Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 08 de agosto de 2000 Páx. 11.768

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública a relación de propietarios e titulares de bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto sectorial do observatorio astronómico de monte Faro.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión con data do 21 de xullo de 2000, adoptou, entroutros o seguinte acordo:

1. Declara-lo proxecto sectorial do observatorio astronómico en monte Faro como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro de ordenación do territorio de Galicia.

2. Determinar que lle corresponderá á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o impulso e tramitación do citado proxecto sectorial, coa que deberán colabora-las demais consellerías que teñan competencias con incidencia sobre o proxecto.

3. De acordo co establecido no artigo 13.2º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, o proxecto sectorial someterase por un prazo mínimo dun mes ó trámite de información pública mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia nun dos xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, e audiencia ás entidades locais afectadas.

4. Acorda-la aplicación ó procedemento da tramitación de urxencia, pola que se reducirán á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario.

5. Ordenar que se publique a relación de bens e dereitos que se necesitan ocupar para a execución do proxecto sectorial, para os efectos de expropiación forzosa.

En cumprimento do disposto no punto quinto do dito acordo e vistos o artigo 25.3º e disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia; o artigo 11.2º do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; e os artigos 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, sométese a información pública, polo prazo dun mes, o expediente de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto sectorial do observatorio astronómico en Monte Faro.

O expediente estará exposto nas dependencias da Dirección Xeral de Urbanismo, sitas nos edificios

administrativos de San Caetano, en Santiago de Compostela, durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Durante o dito prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presenta-las alegacións que estimen oportunas por triplicado exemplar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

* Descrición do predio que se expropia.

Termo municipal de Rodeiro (Pontevedra), parroquia de Camba (Santa Baia), nas proximidades do vértice xeodésico do monte Faro. Predio de 25.980 m de superficie, linda:

Norte: resto do monte Faro (datos catastrais, polígono 120 parcela 1.113).

Sur: devasa e camiño.

Leste: camiño e resto do monte Faro (datos catastrais, polígono 120 parcela 1.113)

Oeste: devasa.

* Propietario: descoñecido.

* Valoración.

Valoración do solo: 2.010.852 pesetas.

Valoración das plantacións: 519.600 pesetas.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2000.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo