Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 21 de xullo de 2000 Páx. 11.153

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias.

1

Ó abeiro do artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe á nosa Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de cámaras agrarias, dictouse a Lei 4/1984, do 4 de maio.

Con posterioridade á lei galega aprobouse a Lei 23/1986, do 24 de decembro, de bases do réxime xurídico das cámaras agrarias, aducindo o Estado como título habilitante o artigo 149.1.18 da Constitución. Esta lei foi obxecto de recurso de inconstitucionalidade, que se resolveu mediante a Sentencia do Tribunal Constitucional 132/1989, do 18 de xullo. Con motivo desta sentencia foi aprobada a Lei 23/1991, do 15 de outubro, que modificou a anteriormente citada Lei 23/1986, do 24 de decembro.

Para acomoda-la Lei 4/1984, do 4 de maio, á nova situación xurídica orixinada polos textos normativos que estipulaban as bases estatais aplicadas ás cámaras agrarias, o Parlamento galego aprobou a Lei 2/1994, do 18 de xullo.

Posteriormente volveu modificarse a Lei de bases 23/1986, pola Lei 37/1994, do 27 de decembro, no tema tocante ás convocatorias electorais, afectada á súa vez pola promulgación da Lei estatal 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias, ó derroga-lo Estatuto da explotación familiar agraria, no que se regulaba, entre outras, a figura do colaborador da explotación, que aparecía na lei básica de cámaras agrarias como un dos electores dos membros delas.

A efectividade do traspaso de funcións, servicios e medios, operado polo Real decreto 2164/1994, do 4 de novembro, así como a extinción das cámaras agrarias locais, posibilitada pola disposición derradeira terceira da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, fixeron necesaria a articulación da normativa imprescindible para acomete-la realización das eleccións a cámaras agrarias en Galicia. Nese sentido dictouse a Lei 8/1996, do 17 de outubro, reguladora das eleccións a cámaras agrarias, desenvolvida parcialmente polo Decreto 23/1997, do 30 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico das xuntas electorais intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias, determinando a propia Lei 8/1996 que as xuntas electorais se constituirían no prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor.

Procédese con esta lei a condensar toda a normativa nun texto, aclarando algúns aspectos do proceso electoral e, sobre todo, atribuíndolles ás cámaras agrarias un papel que non colisione en absoluto

coa actividade das organizacións profesionais, limitando a súa función fundamentalmente a ser, por unha parte, órganos de participación, colaboración e diálogo coa administración na elaboración da política para o sector e, por outra, instrumentos para avalia-la capacidade e a representatividade das distintas organizacións.

2

O capítulo I especifica o obxecto desta lei e indica a idoneidade de establecer un réxime integral que compendie a materia substantiva de ordenación das cámaras agrarias galegas, xunto con todo o concernente ó sistema electoral que lles é aplicable.

Pola súa banda, os capítulos do II ó IV sistematizan dun xeito ordenado e completo a diferente normativa dispersa ó longo de dúas leis autonómicas e de tres leis estatais de contido básico, anteriormente citadas. Desta maneira, os destinatarios da lei e os que teñan que aplicala verán facilitado o seu traballo, ó non ter que recorrer a sucesivas e reiteradas remisións normativas.

Nos capítulos do V ó XI, que tratan do réxime electoral, adaptáronse as disposicións básicas do réxime electoral xeral ó proceso electoral das cámaras agrarias, tendo en conta particularidades tan importantes deste proceso como son a articulación do voto das persoas xurídicas, a emisión do voto por correspondencia e a elaboración dos censos electorais, introducindo, como novidade importante, entre os electores ós plenos das cámaras agrarias os integrantes da compañía familiar galega e os mellorados por pacto ou contrato sucesorio, figuras propias do dereito civil de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta lei establece o réxime xurídico aplicable ás cámaras agrarias de Galicia e ás súas funcións, así como o procedemento previsto para a elección dos membros e o proceso de constitución dos seus órganos de goberno.

2. As cámaras agrarias de Galicia rexeranse por esta lei, polas disposicións que a desenvolvan, polos seus propios regulamentos de réxime interno, pola lexislación básica do Estado en materia de cámaras agrarias e pola demais normativa que lles sexa aplicable.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

1. As cámaras agrarias son corporacións de dereito público dotadas de personalidade xurídica propia

e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que se rexen na súa estructura e funcionamento por principios democráticos. Gozan de autonomía para a xestión dos seus intereses e dos recursos que lles son propios e exercen as funcións e os servicios que determina esta lei.

2. As cámaras agrarias, para os efectos da súa constitución e organización, así como para os daqueles actos e disposicións dictados no exercicio das súas funcións públicas, están sometidas ó dereito administrativo, sendo susceptibles de recurso na forma que estableza a lexislación de procedemento administrativo. As cuestións de natureza xurídica distintas rexeranse polas normas que lles sexan aplicables con sometemento ó órgano xurisdiccional correspondente.

3. As cámaras agrarias relaciónanse organicamente coa Administración da Comunidade Autónoma a través da consellería competente en materia de agricultura, que exerce a tutela sobre elas de conformidade co disposto nesta lei.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

En cada unha das catro provincias da Comunidade Autónoma galega existirá unha única cámara agraria con este mesmo ámbito territorial. O domicilio de cada cámara será establecido pola administración, oída a cámara correspondente.

Artigo 4º.-Regulamentos de réxime interno.

1. Os regulamentos de réxime interno das cámaras deberán axustarse ó previsto nesta lei e nas normas que a desenvolvan, e serán aprobados polo pleno da cámara, por maioría absoluta, dentro dos catro meses seguintes á súa constitución, e enviados á consellería competente en materia de agricultura, que poderá comunicarlle á cámara agraria respectiva a necesidade de adecuar á normativa vixente os preceptos deles que vulneren expresamente algunha disposición legal. Transcorridos tres meses desde o envío á consellería pola cámara agraria sen contestación ningunha, entenderase que o regulamento cumpre os requisitos para ser aplicado.

As modificacións dos regulamentos de réxime interno seguirán o mesmo trámite.

2. Os regulamentos de réxime interno das cámaras deberán, polo menos, conte-los seguintes extremos:

a) Domicilio da cámara.

b) Órganos de goberno, e o seu funcionamento, a forma de designación e remoción dos seus cargos, as facultades que exercen e o procedemento para a deliberación e toma de decisións, así como o seu réxime de convocatoria e o modo de provisión de vacantes por ausencia, enfermidade, incapacidade ou falecemento.

c) O réxime económico e patrimonial, con expresa constancia da forma de obtención e da administración dos seus recursos propios e xestión do seu patrimonio.

d) Os mecanismos que permitan a presentación de propostas e mocións e a esixencia de responsabilidade.

e) Os dereitos e deberes dos seus membros, así como o réxime de incompatibilidades dos membros dos órganos de goberno.

f) O procedemento para a realización e presentación dos orzamentos anuais, a aprobación de contas e a presentación da memoria de actividades.

Capítulo II

Funcións das cámaras agrarias

Artigo 5º.-Funcións.

1. Son funcións propias das cámaras agrarias de Galicia:

a) Actuar, a nivel provincial, como órganos consultivos das administracións públicas en materia agraria, emitindo informes ou estudios por requirimento delas.

b) Participar nos organismos públicos ou órganos colexiados das administracións públicas nos que na súa composición así se prevexa.

c) Administra-los seus recursos propios e o seu patrimonio.

d) Aquelas funcións que nelas poida delega-la Administración autonómica, nos termos nos que a delegación se produza.

2. O exercicio das súas funcións en ningún caso poderá asumi-las que son propias e lles corresponden ás organizacións profesionais libremente constituídas.

3. As cámaras agrarias non poden realizar actividade mercantil ou comercial ningunha.

4. As competencias das cámaras agrarias non limitarán a liberdade sindical nin de asociación empresarial.

Capítulo III

Órganos de goberno e administración

Artigo 6º.-Órganos de goberno.

1. Son órganos de goberno e de administración das cámaras agrarias o presidente, o vicepresidente, o pleno e a comisión executiva.

2. A sesión na que deben ser elixidos o presidente, o vicepresidente e os vocais da comisión executiva será asistida polo secretario saínte, para efectos de estender acta, e será presidida por unha mesa de idade que se constituirá ó inicio dela.

Artigo 7º.-O pleno.

1. O pleno é o órgano soberano da cámara, elixido por un período de catro anos.

2. O pleno estará constituído por vintecinco membros, elixidos por sufraxio libre, igual, directo e

secreto, atendendo criterios de representación proporcional e de conformidade co procedemento electoral previsto nesta lei.

Para a válida constitución do pleno será necesaria a presencia en primeira convocatoria de, polo menos, a metade dos seus membros. En segunda convocatoria bastará coa asistencia dunha terceira parte. En calquera caso, será necesaria a presencia do presidente ou do vicepresidente cando aquel non poida exerce-las súas funcións.

Haberá alomenos unha sesión ordinaria por semestre, e poderán ter lugar sesións extraordinarias sempre que o solicite o presidente, a comisión executiva ou polo menos a terceira parte dos membros do pleno. A convocatoria dos plenos será por escrito e cun mínimo de dez días de antelación.

3. En xeral, correspóndelle ó pleno:

a) Aproba-los orzamentos, a memoria de actividades e liquidación orzamentaria e o balance do exercicio anterior.

b) Determina-los recursos propios da corporación.

c) Elaborar e aproba-los regulamentos de réxime interno da cámara e as súas modificacións no marco da normativa aplicable.

d) Elaborar e aproba-los cadros do persoal propio e as súas bases de contratación, así como sanciona-las faltas graves ou moi graves del.

e) Elixi-lo presidente, o vicepresidente e os membros da comisión executiva e controlar e fiscaliza-la súa actuación, sen prexuízo do labor de control que exerza a consellería competente en materia de agricultura.

f) Dispoñe-lo cesamento do presidente por acordo da maioría absoluta dos membros do pleno, mediante o nomeamento doutro presidente ou a aceptación da súa renuncia.

g) Elixir, entre os seus membros, os vocais dos xurados provinciais de expropiación, xuntas arbitrais de arrendamentos rústicos, xuntas locais de concentración parcelaria ou outros órganos de natureza análoga nos que deban actuar en representación das cámaras agrarias.

h) Exerce-las demais funcións que estatutariamente se determinen.

4. O pleno adoptará os seus acordos por maioría de votos dos membros presentes, excepto cando os seus regulamentos de réxime interno ou as disposicións vixentes esixan outras maiorías.

Artigo 8º.-O presidente.

1. Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos dos membros de pleno dereito da respectiva cámara, na primeira votación; se ningún candidato lograse a maioría absoluta, proclamarase presidente o cabeza da lista máis votada nas eleccións.

2. O presidente será asistido por un vicepresidente, elixido polo pleno da cámara entre os seus membros, que o substituirá nos casos de ausencia, enfermidade, vacante ou impedimento de calquera orde.

3. En xeral, correspóndelle ó presidente:

a) Representar legalmente a cámara e dirixi-lo seu goberno e administración.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións do pleno e da comisión executiva e dirixi-las súas deliberacións, decidindo nos empates con voto de calidade.

c) Dirixir e inspecciona-los servicios, ordena-los pagamentos e rende-las contas.

d) Executa-los acordos adoptados polos demais órganos de goberno.

e) Sanciona-las faltas leves do persoal propio das cámaras.

f) Exerce-las demais funcións que se establezan estatutariamente.

Artigo 9º.-A comisión executiva.

1. A comisión executiva é o órgano encargado da execución dos acordos do pleno e da xestión ordinaria da cámara. Estará constituída polo presidente da cámara e un máximo de seis vocais, elixidos entre os membros do pleno, dos que dous deles pasarán a asumi-la condición de vicepresidente e secretario, respectivamente. A elección dos vocais, e de entre eles o vicepresidente e o secretario, realizarase seguindo o procedemento fixado nos regulamentos de réxime interno.

A comisión executiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa presencia de, alomenos, a metade dos seus membros. En segunda convocatoria bastará coa asistencia dunha terceira parte. En calquera caso, será necesaria a presencia do presidente ou do vicepresidente cando aquel non poida exerce-las súas funcións.

2. En xeral, correspóndelle á comisión executiva:

a) Exerce-las funcións de trámite e de xestión ordinaria.

b) Someter á aprobación do pleno o proxecto de orzamento do exercicio seguinte, a liquidación do exercicio anterior, o balance e a memoria de actividades.

c) Exercer, así mesmo, as funcións que lle delegue o pleno de entre as que tivese por previsión regulamentaria distintas das previstas no parágrafo 3 do artigo 7, ademais das propias que lle encomenden os respectivos regulamentos de réxime interno camerais.

Artigo 10º.-Duración do mandato.

O período de mandato do presidente, do vicepresidente e dos vocais da comisión executiva coincidirá

co dos membros do pleno, e continuarán en todo caso nas súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros procedentes do último proceso electoral.

Artigo 11º.-Órganos de administración.

1. O secretario da comisión executiva serao tamén dos restantes órganos de goberno, e notificará a convocatoria, por orde do presidente, das xuntanzas do pleno e da comisión executiva, levantará actas das sesións que teñan lugar e certificará os seus acordos. Asistirá ó presidente na dirección e inspección dos servicios da cámara, así como en todas aquelas cuestións nas que sexa requirido.

2. No caso de que non exista previsión regulamentaria dun órgano de intervención, as funcións interventoras de asesoramento económico e financeiro, de fiscalización interna da xestión económica, de dirección da contabilidade e outras, que estatutariamente se determinen, serán exercidas polo secretario.

Capítulo IV

Réxime económico e contable

Artigo 12º.-Recursos das cámaras agrarias.

1. Para o cumprimento dos seus fins, as cámaras agrarias poderán contar cos seguintes recursos:

a) As subvencións que para o seu normal funcionamento poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.

b) As rendas e os productos do seu patrimonio.

c) As doazóns, os legados e as demais axudas que poidan percibir.

d) Os rendementos pola prestación de servicios tanto propios coma delegados por outras administracións públicas ou convidos ou concertados con elas.

e) Calquera outro que lles corresponda percibir.

2. Para a realización das súas actividades, as cámaras agrarias poderán crear no seu cadro de persoal as prazas que, se é o caso, resulten imprescindibles dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, podendo contratar persoal propio en réxime laboral, sen prexuízo da observancia do réxime de incompatibilidade aplicable ó persoal das administracións públicas.

Para a contratación de persoal propio en réxime laboral, as cámaras agrarias axustarán a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

As relacións de postos de traballo ó servicio das cámaras e as súas modificacións serán aprobadas polo pleno e autorizadas pola consellería competente en materia de agricultura.

3. As cámaras agrarias necesitarán autorización previa da consellería competente en materia de agri

cultura para a realización de negocios xurídicos que afecten o seu patrimonio inmobiliario, en particular, o alleamento, a cesión e o seu gravame.

4. As cámaras agrarias gozarán do beneficio de xustiza gratuíta na súa actuación ante tódolos órganos xurisdiccionais en defensa dos seus dereitos e intereses.

5. Son inembargables os recursos procedentes das subvencións outorgadas polo Estado e a Comunidade Autónoma para o funcionamento das corporacións reguladas nesta lei.

Artigo 13º.-Orzamento e memoria de actividades.

1. As cámaras agrarias elaborarán anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria das actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e aprobarán o orzamento de cada exercicio, así como a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.

2. Os documentos mencionados no parágrafo primeiro deste artigo seranlle remitidos á consellería competente en materia de agricultura no prazo dun mes, que se contará desde a data da súa aprobación polo pleno, co fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas aplicables.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá exerce-la tutela económica mediante realización de auditorías.

Artigo 14º.-Réxime contable.

1. As cámaras levarán un plan contable, que será aprobado pola Consellería de Economía e Facenda, sendo aplicable, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II, do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e nas súas posteriores modificacións.

No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de forma separada, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial. Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no que se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exerce-lo control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das súas funcións.

3. En todo caso, a xestión económica e financeira e as contas das cámaras estarán sometidas ó control do Consello de Contas nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do dito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Capítulo V

Electores e elixibles

Artigo 15º.-Electores das cámaras agrarias.

1. Son electores nas eleccións a cámaras agrarias as persoas incluídas nos correspondentes censos pro

vinciais, para o que terán que reunir algunha das seguintes condicións:

a) Toda persoa física, maior de idade, que sexa profesional do sector agrario, como propietario, arrendatario, parceiro ou en calquera outro concepto análogo recoñecido pola lei, que exerza actividades agrícolas, gandeiras ou forestais de modo directo e persoal e, como consecuencia destas actividades, que estea dada de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social por conta propia ou no réxime especial de traballadores autónomos, en función da súa actividade agraria.

b) Os familiares ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade das persoas aludidas no apartado anterior, maiores de idade, que traballen de modo directo e preferente na explotación familiar, debendo estar dados de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores autónomos, en función da súa actividade agraria.

c) A persoa física que teña a consideración legal de colaborador na explotación familiar agraria, conforme a Lei 19/1995, do 4 de novembro, de modernización de explotacións agrarias, e estea dada de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social por conta propia ou no réxime especial de traballadores autónomos, en función da súa actividade agraria.

d) Os integrantes dunha compañía familiar galega ou os mellorados por pacto ou contrato sucesorio, respecto do dereito de labrar e posuír, que estean dados de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social por contra propia ou no réxime especial de traballadores autónomos, en función da súa actividade agraria.

e) Toda persoa xurídica que, conforme os seus estatutos, teña por exclusivo obxecto a actividade agraria, gandeira ou forestal e a exerza efectivamente. Exercerá o seu dereito de sufraxio a través do seu representante legal.

2. O dereito de sufraxio exercerase na provincia onde os electores se atopen inscritos no censo que lles corresponda en función da súa residencia ou domicilio social e fiscal. En ningún caso, o dereito de sufraxio poderá ser exercido máis dunha vez en cada proceso electoral.

3. Carecen do dereito de sufraxio os que non posúan tal dereito segundo a Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Artigo 16º.-Elixibles.

1. Serán elixibles como membros do pleno das cámaras agrarias aquelas persoas físicas que reúnan os requisitos para ser elector e que non estean incursas en ningunha das causas de inelixibilidade que para os distintos procesos electorais establece a lexislación reguladora do réxime electoral xeral. Así mesmo, serán tamén causas de inelixibilidade as de incompatibilidade para os procesos electorais do

Congreso e Senado e do Parlamento galego. Poderán ser elixibles as persoas que estando nos supostos do artigo 15 desta lei abandonasen esa actividade para formar parte do persoal ó servicio dunha organización profesional agraria das que concorren ás eleccións, sempre que acrediten ambos extremos e o abandono da actividade se producise no transcurso dos últimos cinco anos antes do día das eleccións.

2. As causas de inelixibilidade serán tamén causas de incompatibilidade.

Capítulo VI

Da administración xeral

Artigo 17º.-Administración electoral.

Co fin de velar pola transparencia e obxectividade do proceso electoral e o principio de igualdade, así como garanti-los principios de sufraxio libre, directo e secreto, establécese unha Administración electoral constituída por:

a) A Xunta Electoral galega.

b) As xuntas electorais provinciais.

c) As mesas electorais.

Artigo 18º.-Xunta Electoral galega.

1. A Xunta Electoral galega, órgano de carácter permanente, estará composta por nove membros designados polo titular da consellería competente en materia de agricultura e con sede nela. A súa composición será a seguinte:

a) Presidente: o secretario xeral da consellería competente en materia de agricultura.

b) Vicepresidente: o director xeral da consellería competente na materia que teña asumido na estructura orgánica o desenvolvemento rural.

c) Secretario: o asesor xurídico da consellería competente en materia de agricultura, que actuará con voz e voto.

d) Vocais: seis, dos que dous serán funcionarios da Comunidade Autónoma pertencentes ó corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, licenciados en dereito, e os outros catro xuristas de recoñecido prestixio, designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias con representación nas cámaras. No caso de que non se lograse unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais propoñerá dous vocais, que serán elixidos ó chou de entre tódolos propostos. En defecto de proposta por parte das organizacións profesionais, a elección será feita polo conselleiro competente en materia de agricultura, entre xuristas de recoñecido prestixio.

2. A Xunta Electoral galega quedará formalmente constituída no prazo de dez días desde a designación dos seus membros e farase pública no Diario Oficial de Galicia. O proceso de renovación da Xunta Electoral galega producirase no período entre os días noventa e sesenta antes do remate do mandato das

cámaras agrarias, continuando en exercicio das súas funcións ata a constitución da nova.

3. A Xunta Electoral galega terá, ademais das que singularmente lle outorga esta lei, as seguintes funcións:

a) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan contra os acordos das xuntas electorais provinciais. A resolución dos recursos poñerá fin á vía administrativa.

b) Determina-lo número de mesas electorais, oídas as organizacións agrarias.

c) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleven as xuntas provinciais.

d) Revogar, en calquera tempo, de oficio ou por instancia de parte interesada, dentro dos prazos legais, as decisións das xuntas electorais provinciais, cando se opoñan á interpretación da normativa electoral realizada pola Xunta Electoral galega.

e) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas electorais provinciais, en aplicación da normativa electoral.

f) Aprobar, por proposta da consellería competente en materia de agricultura, os modelos oficiais e únicos de sobres e papeletas de actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio, de sesión, de escrutinio xeral e de proclamación de electos.

g) Cursarlles instruccións de obrigado cumprimento ás xuntas electorais provinciais en calquera materia electoral, así como exerce-la supervisión do proceso electoral.

h) Exerce-la potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

i) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impoñe-las multas recollidas na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

j) Supervisar e exerce-la alta dirección e inspección na elaboración dos censos electorais.

k) Desenvolver calquera outra función e competencia non atribuída expresamente a outro órgano da Administración electoral.

Artigo 19º.-Xuntas electorais provinciais.

1. As xuntas electorais provinciais son órganos periféricos e non permanentes da Administración electoral, e os seus integrantes serán designados polo conselleiro competente en materia de agricultura, tendo a súa sede na respectiva delegación provincial da referida consellería. A súa composición será a seguinte:

a) Presidente: o delegado provincial da consellería competente en materia de agricultura.

b) Vicepresidente: o secretario da delegación provincial da consellería competente en materia de agricultura.

c) Secretario: o xefe do servicio técnico xurídico da delegación provincial da consellería competente en materia de agricultura, que actuará con voz e voto.

d) Vocais: dous xuristas, designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias con representación nas cámaras. No caso de que non se lograse unanimidade na proposta, seguirase o mesmo proceso que para a designación dos vocais da Xunta Electoral galega, propoñendo cada organización profesional agraria un vocal.

2. As xuntas electorais provinciais constituiranse ó terceiro día seguinte á convocatoria das eleccións, e concluirán o seu mandato cen días despois da realización destas.

3. As xuntas electorais provinciais terán como funcións, ademais das que singularmente lles outorga esta lei, as seguintes:

a) Resolve-las reclamacións sobre inclusión ou exclusión nos censos electorais.

b) Garanti-la existencia en cada mesa electoral dos medios necesarios para o correcto exercicio do dereito de sufraxio.

c) Resolve-las consultas que lles formulen os electores, as candidaturas e os membros das mesas electorais.

d) Tramitar e emitir informe preceptivamente sobre os recursos dirixidos á Xunta Electoral galega.

e) Instruí-los expedientes sancionadores en materia electoral e elevarlle proposta de resolución á Xunta Electoral galega.

f) Realiza-las operacións necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento das eleccións que lles encomende a Xunta Electoral galega.

g) Proclama-las candidaturas e os candidatos electos, podendo se-los acordos obxecto de recurso perante a Xunta Electoral galega.

h) Aqueloutras que lles delegue a Xunta Electoral galega.

Artigo 20º.-Mesas electorais.

1. As mesas electorais serán establecidas pola Xunta Electoral galega, oídos os plenos das respectivas cámaras e das organizacións agrarias, atendendo sempre o criterio de achega-lo acto de votación ós electores. Como criterios para a súa determinación aplicaranse os seguintes:

a) Teranse en conta como referencia as mesas establecidas para o proceso electoral para o Parlamento galego sempre que o censo correspondente para as eleccións a cámaras agrarias supere nesa mesa os 200 electores.

b) En concellos con núcleos urbanos populosos ou nos que exista un número insuficiente de electores poderanse agrupar para as eleccións a cámaras agrarias varias mesas das que corresponderían ó Parlamento galego.

2. As mesas electorais estarán compostas por tres membros elixidos por insaculación entre os electores que non sexan candidatos. Un deles actuará de presidente. Do mesmo xeito, designaranse dous suplentes por cada un deles. Os sorteos efectuaranse entre os días vixésimo quinto e vixésimo noveno posteriores á convocatoria.

3. As candidaturas que concorran ás eleccións a cámaras agrarias poderán nomear dous interventores por mesa.

4. As mesas electorais estarán asistidas por un funcionario público, ás que lles prestará auxilio e asesoramento, e levará a efecto tódalas actividades necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento do proceso electoral.

Capítulo VII

Censo electoral

Artigo 21º.-Formación do censo.

1. O censo electoral contén a inscrición dos que reúnen os requisitos para ser electores e non se atopen privados, definitiva ou temporalmente, do dereito de sufraxio.

2. O censo será realizado polas cámaras agrarias. Unha vez elaborado o censo, expoñerase durante un mes antes da data de convocatoria das eleccións nos locais das cámara agrarias, no taboleiro de anuncios dos concellos e nas dependencias da Administración autonómica para a formulación das alegacións ou rectificacións que se consideren pertinentes, coa achega da documentación que acredite os seus motivos. No prazo dun mes deberanse resolve-las alegacións formuladas e farase público o censo definitivo.

3. Para a inscrición no censo, as persoas físicas deberán acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 15 desta lei.

As persoas xurídicas que posúan a condición de posibles electores deberán inscribirse por medio de representante legal, que achegará certificación do acordo do órgano societario competente no que manifeste a súa vontade de inscrición, así como copia fidedigna dos regulamentos de réxime interno que a rexerán. Na inscrición censual, ademais dos datos necesarios para a identificación da persoa xurídica, figurará o nome, os apelidos e o documento nacional de identidade do seu representante legal e os datos dun suplente.

Artigo 22º.-Revisión do censo.

1. Con seis meses de antelación á finalización do período de mandato das cámaras, estas terán elaborada a revisión do censo electoral, que será exposto nos locais das cámaras agrarias, nos taboleiros de anuncios dos concellos e nas dependencias da Administración autonómica.

2. Nestas listas de exposición pública figurarán o nome, os apelidos e o número do documento nacional de identidade dos censados e dos representantes

das persoas xurídicas inscritas, con indicación neste caso da entidade á que representan, agrupados por concellos, e dentro deles por parroquias e lugares, por orde alfabética.

3. Durante o devandito prazo poderanse presentar reclamacións, do solicitante reclamante ou de terceiros, a eles, que serán resoltas polo pleno da cámara no prazo máximo de quince días. Contra a resolución do pleno poderase interpoñer ante o conselleiro competente en materia de agricultura o recurso que proceda de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Unha vez concluído este proceso cuadrienal, daráselle traslado do censo de electores a cámaras á oficina do censo electoral, para os meros efectos de verifica-lo previsto nos artigos 9.3 e 10.4 e 5 da Lei 23/1986, do 24 de decembro, de bases do réxime xurídico das cámaras agrarias, segundo a redacción dada pola Lei 23/1991, do 15 de outubro.

Artigo 23º.-Rectificación do censo en período electoral.

Os censos vixentes serán expostos nos locais das cámaras agrarias, nos taboleiros de anuncios dos concellos e nas dependencias da Administración autonómica a partir do terceiro día seguinte ó da publicación do decreto de convocatoria electoral, abríndose un prazo de oito días naturais para presentar reclamacións ante as respectivas xuntas electorais provinciais; contra a súa resolución, que deberá recaer no prazo máximo de tres días, caberá recurso ante a Xunta Electoral galega por un prazo de cinco días, que resolverá, nun prazo máximo doutros cinco días naturais, facendo público o censo definitivo. Contra a resolución da Xunta Electoral galega caberá o oportuno recurso contencioso-administrativo.

Capítulo VIII

Procedemento electoral

Artigo 24º.-Lexislación.

O procedemento electoral do que resultarán os membros que formarán parte dos plenos das cámaras agrarias será esencialmente o establecido na lexislación básica do réxime electoral xeral, en concreto as cuestións referentes a presentación e proclamación de candidaturas, campaña electoral, papeletas e sobres electorais, interventores, constitución das mesas electorais, votación, escrutinio nas mesas electorais e escrutinio xeral, coas particularidades que, pola singularidade das corporacións que regula esta lei, se especifican nos artigos seguintes e as introducidas pola lexislación básica estatal en materia de cámaras, e sen prexuízo da regulación que poida facerse regulamentariamente.

Artigo 25º.-Convocatoria de eleccións.

Correspóndelle á Xunta de Galicia, mediante decreto, a convocatoria de eleccións, logo de comu

nicación ó Goberno do Estado e tras consultar coas organizacións profesionais agrarias de ámbito estatal e as implantadas na Comunidade Autónoma. A dita convocatoria farase dentro dos sesenta últimos días antes do termo do mandato dos plenos das cámaras e a data da realización das eleccións en ningún caso poderá superar en trinta días a súa duración.

En tanto non se constitúan as novas cámaras agrarias continuarán en funcións as anteriores.

Artigo 26º.-Candidaturas.

1. Poderán concorrer ás eleccións, mediante a presentación ante as xuntas electorais provinciais das correspondentes listas pechadas:

a) As organizacións profesionais agrarias e as súas federacións legalmente constituídas que teñan un ámbito de actuación igual ou superior ó provincial.

b) As agrupacións de electores que pretendan concorrer ó proceso electoral, avaladas polas sinaturas autenticadas ante notario de alomenos o 10% dos electores da circunscrición de que se trate, debendo acreditarse esta circunstancia ante a xunta electoral provincial.

2. A presentación de candidaturas efectuarase desde o terceiro día seguinte á convocatoria de eleccións e ata o vixésimo día natural posterior, designando, por escrito dirixido ás respectivas xuntas electorais provinciais, un representante por cada candidatura. Nese escrito deberá figura-la aceptación do representante.

3. No mesmo prazo e coas mesmas formalidades enriba subliñadas, poderá designarse un representante xeral ante a Xunta Electoral galega.

4. Cada candidatura deberá conter ordenados vintecinco nomes e tres suplentes.

Artigo 27º.-Proclamación de listas.

1. As candidaturas presentadas serán expostas na sede da xunta electoral provincial o vixésimo segundo día posterior á convocatoria. Dous días despois, as xuntas electorais comunicaranlles ós representantes das candidaturas as irregularidades apreciadas nelas de oficio ou denunciadas por outros representantes, e ofrecerase un prazo de reparación de corenta e oito horas.

2. O vixésimo sétimo día posterior á convocatoria, as xuntas electorais provinciais realizarán a proclamación de candidatos se non incumprisen os requisitos legais esixidos.

3. Unha vez proclamadas as listas serán expostas na sede da xunta electoral provincial, e os candidatos excluídos ou os representantes das candidaturas concorrentes poderán interpoñer recurso ante a Xunta Electoral galega dentro das corenta e oito horas seguintes á proclamación. Esta resolverá os recursos nun prazo non superior ás corenta e oito horas seguintes á súa interposición.

4. Contra a decisión da Xunta Electoral galega, que será executiva, poderá interpoñerse o pertinente recurso contencioso-administrativo.

Artigo 28º.-Campaña electoral.

1. A campaña electoral, que terá unha duración de dez días como mínimo e de vinte como máximo, comezará a partir do día subliñado no decreto de convocatoria de eleccións e finalizará ás cero horas do día inmediatamente anterior ó da votación.

2. A Xunta de Galicia poderá realizar durante o período electoral unha campaña de carácter institucional destinada ó fomento do voto, así como informa-los cidadáns sobre a data da votación, o procedemento para votar e os requisitos, sen influír en ningún caso na orientación do voto dos electores.

Artigo 29º.-Sobres e papeletas.

A Xunta Electoral galega aprobará senllos modelos oficiais e únicos de papeleta e sobre, que serán confeccionados e distribuídos pola consellería competente en materia de agricultura, sendo as xuntas electorais provinciais as encargadas da verificación da adecuación ós devanditos modelos oficiais daqueles sobres e papeletas que presenten as organizacións profesionais agrarias, as súas federacións ou coalicións e aquelas agrupacións independentes de electores que presenten candidaturas ás eleccións.

Artigo 30º.-Voto por correo.

1. Os electores, sen necesidade de xustificación de causa, poden emiti-lo seu voto por correo, logo de solicitude á xunta electoral provincial, a partir do terceiro día seguinte ó da convocatoria das eleccións e ata o décimo día anterior ó da votación.

2. O modelo de solicitude, tanto para os electores persoas físicas coma para os representantes de persoas xurídicas, xunto co sobre normalizado no que deberá remitirse, será proporcionado nas axencias comarcais de extensión agraria, logo de presentación do documento nacional de identidade da persoa física ou do representante da persoa xurídica.

3. No caso de enfermidade ou incapacidade que impida a formulación persoal da solicitude, esta poderá ser exercitada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente, mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector e sen que nel poidan incluírse varios electores, nin unha mesma persoa representar máis dun elector. A xunta electoral provincial comprobará, en cada caso, a concorrencia das circunstancias a que se refire este apartado.

4. Recibida a solicitude do voto por correo, a xunta electoral provincial comprobará a inscrición e realizará a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente, estendendo o certificado correspondente.

5. As xuntas electorais provinciais remitiranlle por correo certificado ó elector, antes do sexto día anterior ó da votación, ó domicilio por el indicado, ou no seu defecto ó que figure no censo, as papeletas e os sobres electorais, xunto co certificado citado no parágrafo anterior e o sobre electoral no que figure

a dirección da mesa onde lle corresponda votar. O recibo acreditativo da recepción da documentación descrita deberá ser asinado persoalmente polo interesado logo de acreditación da súa identidade.

6. Unha vez que o elector teña escollida a papeleta de voto, introduciraa no sobre dirixido á mesa electoral e pecharao, e deberá remitirllo por correo certificado á xunta provincial correspondente, en todo caso, antes do terceiro día previo ó da realización das eleccións. A Xunta Electoral galega cursaralle instrucción ó servicio de Correos para que se requira a identidade da persoa que emite o certificado, que debe coincidir coa persoa remitente ou coa acreditada notarialmente.

Artigo 31º.-Interventores.

O representante de cada candidatura pode nomear interventores ata tres días antes da data das eleccións.

Os interventores exercerán o seu dereito de sufraxio na mesa que lles correspondese por razón do seu domicilio, sen prexuízo da súa emisión por correo.

Artigo 32º.-Apoderados.

O representante de cada candidatura pode nomear apoderados, que non terán por que ser electores. Para ser apoderados non deberán estar privados do dereito de ser electores no proceso electoral xeral, por sentencia firme.

O prazo para o nomeamento de apoderados rematará tres días antes do das eleccións.

Artigo 33º.-Votación.

1. Estendida a acta de constitución da mesa, coas súas correspondentes copias, a votación iniciarase ás nove horas e continuará, sen interrupción, ata as vinte horas.

2. Cada elector identificarase coa presentación do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir. No caso de que o elector fose unha persoa xurídica, o seu representante haberá de se-lo que figure identificándose como tal no momento da votación. En caso de ausencia, enfermidade ou incapacidade do representante legal, exercerá o dereito de voto o seu suplente mediante certificación do órgano societario competente xustificativa da imposibilidade do exercicio do voto por parte do primeiro.

3. O presidente velará polo correcto desenvolvemento da votación e pola conservación da orde, asegurando a liberdade dos electores e mantendo a observancia da lei. En caso de que detectase calquera incidencia que vulnerase estas previsións poñeraa en inmediato coñecemento das autoridades competentes por razón da materia e, en todo caso, da xunta electoral provincial, que actuará de conformidade co previsto na normativa de réxime electoral xeral.

Artigo 34º.-Documentación electoral.

1. Unha vez realizadas as operacións especificadas na lexislación básica de réxime electoral xeral de

reconto de votos nas mesas electorais, cada mesa preparará a documentación electoral, que se distribuirá en dous sobres:

a) O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

-O orixinal da acta de constitución da mesa.

-O orixinal da acta da sesión.

-Os documentos ós que esta última faga referencia e, en particular, a lista enumerada de votantes e as papeletas ás que se lles negase validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación.

-A lista do censo electoral utilizada.

-As certificacións censuais achegadas.

b) O segundo sobre conterá copia cotexada polo primeiro vocal da mesa, co visto e prace do seu presidente, da documentación que se debe incluír no primeiro sobre.

2. Unha vez pechados os sobres, o presidente, os vocais e os interventores poñerán as súas sinaturas neles de forma que crucen a parte pola que no seu día deban abrirse.

Artigo 35º.-Traslado da documentación electoral.

1. Unha vez preparada a correspondente documentación, o presidente e os vocais e interventores que o desexen desprazaranse inmediatamente á sede da xunta electoral provincial, para facer entrega do primeiro sobre.

2. Logo de identificación do presidente e, se é o caso, dos vocais e interventores, o secretario da xunta electoral provincial recibirá a documentación e expedirá o correspondente recibo, no que fará mención do día e da hora en que se produce a entrega.

3. Os segundos sobres seranlle entregados ó funcionario designado pola consellería competente en materia de agricultura, que se trasladará á sede da Xunta Electoral galega, onde depositará o sobre, do que xustificará recepción o secretario, facendo consta-lo día e a hora da entrega.

Artigo 36º.-Escrutinio xeral.

1. O escrutinio xeral será realizado pola correspondente xunta electoral provincial o terceiro día hábil seguinte ó da votación.

2. Se faltase o sobre correspondente dalgunha das mesas constituídas na provincia, suplirase co segundo sobre ó que se refire o artigo 35 desta lei, unha vez solicitado á Xunta Electoral galega, que expedirá copia do contido del e ordenará a súa inmediata remisión á xunta electoral provincial encargada do reconto dos votos.

Artigo 37º.-Incidencias no proceso.

1. Os representantes e os interventores das candidaturas dispoñen dun prazo dun día para presentar reclamacións ou recursos ante a Xunta Electoral galega contra as incidencias recollidas nas actas de sesión das mesas electorais ou na acta da sesión de escrutinio da xunta electoral provincial.

2. A Xunta Electoral galega resolverá por escrito no prazo de tres días, e entenderase desestimatoria a falta de resolución expresa. En ambos supostos quedará expedita a vía contencioso-administrativa. A interposición do recurso contencioso-administrativo non suspenderá a execución do acto de proclamación de electos.

Artigo 38º.-Proclamación de electos.

1. Se non se presentasen reclamacións ou recursos, ou unha vez transcorrido o prazo para a súa resolución, a xunta electoral provincial procederá, dentro do día seguinte, á proclamación de electos, para o que se computarán como votos válidos os obtidos por cada candidatura máis os votos en branco.

2. A Comunidade Autónoma comunicaralle ó Goberno do Estado os resultados do proceso de eleccións de membros das cámaras agrarias provinciais.

Artigo 39º.-Constitución dos plenos das cámaras agrarias provinciais.

O pleno constituirase o día que se estableza no decreto de convocatoria, tomando posesión dos seus cargos os membros electos na sede da respectiva cámara agraria ante o seu secretario, que estenderá a oportuna acta de toma de posesión con entrega da copia ó interesado.

Artigo 40º.-Organizacións profesionais agrarias máis representativas.

Considéranse como máis representativas, no ámbito de Galicia, as organizacións profesionais agrarias que obteñan como mínimo o 10% do total dos votos válidos emitidos no conxunto do proceso electoral para elixi-los membros das cámaras agrarias.

Capítulo IX

Financiamento electoral

Artigo 41º.-Gastos electorais.

O decreto de convocatoria de eleccións a cámaras agrarias fixará os gastos do proceso electoral e o seu financiamento, así como os seus mecanismos de control.

Capítulo X

Axudas de custo dos membros da Administración electoral

Artigo 42º.-Axudas de custo.

As axudas de custo e indemnizacións que deban percibi-los membros da Xunta Electoral galega e das xuntas electorais provinciais, e os compoñentes das mesas electorais e os funcionarios habilitados para asistir ás mesas electorais durante o proceso da votación, determinaranse no decreto de convocatoria de eleccións.

Capítulo XI

Sistema electoral

Artigo 43º.-Sistema electoral.

1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional, de acordo co procedemento de atri

bución de postos previsto no artigo 163.1 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, coa particularidade de que se considerarán tódalas candidaturas, sen necesidade de reunir unha porcentaxe mínima dos votos válidos emitidos na provincia.

2. En cada candidatura os postos atribuídos serán segundo a orde de presentación da candidatura.

3. As suplencias por falecemento, dimisión ou vacante produciranse na mesma lista e segundo a orde establecida nela.

Disposiciones transitorias

Primeira.

1. A Xunta Electoral galega e as xuntas electorais provincias constituiranse nun prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei.

2. Para as primeiras eleccións a cámaras agrarias, os vocais que formarán parte das xuntas electorais, por proposta das organizacións profesionais con representación nas cámaras agrarias, serán designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas dentro do mes seguinte á data de entrada en vigor desta lei. Se non se acadase unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais ás que se refire o parágrafo anterior propoñerá dous vocais para a Xunta Electoral galega e un vocal para as xuntas provinciais, que serán designados ó chou de entre tódolos propostos, para cada caso. Se as propostas realizadas polas organizacións agrarias non fosen suficientes para completa-los vocais que lles corresponden, formarán parte da xunta os que fosen propostos polas organizacións que cumpriron o requirimento e o resto ata completa-la xunta serán elixidos polo conselleiro competente na materia cos mesmos requisitos cós vocais xa propostos

directamente por el.

Segunda.

Para as primeiras eleccións a cámaras agrarias é competencia das xuntas electorais provinciais, oídas as organizacións profesionais agrarias, a determinación das mesas electorais. En todo caso, os criterios para a fixación delas serán os establecidos nesta lei e contra a súa determinación poderá recorrerse perante a Xunta Electoral galega.

Terceira.

Os censos electorais para as primeiras eleccións a cámaras agrarias serán elaborados pola consellería competente en materia de agricultura, logo de audiencia das organizacións profesionais agrarias e posterior aprobación deles pola Xunta Electoral galega.

Cuarta.

As primeiras eleccións a cámaras agrarias serán convocadas pola Xunta de Galicia nun prazo máximo de seis meses desde a elevación a definitivos dos censos electorais.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta lei, e especialmente a Lei 4/1984, do 4 de maio, de cámaras agrarias de Galicia, a Lei 2/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 4/1984, e a Lei 8/1996, do 17 de outubro, reguladora das eleccións a cámaras agrarias.

Disposición derradeira

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións regulamentarias que fosen precisas para o cumprimento e a execución desta lei.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente