Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 04 de agosto de 2000 Páx. 11.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xullo de 2000 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada con domicilio en Chantada.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 21 de xuño de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Chantada, o día 5 de abril de 2000, ante o notario Daniel Balboa Fernández, co número catrocentos sesenta e tres do seu protocolo, por Jaime Alberto Pita Varela, Andrés Precedo Ledo, Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, José Jesús Ramos Ledo, José María Moraleja Alonso e Javier Varela Pérez; interveñen Jaime Alberto Pita Varela en representación da Xunta de Galicia, e, ademais, Andrés Precedo Ledo e José María Moraleja Alonso por razón dos seus respectivos cargos, Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco en representación do Concello de Carballedo, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez en representación do Concello de Chantada, Jesús Ramos Ledo en representación do Concello de Taboada e Javier Varela Pérez en representación da Deputación Provincial de Lugo.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes, animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

4. O padroado da fundación estará constituído de conformidade co disposto no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de xullo de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública