Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 02 de agosto de 2000 Páx. 11.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de xullo de 2000 pola que se convocan prazas de colaboradores para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma galega, no seu artigo 27.23º, a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís que, ademais do aloxamento e manutención, lles ofrecen ós mozos estudiantes residentes unha serie de servicios e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos e, ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar esta oferta de prazas de colaboradores nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 2000/2001.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

ResidenciaPrazasHome/muller

Eijo Garay (Lugo)5Home

Irmáns Pedrosa (Lugo)5Muller

F.L. Cuevillas (Ourense)5Home/muller

Altamar (Vigo)5Home/muller

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3º.-Solicitude.

1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar

unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Fotocopia compulsada de tódalas follas que constitúen a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1999. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, achegarase fotocopia compulsada das follas de ambas.

No suposto de que a unidade familiar non estivese suxeita á obriga de declarar, presentarase declaración xurada sobre ese extremo, indicando a renda anual da unidade familiar no ano 1999, así como certificado de non ter presentada a declaración da renda correspondente a ese exercicio económico, expedido pola Axencia Tributaria.

-Certificado médico no que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4º.1 para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.

3. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.

1. Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais o xefe da sección de xuventude, un funcionario designado polo delegado/a provincial, que actuará de secretario, e o/s director/es das residencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión

examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios preferentes:

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, á data do remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

-Ter sido colaborador nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación co comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador na residencia respectiva.

-Expediente académico.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación sociocultural e actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

A comisión cualificadora poderá cita-los solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.

2. A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo máximo de vinte días, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Dictada resolución polo delegado provincial, o Servicio de Xuventude respectivo procederá a lles comunicar ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.

4. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 4 meses desde o día seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

6. Os seleccionados están obrigados:

-A presentar fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente ós estudios que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 2000. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de

matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo, non obstante, presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

-A incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 5º

A concesión da praza como colaborador comporta a exención do pagamento dos servicios residenciais durante o período de funcionamento destes, incluído o curso académico e o período vacacional, o que abarca desde o 1 de outubro de 2000 ó 30 de setembro de 2001, así como o recoñecemento da súa condición de colaborador ante o resto dos residentes.

Artigo 6º

A condición de colaborador obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lles poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio colaborador.

Artigo 7º

A condición de colaborador extínguese ó remata-lo período fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do colaborador das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada, serán causas da perda da condición de colaborador para tódolos efectos, por resolución do delegado provincial, logo de informe do director da residencia.

Artigo 8º

A condición de colaborador non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude