Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 15 de xuño de 2000 Páx. 9.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 de xuño de 2000 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración para a realización de tarefas de análise e investigación do valor de mercado dos inmobles urbanos na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

A xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e do imposto sobre sucesións e doazóns aséntase sobre o valor real dos inmobles transmitidos.

Consonte o artigo 16 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a citada xestión é da com

petencia da Consellería de Economía e Facenda que, entre os medios de comprobación do valor real, utiliza os sinalados no artigo 52 da Lei xeral tributaria. A fonte da que se nutren algúns destes medios debe reuni-los medios de obxectividade, fiabilidade e exhaustividade, en canto determina cál é o valor medio do mercado, sen esquecer que tamén ten que responder ó principio de publicidade e poder ser consultada para a súa contrastación cando o contribuínte o desexe.

Desde que se produciu a transferencia dos medios materiais e humanos necesarios para a xestión dos tributos descritos, a Consellería de Economía e Facenda veu realizando a través dos seus servicios centrais e territoriais estudios de mercado dos municipios galegos para a súa utilización como fonte no proceso de comprobación do valor.

As fluctuacións que experimentou o mercado inmobiliario fan necesaria a revisión dos estudios de mercado dispoñibles, considerándose necesario que nesta tarefa os facultativos adscritos ós servicios de valoracións conten coa colaboración de persoas que acaban de remata-los seus estudios universitarios e poidan acceder a unha acción formativa valiosa para o desenvolvemento da súa futura actividade profesional.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Consellería de Economía e Facenda convoca dúas bolsas de colaboración en tarefas de análise e investigación do valor do mercado dos inmobles urbans situados na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Segunda.-Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

As bolsas terán unha dotación mensual de 150.000 pesetas, sobre as que se practicará a retención fiscal que en cada caso corresponda.

Os desprazamentos que se realicen, consonte o disposto na base oitava, serán obxecto de indemnización a razón de 24 pesetas por quilómetro percorrido. Así mesmo, compensaranse os gastos de manutención e hospedaxe consonte a contía establecida para o grupo 4º no anexo II do Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

A asignación mensual será pagada á fin de cada mes pola Secretaría Xeral e do Patrimonio trala certificación de cumprimento satisfactorio das tarefas encomendadas emitida pola Dirección Xeral de Tributos. As indemnizacións por desprazamentos e os gastos de manutención e hospedaxe tamén serán satisfeitos mensualmente pola Secretaría Xeral e do Patrimonio logo da certificación expedida polo funcionario da Consellería de Economía e Facenda a quen se lle encomende a dirección dos bolseiros.

O conxunto de tódolos gastos previstos nesta base atenderase con cargo á partida orzamentaria 05.01.511.A.480.0; por unha contía máxima total de 3.500.000 ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Terceira.-Duración.

As tarefas relativas ás bolsas iniciaranse a partir da data de incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2000.

Estas bolsas poderán prorrogarse ata un máximo de dous anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro e do grao de execución en que se atopen os traballos de investigación en relación cos municipios a que se refiren, sempre que exista crédito orzamentario axeitado e suficiente.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar no proceso de selección aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Terse licenciado en arquitectura nos catro anos anteriores á data da convocatoria ou estar en condicións de obte-lo título antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Posuír coñecementos de lingua galega.

c) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

d) No ser traballadores por conta propia ou allea, nin recibir remuneración de ningún tipo ou desfrutar dunha bolsa ou axuda similar.

e) Ter coñecementos no manexo de programas informáticos: Access, Approceh, Word, Excel, Windows, etc. En concreto, na utilización de procesadores de texto, bases de datos e follas de cálculo a nivel de usuario.

f) Dispoñer de vehículo e estar en posesión de carné de conducir.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se achega como anexo, irán dirixidas ó secretario xeral e do Patrimonio e entregaranse no rexistro da Consellería de Economía e Facenda en Santiago de Compostela, rexistros das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, oficinas de correos, así como nos lugares previstos no artigo 38 da la Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 20 días naturais que comezarán a contar a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, xunto coa seguinte documentación:

-Certificación académica completa, na que se detallen as cualificacións obtidas.

-Currículum vitae, con especial incidencia en canto ós coñecementos de lingua galega e manexo de programas informáticos, xunto coa copia de cantos documentos acrediten os méritos nel alegados.

-Fotocopia do carné de conducir e da documentación do vehículo do que se dispón, e, se este non fora propio, autorización para utiliza-lo do seu titular.

-Declaración xurada de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario, así como de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin desfrutar de bolsa ou axudas equiparables ás convocadas.

-Memoria descritiva de tres folios como máximo na que se desenvolvan as seguintes cuestións:

1. Análise do mercado inmobiliario nun municipio: relacionaranse fontes de obtención de información sobre valores reais ou aproximativos dos bens inmobles que se consideren oportunos.

2. Metodoloxía de valoración: realizarase unha breve análise crítica dos distintos métodos de valoración que coñeza, destacando as súas vantaxes e inconvenientes en relación coa súa aproximación ó valor medio de mercado.

Sexta.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará formada por un órgano colexiado composto por:

Presidente: directora xeral de Tributos.

Vocais: subdirector xeral de Impostos Cedidos, un facultativo ó servicio da Consellería de Economía e Facenda.

Secretario: xefe do Servicio de Inspección Tributaria da Dirección Xeral de Tributos.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Expediente académico: ata 5 puntos.

-Currículum vitae: ata 4 puntos.

-Memoria descritiva: ata 5 puntos.

A comisión poderá levar a cabo unha entrevista con aqueles aspirantes que obtiveran unha puntuación igual ou superior a nove puntos na aplicación dos criterios sinalados. A devandita entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria terá unha duración máxima de quince minutos e valorarase ata un máximo de 3 puntos.

Finalmente, a comisión fará pública a relación dos candidatos por orde de puntuación, e as bolsas adxudicaranse por resolución do secretario xeral e do Patrimonio, que será debidamente notificada ós solicitantes. A dita resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que o dictou o poderá ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A resolución do secretario xeral e do Patrimonio adoptarase no prazo de tres meses, contados desde a data da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria das bolsas, entendéndose desestimadas as solicitudes cando transcorrido o devandito prazo non recaera resolución expresa.

No caso de que, adxudicadas as bolsas, xurdiran renuncias adxudicarase automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo modo nas renuncias consecutivas.

Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán por escrito á Secretaría Xeral e do Patrimonio a aceptación ou renuncia a elas. No caso de aceptación xuntarán a mesma certificación bancaria da conta onde se aboarán os importes da bolsa. Se transcorridos estes cinco días non

se fixera manifestación en ningun sentido, entenderase como renuncia á bolsa declarándose rematado o procedemento.

Novena.-Obrigas dos beneficiarios.

Para xustifica-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a bolsa e a aplicación dos fondos percibidos, os beneficiarios presentarán dentro do mes seguinte ó remate da bolsa un traballo sobre a metodoloxía e resultados obtidos nos estudios sobre a investigación do valor do mercado dos inmobles de Galicia, o que quedará en propiedade da Xunta de Galicia.

No caso de que os beneficiarios incumprisen algunha das condicións establecidas para a concesión da bolsa quedarán obrigados ó reintegro total ou parcial do importe da axuda que en cada caso fora pertinente.

Os beneficiarios están obrigados a facilita-la información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das bolsas.

Décima.-Réxime de colaboración.

A condición de bolseiro non xerará ningunha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, no prazo de tres días naturais desde o remate do prazo para comunica-la súa aceptación e desenvolverán o seu labor nas dependencias das delegacións territoriais

da Consellería de Economía e Facenda baixo as indicacións do facultativo que designe a Dirección Xeral de Tributos, sen prexuízo dos desprazamentos que por indicación deste deban realiza-los restantes concellos galegos. O seu horario de traballo axeitarase ás tarefas que en cada momento lles sexan encomendadas.

Serán de propiedade da Xunta de Galicia cantos informes, enquisas, bases de datos e estatísticas realicen ou obteñan os bolseiros durante o desenvolvemento das tarefas de investigación.

Undécima.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Secretaría Xeral e do Patrimonio poderá, por proposta da Dirección Xeral de Tributos e despois de escoita-lo interesado, extingui-la bolsa concedida e atribuírlla ó aspirante que ocupe o primeiro lugar en orde de puntuación ó remate do proceso de selección, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puideran presta-la súa colaboración por calquera motivo.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda