Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.499

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2000 pola que se convoca un Curso de verán sobre a nova Lei de estranxeiría.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un Curso de verán sobre a nova Lei de estranxeiría, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Presentación e obxectivos.

O nomadismo e a transhumancia están na raíz da natureza humana, por ser esas mobilidades un instrumento para a satisfacción das súas necesidades. As migracións individuais, por grupos e incluso de pobos enteiros, foron fenómeno habitual na historia e sono hoxe nun mundo máis complexo, onde os desequilibrios económicos e sociais fan que se poida falar dun terceiro mundo que olla o primeiro (a sociedade opulenta) como a terra prometida e agarda encontrar nel remedio ás súas carencias e, incluso, á súa fame. Eses inmigrantes que nos chegan, fomos nós noutros días. Ese inmigrante que chega á nosa casa, puidémolo ser nós. Ante unha realidade ineludible, que pode ser dramática e ata tráxica, a nosa técnica debe consistir en arrefriarmos este tema quente e distanciármonos intelectualmente para estudialo. Trátase, pois, a través deste curso de analizarmos este fenómeno entre todos e desde tódalas súas perspectivas, especialmente na súa dimensión humana coas súas consecuencias sociolóxicas e

o seu réxime xurídico. Hai que facer un esforzo para a construcción do outro, do estraño ou estranxeiro co propósito de convertelo en próximo, en próximo. A recente Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, vai servir de trama e urdimento para este propósito. Como orzamento ou premisa, para unha primeira

delimitación, hai que distingui-lo refuxiado ou asilado e o inmigrante, así como o estranxeiro e o cidadán da Unión Europea. A partir desta presentación, serán obxecto de análise a entrada no territorio nacional e o réxime de visados, os permisos de traballo e de residencia, o dereito do traballador ás prestacións sociais do inmigrante e dos seus familiares, sen esquece-lo ámbito penal e cunha exposición completa, pero á vez práctica dos procedementos administrativos e da tutela xudicial.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

-O fenómeno da inmigración en España.

-Conservación e perda da nacionalidade española (no suposto de emigración). A estranxeiría privilexiada e o tránsito da condición de estranxeiro á de nacional (na perspectiva da inmigración).

-A adquisición da nacionalidade. Os problemas de dereito internacional privado. O estranxeiro e o cidadán da Unión Europea.

-Características xerais da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.

-Os procedementos administrativos. Entrada e saída do territorio nacional. O réxime de visados. Permisos de traballo e de residencia.

-O dereito ó traballo do estranxeiro. O traballador estranxeiro. Capacidade contractual e permisos de traballo. As condicións de traballo dos estranxeiros. A Seguridade Social e as demás prestacións sociais (ensino) do estranxeiro e das súas familias.

-Infraccións administrativas e sancións en materia de estranxeiría. A regularización da situación. A expulsión.

-O marco penal da inmigración. O tráfico ilegal de traballadores. Os delictos cometidos neste ámbito. A protección penal do estranxeiro. O estranxeiro no proceso penal.

-O estranxeiro e a tutela xudicial efectiva. O control xudicial da actividade administrativa nesta materia. As medidas cautelares.

-A emigración como fenómeno humano, sociolóxico e xurídico. A construcción constitucional do outro. Xenofobia e discriminación. O estranxeiro.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o curso convocado desenvolverase no salón Truel do Hotel Marina Sada (Sada, A Coruña), os días 27 e 28 de xullo de 2000.

Quinta.-Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 24 de xullo de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Adminis

tración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 26 de xullo, de 10 h a 14.45 h, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública