Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 02 de agosto de 2000 Páx. 11.549

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 99/14-4).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

Enderezo social: avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. Pedrozón.

Situación: As Neves.

Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20 kV, de 564 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde o apoio 136 da L.M.T. Arbo-As Neves ata ó C.T.que se proxecta en Pedrozón, concello das Neves. C.T. de 100 kVA, relación de transformación 20 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 780 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presentan alegacións os propietarios dos predios 16, 17 e 27.

Os propietarios do n. 16 manifestan que o seu predio se atopa entre as prohibicións que establece o artigo 25 do Decreto 2619/1966 e solicitan que se varíe a traza da liña, levándoa pola zona traseira do seu terreo onde existen predios de baldío e por onde non se causaría tanto prexuízo.

Enviouse copia do escrito á empresa eléctrica e esta contesta que o trazado é o menos prexudicial para o conxunto da zona, que non existe no trazado ningunha prohibición das que marca o artigo 25 do Decreto 2619/1966, que a traza alternativa non se puido estudiar por non presentar bosquexo da modificación. Deuse traslado do escrito ó propietario e

este contesta que a traza da liña se realizou buscando como único beneficio o da compañía eléctrica, que non é o propietario agraviado o que ten que presenta-lo proxecto co novo trazado, insistindo en que se leve a cabo a vía alternativa proposta. Envíase copia do escrito á empresa eléctrica e esta contesta que o trazado elixido é o menos prexudicial para o conxunto da zona, que en visita de inspección realizada o 22-9-1999 co propietario do predio se comprobou que non existen as prohibicións que establece o artigo 25 do Decreto 2619/1966, e que a traza alternativa que propoñen é inviable, xa que no artigo 34 de o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión prohibe a instalación de apoios de liñas en zonas de influencia de estradas da rede veciñal, a distancias inferiores a 15 m e aínda cumprindo o anterior, a menos de 8 m da aresta exterior da explanación a unha distancia do borde de plataforma, inferior a vez e media a altura do apoio. Trasladado o escrito ós propietarios estes

contestan ratificándose nos seus anteriores escritos e fai o mesmo a empresa eléctrica cando se lle traslada copia dos escritos dos propietarios.

O propietario do n. 17, manifesta a súa negativa ó paso da liña porque ten previsto edificar no seu predio. Trasladado o escrito á empresa eléctrica, esta manifesta que o trazado é o menos prexudicial para o conxunto da zona e que a servidume de paso dunha liña non lle impide ó dono del cercalo, plantar ou edificar nel deixando a salvo a dita servidume. Enviada copia do escrito ó propietario, esta ratifícase no seu escrito anterior, engadindo que hai montes pola zona polos que pode pasa-la liña. Envíase copia á empresa e esta volve a ratificarse nos seus anteriores escritos e fai o mesmo o propietario, unha vez recibida a copia do escrito da empresa eléctrica.

O propietario do n. 27 manifiesta a súa desconformidade coa situación do apoio que pretenden colocar no seu predio, xa que dificulta a entrada a el, polo que presenta bosquexo coa variación. Enviouse copia do escrito á empresa eléctrica e esta manifesta que se comprobou sobre o terreo que o apoio vai colocado ó lado dun poste de iluminación pública xa existente, polo que non prexudica a entrada, que a servidume de paso da liña non impide ó dono cercalo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume, e que para realizar un cambio de trazado o propietario do terreo ten que comprometerse a acreditar previamente a confromidade dos novos propietarios afectados. Enviouse copia do escrito ó propietario se que este presentase novas alegacións no prazo establecido para iso.

Considerando que en principio a traza da liña se realizou tratando de evita-la zona de vivendas e aínda que o reclamante indica a posible aplicación do artigo 25 do Decreto 2619/1966, Unión Fenosa nega o feito.

Considerando que tanto o propietario do 16 como o do 17 propoñen que se leve a traza por terreos baldíos pero que loxicamente teñen os seus propietarios e non se xustificou a conformidade destes,

e que respecto á alegación do 27 a colocación do poste non afecta á entrada no predio.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características axustaranse en tódalas súas partes ás que figuran nel e as condicións técnicas e de seguridade establecidas no regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Esta autorización queda condicionada a que se respecte o artigo 25 do Decreto 2619/1966, se no momento de emitirse esta resolución se cumprisen as condicións necesarias.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquer outro que estime pertinente no seu dereito.

Pontevedra, 9 de xuño de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial da Consellería de

Industria e Comercio