Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de panaderías de Ourense e rectificación do seu escrito.

Visto o texto do convenio colectivo de panaderías de Ourense (código convenio nº 3200265) e escrito de rectificación, con entrada nesta delegación provincial o día 14-3-2000 subscrito pola parte económica, pola Asociación de Empresarios de Panaderías de Ourense e, da parte social, por Confederación Intersindical Galega, ambas con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 28-3-2000 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 25 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio de panaderías

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial, o presente convenio afectará a tódalas empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola Regulamentación nacional de panaderías, sen outra excepción que aquelas que se rexan por convenios colectivos de ámbito de empresa, sempre e cando estes sexan superiores globalmente ó presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas encadradas

na industria de panadería coa excepción seguinte: o persoal que efectúe traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e os efectos económicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 4º.-Duración.

A duración do presente convenio será ata o trinta e un de decembro de dous mil, prorrogado pola tácita reconducción sempre que non sexa denunciado de acordo cos preceptos legais, cun previo aviso de tres meses (artigo 85.2º, e segundo o Estatuto dos traballadores). No momento da finalización deste convenio manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Serán 40 horas semanais. Disporase de 15 minutos durante a xornada de traballo para toma-lo bocadillo, que se contabilizarán como traballo efectivo.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Táboa de retribucións que se aplicará desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2000.

-Oficial de pa: 3.197 ptas. diarias.

-Oficial de masa: 3.114 ptas. diarias.

-Oficial de mesa: 3.056 ptas. diarias.

-Axudante: 2.976 ptas. diarias.

-Mordomo: 3.112 ptas. diarias.

-Portador de pan a despachos: 3.056 ptas. diarias.

-Repartidor de pan a domicilio: 2.873 ptas. diarias.

-Oficial administrativo: 99.157 ptas. mes.

-Chofer repartidor: 3.197 ptas. diarias. (1)

(1) Enténdese chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

(A) Aboaranse 5.744 ptas. nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, sendo proporcional ós días traballados durante o mes.

(B) Aboarase a cantidade de 1.863 pesetas nos meses traballados en concepto de gratificación de horario. (Os puntos A e B son para efectos do persoal de elaboración).

(C) Os traballadores terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluído os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidentes. O valor do kg de pan para efectos de cotización á Seguridade Social será de 100 pesetas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de San Honorato, serán equivalentes ó importe dunha men

sualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será a salario real que para cada categoría se establece no presente convenio.

As pagas de xullo e Nadal cobraranse integramente, a pesar de existir período de incapacidade temporal.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos productores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións ó ano, cunha contía dunha mensualidade a salario real.

As vacacións desfrutaranse 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, e os restantes días segundo o disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 38. As vacacións serán comunicadas con dous meses de antelación.

Artigo 10º.-Retribución día de San Honorato.

Aboaránselle a cada traballador/a 3.571 ptas. polo día de San Honorato (16 de maio).

Non se considerará festivo o dito día a excepción de se o fose pola natureza do día.

Capítulo III

Outras disposicións

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

As empresas dotarán o seu persoal de roupa adecuada ó posto de traballo que desempeñen, a cal só poderá ser usada durante a xornada laboral.

As pezas de roupa serán entregadas unhas cando sexa asinado o convenio e as outras, ós seis meses.

Se non foran entregadas as pezas de roupa de traballo aboaranse a razón de 500 pesetas mensuais, se ben será preceptiva a reclamación previa da roupa de traballo ante o SMAC.

Artigo 12º.-Período de proba.

Aplicarase o disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

Os traballadores de taller ou fábrica dedicados á elaboración do pan, tal e como se sinala na Regulamentación de traballo de panaderías (orde ministerial 12-7-1946) percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base do presente convenio.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 7º do presente convenio serán revisados anualmente conforme o índice de custo da vida publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Nos supostos taxativamente previstos no artigo trinta e sete do Estatuto dos traballadores e a Regulamentación nacional de traballo na panadería, o traballador percibirá durante a súa ausencia, dentro da marxe que para esta sinalan os ditos preceptos, o soldo real, de acordo coa súa categoría no presente convenio. Os permisos por finamento serán de catro

días no caso de cónxuxe, de tres días, no caso de pais e fillos: no resto observarase o disposto na ordenanza.

Artigo 16º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, que se fará efectiva no mes seguinte ó da sinatura do convenio.

Artigo 17º.-Festivos.

Descansarase os domingos e festivos a excepción de dous, como máximo, que coincidan con festas locais do concello onde está radicada a empresa, tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 10/1988, (Lei de comercio de Galicia).

Queda establecida neste convenio a total prohibición de venda, fabricación, distribución de pan, pans especiais e bolería, quedando a obriga de peche dos seus establecementos os domingos e días sinalados. Tanto a parte social como a económica teñen formada unha comisión de vixilancia que, a través dos seus representantes acreditados, denunciará a todos aqueles industriais que infrinxan os acordos deste convenio á Consellería de Traballo, por medio das súas delegacións provinciais.

Ó publicarse este convenio no BOP, reunirase a comisión paritaria co obxecto de analizar e adopta-las medidas legais oportunas que procedan a través do organismo correspondente, para que se respecte a prohibición de venda, fabricación e distribución de pan os domingos e festivos, de conformidade co sinalado no presente artigo e tratar de erradicar no posible a competencia desleal que supón para as demais empresas que respectan o dito descanso.

Os membros da comisión negociadora do convenio de panaderías de Ourense, consideramos que a vulneración do descanso en domingos e festivos previsto neste artigo, debe considerarse como falta grave no seu grao máximo, de acordo co disposto na Lei de infraccións e sancións na orde social. Igualmente, a reincidencia deberá considerarse como falta moi grave para os efectos da sanción que corresponde á dita falta.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Co fin de fomenta-la vinculación coa respectiva empresa do persoal que actúe na industria panadeira, establécense aumentos periódicos por tempo de servicio dentro da propia empresa para todo o persoal afectado polo convenio, nas seguintes proporcións: dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

A acumulación de incrementos por antigüidade non poderá supoñer máis do 50% do salario base. Aqueles traballadores que o 1 de xullo de 1999 perciban cantidade superior ó 50% manterán esa contía.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta composta por un presidente, dous vocais pola parte empresarial e dous pola parte social, cos seus respectivos suplentes. Os vocais serán elixidos entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 20º.-Formación.

A comisión a que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata ante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 21º.-ILT.

Os traballadores afectados polo presente convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, serán remunerados normalmente ó 100 por 100 do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, sendo por conta da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, según as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén aboará a empresa o 100 por 100 do salario real no caso de enfermidade desde o 40º ó 365º día de baixa.

Artigo 22º.-Póliza de accidentes.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo, incluídos os in itinere, que garanta ó traballador accidentado ou ós seus habertes causa a percepción das seguintes indemnizacións:

-2.000.000 de pesetas en caso de morte.

-2.500.000 pesetas en caso de incapacidade para todo tipo de traballo e invalidez absoluta.

A referida póliza só abarcará os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Esta compensación e compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou montepío.

Non obstante o exposto anteriormente,a indemnización que sexa percibida con cargo a contrato de seguro de accidente que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada á conta da indemnización que, de se-lo caso, puideran declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza unha vez exista decisión definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 23º.-Premio por antigüidade.

Aqueles traballadores/as que leven polo menos 10 anos de traballo na empresa e causen baixa nela de forma voluntaria a partir dos 60 anos e ata os 64 anos, terán dereito a desfrutar de vacacións retribuídas de 180 días os que cesen ós 60 anos, de 120 días os que cesen ós 61 anos, de 90 días os que cesen ós 62 anos, de 60 días os que cesen ós 63 anos e de 30 días os que o fagan ós 64 anos.

O desfrute das ditas vacacións retribuídas será efectivo coa correspondente antelación ó cesamento efectivo na empresa, debéndolle comunica-lo traballador de forma fidedigna a esta a súa decisión de cesar voluntariamente.

A empresa entregaralle ó traballador que solicite o premio de vacacións, un certificado acreditativo do seu desfrute no que se fará constar o número de días a que ten dereito.

O desfrute deste premio é compatible co complemento de antigüidade previsto no artigo 28º.

Artigo 24º

Interromperanse as vacacións cando por causa de enfermidade ou accidente sexa necesaria a hospitalización do traballador, sendo a súa interrupción polo tempo que dure a hospitalización.

Artigo 25º.-Definición de categorías profesionais.

A. Oficial de pa. Será aquel traballador que verificará as funcións inherentes á cocción, comezando pola posta a punto do forno para o afornamento do pan, a realización deste, coidado dos aparellos necesarios para o labor forneiro, así como o funcionamento das caldeiras de vapor e contidos necesarios.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de pa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos oito anos.

B. Oficial de masa. É o traballador que ten o seu cargo os traballos de amasado e preparación de levaduras, coidando así mesmo de vixiar o bo funcionamento e estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargando de que o verifiquen axudantes ou aprendices baixo a súa vixiancia.

Adquirirán a categoría profesional de oficiais de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos seis anos.

C. Oficial de mesa. É o traballador que ten como función primordial o tinxido ou a confección de pezas de pan, entaboado, asi como a división cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos tres anos.

D. Axudante. É o traballador que acredita a súa suficiencia, pasados dous anos como mínimo de aprendiz na industria, e ten o cometido de auxiliar indistintamente o oficial de pa, o de mesa ou nos labores de confección de pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permita ocupar postos de categoría superior.

Os traballadores anteriormente mencionados, no momento en que os seus cometidos propios llelo permitan, axudarán os traballadores encargados da confección das pezas de pan, entaboado destas e aseo da panadería.

Adquirirán a condición de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos dous anos.

E. Peón. É o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-los labores para os que se require predominantemente esforzo físico, como traslado e acarreamento de fariña, amoreado desta, leña, carbón e ocupacións similares.

Artigo 26º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisición da categoría profesional polo transcurso do tempo sinalado no artigo anterior, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior, se como consecuencia da mobilidade funcional, este viñera realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, caso no cal o traballador ascenderá automaticamente á categoría profesional corrrespondente ó traballo que viñera realizando no dito período, tal e como sinala o artigo 39 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

A empresa poderá encomendarlles ós seus traballadores a realización de cometidos de categoría profesional inferior á súa por razóns técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa realización, tal e como se sinala igualmente no artigo 39 do R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 27º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten servicios de empresas de traballo temporal, garantirán que os traballadores/as postos á súa disposición, teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles correspondan ós traballadores do ámbito de aplicación deste convenio colectivo, ou pacto de empresa, de se-lo caso. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición subscrito entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada a este convenio.

Non se poderán contrata-los servicios das empresas de traballo temporal para a realización das tarefas habituais. Só se poderán utilizar no caso de:

a. Cubrir incapacidades temporais (I.T.).

b. Situacións extraordinarias.

Artigo 28º.-Revisión médica.

Todo ó personal comprendido no presente convenio terá dereito a efectuar unha tevisión médica anual. A revisión será por conta da empresa e os resultados do recoñecemento médico entregaránselles ós traballadores/as.

Artigo 29º.-Contratación.

O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado polo artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración maxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 30º.-Revisión médica.

Os traballadores/as terán dereito a unha revisión médica anual.

Disposición transitoria

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio, aplicarase o disposto nas disposicións de xeral aplicación.