranse todas aquelas persoas que obtivesen o diploma de mediador de seguros titulado expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 15º.-Solicitude de certificación.

As persoas inscritas no rexistro poderán solicitar certificación do diploma mediante solicitude por escrito na que se faga consta-la identidade do solicitante.

Disposicións transitorias

Primeira.-A documentación dos corredores e sociedades de corredoría de seguros transpasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, que figuran como anexo á presente orde, que figurasen nos rexistros ou expedientes que foron obxecto de traspaso, trasladaranse ó rexistro creado por esta orde. Independentemente disto, poderáselles pedi-la documentación que fose necesaria para completa-la inscrición.

Segunda.-As sucesivas inscricións relativas ós corredores e sociedades de corredorías de seguros obxecto de traspaso efectuaranse na forma prevista na presente orde.

Terceira.-Ós corredores e sociedades de corredoría obxecto de traspaso asígnaselles un novo número de rexistro, con motivo da súa inscrición no rexistro autonómico, que figura no anexo á presente orde. Non obstante, nas follas correspondentes a estas persoas ou entidades farase constar tamén o número de inscrición que tiñan anteriormente no Rexistro Especial de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos da Dirección Xeral de Seguros do Ministerio de Economía e Facenda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Política Financeira e Tesouro para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Relación de corredores de seguros e de sociedades de corredoría de seguros dos que a documentación foi traspasada pola Dirección Xeral de Seguros do Ministerio de Economía e Facenda á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro.

Nome/Denominación socialAnterior

nº de rexistro

Novo

nº de rexistro

José Eloy Rodríguez RodríguezF-81GF-002

Fernando Rotea VillanuevaF-227GF-003

Eladio Fernández VázquezF-228GF-004

Fernando Manuel García DieguezF-682GF-005

José Grela RodríguezF-776GF-006

Nome/Denominación socialAnterior

nº de rexistro

Novo

nº de rexistro

Rogelio Calvar OteroF-956GF-007

Julio Cabo NayaF-979GF-008

José Liñares GarcíaF-1019GF-009

Juan Carlos Sánchez AnsedeF-1127GF-010

Constantino Docampo FragaF-1391GF-011

José Vilariño VilariñoF-1495GF-012

Mª de las Nieves Rúa PazosF-1550GF-013

Mª Trinidad Barreiro CarrascoF-1696GF-014

Manuela Gómez GarcíaF-1713GF-015

Jesús Ángel Rego ÁlvarezF-1812GF-016

Enrique Vilela GarcíaF-1845GF-017

Manuel González TeijeiroF-1901GF-018

Francisco Pichel IglesiasF-2006GF-019

Quiroga Calviño

Corredoría de Seguros, S.L.

J-263GX-001

Eloy Rodríguez

Corredoría de Seguros, S.L.

J-296GX-002

Falin y Zapata

Corredoría de Seguros, S.L.

J-629GX-003

Corredores de Seguros Alfa, S.L.J-825GX-004

Rasegal, S.L.J-1153GX-005

Asesoría Díaz, S.L.J-1209GX-006

Lavandería Rabade Coruña

Corredoría de Seguros, S.C.

J-1556GX-007