Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 16 de agosto de 2000 Páx. 11.973

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 99/30-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

-Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

-Enderezo social: avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T. Facho-Baredo.

-Situación: Baiona e Oia.

-Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20 kV, de 1.698 m de lonxitude, con conductor tipo LA-110, sobre apoios de formigón, desde un apoio s/n da L.M.T. ó C.T Facho ata un apoio situado xunto ó auto Trafo Baredo, concellos de Baiona e Oia.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presentan alegacións os dos predios 1, 3 e 4.

Os propietarios dos predios 1 e 4, manifestan non coñecer nin a afección dos seus predios nin a valoración que a empresa fai do terreo e solicitan certificación

e informe do campo magnético e da radioactividade que produce a instalación. Esta delegación diríxese ós propietarios contestando a tódolos puntos expostos.

O propietario do predio 3 manifesta a súa total oposición ó paso da liña, por ter prevista a construcción na zona dun hotel-balneario, polo que afectaría á estética do entorno, fundamental para a súa actividade. Enviada copia do escrito á empresa eléctrica, esta contesta que enviou unha fotocopia do plano parcelario ó propietario do predio para que poida identificar claramente a afección, e que o propietario do predio servinte poida solicita-lo cambio do trazado da liña achegando previamente a conformidade dos novos propietarios afectados, e que o paso da liña non impide ó dono do terreo cercalo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume. Envíase copia do escrito da empresa ó propietario do terreo, non contestando este no prazo establecido para iso.

Tendo en conta as alegacións realizadas polos propietarios dos predios 1 e 4, respecto ós posibles afectos do campo magnético e radioactividade producidas pola liña, non ten unha base regulamentaria, en concreto no D. 3151/1968 que aproba o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión, e que respecto á alegación presentada polo propietario do número 3, salvo que no momento de decretarse a servidume exista unha das condicións de prohibición de imposición de servidume que establece o artigo 25 do D. 2619/1966 que aproba o Regulamento sobre expropiación forzosa, non hai base regulamentaria que impida a autorización e declaración de utilidade pública da instalación.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617, 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características axustaranse en tódalas súas partes ás que figuran no mesmo e ás condicións técnicas e de seguridade establecida nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos a corporacións que constan nos expedientes.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 28 de xuño de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra