Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 03 de agosto de 2000 Páx. 11.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do consello, do 20 de decembro polo que se establece un réxime comunitario da pesca e da acuicultura (DOCE do 31 de decembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación á pesca (DOCE do 26), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a consegui-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Con tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la concesión de axudas a titulares de investimentos materiais des

tinados ó desenvolvemento da acuicultura mariña en Galicia.

Para os efectos da presente orde entenderase por acuicultura a cría ou cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar, por riba das capacidades naturais do medio, a producción dos organismos en cuestión; sendo estes, ó longo de toda a fase de cría ou de cultivo e ata o momento da súa recolleita, propiedade dunha persoa física ou xurídica.

Artigo 2º.-Fins.

Poderán acollerse a estas axudas as actuacións que teñan por finalidade a execución de investimentos materiais no ámbito da acuicultura mariña destinados a:

a) A producción e a xestión (construcción, ampliación, equipo e modernización de instalacións), referidas a proxectos realizados por empresas de titularidade física ou xurídica e entidades asociativas pesqueiras, marisqueiras ou de acuicultura.

b) Mellora-las condicións hixiénicas e/ou de sanidade humana ou animal.

c) Mellora-la calidade dos productos.

d) Reduci-la contaminación do ambiente.

e) Aumenta-la producción, en función da demanda do mercado.

f) Obras de acondicionamento ou mellora da circulación hidráulica dentro das empresas acuícolas.

g) Os buques de servicios.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 13, así como nas disposicións concordantes, do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, así como na normativa básica do Estado.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e criterios de intervención estipuladas no punto 2.2 Acuicultura do anexo III do citado Regulamento (CE) nº 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual Programa operativo IFOP (2000-2006), sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o exercicio do ano 2000, as axudas outorgaranse por un importe global máximo de mil trescentos trinta e cinco millóns trescentas seis mil pesetas (1.335.306.000), con cargo á aplicación 12.02.721B.771.1, «Axudas á acuicultura e ós cultivos mariños», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños con finalidade productiva, instalados na Comunidade Autónoma de Galicia, que estean en posesión da preceptiva habilitación administrativa.

2. Para os efectos da presente orde, entenderase que son establecementos de cultivos mariños os definidos no artigo 8 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como os bancos naturais nos que se apliquen técnicas de cultivo ou semicultivo, nas condicions definidas no parágrafo 2 do artigo 1º da presente orde.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, así como ó cumprimento dos requisitos estipulados na súa normativa de aplicación.

2. Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, así como ós órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

3. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Ós beneficiarios e, se é o caso, ós administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi redactado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. A porcentaxe máxima das axudas, sumadas as participacións nacionais e comunitarias, non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

3. A contía das axudas outorgadas polas distintas administracións públicas nacionais non será inferior ó 5% do investimento subvencionable.

4. En calquera caso, a participación do beneficiario non será inferior ó 50% do investimento subvencionable.

5. Manterase a axuda pero minorarase, na fase de pagamento, se o investimento material realizado é, por causa xustificada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

6. A axuda non se modificará aínda que os investimentos efectivamente realizados sexan superiores ou dun custo maior ós tomados en consideración para a concesión de aquela.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Terán preferencia para a concesión destas axudas os proxectos de investimentos destinados a:

a) Creación de emprego.

b) Emprego de novas tecnoloxías.

c) Producción de xuvenís.

d) Implantación e desenvolvemento de cultivos ou semicultivos na zona marítimo-terrestre.

Artigo 10º.-Investimentos subvencionables.

1. Para ter acceso a estas axudas os investimentos deberán cumpri-lo seguinte:

a) Contribuír ó efecto económico duradeiro da mellora estructural buscada.

b) Ofrecer unha garantía suficiente de viabilidade técnica e económica.

c) Evitar efectos prexudiciais, en particular, ou perigo de creación de capacidades de producción excedentarias.

d) Dispor das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licencias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en producción.

2. Poderán outorgarse axudas para os seguintes investimentos:

a) O acondicionamento e urbanización de terreos, así como a construcción ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate.

b) A adquisición de maquinaria, instalacións e elementos auxiliares para a explotación.

c) A adquisición de equipos informáticos de apoio, instalacións telemáticas e sistemas de televisión en circuíto pechado, sempre que sexan necesarios para o funcionamento da explotación.

d) A adquisición de elementos de transporte interior.

e) A adquisición de elementos especiais de transporte exterior, cando a adecuación ó uso a que se destinan esixa unha fabricación ou carrozado singulares.

f) En proxectos de piscicultura intensiva, os custos derivados da recolleita de información sobre o impacto ambiental e os posibles custos da avaliación.

Artigo 11º.-Investimentos non subvencionables.

En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) A transferencia dunha empresa.

b) A adquisición de terreos ou bens inmobles.

c) Os vehículos destinados ó transporte de persoas.

d) A construcción ou acondicionamento de locais, equipamentos, maquinaria, instalacións ou elementos auxiliares non necesarios para os fins productivos.

e) A adquisición de mobiliario e equipos de oficina.

f) A adquisición de material de ocasión, reparacións e alugueres.

g) A adquisición de ovos, larvas, xuvenís ou reproductores, agás en proxectos de construcción e ampliación de instalacións ou de implantación e desenvolvemento de cultivos ou semicultivos na zona marítimo-terrestre; en tal caso limitarase, como máximo, ó 5% del custo total dos demais investimentos subvencionables.

h) Os gastos de mantemento e conservación dos bens e equipos.

i) A cobertura de gastos xerais.

j) Os gastos de constitución, xestión, explotación e administrativos.

k) Os gastos do IVE, agás nos casos en que se presente certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable deste.

l) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento do que o seu financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 12º.-Certificacións de non inicio.

1. Será condición indispensable para a concesión das axudas que, con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes dos investimentos, fose presentada a solicitude de axuda de acordo co establecido na presente orde, e que por parte dos servicios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura se expedise ou validase certificación que acredite o non inicio dos investimentos destes.

2. Se fose necesario realiza-las obras antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes, poderase facer un acta, inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, que producirá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte, e se esta solicitude non fose seleccionada exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderá producir efectos tamén nas convocatorias sucesivas.

3. Para acollerse ó sinalado no punto 2 do presente artigo, o interesado deberá xuntar á súa solicitude un informe detallado sobre os motivos que o obrigan a realiza-lo investimento antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Estes motivos deberán fundarse en:

a) Causas de forza maior.

b) Prexuízos económicos, financeiros, técnicos ou biolóxicos que puidera ocasiona-la espera ata a apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13º.-Solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde, e presentarase, orixinal e tres copias, no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou no de calquera das súas delegacións territoriais e comarcais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro de 1999.

2. Será requisito imprescindible que o solicitante reúna as condicións sinaladas no artigo 5º da presente orde en data anterior á apertura do prazo de presentación de solicitudes.

3. Se o titular solicitante é unha persoa xurídica a solicitude virá formulada polo seu representante acreditado; se se trata dunha pluralidade de persoas, por todas elas, con designación dun representante.

Artigo 14º.-Documentación.

1. Coa solicitude deberá presentarse, en orixinal e tres copias, a seguinte documentación:

a) A información requirida no anexo II da presente orde.

b) Acreditación da personalidade:

b.1) Persoas xurídicas:

-Certificación rexistral na que conste a súa constitución e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

-Tarxeta de identificación fiscal.

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do representante.

b.2) Persoas físicas:

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

-Copia cotexada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (Modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a tódolos titulares, se é o caso.

b.3) Confrarías de pescadores:

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do asinante da solicitude.

-Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo se concede autorización para formaliza-la solicitude ó seu asinante.

-Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Declaración relativa ó número de postos de traballo existentes antes do investimento e dos que se prevexan crear despois do seu remate, con indicación, en ámbolos casos, dos que corresponden a traballadores fixos e temporais.

d) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licencias, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en producción.

e) Declaración sobre calquera tipo de axuda solicitada, concedida ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto do investimento para o que se solicita a axuda.

f) En proxectos de viveiros en zona marítima, acreditación da dispoñibilidade do seguro indicado no artigo 65 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

g) En proxectos de piscicultura intensiva:

-A información establecida no anexo IV da Directiva 85/337/CEE, do consello, do 27 de xuño de 1985.

-Declaración ambiental, se o proxecto debe someterse a unha avaliación, de conformidade cos artigos 5 ó 10 da dita directiva, ou determinación do órgano ambiental na que se sinale que o proxecto non debe ser obxecto de avaliación.

2. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura acreditará, de oficio, o cumprimento do prevido no artigo 13º.2. Así mesmo, cando o titular-solicitante sexa unha confraría de pescadores, acreditará a súa inscrición no Rexistro de Confrarías de Pescadores de Galicia.

Artigo 15º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será, durante o ano 2000, dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. En anos sucesivos o prazo de presentación será segundo o seguinte calendario:

Ano de resolución Prazo de presentación

2001Decembro do ano 2000

2002Decembro do ano 2001

2003Decembro do ano 2002

2004Decembro do ano 2003

2005Decembro do ano 2004

2006Decembro do ano 2005

Artigo 16º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Recursos Mariños coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta.

Artigo 17º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que se debe notifica-la resolución será de seis (6) meses, desde a data de entrada da solicitude.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 19º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 20º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación, para remitirlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura escrito de aceptación desta e das condicións particulares que nela se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 21º.-Modificacións do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 22º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e do pagamento dos conceptos correspondentes a eles, deberá realizarse antes do 1 de novembro do ano correspondente ó exercicio económico do que se trate.

Excepcionalmente, poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Recursos Mariños, para que as obras rematen dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían facelo; para a concesión desta prórroga, que deberá solicitarse dentro do prazo inicial de remate, será imprescindible que o solicitante garanta o bo remate do investimento mediante aval, polo importe total da axuda pendente de percibir, que será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 23º.-Fin do expediente.

Poñerán fin ó expediente os supostos seguintes:

a) A resolución expresa ou presunta.

b) O desestimento ou renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade, nos termos previdos no artigo 92 da Lei 30/1992 , do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

d) O incumprimento dos prazos para a realización dos investimentos.

Artigo 24º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda realizarase unha vez rematados e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate.

Se o importe do investimento realizado fose inferior ó que foi obxecto da concesión da axuda inicialmente prevista, esta reducirase proporcionalmente, sempre e cando o investimento xustificado se axuste ó proxecto inicial.

A concesión e o pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionada á aprobación do seu proxecto remitido para este efecto á Comisión Europea.

Artigo 25º.-Xustificación dos investimentos.

1. Para percibi-lo importe da axuda dos investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate, o beneficiario deberá presentar por cuadruplicado exemplar, antes do 1 de novembro do ano correspondente, nos lugares e formas sinaladas no artigo 13º desta orde, a seguinte documentación:

a) Resumo da documentación presentada para a tramitación do pagamento, de acordo co anexo III.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalación, equipos, elementos de transporte, elementos auxiliares necesarios para a explotación, e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor a través do cal se realizou.

c) Cando o investimento consista na construcción de edificios e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto, visada polo colexio profesional competente, na que se fará consta-lo valor das obras realizadas durante o período de que se trate e facturas acreditativas do seu pagamento.

d) En tódolos casos, para a acreditación dos pagamentos xuntaranse os extractos das contas, ordes de transferencia, talóns ou certificacións bancarias que xustifiquen a súa efectiva realización. Igualmente, poderán xustificarse mediante informe de auditoría de contas.

e) Declaración responsable, con achega documental, se é o caso, doutras axudas concedidas ou solicitadas para financiamento dos investimentos.

f) Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos de entidade, sucursal e control.

g) Certificacións que acrediten que o benficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os servicios correspondentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, emitirán certificado sobre o grao de finalización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ó proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como ós xustificantes de gasto.

Artigo 26º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así coma naqueles servicios prestados por estes, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Disposicións transitorias

Primeira.-As axudas establecidas na presente orde seranlles aplicables ós gastos efectivamente pagados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Segunda.-As solicitudes de axuda para os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2000 e a data de entrada en vigor da presente orde, presentaranse no prazo sinalado no artigo 15º.1 e xustificarán, de modo que faga fe, que os investimentos non se realizaron antes do 1 de xaneiro de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2000.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura