Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 10 de agosto de 2000 Páx. 11.844

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 28 de xullo de 2000 pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliou as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, transferíndolle con carácter exclusivo a relativa a espectáculos públicos. Polo Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, prodúcese o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia.

A Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumiu as competencias na citada materia, asignándollas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Neste decreto facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade das funcións traspasadas.

Na súa virtude, véñense regulando, mediante as correspondentes ordes, os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, o Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, establece a previsión de que o horario de apertura e peche de salóns recreativos e de xogo será fixado por orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Tendo en conta a experiencia maioritariamente positiva e pacífica no cumprimento daqueles, e a conveniencia de compatibiliza-los intereses sociais e económicos dos sectores afectados co interese público xeral, procede fixa-los horarios que rexerán a apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma, que comprenden dous períodos, un de inverno e outro de verán, coas datas correspondentes a ámbolos dous. Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Fixación de horarios.

Os espectáculos e festas rematarán e os establecementos públicos poderán exerce-la súa actividade, como máximo, ás horas sinaladas a seguir:

Horario de verán (desde o 1 de xuño ó 30 de setembro).

Cinematógrafos: 2 h.

Teatros: 2 h.

Circos: 1 h.

Salas de birlos: 1 h.

Espectáculos ó aire libre: 2 h.

Verbenas e festas populares: 3.30 h.

Restaurantes: 2.30 h.

Cafés e bares: 2.30 h.

Cafeterías e hamburgueserías: 3 h.

Tabernas: 1.30 h.

Salas de festas e discotecas de xuventude: 23 h.

Bares especiais e pubs: 4 h.

Discotecas, salas de festas e salóns de baile: 5.30 h.

Cafés teatro, cafés concerto e cafés cantante: 5 h.

Tablaos flamencos: 5.30 h.

Salóns recreativos (máquinas A): 0 h.

Salóns de xogo (máquinas B): 2 h.

Casinos: 4 h.

Salas de Internet: 2 h.

Salas de bingo: 4 h.

Horario de inverno (desde o 1 de outubro ó 31 de maio).

Cinematógrafos: 1 h.

Teatros: 1 h.

Circos: 0 h.

Salas de birlos: 0 h.

Espectáculos ó aire libre: 1 h.

Verbenas e festas populares: 2.30 h.

Restaurantes: 1.30 h.

Cafés e bares: 1.30 h.

Cafeterías e hamburgueserías: 2 h.

Tabernas: 0.30 h.

Salas de festas e discotecas de xuventude: 22 h.

Bares especiais e pubs: 3 h.

Discotecas, salas de festas e salóns de baile: 4.30 h.

Cafés teatro, cafés concerto e cafés cantante: 4 h.

Tablaos flamencos: 4.30 h.

Salóns recreativos (máquinas A): 0 h.

Salóns de xogo (máquinas B): 1 h.

Casinos: 4 h.

Salas de Internet: 1 h.

Salas de bingo: 4 h.

Artigo 2º.-Ampliación do horario máximo.

As noites que van de xoves a venres, de venres a sábado e de sábado a domingo así como as noites anteriores ós festivos, estes horarios ampliaranse media hora. (Para salóns recreativos e de xogo esta ampliación será dunha hora).

Artigo 3º.-Horario de apertura.

Os bares especiais, pubs, discotecas, salas de festas, salóns de baile, cafés teatro, cafés cantante, cafés concerto e tablaos flamencos non poderán ser abertos antes das 10 horas da mañá.

Os demais espectáculos, festas e establecementos públicos non poderán comeza-las súas actividades antes das 6 horas da mañá, e entre o peche e a apertura, debe transcorrer como mínimo un período de 2 horas.

Os bares interiores dos hoteis poden atrasa-la súa hora de peche ata unha hora máis para atender exclusivamente os clientes hospedados.

Artigo 4º.-Tempo de desaloxo.

A partir da hora límite de peche establecida nos artigos 1 e 2 non se permitirá o acceso ós establecementos a ningún cliente, non se servirá ningunha consumición e deixará de funciona-la música ambiental, é dicir, finalizarán tódalas actividades

que se están desenvolvendo e acenderanse tódalas luces para facilita-lo desaloxo dos establecementos ou recintos, que deberán quedar baleiros de público no prazo máximo de trinta minutos.

Artigo 5º.-Competencia dos delegados para horarios especiais.

1. Os delegados provinciais poderán conceder ampliacións dunha hora sobre os horarios límite de peche establecidos nos artigos 1º e 2º, nos seguintes supostos:

a) Festas locais, patronais, do nadal e verbenas populares.

b) Nas localidades turísticas, durante o período da maior afluencia, sempre e cando non se altere a normal convivencia da poboación.

c) Cando o requira a duración do espectáculo.

d) Cando se trata de locais destinados ó servicio de viaxeiros.

5.2. As modificacións de horarios concedidas polos delegados provinciais requirirán o informe previo do concello onde se encontre o local afectado, ou lugar onde se celebre a festa ou verbena, que se deberá emitir nun prazo máximo de 15 días. No caso de non emitirse o informe requirido, o delegado provincial decidirá tendo en conta as circunstancias concorrentes.

5.3. Estas modificacións deberán facerse mediante resolución motivada.

5.4. Revogación da autorización. O mal uso da autorización concedida, o cambio de circunstancias, as molestias debidamente comprobadas ós veciños ou a producción de desordes no contorno poderán motiva-la revogación da autorización, logo de audiencia do interesado.

Artigo 6º.-Infraccións e sancións.

Para as infraccións do disposto na presente orde, serán de aplicación as sancións previstas na Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, sobre protección da seguridade cidadá.

Disposición transitoria

As infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse pola normativa vixente no momento da súa comisión.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde desta consellería, do 10 de xullo de 1998, pola que se determinaron os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais