Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 15 de xuño de 2000 Páx. 9.193

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 146/2000, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 261/1994, do 29 de xullo, establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta.

No seu artigo 7, segundo a redacción dada polo Decreto 71/1995, do 10 de marzo, establece as funcións da Secretaría Xeral para o Deporte, estructurándose para o cumprimento dos seus fins en dúas subdireccións xerais: de Deportes e de Infraestructura Deportiva. No parágrafo final do punto 2.2 prevé que o xerente do INEF, dependendo da Secretaría Xeral para o Deporte encargarase da xestión e administración do devandito organismo.

A importancia cada vez maior dos centros de especialización deportiva na implantación de programas e plans de tecnificación aconsellan, para un maior rendemento e coordenación, reestructura-la asignación de funcións unificando na Subdirección Xeral de Deportes as funcións de planificación da actuación deportiva e a dependencia directa dos centros especializados -INEF e Centro Galego de Tecnificación Deportiva-.

Por outra banda, o número das actuais instalacións propias, que proximamente se verá incrementada con outras novas que se porán en funcionamento, fai preciso reforza-las áreas de control e xerencia para asegurar un bo funcionamento e rendemento deportivo. Para isto o xerente do INEF de Galicia é o posto de traballo que, en consideración á similar natureza das funcións e á necesaria optimización dos recursos humanos, ten a idoneidade precisa para unificar esas funcións, asignándolle o nivel de servicio en razón do contido directivo que posúen os cometidos atribuídos.

Por último, para unha mellor clarificación do seu funcionamento explicítase o contido da xestión das instalacións propias atribuída á Subdirección Xeral de Infraestructura Deportiva.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo do informe da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 7 do Decreto 261/1994, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 71/1995, do 10 de marzo, queda redactado como segue:

Un.-A Secretaría Xeral para o Deporte desenvolverá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A colaboración coas administracións locais na promoción e difusión da cultura física e do deporte.

b) O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda do propio da Comunidade Autónoma.

c) A elaboración e execución dos plans de construcción de instalacións deportivas propias.

d) A promoción das actividades físico-deportivas.

e) A xestión das instalacións deportivas propias, así como a do INEF de Galicia.

f) A organización de congresos, coloquios e cursos, así como a convocatoria de bolsas e axudas en materia deportiva.

g) A preparación de convenios en materia propia da secretaría xeral e en xeral a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade físico-deportiva e da infraestructura deportiva galega.

Dous.-Para o cumprimento dos seus fins a Secretaría Xeral para o Deporte estructúrase nas seguintes unidades administrativas.

1. Subdirección Xeral de Deportes.

1.1. Servicio de Coordinación Deportiva.

2. Subdirección Xeral de Infraestructura Deportiva.

2.1. Servicio de Contratación e Xestión Económica.

2.2. Servicio de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

3. Xerencia do INEF de Galicia.

4. Subdirección Xeral de Deportes.

Exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración e execución de plans de tecnificación deportiva e realización de estudios sobre competicións de deportistas federados.

b) A xestión deportiva do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

c) A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF de Galicia.

d) O rexistro de entidades deportivas.

e) Fomento e promoción do deporte, deporte extraescolar e de tempo libre.

1.1. Servicio de Coordinación Deportiva.

Dependente da Subdirección Xeral de Deportes, o Servicio de Coordinación Deportiva realizará os seguintes cometidos:

a) A dirección dos plans e programas das competicións deportivas.

b) A xestión administrativa da actividade de fomento e promoción deportiva.

c) A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

2. Subdirección Xeral de Infraestructura Deportiva.

Correspóndelle a esta subdirección xeral:

a) Executa-los plans de construccións, equipamento e acondicionamento de instalacións deportivas.

b) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a xestión económico-administrativa.

c) A xestión de persoal, asuntos de carácter xeral e de réxime interior

d) O equipamento, conservación e mantemento das instalacións deportivas propias, así como o seu réxime patrimonial, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros órganos.

2.1. Servicio de Contratación e Xestión Económica.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da secretaría xeral, cando se trate de obras, servicios e subministracións, asistencias técnicas e outros análogos.

b) A xestión dos expedientes de outorgamento e seguimento de subvencións destinadas ó fomento de investimento, en materia de infraestructura e equipamento deportivos.

c) A confección dos anteproxectos de convenios de cooperación con outras administracións que demande a actividade de investimento ou fomento da Secretaría Xeral para o Deporte.

d) A execución, coordinación e control interno da xestión orzamentaria dos capítulos de gastos encomendados á subdirección xeral (VI e VII).

2.2. Servicio de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

As funcións das oficinas de supervisión de proxectos á que fan referencia os artigos 23 da Lei de contratos do Estado e 74 do seu regulamento, respecto das obras que realizará a secretaría xeral, así como o seu seguimento.

3. Xerencia do INEF de Galicia.

Dependendo directamente do secretario xeral para o Deporte, o xerente do INEF de Galicia, con nivel orgánico de servicio, encargarase da xestión e administración do devandito centro e das instalacións deportivas adscritas a este, así como daquelas outras propias que para o efecto se lle encomenden.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto non supón aumento de gasto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública