Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 19 de xullo de 2000 Páx. 11.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Maconsi, S.L., servicio de cafetería do Hospital do Meixoeiro, servicio de cociña do Hospital Nicolás Peña e servicio de cafetería da Facultade de Humanidades (CUVI).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Maconsi, S.L. para os traballadores do servicio de cafetería do Hospital do Meixoeiro, servicio de cociña do Hospital Nicolás Peña e servicio de cafetería da Facultade de Humanidades (CUVI), con nº de código 3603271, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal dos devanditos centros, con data do 2-6-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexis

tro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en mateira de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de xuño de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Maconsi, S.L.

Capítulo I

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as relacións de traballo entre a empresa Maconsi, S.L. e o persoal dependente dela no servicio de cafetería no Hospital do Meixoeiro, servicio de cociña do Hospital Nicolás Peña e servicio de cafetería da Facultade de Humanidades no CUVI.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten o carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúen un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas en global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As condicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outro.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será dun ano, do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000: independentemente da súa publicación no BOP, producirá efectos a partir do 1 de xaneiro.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións se deriven de interpretación, vixencia e aplicación deste convenio, a mesa negociadora deste constitúe unha comisión paritaria integrada por tres representantes da dirección da empresa e tres representantes do comité ou delegados de persoal.

A comisión paritaria ten as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias de incumprimento deste.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o/a traballador/a concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

Este convenio entenderase prorrogado por un ano, se algunha das partes non o denuncia dentro dos tres últimos meses da súa vixencia.

Artigo 8º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto neste convenio colectivo observarase o disposto na lexislación ou normativa laboral legalmente vixente.

Capítulo II

Contratación e persoal fixo de centro

Artigo 1º.-Contratacións.

Ó inicia-la relación laboral, a empresa queda obrigada a formalizar por escrito un contrato de traballo onde se recollan tódalas condicións de traballo que rexen na normativa legal aplicable, con independencia da modalidade contractual (fixo ou eventual), dándoselle obrigatoriamente unha copia ó traballador no prazo máximo de 15 días.

Así mesmo, quedan incluídos neste epígrafe tódolos contratos que se realicen para substituír traballadores en baixas ou períodos de vacacións, séndolles a estes de aplicación as mesmas condicións que rexen neste convenio para o resto da cadro de persoal.

Artigo 2º.-Cadro de persoal.

Os traballadores que no momento da sinatura do convenio teñan unha antigüidade recoñecida superior a 14 meses, adquirirán a condicion de fixos en cada un dos centros de traballo afectados por este convenio.

Capítulo III

Remuneracións, salarios e complementos

Artigo 1º.-Remuneracións.

As remuneracións que percibirán os traballadores afectados por este convenio son as que figuran a continuación nas táboas salariais e que corresponden ás categorías que se detallan:

Encargado: 125.000 ptas.

Xefe cociña: 120.000 ptas.

Cociñeiro: 107.000 ptas.

Camareiro: 107.000 ptas.

Contable: 105.000 ptas.

Axudante: 92.000 ptas.

Artigo 2º.-Antigüidade.

Os/as traballadores/as afectados por este convenio, a partir da súa sinatura xerarán trienios ó 5% en concepto de antigüidade. Estes trienios serán calculados sobre as táboas de retribucións vixentes en cada momento.

Artigo 3º.-Horas extraordinarias.

Por regra xeral non se realizarán. En caso de necesidade xustificada, estas serán realizadas sempre poñéndose de antemán en coñecemento do representante legal dos traballadores e serán compensadas en metálico, aplicándolle-lo 75%.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo, setembro e decembro, que serán aboadas os días 15 de cada un dos meses citados e estarán compostas por unha mensualidade de salario base máis a antigüidade, de se-lo caso.

Artigo 5º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22 e as 8 horas terán a consideración de nocturnas e serán aboadas cun incremento do 25% sobre o prezo da hora normal.

Artigo 6º.-Complemento de IT ou accidente.

A empresa completará ata o 100% do salario, en caso de accidente ou baixa por enfermidade profesional ou enfermidade con hospitalizacion desde o primeiro día.

Artigo 7º.-Complemento de transporte.

En concepto de complemento de transporte, os traballadores/as percibirán a contía de 7.000 ptas. mensuais durante 11 meses ó ano.

Capítulo IV

Dereitos sindicais

Artigo 1º.-Organización sindical dos traballadores na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos para canaliza-las relacións entre os traballadores e a empresa. En consecuencia, a empresa respectará o dereito de tódolos traballadores que o desexen a sindicárense libremente, non sendo isto un obstáculo para a súa contratación.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores afiliados a un sindicato a realizar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas e do lugar de traballo e sen perturba-la normal actividade da empresa.

Deberá existir un taboleiro de anuncios no que os sindicatos debidamente implantados nela poderán dar publicidade a informacións e comunicacións.

Os delegados de persoal e membros de comités de empresa, como representantes legais dos traballadores, terán tódolos dereitos e facultades que lles recoñece a lexislación vixente. Entre outras facultades deberán ser informados das propostas de sancións, calquera variación no cadro de persoal da empresa e vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 2º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os delegados de persoal e membros de comités de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas graves ou moi graves obedecese a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, á parte do interesado, os outros membros do comité de empresa, de se-lo caso. Os representantes dos traballadores non poderán ser dis

criminados na súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 3º.-Crédito horario.

Os delegados de persoal ou membros de comités de empresa disporán dun crédito horario mensual de 20 horas retribuídas e para o exercicio das súas funcións de representación, que poderán ser acumuladas nun ou varios membros.

Artigo 4º.-Desconto en nómina de cota sindical.

A empresa descontarálle-la cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización destes, sendo esta cota remitida ó sindicato correspondente.

Artigo 5º.-Asembleas.

Os traballadores/as terán dereito a dispor dunha hora mensual para reunirse. Co ánimo de non dificulta-la organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá supera-los 45 minutos e terá lugar no horario acordado entre a dirección e os delegados de persoal ou membros do comité de empresa.

Artigo 6º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 50% de afiliación entre os traballadores do cadro de persoal terán os dereitos que lles outorga a lexislacion vixente.

Capítulo V

Xornada de traballo, vacacións, licencias, permisos, excedencias

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral durante a vixencia deste convenio será de 1.800 horas anuais, computando os 30 minutos de descanso como traballo efectivo. A súa aplicación será acordada entre os delegados de persoal e a empresa.

Artigo 2º.-Festivos.

Os/as traballadores/as terán dereito a 14 días festivos, que poderán ser acumulados ás vacacións anuais ou desfrutados en período distinto, caso no que serán respectados os días de descanso semanal.

Artigo 3º.-Descanso semanal.

O descanso semanal dos traballadores/as afectados por este convenio será de día e medio ininterrompido, e será sinalado pola empresa coa suficiente antelación, non podendo ser variado sen consentimento dos traballadores afectados, salvo especiais circunstancias ou necesidades do servicio, mediando, de se-lo caso, aviso ó interesado con tempo suficiente.

Artigo 4º.-Vacacións.

A empresa, de acordo cos delegados de persoal, fixará as quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria. A súa duración será de 30 días naturais, e poderanse engadir a estes os festivos anuais.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente ou enfermidade, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó disfrute destas no mes seguinte ó da súa incorporación ó traballo.

Artigo 5º.-Licencias e permisos.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos, irmáns e tíos, 1 día natural ou 2 días naturais en caso de ser en distinta provincia.

c) Nacemento dun fillo, 4 días naturais.

d) Falecemento, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de:

-Cónxuxe ou compañeiro, 4 días naturais.

-Pais, fillos, avós e irmáns do traballador con convivencia: 4 días, sen convivencia: 2 e un máis en caso de distinta provincia.

e) Falecemento de tíos e sobriños, 2 días naturais.

Convivencia, 3 días naturais.

f) Traslado de domicilio, 2 días laborables.

g) Permiso de lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por propia vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal dunha hora coa mesma finalidade.

h) Todo o anteriormente exposto é de aplicación ás parellas de feito.

Artigo 6º.-Solicitude das licencias.

Os/as traballadores/as que necesiten un permiso deberán solicitarllo á empresa con xustificante de recepción, sempre que a circunstancia sexa previsible; se non fose así, bastaría coa comunicación telefónica. Os permisos e licencias serán xustificados a posteriori por parte dos traballadores/as cos xustificantes oportunos.

Outras ausencias ó posto de traballo.

A ausencia ó centro de traballo temporal inferior a unha xornada laboral, indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal moi urxente (xulgados, notarios, médicos etc.) será imprescindible acreditala debidamente e será polo tempo indispensable para cumpri-la obriga da que se trate. Estes permisos serán autorizados pola dirección da empresa ou persoa en quen esta delegue, dándolle ó interesado o oportuno vale de saída. A empresa informará mensualmente dos permisos concedidos, causas e duración.

Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos traballadores/as terán dereito a 3 horas retribuídas pola empresa, cada vez que deban acudir ó medico de cabeceira que lles corresponda. Se o médico tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que presta os seus servicios o traballador, estes poderán dispor do tempo necesario.

O traballador/a que deba asistir a un consultorio médico estará obrigado a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a asistencia ó especialista, os traballadores terán dereito a todo o tempo nece

sario, logo da presentación do volante do médico de cabeceira.

Ausencias por enfermidade.

As ausencias por enfermidade deberán comunicarse telefonicamente ó encargado de quenda antes do comezo da quenda de que se trate.

Tódalas ausencias por enfermidade xustificaranse mediante información do médico de cabeceira e o parte de baixa por enfermidade, que se entregarán na dirección ou se enviarán por correo certificado en casos de enfermidades de duración superior a tres días, seguindo o mesmo trámite para os partes de confirmación.

A non-presentación do informe ou parte de baixa considerarase como falta sen xustificar para os efectos disciplinarios que regulamentariamente correspondan.

Licencias non retribuídas.

Aplicarase a normativa legal vixente.

Artigo 7º.-Excedencias.

A empresa concederalle a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de 2 anos de servicio, a excedencia voluntaria, que terá unha duración mínima de 6 meses e máxima de 3 anos, quedando a empresa obrigada a reincorporar automaticamente o traballador excedente que o solicite, coa antelación dun mes, tempo do aviso previo, co obxecto de que a empresa poida acomoda-lo dito persoal.

Artigo 8º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial, ata que o seu fillo cumpra os 2 anos de idade, garantíndoselle a súa reincorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte ó dereito da excedencia ordinaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai traballador, e poderá exercelo só un membro da parella, no caso de que ambos traballen na mesma empresa. A antigüidade só será computada durante o primeiro ano.

Capítulo VI

Prevención de riscos laborais

Artigo 1º.-Comité de saúde laboral.

De acordo coa Lei de saúde laboral, constitúese un comité de saúde laboral ou delegado de prevención. A súa composición será dun representante por parte dos traballadores e un por parte da empresa. Con carácter anual este comité elaborará un estudio de riscos e un plan para eliminalos. Os representantes deste comité disporán do mesmo crédito horario cós membros do comité de empresa ou delegados de persoal, co obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 2º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá o dereito de efectuar un recoñecemento médico con cargo á empresa, unha vez ó ano e en horario de traballo.

Artigo 3º.-Vestiarios.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas ó seu persoal.

Artigo 4º.-Roupa de traballo.

Tódolos traballadores/as serán provistos de 2 uniformes completos unha vez ó ano e no primeiro mes deste.

Artigo 5º.-Cambios de posto por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambie ó posto de traballo máis acorde coa súa situación.

Capítulo VII

Subrogación dos traballadores

Artigo 1º.-Adscrición do persoal.

Ó termo da concesión, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

-Traballadores en activo que presten os seus servicios no dito centro, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo e cunha antigüidade mínima de tres meses.

-Traballadores que con contrato de interinidade substitúan algún dos traballadores enunciados no punto anterior, independentemente da súa antigüidade.

-Traballadores de novo ingreso que, por esixencias do cliente, se incorporasen ó centro como consecuencia da ampliación da contrata.

Segundo.-Tódolos supostos anteriormente sinalados deberán ser acreditados fidedigna e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante lle comunique fidedignamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase de todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación deste á nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser que sexa por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro.-Documentos que lle deberá facilita-la empresa saínte á entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento á SS/SS.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á SS/SS dos tres últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número da Seguridade Social, antigüidade, xornada, modalidade de contratación e data de desfrute das vacacións.

-Copia do documento debidamente dilixenciado por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Cuarto.-O empresario saínte estará obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores, co obxecto de que estes cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo derradeiro.-Partes asinantes.

-Pola empresa:

Manuel, Conde Silva

José Manuel Cotilla González

-Polos representantes dos traballadores:

Alberto Heras Revelo

Paloma Cabal Sepúlveda

Sonia Mª Fontán Rodríguez

POR CC.OO.:

Marcos Zurita Giráldez