Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 14 de xullo de 2000 Páx. 10.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 7 de xullo de 2000 pola que se regulan axudas ás familias nas que se produce un parto múltiple.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia establece no seu artigo 3.2º como principio rector da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11.3ºc), aquelas prestacións, económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, polo que se establece a estructura e as competencias da

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúe a esta consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores.

É unha realidade patente o cambio radical que supón para unha familia a chegada de varios nenos ó mesmo tempo, unido ó extraordinario gasto que xera esta situación (alimentación, roupa, gastos médicos, farmacéuticos, etc.). Para facer fronte a esta realidade, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude acordou establecer unha liña de axuda directa ás familias co obxecto de paliar, nalgunha medida, estes gastos.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, na aplicación 14.02.212A.480.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 6.500.000 pesetas para as axudas que se establecen no articulado desta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias nas que se produza un parto múltiple e a convocatoria destas para este ano.

Para os efectos desta orde, considéranse parto múltiple aqueles nos que se produza o nacemento de dous ou máis fillos.

A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico ás familias para afronta-lo extraordinario gasto que supón o nacemento de máis dun fillo nun só parto.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as familias nas que se produza un parto múltiple desde o 1 de setembro de 1999 ó 30 de setembro do ano 2000.

Os partos múltiples que teñan lugar en data posterior ó 30 de setembro do ano 2000 poderán concorrer á convocatoria do ano seguinte.

Artigo 3º.-Requisitos.

Serán requisitos necesarios para a concesión da axuda:

-Que os pais teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.

-A convivencia do/s proxenitor/es solicitantes destas axudas cos nenos

Artigo 4º.-Tipos de axuda e contía.

Existirán dous tipos de axuda:

a) Para atende-las solicitudes de partos múltiples de tres ou máis nenos destinarase a cantidade total de 1.275.000 pesetas.

Neste caso, a axuda consistirá nun pagamento único de 75.000 pesetas por neno nado.

b) Para atende-las solicitudes de partos múltiples de dous nenos destinarase a cantidade de 5.225.000 pesetas. Esta cantidade podería incrementarse, se é o caso, co remanente que se producise despois de atender tódalas solicitudes de axuda correspondentes a partos de tres ou máis fillos.

A contía total que se destine para esta axuda distribuirase a pro rata entre as familias que presentasen solicitude por terse producido un parto múltiple de dous fillos, sen que en ningún caso a contía por neno que reciban estas familias poida supera-la contía por neno nado establecida para os partos múltiples de 3 ou máis nenos.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

A solicitude poderá ser presentada polo pai ou nai dos nados, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI da nai e/o do pai e, se é o caso, do NIF.

2. Certificación literal da inscrición de nacemento no Rexistro Civil ou fotocopia compulsada do libro de familia.

3. Certificado de empadroamento.

4. Datos bancarios do solicitante.

5. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se lle xuntase a documentación sinalada, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non se fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sen prexuízo do anterior, en calquera momento ó longo do procedemento poderá instarse o solicitante para que cumpra calquera outro requisito ou trámite omitido, de acordo co previsto no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común concedendo para tal efecto un prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte ó da notificación, con expreso apercibimento de que, de non facelo así, poderá declararse que decaeu no seu dereito ó trámite correspondente. Sen embargo, admitirase a actuación do interesado/a e producirá os seus efectos legais, se se poducise antes ou dentro do día que se notifique a resolución na que se teña por transcorrido o prazo.

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

A solicitude maila documentación requirida presentarase no rexistro da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 30 de setembro do ano 2000.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle á directora xeral de Familia, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a resolución destas axudas nos seguintes prazos:

a) No caso de partos de tres ou máis fillos dictarase resolución no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ó da presentación da solicitude.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por estimadas.

b) No caso de partos de dous nenos dictarase resolución antes do prazo de 6 meses, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdiccción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución. Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto pola Administración ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, non poderán concorrer a esta convocatoria de axudas aquelas familias que recibisen axudas económicas

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para este mesmo fin, con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase segundo o establecido no artigo 37.Un da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e antes de proceder a el os beneficiarios das axudas presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo concepto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 11º.-Revogación da axuda.

Procederá a revogación das axudas así como o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para estes fins.

Segunda.-Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na directora xeral de Familia para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude