Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 04 de agosto de 2000 Páx. 11.629

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 203/2000, do 21 de xullo, polo que se regula a estructura orgánica-funcional do Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, creou o Instituto Galego de Estatística, como un organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda.

O Decreto 391/1994, do 14 de outubro, estableceu a súa estructura orgánica.

O tempo transcorrido desde a publicación do antedito decreto, así como a necesidade de adecua-la estructura orgánica existente á realidade actual derivada da aprobación pola Lei 6/1997, do 31 de xullo, do Plan Galego de Estatística 1998-2001, aconsella a publicación dun novo decreto que substitúa o anterior.

A estructura orgánica que se aproba por este decreto atende ós principios de economía do gasto e coordinación, delimitando as funcións e competencias das diferentes unidades administrativas de acordo con criterios racionais e de eficacia administrativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Estatística (IGE) é o organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda ó que lle corresponden as competencias e funcións que en materia de estatística e para os fins da Comunidade Autónoma se establecen na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións o IGE terá a seguinte estructura orgánica:

1º O director.

2º A Secretaría Técnica.

3º A Subdirección Xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística.

Artigo 3º

1. O director do IGE, con nivel orgánico de director xeral, é o xefe superior do organismo, e terá ademais das atribucións que lle confire o artigo 41 da

Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, as que lle poidan corresponder segundo a lexislación vixente.

2. En concreto, exercerá as seguintes funcións:

1) A representación oficial do IGE e da Comunidade Autónoma de Galicia en materia estatística.

2) A dirección administrativa e o impulso, dirección e coordinación das actividades do IGE.

3) A elaboración do anteproxecto do orzamento do IGE, así como a autorización dos gastos e a ordenación dos pagamentos do mesmo.

4) O exercicio das facultades correspondentes ó órgano de contratación e a subscrición de convenios e acordos, no marco das normas xerais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

5) A xefatura superior do persoal do IGE.

6) A elaboración dos anteproxectos dos plans e dos proxectos de programas estatísticos así como a homologación das actividades estatísticas neles incluídos.

7) O impulso e dirección das relacións da Comunidade Autónoma de Galicia en materia estatística coa organización estatística galega e cos institutos e organizacións internacionais, estatais e autonómicas de estatística.

8) A planificación, normalización e harmonización da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As competencias e funcións do director xeral do IGE poderán ser delegadas nos órganos previstos no artigo 2º.

Artigo 4º

1. Á Secretaría Técnica, con rango de subdirección xeral, correspóndenllen, ademais das tarefas directamente encargadas polo director de cara ó eficaz funcionamento e coordinación da actividade do IGE, as seguintes funcións:

1) A asistencia técnica ó director en cantos asuntos lle encomende, en especial os de natureza xurídica, xestión económica e réxime interior.

2) A programación, impulso, dirección, coordinación e control das actividades da Secretaría Técnica, de acordo coas directrices do director.

3) A dirección e coordinación dos recursos humanos e materiais asignados á Secretaría Técnica.

4) A coordinación das relacións que, en materia estatística, o IGE estableza co Instituto Nacional de Estatística (INE), con outros servicios estatísticos estatais e coa Oficina Estatística da Unión Europea.

5) A elaboración e desenvolvemento da contabilidade económico-financeira e a xustificación das contas xerais conforme o plan de contabilidade do IGE.

6) A coordinación da elaboración do anteproxecto do orzamento do organismo, o seguimento e control da súa execución e das súas modificacións.

7) O seguimento e control dos fondos da tesourería do organismo.

8) A coordinación da elaboración dos proxectos de disposicións de carácter xeral e dos convenios que se pretendan subscribir.

9) A planificación e xestión dos recursos humanos e da habilitación do persoal do IGE.

10) A xestión, coordinación e control dos expedientes de gasto e de contratación administrativa.

11) O seguimento do plan de avaliación do Instituto.

12) O desempeño da Secretaría do Consello Galego de Estatística.

13) A xestión dos expedientes sancionadores previstos na Lei de estatística de Galicia.

14) A canalización das peticións de información do IGE ó INE, a outros servicios estatísticos estatais ou á Oficina Estatística da Unión Europea.

15) A coordinación, supervisión e control do sistema informático do IGE.

16) O deseño, desenvolvemento, implantación e mantemento dos sistemas de información e de telecomunicacións do Instituto.

17) O deseño, desenvolvemento, implantación, mantemento e administración do banco de datos estatísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

18) O establecemento da política de difusión do Instituto, materializando os correspondentes productos de difusión e mantendo e mellorando os contidos do servidor Internet do Instituto.

19) A planificación e coordinación das actuacións do IGE relativas a censos e traballos de campo.

20) A colaboración na elaboración do Anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos proxectos dos programas estatísticos que o desenvolvan.

21) A substitución do director nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, en todo o concernente ás funcións ordinarias de despacho ou sinatura de asuntos de mero trámite.

22) Todas aquelas competencias que expresamente lle sexan encomendadas por delegación do director.

2. A Secretaría Técnica contará cos seguintes servicios, que exercerán as funcións que se indican:

2.1. Servicio de xestión orzamentaria e contabilidade.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

1) O desenvolvemento da contabilidade económico-financeira do IGE, a elaboración das contas que o IGE deba render preceptivamente, a elaboración da información contable ou orzamentaria que precise a dirección do IGE ou solicite a Consellería de Eco

nomía e Facenda así como a formación e custodia dos libros de contabilidade.

2) A preparación das posibles modificacións e adaptacións ó Plan Xeral de Contabilidade do Plan de Contabilidade do IGE.

3) A contabilización dos documentos que xeren recoñecemento de dereitos ou obrigas de pagamento.

4) Velar polo cumprimento das obrigas formais coa administración tributaria.

5) A formación, mantemento e xestión do inventario patrimonial do IGE.

6) A coordinación da elaboración do anteproxecto do orzamento do IGE.

7) O seguimento e xestión dos fondos orzamentarios e das modificacións orzamentarias.

8) A xestión da tesourería do IGE e o control dos ingresos e pagamentos de calquera natureza ou orixe que se xeren.

9) A habilitación do persoal.

10) A tramitación que leva consigo a constitución dos depósitos, avais ou fianzas que se constitúan a favor do IGE.

11) O mantemento e xestión do ficheiro de terceiros.

12) O mantemento e arquivo da documentación xerada no servicio, así como do arquivo lexislativo en materia económico-financeira e orzamentaria.

13) Calquera outra función relativa ó control económico-financeiro que lle asigne a normativa de aplicación e, en particular, o estudio e proposta de calquera medida que poida supoñer unha mellora na eficaz xestión dos recursos do IGE.

2.2. Servicio técnico-xurídico e de contratación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

1) O estudio e a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados do Instituto, a compilación e refundición da normativa propia ou de aplicación, o mantemento e xestión do arquivo da lexislación xeral e estatística do IGE así como a planificación, normalización e harmonización das normas e procedementos.

2) A preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións delegadas e traslado dos seus acordos ós órganos correspondentes, así como a preparación da remisión ó Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos do IGE para a súa publicación.

3) O estudio das propostas de resolución que deban ser adoptadas polas distintas unidades do IGE e a elaboración de informes ás reclamacións e recursos que se produzan contra actos administrativos deste.

4) A tramitación das queixas que se formulen ante o Defensor del Pueblo e Valedor do Pobo, a Axencia de Protección de Datos, así como as relacións cos xulgados e tribunais.

5) A asistencia técnica e xurídica á Secretaría Técnica e demais unidades do Instituto.

6) A coordinación das relacións que en materia estatística o IGE estableza co INE, con outros servicios estatísticos estatais e coa Oficina Estatística da Unión Europea, canalizando as peticións de información do IGE a estes organismos.

7) A xestión, planificación e control dos recursos humanos do IGE e a xestión do plan de incentivos e de formación do persoal.

8) Velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios, o mantemento das instalacións e o bo uso do material.

9) O seguimento e xestión dos asuntos de réxime interior de competencia da Secretaría Técnica e a xestión de compras do almacén.

10) A organización e mantemento do rexistro xeral do IGE, así como a organización e estructuración da documentación da Secretaría Técnica.

11) A xestión e seguimento dos expedientes de contratación do IGE, a elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e dos contratos, o desempeño da secretaría das mesas de contratación e as relacións co Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

12) A coordinación, elaboración e seguimento dos convenios que deba asina-lo IGE.

13) A coordinación e o seguimento do plan de avaliación establecido.

14) A colaboración nas actividades relacionadas coa secretaría do Consello Galego de Estatística e coas operacións estatísticas de responsabilidade da Secretaría Técnica.

15) A tramitación dos expedientes sancionadores previstos na Lei de estatística de Galicia.

2.3. Servicio de Informática Estatística.

Correspóndenlle o exercicio das seguintes funcións:

1) O deseño, desenvolvemento, implantación e mantemento das metodoloxías informáticas necesarias para a execución dos proxectos estatísticos contidos no Plan Galego de Estatística.

2) O deseño, desenvolvemento, implantación e mantemento das bases de datos e directorios estatísticos necesarios para a execución das estatísticas contidas no Plan Galego de Estatística.

3) A administración de sistemas, bases de datos e comunicacións en contorno local.

4) O establecemento e mantemento de intercambios con outros centros de información, de bases ou bancos de datos estatísticos.

5) A investigación de productos informáticos e de telecomunicacións existentes no mercado, cara a súa posible utilización na actividade do Instituto.

6) O soporte e formación dos usuarios dos sistemas de información e da ofimática instalada.

7) A definición da política de seguridade de datos e o seguimento do seu cumprimento.

8) A obtención de ficheiros ou información tabulada para atende-las peticións externas de datos.

9) A selección do material e/ou productos precisos para a adaptación da infraestructura ás novas necesidades e ós cambios tecnolóxicos.

10) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

11) A colaboración na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

12) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lle asignen.

2.4. Servicio de Difusión e Información Estatística.

Correspóndenlle o exercicio das seguintes funcións:

1) A catalogación, arquivo e custodia dos fondos bibliográficos do Instituto e o mantemento dunha biblioteca de acceso ó público.

2) A recepción, coordinación e xestión das peticións internas e externas de información.

3) A elaboración e xestión dos fondos de documentación estatística.

4) O impulso, recompilación e difusión das publicacións que permitan a divulgación das actividades estatísticas do Instituto.

5) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

6) A colaboración na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

7) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lle asignen.

2.5. Servicio de Censos, Padrón e Traballos de Campo.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

1) A promoción, estudio e análise dos censos xerais da poboación, vivendas e edificios, o control técnico do padrón municipal de habitantes así como a realización das estatísticas referentes ós fluxos que determinan a evolución da poboación no tempo e no espacio.

2) A planificación e execución das actuacións do Instituto relativas a censos, padrón de habitantes e traballos de campo.

3) A coordinación dos traballos de campo: recolla da información, establecemento dos controis de calidade, inspección e formación dos axentes entrevistadores.

4) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

5) A elaboración e promoción de estudios e análises con base na información estatística.

6) A colaboración na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

7) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lle asignen.

8) A análise e informe das peticións internas ou externas de datos relativos ás estatísticas da súa competencia.

9) A participación na formación de directorios ou marcos de mostraxe da súa competencia.

Artigo 5º

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística correspóndenlle, ademais das tarefas directamente encargadas polo director para o eficaz funcionamento e coordinación da actividade do IGE, as seguintes funcións:

1) A asistencia técnica ó director en cantos asuntos lle encomende, en especial ós de natureza estatística.

2) A programación, impulso, dirección, coordinación e control das actividades da subdirección, de acordo coas directrices do director.

3) A dirección e coordinación dos recursos humanos e materiais asignados á subdirección.

4) A coordinación das relacións que, en materia de estatística, o IGE estableza cos distintos organismos da Xunta e demais institucións públicas de Galicia e cos órganos estatísticos da Comunidade Autónoma.

5) A coordinación da elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos proxectos dos programas estatísticos que o desenvolvan.

6) O seguimento da execución do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

7) A homologación das actividades estatísticas e dos seus resultados dos organismos e entidades da Xunta de Galicia.

8) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

9) A proposta de realización de estudios, análises ou operacións estatísticas que permitan cubri-las necesidades de información que se detecten.

10) A sistematización e implementación de procesos de mellora e de calidade da producción estatística.

11) O inventario e catalogación das fontes de información externa de orixe estatística ou daquelas de orixe administrativa que sexan susceptibles de utilización estatística.

12) A canalización das peticións de información do IGE ós distintos organismos da Xunta e demais institucións públicas de Galicia e órganos estatísticos da Comunidade Autónoma.

13) Todas aquelas competencias que expresamente lle sexan encomendadas por delegación do director.

2. A subdirección xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística contará cos seguintes servicios, que exercerán as funcións que se indican:

2.1. Unidades estatísticas.

2.1.1. Dependerán da Subdirección Xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística as unidades estatísticas que, con nivel orgánico de xefe de servicio, se establezan na correspondente relación de postos de traballo.

2.1.2. As unidades estatísticas son as encargadas do deseño, elaboración e mantemento de sistemas integrados de estatísticas e indicadores económicos, socio demográficos e de contas económicas, tanto de carácter conxuntural como estructural, responsabilidade do IGE.

2.1.3. Correspóndenlles o exercicio das seguintes funcións:

1) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

2) A elaboración e promoción de estudios e análises baseados na información estatística.

3) O deseño, implementación, elaboración e mantemento de ficheiros-directorios.

4) A colaboración na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

5) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lles asignen.

6) A análise e informe das peticións internas e externas de datos relativos ás estatísticas da súa competencia.

7) A participación na formación de marcos de mostraxe da súa competencia.

2.2. Unidades de asistencia técnica.

2.2.1. Dependerán da Subdirección Xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística as unidades de asistencia técnica que, con nivel orgánico de xefe de servicio, se establezan na correspondente relación de postos de traballo, dependendo funcional e organicamente do IGE.

2.2.2. As unidades de asistencia técnica son as encargadas de promove-lo desenvolvemento da actividade estatística e aproveitamento das potencialidades estatísticas das consellerías, organismos e entes públicos dependentes da Xunta de Galicia.

2.2.3. Correspóndelles o exercicio das seguintes funcións:

1) A colaboración na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais.

2) O seguimento da execución do Plan Galego de Estatística e dos seus programas anuais no ámbito das consellerías, organismos ou entes públicos que teñan asignados.

3) A elaboración dos informes técnicos de homologación das actividades estatísticas e dos seus resultados das consellerías, organismos ou entes públicos que teñan asignados.

4) A análise das necesidades estatísticas das consellerías, organismos ou entes públicos que teñan asignados.

5) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

6) A elaboración e promoción de estudios e análises en base á información estatística.

7) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lles asignen.

8) A análise e informe das peticións internas e externas de datos relativos ás estatísticas da súa competencia.

9) A participación na formación de directorios ou marcos de mostraxe da súa competencia.

2.3. Servicio de Coordinación das Unidades de Asistencia Técnica.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

1) A coordinación das relacións que, en materia de estatística, o IGE estableza cos organismos da Xunta de Galicia e demais institucións públicas de Galicia e cos órganos estatísticos da Comunidade Autónoma.

2) A coordinación da elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos proxectos dos programas estatísticos anuais que o desenvolvan.

3) A coordinación do seguimento da execución do Plan Galego de Estatística e dos seus programas estatísticos anuais.

4) A coordinación e asesoramento técnico das unidades de asistencia técnica.

5) A elaboración dos informes técnicos de homologación das actividades estatísticas e dos seus resultados dos organismos e entidades da Xunta de Galicia que se lle asignen.

6) A análise das necesidades estatísticas das consellerías, organismos e entes públicos da Xunta de Galicia.

7) A elaboración das estatísticas ou fases delas que lle encomende o Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

8) A elaboración e promoción de estudios e análises baseados na información estatística.

9) O inventario e catalogación das fontes de información externa de orixe estatística ou daquelas de orixe administrativa que sexan susceptibles de utilización estatística.

10) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e demais documentación precisa para a contratación das estatísticas que se lle asignen.

11) A análise e informe das peticións internas e externas de datos relativos ás estatísticas da súa competencia.

12) A participación na formación de directorios ou marcos de mostraxe da súa competencia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a seguintes disposicións:

a) O Decreto 391/1994, do 14 de outubro, polo que se regula a estructura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.

b) O artigo 6 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro; o artigo 5.4º do Decreto 99/1998, do 26 de marzo; e o artigo 4.2.2.3 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, nos que se establecen as estructuras orgánicas das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, de Industria e Comercio e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no que se refire ós Servicios de Estatísticas adscritos organicamente ás secretarías xerais de cada unha destas consellerías.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda