Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 19 de xuño de 2000 Páx. 9.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 9 de xuño de 2000 pola que se establecen axudas para industrialización e comercialización de productos agrarios en Galicia.

O desenvolvemento da agricultura dun país está necesariamente ligado ó desenvolvemento da súa agroindustria. Durante os últimos anos, a agroindustria galega apoiouse a través das medidas establecidas no Programa operativo 1994-1999. Nos vindeiros anos o sector seguirá sendo incentivado previsiblemente mediante o Programa operativo 2000-2006. Sen embargo, o atraso na posta en marcha deste novo programa, aconsella establecer transitoriamente liñas de apoio ó sector.

Por outra parte, a Unión Europea aprobou e publicou (DOCE-C-nº 28, do 1 de febreiro de 2000) as directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario, que establecen o marco xeral de axudas ó sector.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-las axudas que serán concedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ós investimentos para a mellora de transformación e comercialización agraria en Galicia.

Artigo 2º.-Investimentos subvencionables.

1. Considéranse subvencionables -con carácter xeral- os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación, modernización e adaptación ás normativas sanitarias, ambientais, ou doutro tipo das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación de productos agrarios e comercialización maiorista de productos agrarios galegos. Para os efectos destas axudas, considéranse productos agrarios os incluídos no anexo I do Tratado CE, excepto os relacionados coa pesca e co sector forestal.

2. Os investimentos obxecto de subvención deberán corresponder ós seguintes conceptos:

a) Construcción e adquisición de bens inmobles, excepto a compra de terreos.

b) Maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos de proxecto, dirección de obra e estudios de viabilidade, sen que en todo caso superen o 10 por 100 dos custos indicados nas letras a) e b).

3. Non se admitirán os seguintes conceptos:

-O imposto de valor engadido e outros impostos recuperables polo beneficiario.

-Material amortizable normalmente nun ano (embalaxes, material dun só uso, botellas; etc...).

-Moblaxe de oficina.

-Gastos de xardinería e mellora da paisaxe.

-Investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) salvo que estea exercida a opción de compra e, excluíndo, en todo caso, os xuros e gastos financeiros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións obxecto da axuda, sobre as que recaia a carga financeira dos investimentos.

Artigo 4º.-Contía e compatibilidade das axudas.

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán alcanzar ata o 50% dos investimentos subvencionables.

2. No caso dos proxectos que impliquen a obtención de productos non incluídos no anexo I do Tratado, as axudas que se concederán estableceranse de acordo co sinalado na norma da U.E. denominada «de minimis» (Comunicación 96/C68/06), que supón que en ningún caso o importe da axuda superará os 16.600.000 ptas. por solicitante.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra das administracións públicas, ata un límite do 50% de subvención neta equivalente. Ademais, no caso das axudas «de minimis», a cantidade total concedida por este concepto durante un período de tres anos a partir da concesión da primeira axuda deste tipo, non poderán supera-la cifra de 16.600.000 ptas.

Artigo 5º.-Condicionantes.

1. Só se concederán axudas a aquelas empresas con viabilidade económica estimable sobre a base da avaliación das súas perspectivas, e que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar animal. Sen embargo poderán concederse axudas para a adaptación ás citadas normas.

2. Só se concederán axudas para investimentos relacionados con productos que teñan saída normal no mercado.

3. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restriccións impostas polas organizacións comúns de mercado da U.E.

4. Non se concederán axudas para a elaboración e comercialización de productos que imiten ou substitúan ó leite ou ós productos lácteos.

5. Para a concesión das axudas teranse en conta as restriccións de producción ou as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da U.E.

6. Os investimentos subvencionables deberán estar finalizados e pagados con data límite do 30 de setembro de 2000, salvo que se estableza outra data na resolución de concesión.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse no modelo que figura no anexo A, xunto coa documentación adicional que se sinala, por duplicado e dentro do prazo máximo establecido. O lugar de presentación será prioritariamente os servicios de industrias e comercialización agroalimentaria das delegacións provinciais correspondentes da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os investimentos para os que se solicita axuda, non deben estar iniciados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000, condición que se debe acreditar adecuadamente.

3. Para a selección dos proxectos que se van aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda que se concederá, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

-Viabilidade técnica, económica e financeira.

-Beneficio ós productores de base.

-Aproveitamento e grao de transformación das materias primas agrarias.

-Calidade dos productos obtidos e/ou comercializados.

-Xeración e/ou mantemento do emprego.

-Data de presentación da documentación completa.

-Criterios de ordenación sectorial.

-Concorrencia doutras axudas.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, resolverá as peticións presentadas en función dos criterios sinalados e as dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de 4 meses, entenderase desestimada a axuda solicitada.

5. A resolución da concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que considere oportunas para garanti-lo cumprimento dos obxectivos do proxecto.

6. Unha vez recibida a comunicación de concesión, o beneficiario deberá da-la súa conformidade expresa á resolución dictada no prazo máximo de 15 días desde a súa recepción.

Artigo 7º.-Pagamento das axudas.

As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente no Servicio de Industrias e Comercialización Agroalimentaria da delegación provincial correspondente, e irán acompañadas da documentación indicada no anexo B desta orde.

Artigo 8º.-Modificación de proxectos.

1. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, actividade, obxectivos, prazo de execución ou variación significativa do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, requirirá a autorización da consellería tras presenta-la correspondente solicitude xustificada.

2. Se houbese unha reducción dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 9º.-Revogación de axudas.

1. As axudas poderán revogarse nos seguintes casos:

a) Por renuncia expresa do beneficiario á totalidade da axuda.

b) Por incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

c) Por non presentar nos prazos sinalados a documentación requirida.

d) Por calquera outra causa que modifique o proxecto inicial aprobado e non estea comunicada e aprobada pola consellería.

2. No caso de revogación da axuda, se o beneficiario tivese cobrado parte dela, deberá devolve-las cantidades percibidas, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 10º.-Seguimento e control.

O beneficiario da axuda estará obrigado a facilita-la información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadass por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 12º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.615 A 770.0 dotado inicialmente con 200.000.000 de ptas; 09.04.713 A.770.0 dotado inicialmente con 50.000.000 de ptas; 09.04.713 A.771.0, dotado inicialmente con 300.000.000 de ptas e 09.04.714 A.770.0 dotado inicialmente con 100.000.000 de ptas, así como con cargo ós remanentes que existiran nos mesmos conceptos.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

SOLICITUDE DE AXUDAS: DOCUMENTACIÓN ADICIONAL Ó ANEXO A

(PRESENTAR POR DUPLICADO)

I. Estudio, anteproxecto ou proxecto que conteña a seguinte información:

1. Memoria.

1.0. Datos de identificación:

-Nome, NIF/CIF, enderezo, teléfono.

-Actividades económicas actuais. Centros de producción.

-Localización dos novos investimentos.

-Capital social. Relación de accionistas principais.

1.1. Breve descrición do obxecto do proxecto.

1.2. Situación actual:

-Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

-Producción: descrición do proceso. Capacidade de producción. Tecnoloxía dispoñible. Volume e prezos de venda, tipos de productos e calendarios de producción.

-Comercialización: destino dos productos e principais canles de comercialización.

-Materias primas: principais tipos e procedencias. Consumos e prezos de compra. Relación cos productores.

-Inmobilizado material: terreos, edificacións, instalacións, maquinaria e outros.

-Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais.

-Balance e contas de resultados dos tres últimos anos.

1.3. Proxecto que se vai realizar e situación tralo investimento:

* Descrición do proceso productivo. Capacidade de producción.

* Tecnoloxía utilizada.

* Calendario e volume de produccións.

* Materias primas: principais tipos e procedencias.

* Réximes contractuais que se aplicarán e porcentaxe das subministracións a que afectará.

* Investimento: resumo desagregado e cuantificado de investimentos en:

-Activos fixos: terreos, edificios e construccións, equipos e instalacións, maquinaria, elementos de transporte mobiliario e utensilios, gastos amortizables e outros.

-Capital circulante: existencias de insumos, productos en curso e productos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

* Financiamento dos activos fixos e do capital circulante. Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos. Outras fontes de financiamento.

* Contas de explotación previsionais. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos, e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

-Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

-Custos: compras de materias primas.

-Gastos fixos e variables: persoal, subministracións e servicios, portes, etc...

-Previsión de balances e contas de resultados para os vindeiros tres anos.

* Análise económica do proxecto: farase tendo en conta as variacións previsibles nas vendas, compras e resto dos custos, respecto da situación actual, así como os investimentos necesarios para levar a cabo o proxecto.

2. Xustificación dos investimentos.

Seguindo as seguintes consideracións:

-Obra civil: mediante orzamento desagregado por unidades de obra.

-Maquinaria, equipamentos e outros investimentos: factura pro-forma ou similar.

3. Planos.

Polo menos os seguintes:

-Plano de situación e localización.

-Plano xeral do conxunto de obras e instalacións, antes e despois do investimento.

-Plano de distribución da maquinaria e instalacións, antes e despois do investimento.

II. Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

III. Copia do certificado de inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias, se procede, ou en caso contrario, copia da escritura de constitución inscrita no Rexistro Mercantil, se se trata de sociedades, ou fotocopia do DNI no caso de empresarios individuais. No caso de cooperativas e SAT, copia dos estatutos.

IV. Xustificante de non ter comezados os investimentos obxecto do proxecto con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000.

V. Calendario mensual de previsión de execución dos investimentos, asinado polo solicitante.

ANEXO B

TRAMITACIÓN DO PAGAMENTO DA SUBVENCIÓN

Unha vez executados os investimentos segundo o proxecto aprobado, o beneficiario solicitará o pagamento da axuda dentro dos prazos establecidos, para o que deberá presentar no Servicio de Industrias e Comercialización Agroalimentaria da delegación provincial correspondente a seguinte documentación:

1. Anexo B.1 cuberto axeitadamente, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará ademais unha fotocopia.

2. Anexo B.2, onde se indican as diferencias existentes entre os traballos previstos e os realizados.

3. Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, e xustificación destas, se é o caso.

4. Acreditación formal actualizada de estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda).

5. Acreditación de ter inscritos os investimentos efectuados no Rexistro de Industrias Agrarias, conforme o disposto no R.D. 2685/1980 e disposicións complementarias.

6. Fotocopia do NIF e certificado bancario de existencia da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

7. Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.