Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 13 de xullo de 2000 Páx. 10.835

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de pintura da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de pintura da provincia da Coruña (código: 1501185) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 31-5-2000, subscrito en representación da parte económica por APECCO, e, da parte social por UGT e CIG, o día 10-5-2000, de conformidade co disposto no art. 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 7 de xuño de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de pintura

para a provincia da Coruña

Ano 2000

I. Extensión e vixencia.

Artigo 1º.-Extensión.

O presente convenio é de aplicación a tódalas empresas de pintura. Aplicaráselle a tódolos centros de traballo da privincia da Coruña, calquera que sexa o domicilio social das empresas a que pertenza. Afecta o presente convenio a tódolos traballadores ó servicio das empresas anteriormente expresadas.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o día da súa publicación mais os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 2000 e a súa vixencia será desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2000.

II. Prórroga.

Artigo 3º

O convenio colectivo quedará denunciado automaticamente no momento en que reamte a súa vixencia.

Artigo 4º.-Respecto de dereitos.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este convenio respecto das materias obxecto de regulación.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación persoal as melloras establecidas no convenio e aínda amplialas, as empresas que veñan aboando salarios superiores ós regulamentariamente esixidos non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que polas presentes estipulacións se fixan máis que na medida necesaria para suplir diferencias.

Así mesmo, as melloras establecidas no convenio serán compensables ou absorbibles por calquera elevación salarial que por disposición legal se puidese establecer.

Artigo 6º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio ou que se pacten durante a súa vixencia con persoas ou grupo de persoas, polas empresas afectadas por el, sempre que no seu conxunto ou cómputo anual superen as establecidas por este convenio, debido á condición que ten de normas mínimas de relación, tanto no que se refire ó social como ó económico.

Artigo 7º.-Normas complementarias.

No que non estea previsto neste convenio aplicarase o que dispón o convenio xeral do sector da construcción e demais disposicións vixentes.

III. Condicións económicas.

Artigo 8º.-Incremento salarial para 2000.

O incremento salarial para 2000 aquí pactado é dun dous coma seis por cento (2,6%), calculándose este sobre as táboas salariais vixentes o 31 de decembro de 1999 que inclúen a revisión do 0,9% sobre as táboas de 1998, excepto antigüidade, quedando establecidas as retribucións nas cantidades que figuran no anexo I deste convenio.

As empresas que pagasen as cantidades de conformidade coas táboas quedarán exentas do seu aboamento.

Artigo 9º.-Cláusula de garantía salarial para 2000.

No suposto de que o incremento anual do índice de prezos de consumo (IPC) o 31 de decembro de 2000 supere o dous por cento (2%), efectuarase unha revisión económica sobre o exceso do dito tanto por cento, excepto antigüidade, para efectos de que sirva de base para a negociación colectiva seguinte.

Artigo 10º.-Prima de asistencia e puntualidade.

Establécese unha prima de asistencia e puntualidade por día efectivo de traballo para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000 de 707 pesetas para os axudantes e peóns, e de 896 pesetas para os oficiais de 1ª e 2ª.

Este complemento de asistencia e puntualidade perderase nas circunstancias e contías seguintes:

a) A primeira falta sen xustificación será penalizada coa perda de 1,5 días de prima, ademais do salario correspondente ó día da falta.

b) A segunda falta será penalizada coa perda de cinco días de prima, ademais do salario correspondente ó día da falta.

c) Cada nova falta será penalizada coa perda da prima correspondente á metade dos días traballados no mes, ademais do salario ou salarios da nova ou novas faltas.

d) As faltas computaranse sempre por cada mes natural.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade na empresa será retribuída a razón de dous bienios e tres quinquenios, por día natural, segundo a seguinte táboa:

Oficiais de 1ª e 2ª: bienio, 29 ptas.

Oficiais de 1ª e 2ª: quinquenio, 58 ptas.

Axudantes e peóns: bienio, 28 ptas.

Axudantes e peóns: quinquenio, 56 ptas.

Artigo 12º.-Complemento de altura.

Todo persoal que realice traballos en estadas voantes percibirá unha gratificación de 271 pesetas por día ou fracción para o período do 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000. En estadas de tubos percibirase esta gratificación a partir dos seis metros de altura.

Artigo 13º.-Axudas de custo e desprazamentos.

O persoal que realice traballos fóra da súa localidade ou residencia e teña necesidade de pasa-la noite no lugar de traballo percibirá unha axuda de custos de 2.125 pesetas diarias, ademais de 197 pesetas mensuais para lavado de roupa, para o período do 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000.

O persoal que se encontre traballando fóra da súa localidade ou residencia e no teña necesidade de pasa-la noite no lugar de traballo percibirá unha media axuda de custos de 935 pesetas diarais para o período do 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000.

O persoal que se encontre traballando fóra do termo municipal a menor distancia de 10 km percibirá unha saída de 360 pesetas diarias para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada semanal será de 40 horas distribuídas de luns a venres, ambos incluídos, e a nómina aboarase mensualmente. Total de horas anuais, 1.776.

Consideraranse festivos os días 17 de maio, 24 de xullo, 14 de agosto, 13 de outubro e 7 de decembro, soamente para o presente ano de 2000. Cando un festivo local coincida con algún festivo de convenio, este último pasará ó seguinte día laboral. Así mesmo, cando coincida cun sábado.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A todo o persoal afectado por este convenio seralle facilitada polas súas respectivas empresas unha funda de traballo de primeira calidade cada ano. En caso de traballo que o requira, entregarase outra máis.

Artigo 16º.-Licencias con soldo.

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a permisos e percibirán o importe do

salario diario, antigüidade e complemento de asistencia nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: quince días naturais retribuídos.

b) Falecemento: en caso de falecemento de esposa, pais, pais políticos, fillos e irmáns, será sempre de cinco días para tódolos traballadores. En caso de falecemento de tíos ou tías, será de dous días.

c) Parto de esposa: será sempre de cinco días.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

Estipúlase a seguinte retribución económica en concepto de complemento de transporte, para tódalas categorías, de 835 pesetas por día efectivo de traballo para o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000.

Artigo 18º.-Vacacións.

Será de trinta días naturais e percibiranse durante elas o salario diario, antigüidade e complemento de asistencia correspondente ós días que, se estivese traballando, percibiría o traballador.

En todo caso, as vacacións poderán desfrutarse en dous períodos de 15 días que, de non haber acordo sobre o período do seu desfrute, 15 poderán ser escollidos polo traballador, e outros 15 polo empresario, todos eles naturais.

Artigo 19º.-Pagas de Nadal e verán.

Serán de trinta días cada unha e aboaranse o salario diario do convenio e antigüidade. A paga de verán cobrarase no mes de xullo e a de Nadal antes do 24 de decembro. O seu importe é o que figura no anexo I do convenio.

Artigo 20º.-Rendementos.

Establécese a seguinte táboa de rendementos mínimos:

Metros

Témpera lisa primeira man180

Témpera lisa segunda man200

Pintura ó óleo 1ª man 80

Pintura ó óleo 2ª man 60

Pintura ó óleo acabamento 90

Esmalte en paredes acabamento rolo 80

Pintura plástica en paredes, 1ª man160

Pintura plástica en paredes, 2ª man180

Aparellado e tapado130

Tépera picada a rolo110

Témpera picada a cepillo 60

Plástica picado a rolo100

Unidades

Potas imprimidas 25

Portas emplastecidas e lixadas 18

Portas pintadas 1ª man 18

Portas esmaltadas 15

Ventás en guillotina imprimidas (sen marco) 60

Ventás pintadas 1ª man (interior) 18

Ventás pintadas 2ª man 22

Pintado oco interior guillotina (vernizado) 30

Pintado oco interior guillotina (vernizado)

2ª man 35

Portas vernizadas 1ª man 32

Lixado e plastecido cravos 40

Portas 2ª man verniz 32

Portas 3ª man verniz 30

Estes rendementos enténdense en cada xornada de oito horas.

IV. Comisión paritaria.

Artigo 21º.-Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixencia do convenio. Comporase de catro vocais, dous deles representantes dos traballadores e dous dos empresarios, ambos pertencentes á comisión deliberadora do convenio.

Para a adopción de acordos será necesaria a conformidade de tres vocais, polo menos, en igualdade paritaria.

A comisión paritaria quedará constituída do seguinte xeito:

-Representación empresarial: César Prado Maceiras e Ángel Brey Castro.

-Representación dos traballadores: Vicente Moreira Sobrido, da CIG e Jesús Calvo Romero, de UGT.

Disposicións adicionais

Primeira.-As retribucións e táboas de rendemento incluídas neste convenio forman parte inseparable del e terán forza de obrigar en cada actividade.

Segunda.-O salario mínimo interprofesional non modificará o contido do presente convenio nin a contía das retribucións salariais pactadas nel, sempre e cando se lles garantan ós traballadores uns ingresos superiores en cómputo anual ós mínimos fixados por disposicións legais.

Terceira.-Complemento de hospitalización.

No caso de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e no horario de traballo e que dea lugar a hospitalización a empresa aboará un complemento que, sumado ás prestacións regulamentarias por incapacidade temporal garanta o cento por cento do salario real e durante un período máximo de seis meses, salvo que finalice antes o contrato de traballo ou a obra.

Cuarta.-As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de dous meses, unha vez homologado o presente convenio, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de falecemento e invalidez permanente absoluta ou gran invalidez, nos termos que seguidamente se dirán, dos seus traballadores por accidentes de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa no caso de falecemento ou invalidez permanente producido por causa fortuíta espontánea

exterior e independente da vontade do traballador, o percibo da indemnización seguinte:

-Cinco millóns de pesetas (5.000.000 de ptas.) en caso de falecemento do traballador por accidente de traballo.

-Seis millóns de pesetas (6.000.000 de ptas.) en caso de invalidez permanente absoluta ou gran invalidez.

Esta compensación é compatible coa pensión e indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato de seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entrega a conta da indemnización que, se ó o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, compensándose ata onde aquela alcance.

Quinta.-Contratación.

1. Contratación. O ingreso ó traballo poderase realizar de conformidade con calquera das modalidades de contratación reguladas no Estatuto dos traballadores e disposicións complementarias.

2. Contrato fixo do cadro de persoal. Este contrato é o que concertan un empresario e un traballador para a súa prestación laboral na empresa por tempo indefinido. Esta será a modalidade normal de contratación que realizarán empresarios e traballadores en tódolos centros de trabajo de carácter permanente.

3. Contrato para traballo fixo por obra. É o contrato que ten por obxecto a realización dunha obra ou traballo determinados e formalizarase sempre por escrito.

A duración do contrato e o cesamento do traballador axustaranse a algún destes supostos:

a) Con carácter xeral, o contrato é para unha soa obra, con independencia da súa duración, e terminará cando finalicen os traballos do oficio e categoría do traballador na dita obra.

O cesamento dos traballadores deberase producir cando a realización paulatina das correspondentes unidades de obra fagan innecesario o número dos contratos para a súa execución, debéndose reducir este de acordo coa diminución real do volume de obra realizada.

O cesamento dos traballadores fixos de obra por terminación dos traballos do seu oficio e categoría deberáselle comunicar por escrito ó traballador cunha anticipación de quince días naturais. Non obstante, o empresario poderá substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de aviso previo omitidos calculada sobre os conceptos salariais dos táboas do convenio, todo isto sen prexuízo da notificación escrita do cesamento. A citada indemnización deberase incluír no recibo de salarios coa liquidación correspondente ó cesamento.

b) Non obstante o anterior, logo de acordo entre as partes, o persoal fixo de obra poderá prestar servicios a unha mesma empresa e en distintos centros de traballo dunha mesma provincia durante un período máximo de tres anos consecutivos sen perde-la dita condición e devengando os conceptos compensatorios que correspondan polos seus desprazamentos.

Neste suposto, a empresa deberá comunicar por escrito o cesamento ó traballador antes de cumprirse o período máximo de tres anos fixados no parágrafo anterior; cumprido o período máximo de tres anos, se non mediase comunicación escrita do cesamento, o traballador adquirirá a condición de fixo do cadro de persoal. En canto ó aviso previo do cesamento, observarase o pactado no suposto a).

c) Se se producise a paralización temporal dunha obra por causa imprevisible para o empresario principal e allea á súa vontade, tras dar conta a empresa á representación dos traballadores do centro ou, no seu defecto, á comisión paritaria provincial, operarán á terminación de obra e cesamento previstos no suposto a). A representación dos traballadores do centro ou, no seu defecto, a comisión paritaria, disporá, se é o caso, dun prazo máximo improrrogable dunha semana para a súa constatación, contado desde a notificación.

O empresario contrae tamén a obriga de ofrecer de novo un emprego ó traballador cando as causas de paralización da obra desaparecesen. A dita obriga entenderase extinguida cando a paralización se converta en definitiva. Logo de acordo entre as partes, o persoal afectado por esta terminación de obra poderase incluír no regulado para o suposto b). Este suposto non poderá ser de aplicación en casos de paralización por conflicto laboral.

Nos supostos a), b) e c) establécese unha indemnización por cesamento do 4,5% calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio devengados durante a vixencia do contrato.

Os traballadores que formalicen contratos temporais ou de duración determinada ou os que teñen por obxecto a realización dunha obra ou traballos determinados e nos contratos oficiais dos cales non se prevexan indemnizacións terán dereito, unha vez finalizado o contrato correspondente, a percibir unha indemnización por cesamento do 4,5% calculado sobre os conceptos salariais das táboas do convenio devengados durante a vixencia do contrato.

Sexta.-Xubilación especial ós 64 anos. De conformidade co Real decreto 14/1981, dictado en desenvolvemento do ANE e para o caso de que os traballadores con 64 anos cumpridos desexen acollerse á xubilación co cento por cento dos dereitos, as empresas afectadas por este convenio obríganse a substituír cada traballador xubilado ó amparo do citado real decreto por outro traballador perceptor do seguro de desemprego ou xove demandante do

primeiro emprego, mediante un contrato de igual natureza có extinguido.

Será necesario previamente á iniciación de calquera trámite o acordo entre a empresa e o traballador para poderse acoller ó antes estipulado.

Sétima.-Empresas de traballo temporal. As empresas afectadas por este convenio cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal garantirán que os traballadores postos ó seu dispor teñan os mesmos dereitos sociais, laborais e retributivos que lles corresponden ós seus traballadores en aplicación do convenio colectivo provincial de pinturas. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada polo presente convenio.

Oitava.-Pintura industrial de chorreo. A empresa subministrará, polo menos, dúas fundas ó ano e algunha máis, se fose necesario, por deterioración das anteriores. Así mesmo, dotará o chorreador dun escafandro homologado para desenvolve-lo traballo de limpeza mediante proxección de abrasivo seco. Este escafandro estará en bo estado, e terá alimentación de aire protexida mediante filtro con cartucho filtrante para eliminación de aceites e humidade excesiva e, ademais, estará dotado dunha válvula dosificadora que axuste o volume de entrada de aire.

A empresa submistraralle ó operario chorreador, ademais do equipo citado, botas e luvas adaptados ó traballo que vaia realizar. Procurarase que estes equipos persoais sexan utilizados por un só operario, quen devolverá o citado equipo cando abandone a empresas ou estea deteriorado e solicite outro para o seu cambio.

Novena.-O persoal que cese durante o período de prórroga do convenio terá dereito a percibir, como atrasos, o tanto por cento que se determine a primeiros de ano entre a representación sindical e patronal, que terá como base o IPC previsto polo Goberno, calquera que sexa o aumento que se pacte no convenio, e compensable coas retribucións superiores que puidesen ter percibido.

ANEXO I

Táboa salarial/ano 2000

CategoríaSalario

día

Salario

mes

Paga de

verán

Paga de

Nadal

Administrativos:
Xefe de 1ª e peritos155.153220.389220.389
Oficial de 1ª120.623171.355171.355
Oficial de 2ª110.688157.247157.247
Auxiliar99.390141.205141.205
Auxiliar axudantes76.856109.206109.206

Operarios:
Oficial de 1ª2.951126.262126.262
Oficial de 2ª2.892123.697123.697
Axudante2.844121.661121.661
Peón2.741117.281117.281

Salarios: cómputo anual

Período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000

Pesetas ano

Persoal administrativo
Xefe 1ª e peritos2.489.438
Oficial de 1ª1.976.991
Oficial de 2ª1.829.582
Auxiliar1.661.900
Auxiliar axudante1.327.508
Persoal obreiro
Oficial de 1ª1.736.194
Oficial de 2ª1.709.699
Axudante1.641.518
Peóns1.595.155