Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 06 de xullo de 2000 Páx. 10.529

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 180/2000, do 22 de xuño, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, establecida no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro.

A estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) vén establecida no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, que foi modificado polo Decreto 68/1999.

Dentro da estructura do instituto, e con dependencia directa do seu director, figuraba o Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica (Lugo), con categoría de servicio, ó que lle correspondía a xestión dos seus propios programas de innovación e investigación no sector lácteo e gandeiro.

Actualmente, as ditas funcións son desempeñadas no seu respectivo ámbito, por unha parte, pola sociedade pública Xenética Fontao, S.A., participada maioritariamente pola Xunta de Galicia, a través do Ilgga; e por outra, polo Servicio de Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, polo que se considera que a supresión daquel centro, como unidade administrativa diferenciada, non verá minguada a eficacia do servicio público.

Así mesmo, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, como organismo autónomo adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten, entre ás súas finalidades, a execución das accións necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, da Política Agrícola Común, de acordo coa Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do organismo, e co Decreto 128/1996, de desenvolvemento da dita lei. Ademais, o dito organismo constitúese na Comunidade Autónoma de Galicia como o organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agrícola Común, de acordo co previsto no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, modificado polo Decreto 93/1998, do 20 de marzo.

Entre as funcións atribuídas ó director do Ilgga, conforme o artigo 8 do Decreto 359/1996, recóllese a de control interno, segundo o disposto no Regulamento (CE) nº 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CEE) 729/70, do Consello, no que atinxe ó procedemento de liquidación de contas da sección de garantía do Feoga; función que é de gran importancia dentro do organismo pagador e que para o seu cumprimento require, de conformidade co antedito regulamento, dispor dun servicio de control interno que verifique a adecuación e conformidade dos procedementos do organismo coa

regulamentación comunitaria e que a súa contabilidade sexa precisa, completa e realizada a tempo.

Para o cumprimento do dito cometido, o director do instituto dispoñía dunha unidade administrativa con rango de sección que, físicamente, non se atopaba nos servicios centrais do instituto. Por iso, co obxectivo de asegura-lo efectivo funcionamento do sistema de control interno do organismo pagador é imprescindible a creación dun servicio de auditoría interna, con dependencia directa do director, que lle preste o apoio necesario para que este poida cumpri-las súas funcións de control interno, e poida, así mesmo, presta-la colaboración adecuada ós órganos de control externo, tanto autonómicos, como comunitarios.

Por outra banda, na Relación de Postos de Traballo lévase a cabo unha reorganización territorial das áreas dos distintos servicios agrarios, optándose por unha nova organización territorial dos servicios periféricos. Cada área está definida por unha agrupación de comarcas, e en cada comarca, que agrupa a varios concellos, hai como mínimo unha oficina agraria comarcal. Todo o persoal administrativo, que se atopa nas áreas, agrúpase nunha unidade de apoio, e prestará os seus servicios en calquera das oficinas da área a que pertence, en función da carga de traballo de cada unha delas; este persoal depende organicamente do delegado provincial. Con esta organización preténdese obter unha administración flexible para dar respostas as demandas do cidadán.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, tralos informes favorables das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O contido do artigo 13 do Decreto 25/1998, pasa a se-lo punto 1 do mesmo, e engádeselle un novo punto, coa seguinte redacción: 2.-As unidades administrativas, que integran a estructura periférica da consellería, tanto do Servicio de Extensión e Capacitación Agraria, como do Servicio de Sanidade e Producción Animal, pasan a denominarse oficinas agrarias comarcais, creándose, como apoio a aquelas, unha unidade administrativa, denominada unidade de apoio, con ámbito territorial de área, na que se integrará todo o persoal administrativo dela, que dependerá orgánicamente do delegado provincial.

Artigo 2º

Suprímese o Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica (Lugo), previsto no punto 3º do artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería

de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Artigo 3º

O punto 3º do artigo 14 do Decreto 25/1998 terá a seguinte redacción: Servicio de Auditoría Interna: Dependendo directamente do director do instituto, existirá o servicio de auditoría interna, ó que lle corresponderá asegura-lo efectivo funcionamento do sistema de control interno do instituto como organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, así como dos demais órganos ou entes integrados no organismo pagador ou que xestionen fondos Feoga-Garantía, verificando se os procedementos adoptados por aqueles son adecuados e asegurando a súa conformidade coa regulamentación comunitaria, e que a contabilidade é precisa, completa e realizada a tempo, ademais de informar ós órganos de dirección do organismo pagador e de poñer os seus programas e informes de control á disposición do organismo de certificación e doutros órganos de inspección e control da Unión Europea.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación da estructura orgánica contida no presente decreto non supón incremento do gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria