Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 07 de xullo de 2000 Páx. 10.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Maviva, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Maviva, S.A., con nº de código 3003262, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-5-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación a empresa, e a parte social polo delegado de persoal (UGT), con data do 27-4-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de maio de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Maviva, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as condicións ás que se terán que axusta-las relacións laborais entre a empresa Maviva, S.A. e os seus traballadores, tanto os actuais como aqueles que nun futuro se poidan incorporar.

A actividade da empresa Maviva, S.A. consiste en recibir, almacenar e distribuír mercadorías alleas, segundo instruccións recibidas dos propietarios desas mercadorías.

Ámbito territorial do convenio: os centros de traballo situados na provincia de Pontevedra.

Artigo 1.2º.-Adhesión ó convenio.

Poden adherirse á totalidade deste convenio colectivo as empresas e os seus traballadores, sempre que a súa actividade sexa algunha das comprendidas no artigo 1º.

Artigo 2º.-Vixencia e efectos económicos.

Con independencia da data en que se asine, este acordo terá vixencia e efectos económicos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do ano 2000. En caso de non efectuarse denuncia por algunha das partes, o acordo prorrogarase de maneira automática en tódolos seus termos por un prazo dun ano e así sucesivamente mentres non se faga a correspondente denuncia.

A denuncia deberá presentarse cunha antelación mínima de tres meses da data de expiración do prazo de vixencia ou de calquera das súas prórrogas anuais, se non fose denunciado na súa vixencia ordinaria. No suposto de prórroga do prazo de vixencia, establécese a revisión automática da táboa salarial tomando como referencia o IPC do último ano.

Artigo 3º.-Condicións e compensación por melloras.

A empresa respectará as condicións máis beneficiosas de que viña desfrutando o persoal, incorporadas no seu contrato individual.

O conxunto das condicións pactadas neste convenio absorberá e compensará aquelas melloras que puidesen establecerse polas disposicións legais ou convencionais vixentes en cada momento.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen o carácter de mínimas e son as que figuran nas táboas salariais anexas.

Artigo 4º.-Definición das categorías profesionais.

Neste artigo defínense as categorías profesionais que agrupan as diversas tarefas e funcións que se realizan no ámbito funcional deste convenio:

* Licenciado: é o que desempeña cometidos para o exercicio dos cales se esixe ou require o seu título

de doutor, licenciado ou enxeñeiro, en calquera dependencia ou servicio da empresa.

* Diplomado: é o que desempeña cometidos para o exercicio dos cales se esixe ou require o seu título académico de grao medio, en calquera dependencia ou servicio da empresa.

* Operador loxístico de primeiro ano: é a persoa que realiza e asume as responsabilidades de xestión, recepción, entrega e as reclamacións das mercadorías por parte dos clientes; así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operador loxístico: é a persoa que realiza as mesmas funcións que o operador loxístico de primeiro ano, a partir do segundo ano de permanencia na empresa, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Auxiliar administrativo de primeiro ano: é a persoa que no seu primeiro ano efectúa labores auxiliares. Estes labores poden ser de: arquivo, distribución de correspondencia, punteos, xestións preestablecidas' presentación de documentos ante organismos oficiais e calquera outro de similares características, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores. Pode utilizar para o desenvolvemento do seu traballo máquinas auxiliares de oficina.

* Auxiliar administrativo: é a persoa que realiza as funcións do auxiliar administrativo de primeiro ano, a partir do segundo ano de permanencia na empresa, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Oficial administrativo: é a persoa que desempeña as funcións do auxiliar administrativo e ademais desenvolve as funcións de administración inherentes á execución práctica desas tarefas, así como as encomendadas polos seus superiores.

* Coordinador de almacén: é a persoa que pode realiza-las funcións do operario de 1ª e do operario e ademais realiza:

a) Tarefas de coordinación entre varios equipos, quendas e centros de traballo.

b) Mantemento xeral dos medios de producción.

c) Así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario de 1ª: é a persoa que realiza as funcións do operario, e ademais ten:

a) Capacidade de formar outros operarios.

b) Responsabilidade de quendas e/ou equipos.

c) Así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario: é a persoa que realiza as seguintes funcións:

a) Tarefas do día a día.

b) Tarefas de mantemento.

c) Recepción e transporte.

d) Estiba e expedición.

e) Así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Axudante de operario: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu terceiro ano de servicios na empresa, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario de 2º ano: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu segundo ano de servicios na empresa, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polo seus superiores.

* Operario de primeiro ano: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu primeiro ano de servicios na empresa, así como tódalas inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

Artigo 5º.-Traballo en distinta categoría profesional.

O persoal afectado por este convenio de empresa poderá ser destinado, con carácter provisional á realización de funcións distintas ás súas específicas, sempre e cando non supoñan diminución da retribución salvo os complementos funcionais. Cando as funcións distintas ás súas específicas correspondan a unha categoría superior, os traballadores terán dereito á retribución da categoría superior durante o tempo que as realicen.

Artigo 6º.-Ascensos.

Os ascensos suxeitaranse ás seguintes regras:

a) Vacantes establecidas pola empresa.

b) O operario de primeiro ano polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de operario de 2º ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

c) O operario de 2º ano polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de axudante de operario, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

d) O axudante de operario polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de operario, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

e) Os operarios pasarán a operarios de 1ª mediante a realización das probas de ascensos que convoque a empresa para cubri-las vacantes existentes na citada categoría, acreditando os meritos de capacidade organizativa e formativa.

f) O operador loxístico de primeiro ano pasará a operador loxístico polo transcurso do período de 1 ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

g) O auxiliar administrativo de primeiro ano pasará a auxiliar administrativo polo transcurso do período de 1 ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

Artigo 7º.-Cesamentos voluntarios.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da demisión.

O persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha antelación mínima de 15 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorra o prazo sinalado neste artigo. O abandono do posto de traballo, sen que transcorrese o prazo sinalado, será penalizado cunha deducción equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, lle correspondese o cesamento.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada máxima no seu cómputo anual será de 1.784 horas, e o 24 e 31 de decembro serán preferentemente de descanso. A xornada distribuirase fundamentalmente en tres quendas:

a) Quenda de mañá: das 6 a 14 horas.

b) Quenda de tarde: das 14 a 22 horas.

c) Quenda de noite: das 22 a 6 horas.

Tanto en almacén como en oficinas existen xornadas partidas a quendas. Por necesidades da producción que impón a unidade productiva, as quendas poden ser obxecto de modificación, logo de comunicación ó delegado de persoal.

As partes asinantes deste convenio manifestan a intención de proceder á substitución da realización de horas extraordinarias por novas contratacións.

Artigo 9º.-Paz social.

Os traballadores declaran coñecer, debido á especialidade da actividade desenvolvida pola empresa, con mercadorías de terceiros destinados a unidades de producción en serie de vehículos, que a paralización da actividade laboral, por causa non fundamentada, pode orixinar, debido ó custo económico, a perda total da súa actividade.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, que se desfrutarán nun ou dous períodos. Desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño e setembro, 15 días obrigatoriamente nesas datas e os outros 15 días tamén se desfrutarán, preferentemente, neses meses, sempre tendo presentes as necesidades da empresa.

O calendario de vacacións fixarase na empresa, cunha antelación de dous meses ó comezo do seu desfrute, para o coñecemento dos traballadores.

Artigo 11º.-Licencias.

O persoal, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos e durante o tempo máximo que a continuación se especifican:

* 15 días naturais en caso de matrimonio.

* 1 día natural por traslado do domicilio habitual.

* 3 días naturais en caso de falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Este prazo será de 5 días no suposto de desprazamento fóra de Galicia.

* 3 días naturais en caso de nacemento de fillo/a.

* 1 día natural en caso de falecemento de tíos e sobriños, cando o parentesco sexa por consanguinidade.

* Polo tempo imprescindible e necesario, o traballador poderá dispor de ata 4 días naturais ó ano por necesidade de atender asuntos persoais que non admitan demora. Esta última licencia, xustificada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

* Todo o anteriormente disposto neste artigo será de aplicación para as parellas de feito suficientemente acreditadas.

Artigo 12º.-Excedencia por maternidade.

As/os traballadoras/es que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano con reserva ó posto de traballo, contado desde a terminación do descanso por maternidade a que se refire o Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a este, unha vez finalizada a excedencia, sempre que soliciten o reingreso cun mes de antelación ó seu remate. Este dereito estenderase ós supostos de adopción como os supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo. No demais é de aplicación a Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

Artigo 13º.-Servicio militar ou servicio social substitutorio.

O persoal suxeito a este acordo terá dereito a que se lle reserve o posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar (SM) ou o servicio social substitutorio (SSS) sempre e cando cumpra os seguintes requisitos:

-Notificará por escrito a suspensión do seu contrato para incorporarse ó SM ou SSS cunha antelación mínima de tres meses.

-Solicitará por escrito a súa reincorporación á empresa cunha antelación mínima de tres meses antes da data de finalización do SM ou SSS.

-Reincorporarase ó seu posto de traballo dentro dos quince días seguintes á data de finalización do SM ou SSS.

O incumprimento de calquera dos tres requisitos anteriores causará a perda de todo dereito por parte do traballador á súa reincorporación na empresa.

Artigo 14º.-Salario.

A estructura salarial queda configurada da seguinte forma:

a) Salario base: que absorbe os antigos conceptos de productividade, parte do complemento de transporte e as retribucións á conta dos exercicios 1998 e 1999. Retribúese en doce mensualidades e dúas pagas extras.

b) Complemento de responsabilidade: retribúese en doce mensualidades.

c) Complemento de transporte: retribúese en doce mensualidades.

d) Antigüidade: retribúese cun 5% do salario base dos traballadores afectados.

e) Horas extraordinarias.

f) Complemento de nocturnidade.

Os importes son os que figuran na táboa anexo I.

Artigo 15º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá. A hora nocturna retribuirase nun 35% máis que a hora normal naqueles traballadores que, sendo da quenda diurna, pasen a traballar á quenda nocturna.

Aqueles traballadores que sexan contratados especificamente para traballar na quenda nocturna percibirán un 25% máis sobre o salario base que lles corresponda.

Artigo 16º.-Gratificacións.

Os traballadores incluídos neste convenio percibirán as seguintes gratificacións extraordinarias:

1ª Entre o 10 e o 25 de xullo, trinta días de salario base máis a antigüidade; o devengo producirase entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño.

2ª Entre o 10 e o 20 de decembro, trinta días de salario base máis a antigüidade; o devengo producirase entre o 1 de xullo e o 31 de decembro.

Artigo 17º.-Antigüidade.

Calcularanse sobre os salarios base que figuran na táboa anexa. Esta antigüidade contarase a partir do ingreso na empresa, sen que o ascenso de categoría supoña perda da adquirida.

A antigüidade será recoñecida por cuadrienios e retribuirase co 5% do salario base dos traballadores afectados.

Artigo 18º.-Complemento de responsabilidade.

Para os operarios de 1ª que teñan responsabilidade sobre un grupo de ata 5 persoas, de máis de 5 e menos de 10, e de máis de 10 persoas terán dereito a recibir un complemento de responsabilidade funcional de 5.000; 10.000; e de 20.000 pesetas respectivamente que percibirán mensualmente en tanto en canto realicen esas funcións. O traballador responsable dun centro de traballo periférico á sede central da empresa situado na zona franca recibirá un complemento de responsabilidade de 5.000 pesetas.

Artigo 19º.-Axuda de custos.

O persoal que teña que realizar algunha comisión de servicio fóra do centro habitual de traballo terá dereito a recibir anticipos á conta polos gastos que terá que soportar. Posteriormente, o traballador entregaralle á empresa os xustificantes correspondentes a estes gastos. Non obstante, a empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de hospedaxe e manutención do traballador en substitución do aboamento das axuda de custos en efectivo.

O aboamento por quilometraxe en comisión de servicio será de 35 pesetas/km.

Artigo 20º.-Complemento por IT.

A prestación por IT derivada de calquera continxencia complementarase por conta da empresa ata o 100x100 das retribucións salariais.

Artigo 21º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores afectados por este acordo terán o dereito e a obriga de someterse a un recoñecemento médico unha vez ó ano na data que a empresa determine. A utilización dos datos obtidos no recoñecemento médico estarán sometidos ó regulado pola lei nesta materia O custo deste recoñecemento médico será por conta da empresa.

Artigo 22º.-Réxime sancionador.

Principio de ordenación:

1. Estas normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contractual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa gradación que se establece neste capítulo.

3. Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

4. A falta, sexa cal fose a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador.

5. A imposición de sancións por faltas moi graves seralles notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houber.

Artigo 23º.-Gradación das faltas.

1. Consideraranse faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun día durante o período dun mes.

c) A non-comunicación coa antelación previa debida da inasistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que iso non causase risco á integridade das persoas ou prexuízo da empresa, caso no que poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioracións leves nel.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

2. Consideraranse faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous ou catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do previsto na letra d) do número 3.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída ó traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidentes para as persoas, caso no que serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando diso se derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización, sen o oportuno permiso, de traballos particulares durante a xornada, así como o

emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afectar ó proceso productivo ou á prestación do servicio que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non se derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

m) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

n) As ofensas de palabras proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

o) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

3. Consideraranse faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada en entrada ou saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano, debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para as empresas.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non-utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

m) As derivadas dos puntos 1 d) e 2 l) e n) deste artigo.

n) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, mesmo de distinta natureza, durante o período dun ano.

Artigo 24º.-Sancións.

1. As sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas enumeradas anteriormente son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión do emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de catorce días a un mes, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas poidan facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumpri-los prazos de dous, catro ou oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Artigo 25º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós 10 días; as graves ós 20 días, e as moi graves ós 60 días a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós 6 meses de se cometeren.

Artigo 26º.-Seguridade e saúde laboral.

Formación e crédito horario do delegado de prevención:

Este epígrafe ten como fundamento o desenvolvemento das funcións que á negociación colectiva concede a disposición sétima do R.D. 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, na que se di que en negociación colectiva poderán establecerse os criterios polos que se decida o tempo e os medios de que se disporán para o desempeño da súa actividade os traballadores designados polas empresas e os delegados de prevención en canto a planificación e formación en materia preventiva.

Así pois, establécese que no suposto de que a empresa non estea obrigada e non opte pola constitución dun servicio de prevención propio ou mancomunado, nin recorra a un servicio de prevención alleo, e coa excepción de que o empresario poida asumir persoalmente a actividade de prevención, o delegado de prevención recibirá a mesma formación que os traballadores designados pola empresa para ocuparse da actividade preventiva.

A formación mínima, neste caso, será a sinalada no artigo 34 do Regulamento como funcións do nivel básico, co contido sinalado na letra B) do anexo IV do mencionado Regulamento dos servicios de prevención.

A formación deberá ser facilitada polo empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia e, deberán adaptarse á avaliación dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fose necesario.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo para tódolos efectos e o seu custo non poderá recaer en ningún caso sobre o delegado de prevención.

O tempo utilizado no desenvolvemento das súas funcións polo delegado de prevención, como indica o artigo 37 da LPRL, estará incluído no crédito horario que lle corresponda pola súa condición de representante legal dos traballadores; non obstante, non se lle imputará ó citado crédito horario o tempo empregado nos seguintes cometidos:

-As reunións convocadas polo comité de seguridade e saúde.

-As reunións convocadas polo empresario en materia de prevención.

-Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do ambiente de traballo.

-Acompaña-los inspectores de traballo nas visitas que realicen ós centros de traballo para comproba-lo cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-As visitas ós centros de traballo para coñece-las circunstancias que desen lugar a un dano na saúde dos traballadores unha vez que o empresario informase de tal acontecemento. En tal caso, os delegados de prevención deberán emitir informe detallando as características da visita efectuada e unha copia deste seralle entregada ó empresario.

Formación xeral sobre prevención de riscos laborais:

Tal e como se especifica no artigo 19 da LPRL, deberase garantir que cada traballador reciba unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación como cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo.

A formación centrarase no posto de traballo ou función de cada traballador, adaptarase á evolución dos riscos, e repetirase periodicamente cando sexa necesario.

En virtude do exposto, a empresa deberá facilitar unha formación que reúna as seguintes características fundamentais.

Obxectivo:

Coñecemento por parte dos traballadores dos conceptos básicos en materia de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios, cumprindo así o establecido nos artigos 19 e 20 da Lei 31/1995, de PRL.

Destinatario:

Tódolos traballadores.

Contido:

-Aspectos xerais da prevención de riscos laborais.

-Riscos xerais do centro de traballo.

-Riscos específicos do posto de traballo.

-Actuación ante posibles emerxencias.

Periodicidade:

Á incorporación dos traballadores á empresa, así como cando se produza un cambio de posto de traballo e en calquera outra circunstancia que aconselle a actualización desta formación.

Equipos de protección individual e a súa actualización:

Paralelamente á formación que se lles imparta ós traballadores e cando non se poida eliminar ou limita-lo risco por outros medios, deberán utilizarse equipos de protección individual, como marca o artigo 17 da LPRL.

Os equipos de protección individual necesarios identificaranse a partir das avaliacións de riscos que se realicen na empresa. Cada posto de traballo terá determinado o tipo de equipo de protección individual que será obrigatorio ou recomendable utilizar segundo a tarefa que se estea realizando, e vixiarase tanto que estes equipos cumpran os requisitos marcados na lexislación vixente como a utilización por parte dos interesados.

Avaliación e saúde dos traballadores:

A vixilancia da saúde dos traballadores ten como obxectivos fundamentais poder actuar precozmente ante alteracións da saúde destes, así como o control do medio de traballo a través das consecuencias que ten sobre eles. Por iso, a empresa garantiralles ós traballadores ó seu servicio a vixilancia periódica da súa saúde, en función dos riscos inherentes ó seu traballo.

Os traballadores que así o desexen serán sometidos a recoñecementos nos que se revise o seu estado de saúde nos seguintes supostos:

-Cando se incorporen a un posto de traballo.

-Despois dunha ausencia prolongada.

-A intervalos periódicos que se determinen nos protocolos sobre vixilancia da saúde que sexan elaborados pola Administración sanitaria.

Estes recoñecementos realizaranse tendo en conta os riscos específicos ós que se encontran expostos os traballadores no seu posto de traballo, e os resultados terán a privacidade marcada no artigo 22 da LPRL.

A empresa e os traballadores, en materia de seguridade e saúde respectarán e cumprirán o establecido na LPRL e nos regulamentos que a desenvolven, permanecendo en vigor o establecido neste artigo durante a vixencia da citada lei. Así mesmo, o contido do artigo sufrirá as modificacións que pola súa vez afecten á lei ou ós seus regulamentos.

Artigo 27º.-Roupa de traballo.

A empresa, ó inicio da relación laboral, facilitaralle a cada traballador un vestiario adecuado para verán e outro para inverno, comprometéndose o persoal ó bo trato do material facilitado pola empresa.

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto por este convenio será de aplicación o Estatuto dos traballadores e o acordo sobre cobertura de baleiros do 28 de abril de 1997.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a intepretación das cláusulas deste convenio constituirase unha comisión paritaria integrada por dous membros da representación social e outros dous da representación empresarial.

Disposicións transitorias

Primeira.-De acordo coa nova estructuración de categorías pactadas neste convenio, as categorías existentes na empresa quedan configuradas da seguinte forma:

1. Os traballadores coa categoría actual de axudantes de mozo (con antigüidade inferior a 1 ano) e coa categoría actual de operarios en formación, pasarán á categoría acordada no actual convenio de operarios de 2º ano. Estes traballadores, con data do 1 de xaneiro do ano 2001, pasarán á categoría de axudantes de operario. Esta disposición afecta a aqueles traballadores que tivesen algún tipo de contrato na empresa antes do 31 de decembro de 1999.

2. Os traballadores coa categoría actual de axudantes de operario pasaran á categoría acordada no actual convenio de operarios.

3. Os traballadores con categoría actual de mozos e axudantes de mozo (con antigüidade superior a 1 ano) pasarán á categoría acordada no actual convenio de operarios.

4. Os traballadores con categoría actual de operario e operarios de 2ª pasarán á categoría acordada no actual convenio de operarios de 1ª. Salvo un operario de 2ª, que pasará a operador loxístico.

5. Os traballadores coa categoría actual de operadores loxísticos en formación pasarán á categoría acordada neste convenio de operador loxístico de primeiro ano.

6. Os traballadores con categoría actual de oficial administrativo de segunda distribuiranse entre as seguintes categorías:

* 1 traballador pasará á categoría de licenciado.

* 2 traballadores pasarán á categoría de operadores loxísticos.

* 1 traballador manterase na categoría de oficial administrativo.

* 1 traballador pasará á categoría de coordinador de almacén.

Segunda.-Aqueles traballadores que, con motivo da aplicación das novas categorías profesionais, perciban na actualidade un salario base, cos conceptos que están recollidos no artigo 14º do convenio, superior en cómputo anual ó establecido neste convenio, conservarán a diferencia como un complemento persoal non absorbible e revalorizable. Este complemento salarial non absorbible e revalorizable aboarase tamén nas pagas extraordinarias e devengará antigüidade.

Terceira.-Aqueles traballadores que teñan habilitación administrativa para a conducción de camións e realicen efectivamente esas funcións terán, como mínimo, a categoría e a retribución da categoría de operario.

ANEXO I

Táboa salarial do ano 2000

A) Salario base.

CategoríaSalario base

mensual

Salario anual

(14 pagas)

Operario de primeiro ano75.0001.050.000

Operario de segundo ano80.000 1.120.000

Axudante de operario85.000 1.190.000

Operario96.000 1.344.000

Operario de primeira107.000 1.498.000

Coordinador de almacén117.000 1.638.000

Operador loxístico de primeiro ano80.000 1.120.000

Operador loxístico96.000 1.344.000

Auxiliar administrativo de primeiro ano80.000 1.120.000

Auxiliar administrativo85.000 1.190.000

Oficial administrativo116.000 1.624.000

Diplomado120.000 1.680.000

Licenciado130.000 1.820.000

B) Complemento de transporte.

Complemento de transporte (percíbeno tódolos traballadores): 10.673 pesetas (12 pagas).

C) Complemento de responsabilidade.

Complemento de responsabilidadeImporte (percibiranse en canto se realicen estas funcións)

Operario de 1ª que teña responsabilidade sobre un grupo de ata 5 persoas5.000 pesetas mensuais

Operario de 1ª que teña responsabilidade sobre un grupo de máis de 5 persons e de menos de 10 persoas10.000 pesetas mensuais

Operario de 1ª que teña responsabilidade sobre un grupo de máis de 10 persoas20.000 pesetas mensuais

O traballador responsable dun centro de traballo periférico á sede central da empresa (situado actualmente na zona franca)5.000 pesetas mensuais

D) Horas extraordinarias.

Horas extrasImporte

Hora extraordinaria normal1.000 ptas./hora

Hora extraordinaria sábado mañá1.188 ptas./hora

Hora extraordinaria sábado tarde1.750 ptas./hora

Hora extraordinaria festivo día1.750 ptas./hora

E) Traballos nocturnos.

Aqueles traballadores que por razóns coxunturais teñan que realizar traballos en horario nocturno por riba da súa xornada habitual, percibirán un complemento de dispoñibilidade horaria de 2.025 ptas./hora se é festivo e de 1.350 ptas./hora se non é festivo.