Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 179/2000, do 22 de xuño, polo que se crea un centro de atención a persoas maiores-apartamentos tutelados en Antas de Ulla (Lugo).

No eido da asistencia social, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1º 20 da Constitución española.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia, estructurado en dous niveis de atención, primaria e especializada.

A dita norma veu regula-los servicios sociais de atención especializada dirixidos ó colectivo de persoas maiores, e establecer determinados programas e equipamentos, entre os que figuran as residencias e os centros de atención diurna, encamiñados a acada-la atención integral, a autonomía persoal e a participación social deste sector poboacional.

En desenvolvemento da lei, e co fin de garantiza-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Esta disposición regula a obrigatoriedade de obter autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que eles deben cumprir.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, e orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

En consecuencia, e tendo en conta que a disposición derradeira da Lei 4/1993 autoriza a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da lei, e por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais logo de deliberación do Consello da Xunta

de Galicia, na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase un centro de atención a persoas maiores-apartamentos tutelados en Antas de Ulla ( Lugo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais