Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 12 de xullo de 2000 Páx. 10.795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para as industrias do siderometal e talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo para as industrias do siderometal e talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense (código convenio nº 3200305), con entrada nesta delegación provincial o día 18-5-2000, subscrito pola parte económica Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), a Asociación de Concesionarios de Automóviles de Ourense (Acauto) e a Asociación de Instaladores Eléctricos de Ourense (Instalectro), e da parte social as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, todas elas con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 2-5-2000, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade

Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 26 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para as industrias

do siderometal e talleres de reparación

de vehículos da provincia de Ourense para 2000

Capítulo I

Extensión e ámbito do convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio afecta a tódalas empresas radicadas na provincia de Ourense, rexidas pola ordenanza laboral para as industrias siderometalúrxicas, sen outra excepción que as empresas que concertasen ou concerten no futuro un convenio colectivo de ámbito de empresa cos seus traballadores, sempre que as súas condicións sexan superiores globalmente ás deste convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a todo o persoal que preste os seus servicios nas empresas encadradas no ámbito de aplicación, salvo o que realiza traballos de alta dirección ou alta xestión da empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 2000, independentemente da súa publicación no BOP. Será aplicable ata que se asine outro ou outros que o substitúan.

Establécese unha duración dun ano, é dicir, ata o 31 de decembro de 2000, prorrogable tacitamente de ano en ano a partir de 2000 en períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por algunha das partes que o subscribe antes da finalización da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas. Os requisitos formais e efectos da denuncia quedan establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 4º.-Productividade.

O fin primordial deste convenio colectivo é mellora-la productividade das empresas, logrando, ó mesmo tempo, unha elevación das retribucións dos traballadores; como consecuencia da implantación do sistema de organización científica do traballo, debe producirse cos mesmos custos totais e obte-la mesma cantidade de producción cun custo total inferior, resultando de ámbalas maneiras uns beneficios para a comunidade no seu conxunto. Para isto, consecuencia deste convenio, xorde a recomendación ás empresas de que isto sexa posible, para que sigan unha técnica organizativa que as leve a unha total racionalización. O sistema de traballo que se deba empregar será de libre iniciativa da empresa. Non obstante, calquera que sexa o sistema, deberá axustarse ás regras que se sinalan neste convenio, sen prexuízo da súa aprobación pola autoridade laboral competente e representantes dos traballadores.

A actividade normal do traballo é a realizada polo operario medio, que actúa baixo a dirección competente, pero sen estímulo dun sistema de remuneración por rendemento e sen ningunha coacción, isto é, a cantidade de traballo realizado efectivamente por un obreiro capacitado, realizando unha actividade mínima normal equivalente a 4,8 km/h e que foi determinado por unha correcta cronometraxe.

A actividade normal vén determinada por 100 unidades centesimais ou 60 puntos de Bedaux ou polo seu equivalente noutros sistemas de medición que sexan aceptados internacionalmente.

A actividade óptima é a que poida desenvolver un traballador activo adestrado no traballo e que logre nel, con seguridade, o nivel de calidade e precisión fixados pola tarifa. Esta actividade está valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos de Bedaux ou polo seu equivalente. Será sancionable todo traballador que non logre a actividade normal durante 3 días consecutivos ou 5 alternos no período de 30 días. En cada caso, a empresa, para os efectos de sanción, apreciará a gravidade da falta, á vista dos feitos producidos. Así mesmo, será obxecto de sanción o productor que de forma reiterada manteña a actividade inferior á normal.

Establécese, especificamente, que a facultade de organización práctica do traballo lle corresponde á dirección da empresa, trala audiencia e o informe dos representantes dos traballadores, e, en consecuencia, sinálanse, entre outras, as seguintes funcións:

a) Esixencia de actividade normal, fixada polo convenio.

b) Adxudicación do número de máquinas ó traballador a rendemento normal.

c) Mobilidade e cambio de persoa nas empresas, de acordo coas necesidades da organización e de producción, na forma sinalada regulamentariamente. Nas empresas onde non se establezan sistemas de incentivos á actividade normal corresponderá a gratificación de carencia de incentivos deste convenio. Nestas empresas o dito sistema deberá ser aprobado de mutuo acordo entre a dirección e os representantes dos traballadores; non deben aplicarse penalizacións ata 3 meses despois de establecerse, considerándose o mencionado período como de proba. En ningún caso poderá penalizarse a falta de productividade e a falta de puntualidade e asistencia á vez.

Artigo 5º.-Repercusión de prezos.

Faise expresa menciona que as melloras deste convenio terán repercusión no prezo dos productos ou servicios a que esta actividade se refire.

Artigo 6º.-Postos de traballo e categorías profesionais.

Serán as que determinan e clasifican o anexo I.

Artigo 7º.-Traballos de superior categoría.

Tódolos traballadores, no caso de necesidade, poderán ser destinados a traballos de categoría superior co salario que lle corresponda á mencionada categoría. A duración deste cambio non poderá ser superior a 2 meses. Se un traballador ocupa un posto de categoría superior durante 12 meses alternos, consolidará o sala

rio da dita categoría. No mencionado suposto, o traballador pasará á categoría superior, e en todo caso deberá aplicarse o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Diminuídos físicos.

Todo traballador que padeza algunha incapacidade física será destinado a ocupa-los postos de traballo acordes coas súas aptitudes.

Artigo 9º.-Reserva do posto de traballo en caso de invalidez provisional.

Os traballadores que cesasen na empresa por causa de invalidez provisional teñen dereito a ser declarados aptos para o traballo e a ser reintegrados no posto de traballo que con carácter normal ocupaban na empresa na data na que causaron baixa e no posto adecuado ás súas condicións.

Será preciso que o traballador o solicite da empresa dentro do mes seguinte ó da data de declaración de aptitude.

Artigo 10º.-Protección ó embarazo.

Entendémo-lo embarazo como unha función social e non como un tema que afecta unicamente á muller. A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o seu embarazo, un posto de traballo e quenda distinto ó seu, se a prescrición do especialista que atende o seu embarazo así o aconsellase, polo que o comité de saúde laboral ou o representante dos traballadores lle proporá á empresa o cambio de posto de traballo e/ou quenda. Se a empresa se negase, denunciarase á inspección de traballo, que deberá pronunciarse no prazo de 3 días. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación na súa categoría nin mingua nos seus dereitos económicos. Terminada a causa que motivou o cambio, procederase á súa reincorporación ó seu destino orixinal. Ante a imposibilidade de cambio de posto de traballo, a traballadora embarazada pasará a situación de IT tal como se consideraba anteriormente, tralo informe do médico especialista.

Artigo 11º.-Principio de igualdade de oportunidades e de trato.

Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminado ou discriminada por razón de sexo. Tódolos traballadores ou traballadoras teñen dereito ó respecto á súa dignidade e á protección á súa intimidade. Segundo isto, en consonancia coa lexislación vixente, os comités de empresa e os representantes dos traballadores vixiarán o cumprimento das seguintes normas:

a) Que non figure nas condicións de contratación ningún requisito que supoña discriminación por sexo.

b) Que non se produzan diferencias nas denominacións dos postos de traballo en función do sexo.

c) Que ningún traballador ou traballadora poderá ser obxecto de decisións e condicións, ou calquera clase de medidas, que comporten un trato discriminatorio en materia de salarios, promoción conservación do posto de traballo, etc. por razón do seu sexo.

d) Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminado ou discriminada, sancionado ou sancionada, despedido ou despedida por cuestións relativas

á súa intimidade, sempre que non afecten á actividade laboral.

e) Evitarase, na redacción do convenio, a linguaxe sexista.

Capítulo III

Formación e ingreso do persoal

Artigo 12º.-Período de proba.

O período de proba será de 15 días para os seguintes traballadores: peón, especialista, oficial de 3ª, oficial de 2ª e especialista de 1ª. Para as demais categorías haberá que aterse ó establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Rexistro de persoal.

Mantense a obriga de levar un rexistro xeral do persoal dentro de cada empresa. Os modelos de cotización á Seguridade Social serán expostos no taboleiro de anuncios.

Artigo 14º.-Prohibición de discriminación.

Prohíbese toda discriminación por razón de sexo, idade ou nacionalidade dos traballadores en materia salarial de promoción e ascenso.

Artigo 15º.-Situación laboral dos traballadores.

As empresas entregaranlles ós traballadores que o soliciten, dentro dos 10 días seguintes á súa incorporación no traballo, unha copia da acta debidamente dilixenciada polo organismo competente.

Artigo 16º.-Cláusula xeral sobre formación.

As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo se deriva do afastamento da formación profesional, respecto de necesidades auténticas da man de obra, e da carencia dunha formación ocupacional continua para a actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.

A formación profesional, en tódalas súas modalidades (inicial ou continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento máis de significativa validez, que contribúa a logra-la necesaria conexión entre as cualificacións dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego). E, nunha perspectiva máis ampla, ser un elemento dinamizador, que acompañe o desenvolvemento industrial a longo prazo, que permita a elaboración de productos de maior calidade, que favoreza a competitividade das nosas empresas españolas no ámbito internacional e que faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e afondamento dos seus coñecementos e habilidades de modo permanente.

Para estes efectos, as partes sinaladas cren conveniente:

-Realizar por si soas, ou por medio de entidades especializadas, estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra no sector.

-Desenvolver e promove-la aplicación efectiva do artigo 22 do Estatuto dos traballadores, así como dos convenios internacionais, subscritos por España, referentes ó dereito á formación continua, facilitando o tempo necesario para a formación.

-Propor e executar accións formativas nas súas diversas modalidades e niveis, ben sexa con programas, que poidan impartirse nos centros de formación de empresas, ou os que no futuro puidesen constituírse, como a través dos programas nacionais ou internacionais desenvolvidos por organismos competentes.

-Colaborar, segundo as propias posibilidades, ou mediante entidades especializadas, no diagnóstico e deseño dos programas puntuais de formación nas empresas tendo en conta as especificacións e as necesidades concretas, así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.

-Coordinar e segui-lo desenvolvemento da formación en prácticas, dos alumnos que sexan recibidos polas empresas, no marco dos acordos asinados a nivel sectorial ou por empresas.

-Avaliar de forma continuada tódalas accións emprendidas, co fin de revisa-las orientacións, promover novas actividades e autoriza-la definición dos obxectivos da formación profesional.

-Nesta perspectiva, as partes asinantes deste convenio consideran conveniente que as empresas desenvolvan, neste sentido, procesos formativos (diagnósticos, programación, cursos, avaliación) podendo constituírse, nas empresas de máis de 250 traballadores, comisións paritarias de estudio, con obxectivos tales como a avaliación e información sobre o proceso formativo da empresa.

Artigo 17º.-Traballadores en formación laboral.

As relacións laborais entre empresa e traballadores, con contrato para a formación laboral, rexeranse polas seguintes normas:

-Os menores de 16 anos non poderán ser contratados en ningunha empresa.

-Toda a relación laboral con traballadores menores de 18 anos revestirá a forma legal de contrato para a formación laboral, salvo que o traballador dispoña de titulación profesional.

Artigo 18º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor deste convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 19º.-Fomento da contratación indefinida.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada, acollerase ó disposto na alínea b), punto dous, da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación inde

finida, en virtude da cal estes contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 20º.-Empresas de traballo temporal

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten os servicios das ETT, esixiranlles a estas que lles garantan ós traballadores postos á súa disposición as condicións económicas e sociais establecidas no convenio.

Capítulo IV

Retribución do persoal

Artigo 21º.-Salario base.

O salario base por categoría especifícase no anexo I do convenio (1ª columna).

Artigo 22º.-Complemento persoal por antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade continúa fixado en quinquenios do 6% sobre o salario base.

Artigo 23º.-Gratificación de carencia de incentivos.

Para as empresas que non teñan regulada a retribución do traballador en función do rendemento, establécese o aboamento da gratificación de carencia de incentivos, como prima de productividade e asistencia. Esta gratificación aboarase mensualmente.

O dereito a percibir esta gratificación perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:

-O 25% da gratificación correspondente ó salario de 1 día por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia neste tipo de falta gravarase co 50%.

-O 75% da gratificación correspondente ó salario do día 1 por falta de puntualidade superior a 5 minutos e ata media hora.

-O 100% por máis de media hora, sen chegar ó día completo.

-O correspondente a 2 días por cada falta de asistencia.

Abandona-lo traballo antes da hora sinalada, non incorporarse á hora xusta de empezar e as interrupcións inxustificadas considéranse como faltas de puntualidade para estes efectos.

A gratificación de carencia de incentivos aboarase pola 2ª columna da táboa salarial e por día efectivo de traballo. Para os efectos de percepción da gratificación, o sábado entenderase como día efectivamente traballado.

Artigo 24º.-Traballo da muller.

Se a realización de tarefas consideradas tóxico-penosas, molestas ou insalubres, afectasen á situación de embarazo ou maternidade, terán que ser excluídas para a muller.

Artigo 25º.-Gratificación de traballos especiais.

As porcentaxes que se aboarán por tales traballos regulados na ordenanza laboral serán do 25, 30 e 35 por cento.

Artigo 26º.-Gratificación do xefe de equipo.

De acordo co establecido no artigo 79 da ordenanza laboral do siderometal, o xefe de equipo percibirá unha gratificación consistente nun 20% sobre o salario base da súa categoría.

Artigo 27º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse de acordo co establecido na ordenanza laboral do siderometal. En canto á contía, serán aboadas segundo nómina mensual normal e faranse efectivas o 15 de xullo e o 15 de decembro.

Artigo 28º.-Servicio militar.

Durante o tempo que se preste o servicio militar voluntario ou obrigatorio, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo, que se estenderá ata 30 días despois de licenciado, e a percibi-las pagas extras na mesma contía que se estivese traballando.

Artigo 29º.-Gratificación de nocturnidade.

Aboarase a dita gratificación cun 25% sobre o salario base, conforme o disposto na ordenanza laboral do siderometal.

Artigo 30º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio consideran que a reducción de horas extraordinarias é unha vía adecuada para a creación de emprego e coinciden na recomendación de reducilas.

Poderanse realizar horas extraordinarias motivadas por forza maior e estructurais, entendéndose estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou as de carácter estructural derivadas da natureza do traballo que se trate ou mantemento. Todo isto sempre que non poida ser substituído por contratacións temporais ou a tempo parcial, previstas na lei. A realización das mencionadas horas notificaráselle mensualmente á autoridade laboral, conxuntamente por empresa e comité ou delegados do persoal, de se-lo caso.

Tamén, en relación co obxectivo de estimula-la creación de emprego a través de reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento deste artigo será considerado falta grave para os efectos do estatuto.

Artigo 31º.-Incapacidade temporal.

Durante o período que o traballador afectado por este convenio estea de baixa como consecuencia de accidente laboral ocorrido na empresa durante as horas de traballo ou nos desprazamentos que se efectúen fóra do lugar habitual deste, por necesidades da empresa e polo tempo indispensable de ida e volta, excluíndose o accidente in itinere, este percibirá o 100% do seu salario, debendo aboar, en consecuencia a empresa, a diferencia, é dicir, o 25% restante.

Igualmente o traballador terá dereito ó 100% do seu salario no caso de hospitalización durante o tempo que dure calquera clase de IT. Neste suposto de hospitalización inclúese o accidente in itinere.

Así mesmo, no caso de accidente fóra da xornada laboral, os traballadores terán dereito ó 100% do seu salario, mentres dure a hospitalización, ata un máximo de 30 días.

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

As empresas entregarán, desde o 1º día de traballo, as pezas de roupa de protección e hixiene necesarias, segundo a lexislación vixente. O persoal obreiro per

cibirá 2 fundas ou pezas semellantes ó entrar no traballo por 1ª vez e 1 máis cada 6 meses.

Capítulo V

Xornada de traballo e vacacións

Artigo 33º.-Xornada de traballo e horarios.

A xornada de traballo durante a vixencia deste convenio será de 40 horas semanais. Esta xornada será, en cómputo anual, de 1.792 horas.

Para adapta-la xornada laboral efectiva ó mencionado cómputo anual, corresponden 2 días libres. Para estes efectos serán inhábiles no sector, o 17 de maio; para o desfrute do segundo día libre decídese que debe haber acordo entre empresa e o traballador. No seu defecto, os traballadores poderán elixir un dos dous seguintes: o 24 de xullo ou o 14 de agosto. Este día libre poderá desfrutarse sempre que se asegure que no centro de traballo permanecerá o 50% do cadro de persoal como mínimo, todo isto co fin de evita-lo peche dos centros de traballo nas ditas datas.

Dentro do concepto de traballo efectivo entenderanse comprendidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas, como descanso ou outras interrupcións, cando por normativa legal un acordo entre partes ou por propia organización se entendan integradas na xornada diaria de traballo. A este respecto establécese un período mínimo de 15 minutos.

O horario establécese de luns a venres agás en empresas con 3 quendas e que teñan necesidade de compensación de horas. Neste caso poderase traballa-lo sábado ata compensa-la xornada.

Artigo 34º.-Vacacións.

As vacacións consistirán no desfrute de 30 días naturais. O salario que se percibirá durante as vacacións será igual á dunha nómina normal do mes. Desfrutarase, preferentemente nos meses de xuño, xullo e agosto, confeccionando o calendario nos tres primeiros meses do ano, antes do 31 de marzo. O traballador deberá coñecer, en todo caso, o mencionado calendario con dous meses de antelación á data do seu desfrute.

No caso de que o traballador estea de baixa antes do desfrute das vacacións, estas posporanse, fixándose un novo período. No caso contrario se a baixa se producise durante o seu desfrute, estas seguirán correndo ata que se cumpra o período correspondente.

Capítulo VI

Gastos de locomoción manutención e estadía

Artigo 35º.-Desprazamento e axudas de custo.

Se por necesidade e conveniencia da empresa se tiver que despraza-lo traballador para prestar traballos a outros centros, o tempo que se empregue no desprazamento, desde o seu centro de traballo ata aquel que non deba presta-los seus servicios, deberá coincidir coa xornada establecida.

Se como consecuencia dun desprazamento, tivese que iniciarse a viaxe antes de dar comezo á súa xornada, ou se como consecuencia do seu regreso ó punto de partida este se producise unha vez pasada a hora oficial de terminación da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso da xornada como horas extraordinarias.

O importe da axuda de custo completa será de 3.560 pesetas e o da media axuda de custo de 1.695 pesetas. Tamén se poderá establecer, no lugar das axudas de custo anteriores, o sistema de gastos para xustificar.

As empresas de nova instalación e as que nun futuro se trasladen ó seu centro de traballo fóra do núcleo urbano aboaranlles ós traballadores o importe do desprazamento que se realice en autobús público, ou ben facilitarán o medio de transporte para o traslado dos traballadores ó centro de traballo, tanto de ida como de volta.

Capítulo VII

Prestacións especiais

Artigo 36º.-Premio de compensación por antigüidade.

Os traballadores que causen baixa na empresa a partir dos 60 anos e ata os 65 terán dereito ó desfrute de vacacións retribuídas. Se a baixa se producise ós 60 anos as vacacións terán unha duración de 6 meses, reducíndose un mes por cada ano, ata alcanza-los 65.

Os traballadores que cesen ós 65 anos de idade percibirán un mes de vacacións retribuídas. Se cumpridos os 65 anos de idade e seis meses non solicitase a xubilación, o traballador perderá o dereito a desfrutar deste complemento.

Estas cantidades serán calculadas sobre salario real. Para a súa recepción deberán solicitarse no prazo de 3 meses desde o cumprimento da idade correspondente.

O desfrute destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu cesamento efectivo, debendo o traballador comunicar de forma constatable a súa decisión á empresa. Esta faralle entrega ó traballador que solicite o premio de vacacións dun certificado acreditativo do seu desfrute, no que constará o número de meses ós que se ten dereito.

Artigo 37º.-Seguro colectivo.

As empresas deberán concertar con primas íntegras ó seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente de traballo ou común, ou enfermidade profesional: 4.500.000 ptas.

-Invalidez permanente absoluta para todo traballo, invalidez permanente total e grande invalidez, derivadas de accidente laboral ou común ou enfermidade profesional: 4.500.000 ptas.

Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguro establecida neste artigo deberá concertarse no prazo de 1 mes a partir da contratación do traballador.

Capítulo VIII

Permisos, licencias, faltas e sancións

Artigo 38º.-Permisos e licencias.

No caso de matrimonio do traballador 15 días.

No parto da esposa 4 días.

Por parto da muller traballadora, segundo a lexislación vixente.

Por morte ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos, o tempo indispensable, como mínimo 2 días.

Por morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos, 2 días.

Por morte de tíos políticos 1 día.

Por exames, o tempo necesario con xustificación.

Por consulta médica, o tempo necesario con xustificación

En caso de que o feito causante ocorra fóra da provincia, corresponderalle un día máis.

O traballador que teña ó seu cargo algún diminuído físico ou psíquico terá dereito a unha reducción da xornada de, polo menos, un tercio coa correspondente reducción salarial.

Artigo 39º.-Réxime disciplinario.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade das traballadoras e traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, tódalas recollidas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988. Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa afectada e/ou sobre persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo. O comité de empresa, xunta de personal, sección sindical ou representantes dos traballadores/as, e a dirección do persoal de empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa identidade.

Os/as traballadores/as afectados por esta situación terán dereito a cambio de posto de traballo sempre que o soliciten.

Artigo 40º.-Competencia do comité de empresa e delegados de persoal.

O comité de empresa terá as seguintes competencias, segundo o disposto no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

1. Recibir información que lle será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a situación da producción e vendas da entidade, sobre o programa de producción e evolución probable do emprego na empresa.

2. Coñece-lo balance, as contas de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma xurídica de sociedade por accións ou participacións, dos demais documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións que a estes.

3. Emitir informe con carácter previo á execución por parte da empresa das decisións adoptadas por este sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais, daquela.

b) Reducción da xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Plans de formación profesional na empresa.

d) Implantación ou revisión dos sistemas de organización e control do traballo.

e) Estudio de tempos, establecementos de primas ou incentivos ou valoración de postos de traballo.

4. Emitir informe cando a fusión, absorción e modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

5. Coñece-los modelos de contratos de traballo escritos que se utilicen na empresa, así como os documentos relativos á terminación da relación laboral.

6. Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas graves.

7. Coñecer trimestralmente, polo menos, as estatísticas de índices de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, e os estudios periódicos ou especiais do ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se empreguen.

8. Exercer un labor de vixilancia das normas laborais de Seguridade Social de tódolos pactos, condicións e usos das empresas exercendo as accións legais oportunas, así como nas condicións de seguridade e hixiene.

9. Colaborar coa dirección para conseguir cantas medidas leven ó incremento da productividade.

10. Informa-los seus representados de todo o estipulado neste convenio.

11. Por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores, poderanse acumular trimestralmente as horas sindicais que marca a Lei 8/1980, do 10 de marzo.

Artigo 41º.-Candidatos ás eleccións sindicais.

As empresas facilitarán o proceso electoral tal e como se menciona na normativa ó respecto. Así mesmo, non poderán tomar represalias contra ningún traballador que se presente como candidato ás eleccións, por motivo da presentación da candidatura.

Capítulo IX

Saúde laboral e condicións de traballo

Artigo 42º.-Plan de prevención.

Todo centro de traballo será dotado dun plan de prevención con vixencia anual ou plurianual, así como dos servicios técnicos necesarios en función das características dos riscos laborais presentes no centro, para a realización deste.

As representacións legais dos traballadores e das organizacións asinantes participarán na súa elaboración, seguimento e avaliación.

Este plan levará consigo:

-A elaboración de mapas de risco.

-A determinación dos riscos existentes, a súa gravidade e extensión.

-A fixación de obxectivos preventivos.

-A determinación de recursos humanos e económicos para levalo a cabo.

-Os prazos ou as fases do seu desenvolvemento.

-A forma de intervención sindical na súa elaboración, control e avaliación.

-Un plan complementario de formación dos traballadores e os seus representantes.

No caso de centros de traballo moi pequenos, este plan poderá establecerse para varios centros pertencentes a empresas ou sectores de actividade similares: neste caso, participarán as centrais sindicais asinantes.

Artigo 43º.-Comités de saúde, seguridade e condicións de traballo.

En todo centro de traballo de máis de 50 traballadores do cadro constituirase un comité de saúde, seguridade e condicións de traballo que estará formado polos delegados de prevención e polo mesmo número de representantes do empresario, sendo a actuación deste órgano colexiada. Este será un órgano de participación e diálogo continuo para elaborar, controlar e avalia-los plans ou programas de prevención, así como o control dos servicios de prevención internos e externos á empresa.

Artigo 44º.-Avaliacións ambientais.

Todo posto de traballo con risco de exposición a axentes químicos ou físicos deberá ser avaliado nun prazo non superior a 6 meses. Os resultados desta avaliación deben ser comunicados ós traballadores afectados e ós delegados de prevención, así como quedar convenientemente arquivados.

Ata que non existan valores europeos e/ou nacionais, os valores límites a partir dos cales se deberán aplicar medidas correctoras serán os utilizados polo Instituto Nacional da Seguridade e Hixiene no Traballo e os gabinetes provinciais de seguridade e hixiene.

Artigo 45º.-Comité de seguridade e hixiene no traballo.

As empresas obrigarán ó cumprimento inescusable das normas da seguridade e hixiene no traballo, en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias de urxencia, duchas etc. de conformidade coa ordenanza de seguridade e hixiene no traballo vixente.

Para tal efecto designaranse vixilantes de seguridade e hixiene que estarán compostos polos seguintes membros.

-Empresas de 0 a 25 traballadores: 1 membro.

-Empresas de 25 a 50 traballadores: 2 membros.

-Empresas de 50 a 100 traballadores: 4 membros.

-A partir de 100 traballadores. constituirase un comité de seguridade e hixiene.

O comité será elixido por tódolos traballadores do cadro.

As funcións do comité de seguridade e hixiene serán asegurarse os dereitos dos traballadores en canto ó traballo fixadas pola lei ou convenio entre partes. Os membros do comité non terán dereito ás horas sindicais retribuídas. Os membros do comité de seguridade e hixiene terán dereito a asistir ós cursos que sexan convocados para o efecto polo gabinete provincial na forma e efectos que este determine.

Capítulo X

Disposicións varias

Artigo 46º.-Excedencia.

Poderán solicitar excedencia tódolos traballadores que leven como mínimo un ano ó servicio da empresa. A duración da excedencia poderá ser de 1 ano a 5 anos. A petición de excedencia farase por escrito cun mes de antelación, e será resolta pola empresa afirmativamente cando non se cubrise cun contrato de interinidade. Nos demais casos haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 47º.-Seccións sindicais.

Naquelas empresas de 50 ou máis traballadores, de acordo entre empresa e os seus traballadores, poderá acordarse a constitución de seccións sindicais na modalidade que estas acorden o acordo coa Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 48º.-Revisión médica.

En tódalas empresas afectadas por este convenio, efectuarase unha revisión médica anual para tódolos traballadores. Estas revisións serán por conta da mutua correspondente ou da propia Seguridade Social.

Artigo 49º.-Liquidacións.

Todo traballador, ó cesar na empresa, poderá somete-lo recibo de liquidación ou documento que poña fin á relación laboral, antes de asinalo, á supervisión do comité de empresa ou delegado de persoal e, no seu lugar, á do sindicato ó que estea afiliado.

Artigo 50º.-Comisión mixta paritaria.

A comisión mixta paritaria estará integrada por 6 representantes dos traballadores e 6 representantes dos empresarios, que designarán entre si dous secretarios.

Cada parte poderá designar asesores permanentes ou ocasionais.

1. Funcións de interpretación: a comisión poderá acorda-la designación dun ou máis árbitros externos para a solución dun conflicto determinado. Tamén poderá delega-las súas funcións en comisións provinciais ou locais dentro do mesmo ámbito do convenio.

A comisión deberá mediar, conciliar e arbitrar coñecendo e dando solución a cantas cuestións e conflictos colectivos lles sexan sometidos ás partes.

As cuestións e conflictos serán expostos á comisión paritaria a través das organizacións empresariais e sindicais asinantes do convenio. Os conflictos colectivos, ou o intento de solución das diverxencias laborais a través da comisión paritaria, terá carácter preferente sobre calquera outro procedemento, constituíndo trámite preceptivo, anterior e inescusable para o acceso á vía xurisdiccional nos conflictos que xurdan, directa ou indirectamente con ocasión de interpretación ou aplicación do convenio colectivo.

2. Funcións de vixilancia: as empresas están obrigadas a facilitar aquela información que, por solicitude de polo menos o 25% dos membros da comisión paritaria, se lles requira sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento das disposicións deste convenio.

-Subcontratación.

-Economía somerxida.

Artigo 51º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio poderán ser compensadas e absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal, en cómputo anual excepto que expresamente se pacte o contrario. Todo isto segundo o disposto en O.M. do 22-11-1973, no seu artigo 10, punto 2º que desenvolve o Decreto 2380/1973 sobre ordenación do salario.

Garantía ad personam. As retribucións salariais totais que no momento de asinar este convenio teñan establecidas as empresas afectadas por este, serán respectadas na súa totalidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-O aumento deste convenio para 2000 será dun 3,30% en tódolos conceptos retributivos a 31-12-1999 (salario base e gratificación de carencia de incentivos); quedan exceptuadas as axudas de custo que xa quedaron fixadas anteriormente.

Segunda.-Os atrasos derivados deste convenio serán aboados na nómina do mes seguinte ó da súa publicación.

Este convenio é asinado pola Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), a Asociación de Concesionarios de Automóviles de Ourense (Acauto) e a Asociación de Instaladores Eléctricos de Ourense (Instalectro). Pola parte sindical, as centrais UGT, CC.OO. e CIG, todas elas con capacidade e lexitimidade suficiente de conformidade co artigo 87 do ET.

Cuarta.-Ascensos. Co fin de promove-la formación dos traballadores e o ascenso de categorías, a comisión paritaria deste convenio elaborará no prazo máximo de 2 meses un plan de ascensos para o sector, baseado en anos de traballo no oficio e na superación dunhas probas, exames-teórico-prácticas, que a comisión paritaria elaborará para cada subsector de siderometalúrxica.

Quinta.-As partes asinantes deste convenio comprométense a elaborar durante a súa vixencia un plan de actuación de cara á formación dos traballadores, consistente fundamentalmente en facer un estudio da realidade do sector en canto ás necesidades deste, mellora de productividade, cursos de formación, áreas que comprenderá, reciclaxe, tecnoloxía punta e todos aqueles aspectos que eleven a cualificación técnica tanto dos traballadores como das empresas.

Sexta.-No non previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral de traballo para as industrias de siderometalúrxica e talleres de reparación de vehículos, que ámbalas partes acordan manter como lexislación subsidiaria para o non previsto no Estatuto dos traballadores.

Sétima.-A comisión paritaria deste convenio comprometerase, a partir do 20 de xaneiro do ano 2001, a reunirse co fin de trata-lo artigo relativo ó tema da antigüidade e outros asuntos de interese para as partes.

Táboa salarial

Grupo e categorías profesionaisSalario baseGratificación

de carencia

de incentivos

Persoal obreiro

Peón3.192837

Lavador-engraxador3.192837

Especialista3.197876

Oficial 3ª3.204908

Oficial 2ª3.205966

Oficial 1ª3.2081.108

Oficial 1ª montador3.2081.186

Traballador menor de 18 anos1.908481

Persoal subalterno

Almaceneiro3.192837

Probador3.211966

Listeiro3.204908

Recepcionista3.192837

Pesador de básculas3.192837

Vixilante3.192837

Ordenanza3.192837

Porteiro3.192837

Conserxe3.192837

Chofer turismo3.205966

Chofer camión3.2081.112

Dependente auxiliar maior 25 anos3.204908

Dependente principal maior 25 anos3.204908

Telefonista3.212908

Persoal técnico

Mestre taller4.0061.197

Xefe taller4.0071.404

Contramestre4.0071.197

Encargado4.0071.197

Titulado medio4.0071.404

Titulado superior4.1931.478

Delineante proxectista3.6401.404

Delineante 1ª3.6321.104

Delineante 2ª3.2081.108

Calcador reproductor3.204908

Técnico de laboratorio3.6401.197

Analista3.6401.197

Persoal administrativo

Auxiliar administrativo3.204908

Oficial administrativo 1ª3.2081.108

Oficial administrativo 2ª3.205966

Xefe administrativo 1ª3.2081.186

Xefe administrativo 2ª3.2081.112

Caixeiro3.205966

Xefe de almacén3.2081.112

Xefe de contabilidade3.2081.186

Grupo e categorías profesionaisSalario baseGratificación

de carencia

de incentivos

Viaxante e vendedor3.204908

Xefe de laboratorio4.0071.404

ATS4.0071.404