Con data do 21 de xuño de 1997, asinouse un convenio marco de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que tiña como obxectivo que as dúas administracións asumisen o firme compromiso de mellora-la calidade na prestación dos servicios públicos, mediante a adopción de medidas que articulen un modelo de funcionamento administrativo caracterizado polos principios de economía e eficacia, e orientado definitivamente ó cidadán como suxeito activo e protagonista principal na actividade das administracións públicas.
Entre as medidas tendentes a logra-lo mencionado modelo de funcionamento administrativo, destaca a de implantar un sistema intercomunicado de rexistros públicos que permitan unha mellor atención ó cidadán baseada na economía de medios, a eficacia e axilidade administrativas, eliminando parte da complexa burocracia administrativa sen, por iso, quebranta-la seguridade xurídica que debe primar nos actos emanados da Administración.
O mencionado convenio marco establecía, na súa cláusula décimo segunda, que as entidades locais interesadas na adhesión a el poderían solicitarllo á Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia sempre que, xunto coas súas solicitudes, cumprisen cos requisitos que a dita cláusula determinaba.
Solicitada a adhesión por determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, procede, agora, cumpri-lo disposto na mencionada cláusula mediante a publicación da aceptación no Diario Oficial de Galicia, unha vez que esta xa lles foi notificada ós concellos solicitantes pola Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Artigo único.-Acéptase a adhesión ó convenio marco asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros, solicitada polos concellos de Val do Dubra, Pantón, Mancomunidade dos concellos da Limia, Frades, Taboadela, Silleda, Arteixo, A Pontenova, Cambados, A Baña, Forcarei e A Laracha, mediante a sinatura dos correspondentes protocolos.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2000.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública